BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A vida a arder’, relatos na boa dirección

Abraham Pérez. DISTRITO XERMAR/AELG.

Eva Moreda.

A vida a arder, do poeta e narrador Abraham Pérez, é unha colección de relatos que deita, ao meu ver, un saldo máis positivo que negativo. Digo isto, sobre todo, pola ambición literaria. O relato é un xénero que ás veces se ten presentado como feito diferencial literario galego (fronte á novela, que supostamente se nos resiste máis), pero tamén é certo que non é un xénero que goce actualmente dunha posición moi central no noso sistema literario: semella demasiado confundido, por unha banda, coa autoficción e o ensaio persoal; por outra, cunha certa caste de proceso de aprendizaxe (autor ou autora que xunta nun libro relatos de voces, temáticas e estilos diversos escritos como por exercitarse e que non rematan de callar nunha visión propia).

Ningún deles é o caso de Pérez: se cadra si hai algo máis do primeiro, de experiencia vital, pero en ningún caso se renuncia a facer relato entendido como xénero de ficción clásico; por outra banda, os relatos teñen un factor unificador claro, que é o retrato dun universo e sobre todo unha subxectividade urbanas e contemporáneas. Pode semellar un tópico falar de “retrato xeracional”, pero creo que Pérez si intenta facelo, ás veces con demasiado afán.

Penso que Pérez é consciente de que o urbano (non simplemente como espazo físico, senón como condición e estado mental) xa non se pode tratar como se tratou na literatura galega cando este tema comezaba a agromar (é dicir, nos 80 e 90): con esaxeración naturalista, certa euforia e pintoresquismo. Daquela, o relato do urbano aínda estaba moi mediatizado pola aldea e polo feito de que a maioría de lectores, e seguramente autores, aínda tiñan o rural ben na cabeza, xa fose por proceder directamente de alí, xa fose por telo aínda moi presente na xeración anterior. Aquí o rural non é contrapunto, e paréceme moi ben.

A pexa que lle vexo aos relatos, porén, é que non se proporciona sistematicamente unha ollada alternativa coherente que sexa orixinal, propia. A leve alienación, o descontento vital que senten a maioría de personaxes destes relatos, non estarían fóra de lugar nunha morea de libros de relatos estadounidenses que tratan temas semellantes desde Richard Ford ou, mesmo desde antes: desde Richard Yates (con algunhas excepción, como por exemplo as chiscadelas aos graduados da Facultade de Filoloxía da USC, un grupo de xente que me atrevo a dicir que se atopa sobrerrepresentado no conxunto do escritorado galego). Mesmo a nivel estilístico hai unha preferencia pola frase curta, abrupta, que non podo deixar de pensar que non se acomoda ben á estrutura dunha lingua romance. Eu entendo que hoxe en día se cadra as subxectividades urbanas se están a aliñar en todo o mundo debido a factores coñecidos por todos; desde ese punto de vista non vexo en absoluto criticable que un autor ou autora galega se deixe inspirar por outros modelos (por exemplo, pensó en Iván García Campos en Cuestións vitais secretas), pero penso que aquí si fai falta un pouco máis de elaboración orixinal, un pouco máis de preguntarse que, se o vello xeito dos galegos e galegas de relacionarse coa vida urbana e as súas incertezas morreu, que foi o que veu encher o seu sitio.

Porén, A vida a arder seméllame un traballo con abondos méritos como para recomendalo. Porque, aínda que o resultado non sexa sempre de todo aquelado, revelan o traballo dun autor preocupado pola voz, o ton, a ollada, o estilo: en definitiva, todo o que constitúe unha obra literaria.

A vida a arder, de Abraham Pérez, Galaxia, 2025. 202 páxinas. ♠18,50

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *