BiosBardia

O país dos libros en galego

A Transición vista polos de abaixo

Adolfo Suárez fuma no Congreso dos Deputados a carón do seu compañeiro na UCD Francisco Fernández Ordóñez
Adolfo Suárez fuma no Congreso dos Deputados a carón do seu compañeiro na UCD Francisco Fernández Ordóñez

O texto, inédito, que presentamos a continuación foi lido durante a presentación –en Vigo, na libraría Librouro, e en Ourense, en Torga– da novela Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, publicada por Xerais. A Transición, vista cos ollos dun estudante galego en Madrid, ocupa o segundo capítulo –sesenta páxinas– desta obra que é tamén a máis recente do autor.

Manuel Veiga Taboada.

As historias da Transición falan sobre todo dun pacto, un acordo fraguado en reunións políticas e variados cenáculos, entre o chamado daquelas búnker, os franquistas que se negaban a mudar en nada o réxime, pero conservaban aínda o seu dominio sobre moitos resortes do poder, e todos os demais que pretendían reformalo para que se asemellase ao sistema dos outros países europeos. Deste segundo grupo formaban parte tamén moitos franquistas que, de modo pragmático, modificaran a súa postura anterior e que, entre a xente do común, recibiron o nome, nada compasivo, de cambiachaquetas.

Mais, para unha parte moi activa da nova xeración –á que eu pertencía e que naquel momento abría os seus ollos ao mundo, ás relacións co outro sexo e á política– a Transición non era un pacto, é dicir, un acordo para poñerse límites os uns aos outros, senón todo o contrario, foi o período no que todo semellaba posíbel, unha época que finalizou, abruptamente, ás seis e vinte da tarde do 23 de febreiro de 1981, cando o tenente coronel Tejero asaltou o congreso, e que xa nunca máis ía volver. Tejero fracasou pero deixou trazada por moitos anos a raia que non se debía superar, os límites da utopía reformadora.

Foi o período no que todo semellaba posíbel, unha época que finalizou, abruptamente, ás seis e vinte da tarde do 23 de febreiro de 1981

O abrente da democracia foi, deste modo, tamén o tempo da nosa mocidade, o intre no que a Segunda Restauración tiña lugar, mentres miles de persoas cantabamos, no Pavillón dos Deportes do Real Madrid, ao son da música de Nuevo Mester de Juglaría: “que sique, que noque, que tenemos un rei alcornoque”, sen que ninguén se sentise chamado a escándalo. Un tempo sen sida, menos consumista, no que aos mozos non se nos pasaría pola cabeza depilarnos, no que algúns cargabamos na mochila o dicionario de galego de Franco Grande e no que un profesor universitario de prestixio era capaz de pasar todo o curso dunha materia explicando o significado das duascentas cincuenta primeiras páxinas do primeiro volume d’O capital de Karl Marx. Un tempo no que os xornais falaban case todas as semanas de “ruído de sabres” e no que a combinación perfecta para os lectores fora descuberta pola revista Interviu: destape feminino e reportaxes de denuncia, os dous xéneros xornalísticos prohibidos durante corenta anos.

Para moitos dos galegos que estudabamos en Madrid foi tamén o intre de descubrir que a conciencia de identidade se adquire máis doadamente nas viaxes e sobre todo entre os estraños.

[getty src=”479889891?et=w_Q_G5gXg06PYEdkvzMGQA&sig=bsjsxfIZzysHsbxHtftD0miUMbF95QiUqvvGi8HhSAE=” width=”400″ height=”677″]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *