BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Abafando’ vs ‘Néboa’

STOCK SNAP.

Xornada 1. Grupo C. Fran Fernández Davila vs Diego Casal.

Abafando

Diego Casal.

A intensa calor fai tan denso o ar que mesmo respirar supón un esforzo. Na fraga, o sol faise camiño entre as árbores e alí onde consegue chegar, queima. Nun deses puntos do chan nos que o lume semella a punto de prender, xacen, esborrallados, dous paxariños sen vida. Un rapaz contémplaos baixo a sombra dun carballo. Agardando.

Matina en que vai facer con eles. Lembra que súa nai, ó atopar o corpo, ou máis ben o que quedaba del, de Calcetíns, o gato que mercara tras a marcha de seu pai, soterrouno na horta. Incluso fixera unha especie de cerimonia á que o obrigou a asistir. Ó recordar as bágoas de súa nai o desprezo percórrelle o corpo.

Xusto nese intre recibe unha mensaxe súa. “Onde te metiches? Chamoume a psicóloga e díxome que non apareceras por alí. Sabes ben que se non vas botarante da escola. Non podes seguir por ese cam…”. Sen sequera rematar de lela garda o móbil no peto.

O primeiro par de sesións coa psicóloga resultáranlle divertidas. Ela recalcoulle, cun ton falsamente acolledor, que estaban nun “espazo seguro”. Que necesitaba “abrirse”. Aínda parecéndolle ridículo optou por seguirlle o xogo. Faloulle da marcha de seu pai. Do moito que lle afectara. E puido ver, de esguello, como ela asentía e o apuxaba con breves comentarios a continuar por ese camiño. Como se no máis fondo desa tobeira do pasado estivera agochado o xerme do sucedido á espera de que ela o desvelase. A moi parva non sospeitaba que todo era mentira. Que xogaba con ela. Seu pai era un infeliz. Un mediocre que non lle podía importar menos. O único que lle anoxou da súa marcha foi que debería aturar a súa nai el só.

Mais o seu pequeno entretemento non tardou en converterse en fastío. Coma sempre. Ó terceiro día de escoitala remoer nos mesmos asuntos absurdos xa non a soportaba. A súa inxenuidade mesmo comezou a resultarlle noxenta. Houbo un intre no que case lle conta todo. Tan só para verlle a súa expresión ó saber a verdade. Falarlle das enormes ganas que tivera de mancar, de facerlle verdadeiro dano, a aquel cativo de primaria ó que acurrunchou no baño da escola. De como se sentiu máis vivo ca nunca ó velo mexar por el co medo. Incluso máis aínda que cando dispuxo ó seu antollo daquel estúpido gato. Contarlle como, de tan excitado que estaba, mesmo tivo unha erección. E relatarlle polo miúdo o que lle tería feito de non ter entrado aquela profesora ó escoitar os berros…

Uns chíos interrompen os seus pensamentos. Ó alzar a cabeza as pingueiras de suor esváranlle pola testa. Un paxaro, sen dúbida a nai das crías, salta inqueda nas pólas ó carón do niño baleiro. Confusa. O rapaz, devagar, érguese e colle unha vara do chan. Nun dos seus extremos aínda se poden apreciar algunhas plumas mesturadas con sangue. 

…………………………………..

Néboa

Fran Fernández Davila.

―Ninguén pinta a néboa coma Radiohead. Esfiáñanche a roupa recordo a recordo e dilúense no teu sistema límbico.

O whisky sen xeo esborrancha a agulla do reloxo. As mans de Cynthia, branqueadas pola lixivia. O anel nunha caixa de mistos, no salón, a carón das cousas para arquivar. A un millón de quilómetros de distancia.

―O can de Neruda chamábase Néboa, coma o de Heidi. Atopouno abandonado un día de bruma en Illa Negra. Adoptouno e púxolle ese nome. Acabou por coidalo Alberti.

A ninguén lle importa a hora no bar Paradiso, nunca, salvo a Manuel, que recolle os vasos do lavalouzas inoxidable. Mañá hai que chamar o das patacas e o das cervexas.

―E despois de facer a serie, Miyazaki fundou Ghibli. A viaxe de Chihiro é unha canción de Iván Ferreiro. Que bo poeta, o de Nigrán.

Hai un estrépito na reixa a medio baixar, no son a caixa fechada, no cheiro a luces limpas.

―Non quero marchar para casa, Manuel. Ven comigo. O camiño é longo, e frío. Quéimache os ósos coma un soplete de silencio.

O puño esquerdo terma da gravata. Unha palma rugosa acaríñalle o pescozo con desleixo.

―Non me deixes volver soa, Manuel, teño medo. Non quero atoparme de novo con el.

As órbitas difusas, bañadas en licor de malta, insinúan un bico triste de compensación.

―O teu fillo leva morto quince anos, Cynthia.

―E ti pensas que non o sei? ―Os seus ollos abátense no chan―. Miña criatura.

Todas a gretas do mundo afíanselle na cara. Unha arritmia de tacóns que molla o eco solitario. Néboa.

―“Turnedo” é a mellor composición sobre unha praia. Nunca fai sol na Compostela da miña infancia.

Renxen as bisagras do portal. As escaleiras empínanse. As paredes apretan coma un xersei de neopreno. Trisca a chave na fechadura. Sente o frío, a casa chea de néboa. Non hai máis que néboa no niño baleiro.

―Mami ―A néboa saúda dende unha habitación sen mobles ó fondo do corredor―. Mami, teño frío.

28 thoughts on “‘Abafando’ vs ‘Néboa’

  1. Abafando
    Un excelente relato. Unha historia simple e consistentemente cruel, cun personaxe moi moi ben definido (e moi atractivo). O texto flúe moi ben, para o meu gusto, e a linguaxe paréceme a adecuada. Por poñer un par de “peros”, non me acaba de convencer o título, e quizais me tería gustado máis que o ambiente no que se desenvolvese a historia fose fresco e agradábel en lugar de caloroso e abafante, para así contrapoñerse máis á personalidade psicopática do narrador. En calquera caso, paréceme un relato moi bo, dos mellores que levo lido até agora.

    Néboa
    Sendo unha historia atractiva, pasoume como con “Destino”, os primeiros parágrafos que comezaban por guión ao meu entender dificultan a lectura do texto, ocultan a historia importante, e non engaden suficiente atmósfera. Quizais (o máis probábel) é que fose eu, que non o entendeu. Penso que, unha por unha, son frases moi boas, mais que non me acaban de cadrar ben no relato.
    O meu voto é para Abafando.

  2. Abafando
    Realidade e crueldade en boa proporción nun relato contundente e directo,sen medias tintas .
    Bo análisis dos sentimientos da persoaxe principal, duro e cundo certo grado de arrogancia na sua relación ca psicologa.
    gustoume moito.

    Neboa
    Pareceume tamen un relato moi bo.
    Disfrutei lendoo, unha boa imaxe da soedade e da perda. Nalgun instante algunha frase fixome perder o fio do camiño principal.

    o meu voto e para Abafando

  3. Gustoume moito Abafando, seméllame moi ben pechado é consigue o que quere perfectamente. A personaxe está perfilada de forma xenial. Parabéns¡
    Néboa, gustoume ben, tamén, pero quizás lle me faltou esa sensación de peche. Aínda que a linguaxe está moi ben manexada¡
    Logo, vou votar a Abafando, pois creo que está un chisco máis pulido, quizás fose falta de tempo.
    Grazas polos relatos¡

  4. “Abafando”
    O problema que teño con este relato é que é o típico tópico da psicopatía feito cen veces e non vexo que aporte nada novo. Case un informe clínico, máis que un relato. En canto mencionou ó gato xa souben por onde ía tirar a historia. É consistente e está ben escrito, pero sen sorpresas.

    “Néboa”
    Moi suxestivo e máxico, a néboa e outra personaxe que pode pasar por metáfora ou como ente sobrenatural. O defecto é que o punto de vista parece cambiar, unhas veces parece narrar Manuel, outras, Cynthia.

    O meu voto, pola orixinalidade, vai para “Néboa”.

  5. De Néboa gustoume a imaxe final, precisamente da néboa invadindo a casa (unha pantasma) para darlle forma a unha ausencia triste. O espazo do bar como refuxio tamén está conseguido. A situación de ancorarse en alguén ou nun espazo para evitar ir a onde non queres. Os diálogos teñan un pouso irreal, enganoso, que por veces non me acaba de encaixar. É un bo relato en conxunto pero topou co protagonista retorcido do primeiro, o xerme do mal en estado puro. Poida que ese primeiro relato “Abafando” teña algunha frase que xa temos lido ou algunha pasaxe sobre a crueldade que nos soe, pero o rapaz vai gañando peso segundo o autor vai desenrolando o texto, e finalmente acaba apoderándose de toda a atención do lector.

    Voto por Abafando

  6. “Abafando”
    Concordo con outros compañeiros. Pareceume un pouco previsible, quizáis porque a figura do psicópata infantil cos animais é un recurso bastante frecuente, pero con todo, resulta un relato que invita a seguir lendo. A min sobre todo, gustoume a parte das sesións coa psicóloga. Pareceume unha parte non só divertida, senón fundamental para a definición do protagonista, até o punto de que me soubo a pouco. Como lectora teríame gustado que desenvolvera máis polo miúdo ese capítulo. Creo que o feito de que sexa previsible, pero atractivo pode ser un punto a favor. O título non me cadra moito co relato, e dalle un protagonismo á ambientación calurosa que creo que non aporta gran cousa, pero é o de menos.

    “Néboa”
    Trasladoume en varios momentos a tocar a soidade que pode provocar o sentir do niño baleiro. Ó primeiro parece que se escapa da foto, pero despois, cando se “desvela” o final, cobra sentido. Ten grandes momentos (“O whisky sen xeo esborrancha a agulla do reloxo”), pero en xeral o diálogo fáiseme un pouquiño deslabazado. Supoño que está feito así a conciencia. Un diálogo banal que mantén a protagonista para alongar o tempo e non ter que voltar á casa a enfrontarse coa dor (non sei se é esa a finalidade). Quizáis o que menos me gustou foi a parte da “volta á casa”, que me resultou un pouco “telenovela”. O formato fai que teña bo ritmo e a ambientación está moi ben conseguida.

    O meu voto vai para: Abafando

  7. O meu voto, por motivos sentimentais, vai para Abafando. Eu tamén sei o que é ter un pai ausente e unha relación difícil coa nai.

    1. O neno de Neboa tamén ten un pai ausente e unha relación dificil coa nai. Igual convén ser máis preciso na xustificación do voto.

  8. Coido que este é outro dos grandes duelos desta primeira xornada. Nunha primeira lectura “Abafando” incomodóume, quedouseme pegado durante un bo anaco, a crueldade extrema, o sen sentido ao que se lle intenta buscar un norte. Non o hai. Esa a conclusión que podería desprenderse. Unha personaxe complexa á que non lle falta nin lle sobra para que te achegues a ela.
    “Néboa” ten imaxes absolutamente incribles como “Quéimache os ósos coma un soplete de silencio” ou “As paredes apretan coma un xersei de neopreno”. Tamén recrea moi ben a atmósfera, a soidade, a desesperación pero fátalle ser un relato da solidez do seu rival.
    Voto por “Abafando” aínda que de boa gana repartiría o voto.

  9. A autora de “Abafando” tivo a mala sorte de se atopar no camiño coa maxia de “Néboa”, banda sonora inclusive (que aínda que non é a que eu lle poría, acáelle ben). Neste duelo non teño dúbida. O meu voto vai para “Néboa”, aínda sinto calafríos.

  10. ‘Abafando’ está moi ben escrito, as imaxes que describe perturbáronme pola claridade e a sinxeleza coa que están tratadas, e aínda que non resultou ser un relato de xiros sorprendentes, sentinme inmersa na historia todo o tempo.
    ‘Néboa’ ao principio desconcertoume, tardei en situarme na historia e aínda que o final pareceume fermoso, e triste, e intenso…

    Vou votar por ‘Abafando’.

  11. O meu voto vai para “Néboa” porque ten varias cousas que me gustan atopar cando leo un relato: un final inesperado; o diálogo que di moito sen que se note; e os personaxes contrapostos, onde cada un vai ao seu. Un dos relatos que máis me gustaron da xornada.

    “Abafando” é un texto moi cru e moi ben escrito, mesmo chegas a empatizar con c****´n do protagonista. Eu tamén penso que o psicópata nace e non se fae.

  12. “Abafando” non me chegou demasiado como relato. É un perfil psicolóxico ben feito, algo trillado, pero moi sólido e consistente. Un relato de protagonista onde o que me falta, ao mellor, é un final que lle dea unha idea á narración máis alá de mostrarnos o frío mal.

    “Neboa” é fermosísimo. Para min encaixa todo e todo pega. Algunha liñas son para enmarcar. O final é moi potente, con case nada. Está no meu top 3 desta semana, parabéns ao autor.

    VOTO a “Neboa”

  13. Abafando
    Acontéceme o mesmo que a Leticia e Natalia, todo soa ao manual da psicopatía e úsanse os mesmos resortes que vimos tantísimas veces antes. Fáltame unha chispa de personalidade na narración, un enfoque particular que o afaste de toda a literatura e a produción audiovisual que tratou a psicopatía infantil nos mesmos termos. Porén, está ben escrito e ten pasaxes ben interesantes, detrás hai un narrador moi competente que esta vez decidiu non arriscar. Tamén concordo en que o título non ten o mellor dos encaixes.

    Néboa

    A idea de alternar diálogos que amosan o ambiente do bar e partes narradas que serven para penetrar na psicoloxía dos personaxes é interesante. En xeral as metáforas usadas na parte narrada dirixida a Cynthia contribúen á atmosfera poética e melancólica que se pretende crear, e non son as mesmas metáforas que estamos fartos de ler mil veces. Emporiso, cando se leva o ton das partes narradas aos diálogos esvaece ese contraste que lle dá carácter ao relato e prívao de naturalidade, como a parte final do diálogo que abre o conto ou en especial aquí: «―Non quero marchar para casa, Manuel. Ven comigo. O camiño é longo, e frío. Quéimache os ósos coma un soplete de silencio.» (*soprete)
    Esa metáfora se estivese incluída nunha das partes narradas podería funcionar, mais aquí transmite artificialidade e non garda coherencia coa Cynthia que vemos noutras liñas.
    O mellor do texto está na segunda parte, os diálogos flúen e xunto coas partes narradas retratan esa ausencia do niño baleiro, a desesperación dunha nai que tenta enchelo a toda costa, aínda que sexa a través do sexo. Pero, unha vez máis, ten que se enfrontar á realidade.

    A decisión está complicada. Néboa é un relato máis afouto e Abafando está máis puído. Vou primar o risco e a singularidade de Néboa. O autor de Abafando de certo que sabe escribir, espero que nos seguintes duelos procure unha voz propia.

  14. Abafando

    Na literatura os temas nunca se agotan. Podemos escribir sobre romances, misterios, aventuras, autodescubrimento ou nenos psicopatas ata a fin dos tempos e seguirán sendo temas interesantes e apreciados polo lector. O que se agotan son as formas de tratar eses temas. A repetición crea tópicos e os tópicos, como os estimulos mil veces experimentados, deixan de crear sensacions. Este relato nin está mal escrito nin deixa de ser interesante pero é un gran clixé que toca todas as teclas do minixénero coa mesma melodía que xa escoitei en decenas de historias identicas a esta.
    Tampouco lle beneficia o flashback (que é medio relato), nin o titulo, pero si me gustou o remate.

    Néboa

    Os relatos con case todo dialogos son moi versátiles e serven para sacar dun apuro. Aquí está ben levado, excepto por un par de detalles, como o de ter que forzar que as personaxes aporten certa informacion necesaria, como cando Manuel di que o fillo de Cynthia leva morto 15 anos. Por qué non dicilo fora do dialogo, ese é precisamente o papel do narrador, non?
    Outro detalle que non me convence do deseño do relato é que a primeira vez que o lin non tiven claro a quen pertencía cada liña de dialogo. Ler o relato foi como imaxinar a imaxe dun puzle só vendo as suas pezas estripalladas polo chan. Cando se menciona a Cynthia no 2º parágrafo non está claro se se refire á persoa que falou ou é só un pensamento mais desa personaxe. A confusion incrementase cando se nos mostran os pensamentos de Manuel. Acepto mellor a Cynthia citando un soprete que as patacas de Manuel.

      1. Eu opino coma Daniel, medio punto para cada un. Se ao final da primeira fase segue o empate, súmanse os votos que cada un tivo nos otros dous relatos. E se aínda así continúa o empate, pois faise un relato de desempate.

      2. Obter medio punto dun máximo de 3 nun torneo onde realmente non se dan demasiados empates supón limitar moito as opcións de dous participantes.

      3. eu tamén penso que, nunha liga de 3 partidos, dar un empate é como se perderan os dous. vexoo tan perxudicial como se se declarase que leven 1 punto cada un (neste hipotético caso seriao para o perdedor do outro duelo deste grupo)

  15. “Abafando” ten un xeito de describir a acción que asemella ás grandes novelas realistas, tan ricas en detalles, tan visuais. A historia desgarradora demostra o macabro da natureza humana en apenas uns centos de palabras. Sen dúbida está ben levada.

    “Néboa” está moi ben levada. Pero moi, moi ben tendo en conta o difícil que é crear unha historia curta na que o diálogo leve todo o peso narrativo.

    Quédome con “Névoa”.

  16. Curiosamente, ambos relatos teñen bastante máis en común ca a imaxe fotográfica que os inspirou. Até poderían ser complementarios. Até podería haber un elo que os unise aos dous.

    Abafando

    Coido que todos os acertos están na parte das técnicas narrativas, na creación de atmosfera e no uso xerárquico do texto. Pero como xa se dixo aquí, se todo iso non serve para fuxir do clixé, o que nos atopamos non é un bo relato senón unha repetición, unha imitación, sen máis.

    Néboa

    Aínda que poderían estar máis afianzadas as súas calidades, aínda que me falta un narrador con pulso máis firme, aínda que me custa facer propio ese universo narrativo, coido que se intúen determinadas virtudes neste relato: evocación, lirismo… Seguramente habería que reescribir todo o relato para que sobresaísen eses aspectos que agora só se adiviñan.

    Voto por Néboa.

  17. Grazas a todas e todos pola emocionantísima xornada.

    Grazas a Lois Z por asumir a responabilidade do voto decisivo.
    Parabéns a Diego polo seu magnífico relato —cando o lin por primeira vez comecei a suar—. O perfil do psicópata está moi ben construido e ben podería ser o protagonista dunha exitosa novela negra que eu compraría seguro.
    Grazas tamén a todas e todos os que fixeron comentarios apuntado defectos e melloras. Esa información non ten precio.
    E para rematar, grazas a quen lle gustou relato, votaran por el ou non. Sei que non era fácil de coller en todos os seus matices, en parte polo meu estilo de escrita, pero sobre todo pola impericia do que escribe.

    Estou impaciente por sentarme a ler os vosos relatos da segunda xornada.

    1. Grazas polas túas verbas Fran. O teu relato contiña frases que me pareceron marabillosas como ese whisky sen xeo que esborrancha a agulla do reloxo. Moita sorte no resto da contenda.
      E tamén grazas a todos, tanto se o meu relato foi do voso gusto coma se non, polos vosos comentarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *