‘A soidade do asasino’, duelo de fogueo
César Lorenzo Gil.
Xerais publica na colección ‘Fóra de xogo’ a obra de teatro A soidade do asasino, de Carlos Reigosa. Non é habitual que nesta colección se publique teatro malia ser unha colección xuvenil e ser habitual que nos centros de ensino secundario se representen obras, moitas delas publicadas en series xuvenís. É dicir, ten sentido a decisión editorial de cinxir esta obra a esta colección. Que a obra sexa de carácter xuvenil xa é máis discutible. Ou mellor dito, intrascendente: A soidade do asasino podería representarse nun instituto (o único impedimento ten a ver cunha escena parasexual e xa sabemos o clima de terror ao sexo que existe entre os pais bempensantes dos adolescentes alumnos de instituto de Galicia) ou nun fogar de xubilados ou no centro social de calquera vila. Para máis, na miña opinión, non dá.
Non dá porque esta obriña de Reigosa é feble, tópica e algo resesa no seu argumento e execución. O argumento é sinxelo: nun cuarto dotado con televisión e vídeo un home duns 70 anos encanona outro, duns 35, que vén amordazado e esposado. O vello anúncialle ao novo que o vai matar (el é un asasino profesional) pero que lle vai dar a potestade de que escolla por si mesmo cando quere morrer.
Esta premisa podería servirlle ao autor para desenvolver un diálogo sobre a liberdade, os límites da autonomía, o poder, a violencia… Mais Reigosa optou por converter o diálogo entre futuro asasino e futuro asasinador nunha trama psicoloxista de moi baixo nivel, con retallos de narrativa de mafiosos e supostas sorpresas finais que lle deixan ao lector unha sensación de frialdade.
Que conste que o reto non era doado: intentar crebar a previsibilidade nunha obra con tres personaxes (un deles anecdótico), nun único escenario e nun único instante de tempo é unha tarefa moi complexa para calquera autor. Non estamos perante Soga, de Patrick Hamilton, nin ante Pedro e o capitán, de Mario Benedetti. Nin ante A morte e a doncela, de Ariel Dorfman. Nin ante A cea, de Jean-Claude Brisville. Estamos ante unha obra que se fai demasiado longa (e iso que ten 65 páxinas) porque apenas explota os seus personaxes.
Reigosa pretende construír un drama divertido e sorpresivo a base de clixés e tempos mortos. Un dos personaxes leva o peso da acción; é locuaz e histriónico. Parece por un momento ter algo de luz filosófica pero unicamente esbardalla pobres sentenzas. O outro, o silente, parece requirir de intelixencia. É un personaxe construído polo protagonista falador pero cando ten a oportunidade de ser el apenas ten argumentos. Así que sen personaxes ben armados, que raio lle queda a unha obra de teatro?
Pensei que esta obra estaría escrita hai tempo. A pesar de que a edición é do 2018 atravesa a obra un certo regusto a reseso. Non só porque haxa vídeos e fitas de vídeo a pesar de que non se xustifique nin se glose unha ambientación desta obra antes da década do 2000, senón porque os clixés utilizados: os asasinos profesionais, a onomástica aparentemente latina, as mulleres trofeo… todo parece inspirado na atmosfera da película Assassins, de Richard Donner, do 1995, protagonizada por Sylvester Stallone e Antonio Banderas.
En definitiva, esta obra non parece destinada a facerlle a boca auga ao alumnado dos institutos por convertela na principal atracción do seu curso. Tampouco servirá para abrirlle camiño ao teatro na colección xuvenil de Xerais. Unicamente demostra que facer teatro é algo máis que colocar diálogos aparentemente eufónicos no entretecido dunha trama máis ou menos atraente.
♦A soidade do asasino, de Carlos Reigosa, Xerais, 2018. 65 páxinas. ♠12,15€
Así que, como é cativa, para un centro escolar ou unha residencia, si vale.
Todo OK.