‘A través do fume’, catálogo de experiencias vacuas
César Lorenzo Gil.
A través do fume, de Antonio Piñeiro, publicada por Galaxia, foi a novela gañadora do Premio Torrente Ballester 2017 que outorga a Deputación da Coruña. En 126 páxinas, o escritor preséntanos a voz dunha muller que denantes dunha viaxe de retorno a Galicia desde o norte de Europa evoca o seu pasado, especialmente a relación coa súa nai, unha nai que tivo que criar sen o pai (a quen se dirixe a voz narrativa), ausente na emigración. Na contra do libro, o editor afirma que utiliza a “corrente de consciencia” como técnica narrativa. Non é o caso.
Piñeiro sostén toda a súa obra ao redor da memoria e da nostalxia. Capítulos moi breves (páxina e media), sen puntos, encabezados con minúscula e rematados sen punto e á parte. Estes detalles están ben pensados cando queres que a narración pareza experimental. Outro recurso que decora moito é intercalar frases coloquiais, desas que as nais lles din ás fillas, no medio dun parágrafo evocador. Así, a corrente de consciencia acaba convertida en neblina da consciencia.
O problema é que calquera técnica literaria non ten valor por si mesma. E menos cando xa pasou por riba de nós o século XX e as diferentes experimentacións da narrativa. Noutro universo poderiamos pensar que o autor unicamente quería probar que se poden contar as cousas doutro xeito ou ver até onde é capaz de espremer as lagoas da memoria, a recomposición dos recordos, das feridas, da nostalxia. Mais ninguén é tan inxel como para aturar 126 páxinas en base a exercicios propios de hai décadas. A técnica ten que estar ao servizo dun obxectivo literario concreto, se non é unicamente estilo ou filigrana. Mais neste caso, estilo, pouco. Unicamente algunhas metáforas e comparacións evidentes e o mesmo gusto polo adxectivo baleiro e a frase feita da maioría da mala literatura que se publica hoxe en galego. A interpelación á voz da nai que entra coma unha pantasma na consciencia narradora non ten graza nin identidade. Repite unha serie de mantras rematados en “filla” e pronto. Ten bastante máis personalidade a Siri do iPhone que a personaxe materna. Nin sequera serve para dotar de ritmo a narración, que descarrila en frases sobrantes (“… cunha flegma consabida, preguntaba automaticamente, sen pensar, coma se aprendese a preguntar sen pensar” (p. 59)), edulcoradas (“…o pan visible, presente, coma unha verdade dos días” (p. 67)) ou estrañas (“cogombros de coliflor” (p.53)).
A través do fume é unha novela aburrida e superficial. A voz que conduce a historia está pouco traballada e a decisión do autor de pórse na mente dunha muller fracasa. Non constrúe un personaxe, só un parapeto funcional para facer un catálogo xeracional de experiencias. Desfilan tantas marcas comerciais, tantos obxectos do pasado, que por veces podemos imaxinar o autor cun lector de códigos de barras facendo un inventario nun almacén de finais da década do 1970, primeiros dos 80. Nótase esta vocación de almacenista cando encadea conceptos do mesmo campo semántico: “…tocando os tecidos, forro, angora, chifón, pana, chalís, flanela, crepé, marcar co xiz azul, cortar sobre os patróns, tergal, angora, chifón, flanela…” (p. 85).
Seguramente, o autor pensou que podería manter o interese da súa obra na tensión (no conflito) subxacente que se desvela nas últimas páxinas. Pensou que podería incluír o lector no pacto a través da sutileza dos silencios e no reenfoque sobre o cotián. Mais ese suposto punto de vista “descentrado” convértese nunha reiteración pouco argumentada ao redor dun microuniverso afectado, melindroso cando non falsamente literario. O autor repite algúns conceptos de maneira obsesiva: o papel de barba, o hule, a camisa branca, os ritos do Nadal. Ampulosos bordóns para unha obra oca e insulsa. O lector sae da obra tal e como entrou, intocado por unha narración que só se enfronta á carne, ao real, moi desde lonxe.
Non acha o lector en A través do fume a visión íntima dunha muller de hoxe que encontrabamos, por non saír do eido da literatura galega (premiada) actual, en A candidata, de Miguel Sande. Máis ben, Piñeiro propón unha viaxe xeracional á “educación sentimental” e pop dos nacidos a primeiros da década do 1960. Esta obra podería lerse (se non queda máis remedio) coma o reverso íntimo de A identidade fascinada, onde PIñeiro si lograra os seus obxectivos, partindo de premisas máis xornalísticas ca literarias.
A través do fume é unha obra con demasiada aparencia e pouco fondo. Unha voz narrativa intentando tirarlle o eco a unha bucina inerte só polo degoiro de desfrutar co son das súas propias palabras proxectadas no papel.
♦ A través do fume, de Antonio Piñeiro. Galaxia, 2018. 126 páxinas. ♠14,70€