‘A voar!’ vs ‘Aparello circulatorio’

Xornada 3. Grupo A. Lois Z fronte a César Ariza. Tema: Motor de catro tempos.
A voar!
Como me gusta a miña moto nova: 750 cc, unha manda de cabalos, faros de xenon, freos de disco… Aínda que os colegas digan que é mellor o motor de dous tempos, eu prefiro o de catro: admisión, compresión, explosión e escape. Lémbrame á receita dunha torta de queixo ao forno: mesturar, bater, cociñar e… e comer. Ou ao sexo: agarimar, bicar, lamber e… e acelerar.
A verdade é que non estou moi orgulloso do xeito de conseguila pero agora tanto ten: a vida sorrilles aos audaces… e aos pecadores. Porque desde que me atopei fronte a fronte coa moto cometín tres pecados.
O primeiro a envexa. Vinlle a Roi o Xordo o boleto gañador da rifa sobresaíndo do seu peto cando botaba unha soneca mentres Marela soltaba o contido do seu intestino ao bordo da área pequena (oídes: que non sei de onde saca o Xosé de Nievitas, o presidente da Union Deportiva Biosbardia, os cartos para os premios: que se unha moto, que se un iate, que se unha enciclopedia…). O meu segundo pecado foi, claro está, o roubo. Unha manobra de profesional, o borrachiño nin se decatou. Deume un pouco de pena, Roi está bastante fodido desde que deixou o seminario. Regresou moi cambiado. Cando lle metín a man no peto falaba en soños dun tal Padre Mariano ou non sei que. O outro día chegou á aldea cheirando a mexo e manchado de sangue; disque o viron na vila borracho e durmindo nun caixeiro. O alcol é o que ten.
E o terceiro é a luxuria. Ou ese que di que non cometerás actos impuros. Ben, eu fusionei os dous nun que se non xa ía ser moito. Cóntovos: Marcela é unha moza da miña aldea, máis feita… Sempre me gustou, desde o instituto. Eu ía á clase só para vela a ela. E díxenlle se quería vir comigo na moto até Arcade a tomarlle un cacharro. Pero rexeitoume, dixo que mañá marchaba para Berlín… como viaxan os que teñen carreira. Seguro que ten un bo traballo aló e gana moitos cartos. O mesmo é que non lle gusta a miña tatuaxe da bailarina hawaiana (se até mandei debuxar as tetas como as dela).
Dáme igual. Agora teño moto e non preciso máis nada. Encántame abrirlle gas, facela ruxir. Porque como dixo o gran conquistador das alturas, o tenente Ruskin Havergal: “Coñécete a ti mesmo. Coñece os teus límites. E unha vez que o fagas, bótate a voar!”
……………………………………..
Aparello circulatorio
Aurícula esquerda
Prometín que volvería a Delfos antes de matarme. Cheguei aló arriba empacada nunha manada de turistas. O Oráculo estaba pechado ao público, alguén pintara unha esvástica por riba da inscrición. Pareceume tan triste e anticlimático que me fixo pensar aínda máis en Pablo. Despedinme de Grecia. As miñas inquedanzas quedaban sen resposta.
Aurícula dereita
París. Dublín. Edimburgo. Sen Pablo ulían a terra queimada. Camiñaba polas terminais dos aeroportos coma un Rataleón, pisando os gromos nados dunha vida pasada que adoece por entregarlle a outra a súa cruz. Era Sísifo empurrando unha maleta. E sei que ninguén me agarda na cima dese oito mil de celosa petulancia ao que levo anos ascendendo en solitario.
Ventrículo esquerdo
Fago de tripas corazón e volvo á casa. O amor é un relato circular. Os meus amigos agradécenme que lles corrixa a ortografía. Pablo non, el enfadábase. Talvez era o único sincero comigo. Talvez por iso o amaba.
Ventrículo dereito
O corazón é unha bomba de reloxaría. Pablo nunca quixo o meu e agora vaino levar pendurado do peito. O seu, un corazón xeado, de paracaidista, co que nunca me correspondeu, rematará no caldeiro no lixo. O meu seguirá latexando por el e el nin o saberá. Coma sempre.
Os dous teñen ideas similares. Pero ‘Aparello circulatorio’ manexa mellor os materiais cos que conta… voto por el.
«A voar!»
Morro coa aceleración final do sexo, tan axeitada logo da descrición da moto. Hahahahaha. Bo verbo. Moi bo verbo.
Sóbrame moitísmo a paréntese do parágrafo do primeiro pecado. Alusión ao lector plural así de súpeto, moita información innecesaria, demasiada información… Sóbrame. Estruturar dous pecados neste parágrafo e o terceiro no seguinte non me parece apropiado para a estrutura do conto. Como penso que sobra información, nun só parágrafo tería sido mellor, máis depurado, limpo e visualmente atractivo para o lector.
Gústame o de ir «a tomarlle un cacharro». Quero engadir esta expresión ao meu vocabulario habitual de chamadas telefónicas apresuradas dun «baixas?».
«Como viaxan os que teñen carreira!» debería ser frase nova.
Bo final cun bo traballo de investigación nos relatos dos participantes. Esta persoa fixo un documento Word ou reservou un folio para ir anotando ideas desde a primeira semana. Ou non? Con todo, o título penso que podería ser máis redondo (aínda que está ben e pecha).
«Aparello circulatorio»
Unha síntese que reforza novamente a miña teoría de recompilación extrema dos relatos das semanas anteriores. Lamento moito que a persoa que escribiu este texto non sacase máis partido á forma que elixiu para presentarnos o conto (que pouco conta). Se se divide en aurículas e ventrículos (oqueih), por que non fala máis visceralmente do tema? Unha mágoa. Tería ganado moita forza, porque o esquema de parágrafos creo que é, se dúbida, o mellor desta proposta.
O título, pola contra, tamén renxe. O conto non fala do aparello circulatorio, só das cavidades cardíacas. Non sinto que flúa nada nesta historia. O texto non se detén no fluír de nada, así que penso que o título debería ser, con certeza, outro.
Voto por «A voar!».
Por certo, que non dixen: vaia tema horríbel, non? Moito mellor tratado na moto. Outro punto a favor.
Os dous relatos gustáronme moito.
Pola forma e o que conta ata o final, o meu voto vai para Aparello circulatorio. Pareceume orixinal e completo.
A voar pareceume un relato que agradecín moito, con bo ritmo e apropiacións. Grazas polo esforzo¡
Malia os pecados formais e de estrutura de “a voar” (que a Clara [perdoa polo artigo diante do teu nome] encárgase de nos amosar implacábel 😛 en cada comentario [grazas, Clara]), seméllame un relato fresco que, con dúas voltas, podería ser un relato redondo. Encántame o final e a forma de “roubar” un conto alleo, moi ben metida no relato.
Aparello circulatorio, xustamente, non peca no apartado formal. Pero de tan ríxido, non me chega. Quédaseme nunha lista de relatos, ben levada, ben medida, ben encadrada. Comparar estes dous relatos (para min) é como comparar un tema de Jacques Loussier cun dos Sex Pistols. O primeiro, un mestre precoz do jazz, ten unha técnica impoluta, é perfecto na execución e na composición, pero non me fai mover nin un pé. Os Sex Pistols non sabían nin tocar pero, aínda hoxe, fanme bailar pogo. Seguramente o autor gusta máis de Jacques Loussier. Trátase só dunha cuestión de gustos? Coido que non, que é algo máis. Creo que se trata das emocións que necesariamente teñen que transmitir as artes: o único que fai que pague a pena vivir a vida (a beleza, a emoción, a paixón). A non ser que se milite no movemento kitsch 😉
O meu voto vai para “a voar“.
Os dous con cousas boas e outras que non tanto, en parte polo temiña (un bazookazo para quen o propuxo), en parte por obsesionarse por dar cabida aos dezaséis relatos anteriores.
Con todo, pareceume orixinal o do “Aparello circulatorio” (non sendo o título), a estructura e a asimilación do corazón (“…é unha bomba de reloxaría”, frasaza) ao motor de catro tempos e o encadre no relato de Clara do trasplante, para min moi ben levado. Merece o meu voto.
…que metín a zoca, e o relato do 2º duelo do transplante non era de Clara Vidal senón do seu contrincante no seu enfrontamento, Guillermo Rodicio.
Quédome con esa comparación que fai Amador: Jacques Loussier cos Sex Pistols! Moi boa! pasoume algo semellante no duelo do Rataleón. Neste caso A voar ten frescura destemida. Tira para adiante co risco que a moto vaia ao carallo, se caes perdes, pero se consegues quedar en pé, esa naturalidade imperfecta vs formalidade medida, fai que do relato nos quede o refrán da canción, o movemento do pé. O Esforzo de “Aparello” por encaixar todas as pezas e que teñan sentido é brutal, o uso do tema na estrutura é orixinal e está moi ben escrito. Pero logo de ler os dous quédame na cachola o ruxir da moto. Voto por “A voar”
Vaia por diante que considero o tema complicado, e a noraboa a ámbolos dous porque o levaron moi ben. É curioso que de diferente forma os dous falen dun desamor, cando en principio a premisa non ten que ver. Con todo, gustoume máis “Aparello circulatorio”, en canto a estrutura e condución da historia. Creo que “A voar!” funciona, pero non me chegou tanto.
O meu voto vai para “Aparello circulatorio”.
Un duelo feito a base de retallos. Xa deixei escrito que non me chista.
Non vou diferenciar. Ambos relatos me parecen moi semellantes: patchwork a base de detalles doutras historias. Os autores puxeron o piloto automático e dedicáronse a casar frases sen máis pretensión. Non me parece interesante a estratexia aínda que hei recoñecer que o tema era moi complicado.
Voto por ‘A voar’ porque coido que é o que máis coherencia interna ten.
Buf, difícil decisión. “A voar!” xoga ben con todos os elementos que ten a disposición: unha historia propia (esa que conta como o protagonista conseguiu a moto) e moitas historias retalladas dos relatos participantes no duelo. O protagonista ten pinta de carallán e cae ben desde o principio.
“Aparello circulatorio” é frío e mecánico, ben pensado e diseñado coma un metrónomo. Gustei moito da identificación do motor de catro co corazón.
Prestoume máis a lectura de “Aparello”, así que voto por el.
É curioso como un relato que fala dunha máquina é máis visceral que un relato que fala dunha víscera. “A voar” é unha bomba das de esbourar e “Aparello” das de bombear. Xa apuntou César que as hiper-referencias están a lastrar algo os relatos, fainos semellantes en concepto. Igual tamén é porque ao ser todas na mesma rolda remata saturando.
O meu VOTO vai por “Aparello circulatorio”, penso que bombea máis do que o seu rival esboura.
Vexo tamén neste dous contos que a premisa formal de basearse nos relatos alleos tivo un peso demasiado grande.
A voar
Aprecio deste relato o deseño do protagonista, que en 500 palabras consegue quedar moi perfilado, con personalidade e voz propia, mesmo no marasmo de estruturas e referencias doutros relatos. De feito, a referencia que máis me gustou (das mellores de todos os contos), foi a do tatuaxe da hawaiana, colocada ao final do relato, precisamente porque dota aínda de máis personalidade ao protagonista e fai un eco xenial coa historia dos alpinistas. Creo que deixando esa referencia ao final como pequena sorpresa (para nós), e como detalle de protagonista para calquera outro lector, o conto sería mellor. O resto de referencias, incluída a dos tres pecados, non sei, non me rematan de funcionar, sinto que lastran unha historia que podería ter sido contada de xeito máis orgánico dándolle ao protagonista máis liberdade, que contase o seu periplo e nos falase da súa moto sendo máis el mesmo.
Aparello circulatorio
Sinto que este relato colle demasiado dos dous do duelo de coñecerte a ti mesmo. Imaxinería, temática, sen moito xiro. O máis interesante é a súa estrutura formal, con cada parágrafo titulado con unha parte do corazón, recurso que penso que podería ser un punto de partida moi bo para un relato. Pero ao final no contido limítase a xunguir ideas soltas de outros dos relatos anteriores coa temática central dos dous sobre Delfos. Fáltalle moito para ser un relato propio, bebe demasiado dos demais.
Voto a “A voar”.
Vai o meu voto para “A voar”. A min o dos retallos de varios relatos non me disgusta, e penso que está ben simpático. Custoume elixir, “Aparello” gustoume moito… pero hai que votar e vou taaaaaaarde!
Pediume César que votase neste duelo para desempatar. “A voar!” ten un certo ton fabulista-surrealista que non me desagrada, pero véxoo máis ben como un comezo dunha novela ou relato máis extenso que como un microrrelato, mesmo como estampa que non desenvolve unha trama clásica non lle vexo que acabe de funcionar. En “Aparello circulatorio” a idea de encabezar cada fragmento con nomes de partes de corazón paréceme un recurso un pouco forzado e case como de instituto, aínda que entendo que sen el non quedaría ligado o relato ao tema do duelo. Voto por este segundo relato, “Aparello circulatorio”, porque ten una concisión formal e un ritmo interno que coido que merecen o voto.
Os meus 3 duelos se decidiron por un voto, como está a cousa mimá!
Admito que a separación en aurículas e ventrículos queda resultona pero non está moi ben integrada co relato. Tamén sei que o título foi arriscado e entendo a quen dixo que non lle gusta. Quería facer referencia tanto ó corazón como ás viaxes da prota arredor dos sitios nos que estivo e volveu. Ela sería un “aparello” circulatorio no relato.
Con respecto ás comparacions musicais, eu son máis de Queen e os Suaves, con brotes puntuais de Manowar e Rhapsody. Non sei onde me deixaría iso exactamente (o jazz non me emociona).
Eu si que vexo un relato con entidade propia (con respecto ós seus pai e nai). Curiosamente o meu medo era o contrario. A idea de que ela se mate para que lle poñan o seu corazón a el (si, é un pouco fantasioso pero ese non é o punto, o punto é que ela delira con iso) e completar unha especie de vinganza por deixala consideroa suficientemente orixinal con respecto ós relatos referenciados.
Quero dar as grazas a tod@s @s que votastes por min demostrando así o voso bo gusto e sobre todo a Sabela que votou por min nos tres relatos. Grazas tamén a todos os comentarios e críticas tan acertadas, tomarei nota para a próxima vez que colla o boli.
Pido perdón polos meus comentarios tan cativos desta xornada, fun de ponte e non tiña tempo nin wifi para conectarme.
Quedo eliminado con cero puntos. Supoño que “paguei a novatada”, eu pensaba que tíñamos que escribir o relato sobre o tema en cuestión; mais parece que o tema non era obrigatorio, só “orientativo” (coma os semáforos en vermello e as sinais de stop). Así e todo, paréceme moi boa idea este Torneo de Duelistas. Unha iniciativa interesante, fresca e moi ben argallada. Agardo e desexo que creza e que cada ano vaia a máis. Seguímonos vendo nos comentarios.
Grazas, César! Non lera este comentario 🙂 O do tema é interpretable polo que vota… así que nunca se sabe!
Eu participei nos 2 concursos e ganei en merda e media, jajaja, pero apréndese moito! Bicos e vémonos nos comentarios :*