‘A soidade das nenas’, entretida e emocionante

César Lorenzo Gil.
A soidade das nenas (publicada na colección ‘Redes’, dedicada a autores novos, na editorial Xerais) é a primeira novela en galego de Miriam Beizana Vigo (A Coruña, 1990), quen xa publicara (algúns editados pola súa conta) anteriormente outras obras en castelán. En xeral, é unha obra narrativa que dá o que ofrece, aínda que ten tamén algúns defectos que se expoñen a continuación.
A novela pódese etiquetar nas coordenadas da narrativa young adult, é dicir, obras con complexidade abonda para un público xeral, mais con tema e perspectiva que poden chamar a atención do lectorado adolescente. En canto ao xénero, Beizana fai navegar o seu texto entre a novela de personaxes, o costumismo e a intriga.
Neste dous eixos, A soidade das nenas funciona. O punto de vista tamén é acertado, con dúas partes contadas polas dúas protagonistas, MX e Emilia, que foron parella e cuxa ruptura provoca a narración. A terceira protagonista, Celia, é a xemelga de MX; cando as tres eran cativas, Emilia quixo ser amiga de Celia, mais nunca conseguiu unha intimidade que, finalmente, si obtivo, nun plano sentimental, con MX. A novela xoga co suspense de saber que ocorreu con Celia, que desapareceu cando era adolescente.
A obra lese con agrado se unicamente se busca ese nivel: Unha trama entretida e unhas personaxes ben armadas. Fará as delicias de quen busque unha prosa inflamada no emocional, onde se destacan, ás veces con metáforas un pouco esaxeradas, os sentimentos das protagonistas. Os diálogos están escritos con corrección e Beizana apenas escribiu páxinas que sobren.
O principal problema d’A soidade das nenas é que a súa construción sintáctica é demasiado castelá, o que fai sospeitar de que talvez houbo un primeiro borrador escrito nesa lingua. É algo cada vez máis común. O léxico é galego, pero o resto non corresponde coa expresión autóctona.
Tampouco é o mellor da novela o seu ritmo. Hai demasiados adxectivos e adverbios, o que lle engade un punto de afectación á obra, que moitas veces cae en certas fórmulas automáticas.
♦ A soidade das nenas, de Miriam Beizana Vigo. Xerais, 2024. 296 páxinas. ♠13,95€