BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A verdade’ vs ‘O fío do destino’

Un esquelete xigante observa un combate singular.

Xornada 6. Fran Fernández Davila perante David Botana.

A verdade

Mitsukuni dirixíase ao castelo Sōma. O seu onmyōdō, a fe no camiño da verdade, mantíñase alerta. Esa noite ía na procura da morte.

Chegara a Shimōsa perseguindo agoiros dun exército pantasma ata a fortaleza abandonada onde, tempo atrás, o Shogun sufocara unha revolta. Na Hora da Rata, na última noite do roteiro ao castelo, unha dama ornada co vermello dos lirios do inferno presentárase nos seus apousentos. A súa pel era leite morno, o seu cabelo unha noite entrenzada, os seus beizos, a verdade. Ela partiu á alba, el quedou a meditar un día enteiro. Nunca falou do que alí aconteceu mais, dende entón, o santo da espada tivo medo.

Chegando a un clareiro, uns guerreiros cortáronlle o paso. A súa katana branca asubiou e, antes de volvela á vaíña había catro menos. A lúa escintilaba no ceo tras o castelo, iluminando as terribles faces dos asaltantes. Un infernal batallón de espectros e yōkai, clamaba baixo as ordes dun tengu. Este emprendeu o voo e caeu coas gadoupas por diante. Mitsukuni fixo un xesto tan natural coma imperceptible coa folla. A noxenta cabeza do monstro foi parar aos pés dunha dama. Os enxendros axeonlláronse perante ela. Era a mesma muller que o visitara, pero tamén era outra distinta. O lume das súas roupas palidecía fronte ao dos seus ollos.

—Deixa descansar estas ánimas, princesa Takiyasha.

—Non ata que o teu Shogun pague.

—Pagouno o mesmo día no que teu pai entregou a vida —a cara da muller crispouse nun fero xesto.

Os yōkai abalanzáronse de novo. Desta vez Mitsukuni adoptou a postura zanshin, o seu onmyōdō refulxiu arredor súa e os espectros caeron exánimes. A muller non se inmutou, desenrolou un pergamiño e comezou un canto terrible e escuro coma un océano.

Mitsukuni recoñeceu os favores do negro Aramitama e temeu por toda vida. Fuxiu cara ao castelo buscando o abeiro da pedra fronte á treboada que respondía ao canto da bruxa. Xusto ao cruzar o limiar, unha xigantesca pouta de óso derrubou as paredes. Un mastodóntico esquelete entraba cal lóstrego de nacar desatado. Os seus movementos ían acompañados dun lúgubre tinguilear de campaíñas. O monstro alongou a man, a espada de Mitsukuni danzou, dúas falanxes bicaron terra. O xigante amarrou varios guerreiros yōkai, arrincoulles a cabeza cos dentes e zugoulles o sangue. Nun intre estaba enteiro.

—Réndete —a bruxa falaba no alto dun dos muros derruídos. Montaba un enorme sapo negro.

—Takiyasha…

O demo golpeou brutalmente coa man aberta mais foi repelido polo fulgor que emanaba de Mitsukuni. O monstro mallou nel coma un demente ata que a luz foi apenas un lene escintilar.

—Takiyasha…

—Inda podes falar?

—Contigo souben do medo por primeira vez. O medo de atoparte, miña morte e vida, e perderte. Non podo mentir. Es a miña verdade.

A bruxa detivo o ataque. Mitsukuni rendeu o resplandor e caeu de xeonllos. Ela colleuno polo queixo e mirouno con dozura. Sorpresa. Dor. A espada branca atravesaba as súas entrañas.

—Ti… Mentiches!

—Non, Takiyasha. Non.

David Botana.

…………………………………………..

O fío do destino

Cando a meiga o esconxurou, Tsuyoshi aprendeu a seguir o seu unmei-no-ito, unha finísima febra vermella que une os maimiños dereitos das persoas destinadas a amarse. Era a metade do período Heian e os pétalos das sakuras adoitaban cubrir os paseos de Kyoto por primavera.

O camiño foi longo e a procura, arrevesada. O fío enredábase nas rochas, no vento e nas árbores das fragas. Entraba en covas vixiadas por yokai. Cruzaba ríos imposibles ou afundíase no mar do leste, inzado de tifóns. Algunhas veces, semellaba descansar baixo o quimono dalgunha cortesá, entreténdose nas pregas baixas e tecendo bordados da cor do lume. Tsuyoshi esforzábase por galantealas pero, nada máis acceder á saia, comprobaba que o condenado facía unha reviravolta e saía polo outro lado. Deixou de buscar no monte Fuji, sete invernos despois, cando descubriu que o cabo penetraba a neve, directo ao corazón do cráter.

Dende entón centrouse no seu oficio. Rabenar cabezas para o emperador. Enlamar os pés nos campos da honra e o sangue. Tallar levantamentos e executar os ditames da xustiza. O fío non estorbou en nada ata que un día, no medio da batalla, sentiu un lóstrego na man, un tirón tan forte que lle deu a volta coma unha folla de kobushi.

Á súa fronte quedou outro guerreiro. Medía polo menos seis shaku. Era home, estranxeiro, e estaba unido a el polo fío. Ambos ergueron as mans dereitas e abriron os dedos. Miráronse con rabia, respiraron forte, e entornaron os ollos coma cando se fita un sol de inverno. Amosáronse as catanas e amputáronse os seus maimiños ao mesmo tempo.

Despois correron para reunirse, para apertarse cos brazos esquerdos e cravar cadansúa espada no estómago do rival, para retorcelas nos adentros e xemer xuntos, para achegarse os seus alentos a bradar, coa folla a atravesar os plexos, e caer ao chan entrelazados, sen forza para máis dano, Tsuyoshi sobre o estranxeiro, a respiración de un a esvaerse no oído do contrario, a busca convertida en esqueleto, e os maimiños amputados, na lama, a sinalar un fío eterno.

Fran Fernández Davila.

7 thoughts on “‘A verdade’ vs ‘O fío do destino’

  1. A verdade

    Segundo google esa imaxe, que parece sacada da 5º temporada de “ataque ós titans”, chámase “Mitsukuni derrota ó espectro do esqueleto invocado pola princesa Takiyasha”. Non lin a historia orixinal pero fagome unha idea de por onde van os golpes de katana. O relato contén os elementos necesarios para entender o trasfondo desta historia de vinganza frustada, sen embargo é inevitable quedar coa sensacion de que parte da historia qeuda sen contar. A relacion entre a bruxa e o samurai é capital para o relato e pende dun fio moi feble. Gustaríame ver este relato a 2000 palabras.
    A narracion pareceme ben levada, inda que cambiaria algunha palabra ou expresión. O titulo fai referencia a algo que o autor parece amosar como importante (verdade/mentira, vida/morte) pero á hora de lelo resulta accesorio, excepto no seu significado mais literal, cando o samurai confesa que dicia a verdade ó declararse prendado da bruxa. Este é o punto mais forte do relato e talvez merecia mais preparacion que unha conversa velada. Ó mellor un aire mais alegorico, ou só o combate final, non estou seguro, non vale calquera alternativa que improvisar nestes comenarios, teria que ser algo que concordase co ton xapones (por dicilo asi) do texto.

    O fío do destino

    Gustoume o inicio, esa busca do ser amado de forma practica e directa, que tamen vale como alegoria ou metafora ou o que sexa. Este relato é mais calmo que o o do seu rival e encaixa mellor no tono poetico-haiku que un cos seus prexuizos espera dun relato axaponesado.

    Igual que no relato rival, faltame algo na relacion dos dous amantes/odiantes. Dous guerreiros non teñen por que odiarse so por pertencer a bandos opostos, asi que imaxino que o odio nace da decepcion de ver quen está do outro lado do fio. Por certo, o estranxeiro como podia ver o fio e como sabía o que significaba? Hm, supoño que se era o SX ese estranxeiro era igualmente xaponés, talvez esa palabra non fose afortunada no relato. Por que el era estranxeiro e os demais guerreiros non?
    Como dicia, teño que presupoñer os motivos da identica rabia dos 2 samurais.
    O final está ben, a escena é boa. Magoa que me falte a cor de entender por que se puxeron tan violentos. Se inda fose só un deles, pero os 2 a un tempo como se pensasen igual, confundeme. Incluso me pareceria mais plausible un seppuku dalgun deles como forma de “protesta vital”. Non sei, faltame unha engranaxe aí para que rode o mecanismo.

  2. Mamá ambos relatos, e iso que xa me esperaba algo de moito calibre tendo en conta que se enfrontaban os dous lideres. Ademais, mandei eu a foto esa porque dixen buuuh un esquelete que medo, así que me sinto moi agradecido de que a esa imaxe que tiña gardada lle saíran esos dous pedazos de relatos.
    A verdade. Maldita sexa, agora xa non son capaz de ver outra cousa que un capitulo moi ben narrado de Ataque aos titáns. O comezo é maxistral.
    A escena co esqueleto é moi boa, pero creo que botei en falta máis palabras porque a relación coa bruxa, resumida nese final, pídeme máis. Pero para as quiñentas palabras e un moi bo final.
    Do fío do destino gústame tamén toda a estética que colle, aspecto que lle queda igual de ben que ao seu rival. Ademais do ben escrito que está, que tendo en conta ás dúas plumas que se presententan é case de mala educación repetilo, sorprendeume moito por onde leva o tema do fío do destino, ao predestinar a dúas persoas, sen condición de sexo ou contexto. Eu quedo coa idea de que os guerreiros resígnanse a un deus caprichoso nese seppuku mutuo entre Romeo e Mercucio.
    Con moita dor no kokoro, e vendo que teño que escoller un, voto a O fío do destino, por como me colleu por sorpresa.

  3. Boa tarde. Onte quedoume pendente este último duelo entre os dous líderes, Fran e David. Os meus parabéns pola boa posición que tendes. Dígovolo eu, que ando de penúltima…
    A verdade
    A acción está moi ben narrada e imaxinada. A foto a min non me motiva moito. Paréceme que empeza ben, ten unha boa trama intermedia, pero o final resúltame raro, inesperado.
    O fío do destino
    Neste caso, o relato breve faise dúas veces bo. Encantoume ese xeito de condensar a historia do guerreiro Tsuyoshi en 344 palabras. E a escena final dos maimiños amputados paréceme sublime. Un dos mellores relatos desta xornada, sen dúbida.

    O meu voto é para O fío do destino.

  4. Bo día, e parabéns aos autores, son dous grandísimos relatos.
    ‘A verdade’: Encántame a linguaxe utilizada, tódalas referencias e as imaxes que crea. A batalla é potente, e entendo que a relación de Mitsukuni con Takiyasha vai moito máis alá do que o relato amosa. Boto en falta, se cadra, algunha pista máis a este respecto, pero en xeral gustoume moito.
    ‘O fío do destino‘: Tamén aquí atopei unha gran ambientación e expresión, coa vantaxe de que a historia, na miña opinión, adáptase mellor aos límites que impón o torneo, no sentido de que queda todo ben claro en menos de 500 palabras. Entendo que a violencia está xustificada, xa que son guerreiros nunha batalla.

    O meu voto é para ‘O fío do destino’.

  5. ‘A verdade’ resultoume un chisco pesada polo uso de tanta terminoloxía xaponesa. Pareceume algo artificial o exceso de termos e tamén se me fixo excesiva a trama para o límite de 500 palabras. Creo que sería un bo relato ou novela curta, mais para este torneo deume a impresión de que eran moitos vimbios para pouco cesto.
    ‘O fío do destino’ si que me enganchou desde o inicio e fíxoseme máis equilibrada a escolla do vocabulario e atinado o seu lugar na narración. A historia é moi hermosa.

    O meu voto é para ‘O fío do destino’

  6. Foto complexa de verdade, especialmente para os que como min son alleos as atmosferas de testosterona con katanas e bicherio vario. De todos xeitos os autores resolveron con moito oficio, parabéns. Non esperaba menos, pero si digo a verdade esperaba máis. Coido que optaron por un decorado bastante tradicional dentro da literatura asiática e case se atopan.

    “A verdade”
    Todo o inicio está moi ben narrado, con axilidade e imaxes moi boas, como a descrición de Takiyasha ou “Un mastodóntico esquelete entraba cal lóstrego de nacar desatado”. Aquí hai moito research de terminoloxía xaponesa e quizais iso é o que bota para atrás, que tes que estar consultando termos. Vencida a pereza do lector o texto medra con outra profundidade. Mágoa que non saibamos máis do que pasou nese cuarto, porque foi importante “Ela partiu á alba, el quedou a meditar un día enteiro”. Takiyasha podía ser un pouco máis explicita. Ou el que é o que máis fala. O segundo combate é un pouco máis confuso e a liña onde lle explica porque ten medo paréceme demasiado enigmática. Así me quedei, pensando na vida e na morte. Bueno eso fágoo igual.

    “O fío do destino”
    Unha idea moi orixinal a dese fío ao longo do relato, cando menos tiven algo ao que me atar de principio a fin. “Miráronse con rabia” que forma máis violenta de saír do armario, ou empeñarse en ficar nel. Porque iso é o que pasa, non? Estaban condenados a que non puidese ser. Pero aínda así, entre eles había un aquel, o que fai que a rabia sexa meirande. De feito a paixón coa que se matan é brutal “correron para reunirse, para apertarse cos brazos esquerdos” , “para retorcelas nos adentros e xemer xuntos” estamos falando de Katanas, ollo, “caer ao chan entrelazados” Parece que estean amándose na vez de matarse. Nalgún sitio lin que o orgasmo era coma morrer, neste caso é así.

    Como creo que son a última en votar e da igual o que vote vou votar por “A verdade” paréceme inxusto que un bo relato, e nesta liga houbo moitos, saia de vacío.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *