‘Abu Dhabi’ vs ‘Soldados de cemento’
Xornada 5. Marisol Gándara fronte a Fran Fernández Davila.
Abu Dhabi
#Tu y yo#
―Tía buena!
―Cachonda!
#Soldados sin batalla#
―Que apertada vas! Non tes calor?
―Se foses miña nai, cuspiría o biberón!
#Los dos#
―Vou limparche a pista de aterraxe!
―Onde reparten os permisos pra esas cachas?
#manteniendo guardia#
―Ven aquí, sube a este bazooka!
―Non lle fagas caso a ese, que eu che gasto máis calibre!
#Tú y yo#
De entre todos os soldados, Dennis e Miguel son os que máis burradas soltan. O comandante míraos con reprobación e sorna. Hai instrucións moi claras de non comportarse coma salvaxes, pero a calor do Golfo e as pernas das cantantes fan saltar algunhas válvulas. Nada que non pase cunha ducha.
#protegiéndonos#
Pola noite refresca. Trinta e sete, trinta e oito, trinta e nove graos. Algúns soldados saen dos barracóns para fumar e comentar o día. Miguel e Dennis saen pasear por entre as dunas. Seguen o ruído do mar. Sentan na praia, ao borde da auga, e mollan os pés. Cóntanse chistes de tetas. Falan a berros e, pasado un silencio, dous silencios, tres silencios, fan das ondas unha cama. Cómense a bicos de camarada e agárranse polas pupilas. Miguel afunde a cabeza na tona e acaban espidos sobre a area mollada.
#Los dos#
Polo día, todo son risas e empurróns. A misión pasa aburrida. Manobras rutineiras e simulacros de loxística. Os americanos mallan en Basora a setecentas millas. Hoxe toca practicar o desembarco. Non hai praias en Iraq, pero si nos Emiratos. Hai tanto mar nos Emiratos…
Pesan as mochilas cheas de area. Os sarxentos berran. O pelotón salta da embarcación e corre cara un obxectivo imaxinario. Pérdese entre as dunas e a calor. A lancha regresa ao barco. Miguel e Dennis quedan á zaga. Un deles partiu un nocello ao saltar. Os dous comparten ombros e tres pernas. Soan catro disparos. O seu amor mancha a nosa area.
Camiño amodo cara eles. Ninguén nos mira. Miguel respira entre as costelas. Burbullas de aire e sangue. Dennis é un corpo para secar. Poño a punta do canón no gatillo do seu CETME. Unha saliva de chumbo remata a Miguel. Cabeza sobre o peito do compañeiro. Ollos abertos nun aquel de incomprensión. A sesenta graos, tardarán segundos en volverse pasas, pero eu xa teño redactado o informe. Crime pasional. Choro mentres saco a foto que porei no anexo. Nela aínda río, abaixo á esquerda, e ninguén o nota. A mirada marcha sempre cara a eles dous. Imposible fuxir da gravidade dos seus corpos.
#soldados del amor#
Fran Fernández Davila.
………………………………………………………………
Soldados de cemento
Ninguén preparou a Felipe para aquela guerra consigo mesmo, coa familia. Nin os xornalistas de La Voz nin os reporteiros da TVG afondaron no dobre parricidio que executou en Arcade. Nunca o fan. Tampouco cuestionaron por que el, autor confeso, se suicidou días despois. Para que? Son traxedias esquecidas antes de que comecen a corromperse os corpos. Cemiterios cheos de dramas ignorados. “Sempre saudaba”, din todos perante a cámara. Case nunca é certo.
Felipe era un deses que foi deixando de saudar, un anel de luz intermitente dentro dun verme infinito a arrastrarse cada mañá cara á cidade. Tardou en ter coche propio. Algunha vez soñou con muxir esa vaca de cemento pero sempre volvía coas mans sucias e ásperas de traballar o seu ubre seco. Os andamios son animais ingratos. Así durante décadas. Tiña rutinas: os viños pola vila, visitar a Laura do Avenida ou buscar outra alma en pena. Mulleres coma el, rotas polo desapego. Iso con sorte, se non ía de putas e rendibilizaba unha noite durante meses. Os hoteis eran escasos, os coches incómodos, o resto caro. Emancipación, unha palabra no parte. Non había cama nin terra segura pero tiña unha certeza. “Que falta me facía”, murmuraba tras exacular fronte a un lavabo Roca que tivera brillo había cincuenta anos. Eran os tempos de escapar dos berros, de mamá, da zapatilla, outros medos. Sentía noxo da vida pero gustáballe o alcohol. “O importante é ter unha razón para seguir tirando”, celebraba levantando o vaso da barra cun pouso de borracho culpable. Pensaba o mesmo cando compraba ás agochadas dunha nai dependente e un pai xordo de remate. “Hoxe é un día especial”, chanceaba coa caixeira que sorría con máis compaixón que ganas. Todos coñecían a historia. A vila era un purgatorio, o ceo unha botella, os bares o confesionario. Alí os tópicos convertíanse en bombas de fragmentación traídas do pasado para estourar nun presente histórico. “A culpa é de meus pais, da miña ex, da merda de traballo”, xuraba en momentos ebrios, e as camareiras indultábano con outro trago para que a memoria calase. Lembrar era o pecado orixinal, reflexionar a penitencia. Na súa cabeza a felicidade mesturábase con tres partes de feces e unha de betadine ata que o corazón se lle volveu cemento. “A morte cúrao todo”, dixo antes de sentirse unha pantasma e cargar a almofada cun peso que ben valía un relato. Confesouno todo como se falase co médico ou co párroco, na vez de cun policía, o funcionario que liberou a súa alma. Agoniou durante 72 horas entre bágoas ata que decidiron levantar o corpo do chan da cela.
Días despois estaban todos enterrados como se anunciou nas tres necrolóxicas penduradas do taboleiro de cortiza da igrexa. Algúns persignáronse ao lelas, outros dixeron “vaia por deus”. A maioría quedou de pedra. Asistiron moitos ao primeiro enterro, case ninguén ao segundo. Sabían que aquela familia desaparecera había décadas. No camposanto volveron ser o que sempre foron, a profecía cumprida dunha sociedade desapiadada e imperfecta.
Procedo a dar a miña opinión deste duelo.
Abu Dhabi
Paréceme orixinal meter a historia dos protagonistas nun escenario real : a actuación de Marta Sánchez na Guerra do Golfo nos anos 90.Tamén me gustou usar as frases da canción coma se fose un fío musical moi atinado. Pero o resto non me convence. E o “cara” co sentido de “hacia” ten que ser “cara a”.
Soldados de cemento
Encantoume todo deste relato. Un xeito orixinal de tratar un parricidio. Moi ben retratado o personaxe de Felipe, un personaxe que intenta afogar as súas frustracións, que sempre encontra culpables que non son el mesmo.Ten frases brillantes e gústamen moito o final. Os meus parabéns. Outro dos meus favoritos nesta xornada.
O meu voto é para Soldados de cemento.
Abu Dhabi
pareceme como a Pilar moi orixinal o escenario escollido polo autor. Minipunto por esa idea.
Nun primeiro momento pareceume excesivo recrear as frases deses 2 soldados, pero enseguida entendin que o que facian era disimular. Está ben que o relato transmita esas cousas sen dicilas explicitamente.
Pareceume un pouco brusco ese cambio a 1º persoa. Ata ese momento non me parecía unha narracion nese estilo, quero dicir que non parece a mesma persoa narrando todo o tempo. o final é duro, paréceme algo melodramático e tráxico de mais cando penso no contexto realista no que se situa a accion, inda uqe sexa o exercito. Penso que non é homofobia senon celos o que disparou eses catro tiros. Tamen me extraña que a compañia deixara atras a eses 2 excepto se foi adrede e mais ainda cun ferido, e de ser asi pareceria cousa planeada e un nocelo non se torce segundo un plan.
En resumo, o texto paréceme ben montado e narrado, os paus das emocions ben tocados. Fállame algo o conxunto, a suma das partes dame unha imaxe que non acabo de crer. En vez de 4 tiros poderia ser unha expulsion con deshonor do corpo militar e creríamo mais sendo igual de inxusto e co mesmo final. Ese dobre asasinato é matar moscas a canonazos no deseño do relato, deste relato. Tamen doen outras cousas, non é as traxedias gregas.
Soldados de cemento
cada frase deste relato pesa un quintal, é como se levase unha pesada maleta chea dun negro trasfondo. Felipe qeuda retratado como nun deses debuxos hiperrealistas que parecen unha foto. A parte central do relato é ata deslabazada, parecen sensacions escritas conforme veñen á mente mentres falas dalguen real. Raias nun papel. E aí, entre elas, está Felipe ó completo. Curisoamente nin se mencionan os motivos polos que mata ós pais, non se explican, o relato non fai sangue desa traxedia, só che mostra as esquelas e che di que ninguen afondou niso nin o entende de todo. E o que mais medo da é que Felipe non era un tolo, non nos podemos agarrar a nada, Felipe pode ser calquera baixo presion. Que mais vou dicir, pareceme un gran relato.
Gustei moito dos dous relatos. Do primeiro chamoume a atención a orixinalidade da súa estrutura que, para min, é o máis salientable do relato. Pola contra, non me resultaron demasiado convincentes os efectos que provoca a relación entre os dous soldados. Penso que tentou afastarse da típica historia de relación homosexual no exército, mais non me pareceu que o lograse completamente. Do segundo, nunha primeira lectura, botoume para atrás que a súa inspiración na foto fose demasiado metafórica, mais, logo de superar ese prexuízo, gustei da historia, bastante típica eso si, mais cun aire deprimente e derrotista que me enganchou.
O meu voto é para ‘Soldados de cemento’
Bo día! Estes dous relatos gustáronme bastante, parabéns aos duelistas!
‘Abu Dhabi’: sorprendeume tamén o cambio repentino de narrador, pero polo demáis, valoro a ambientación, o uso dun escenario real e a descrición desa relación e a traxedia posterior.
‘Soldados de cemento’: está moi ben construída a imaxe do personaxe, e a linguaxe utilizada encantoume. Pola contra, non acabo de entender de todo a historia.
O meu voto é para ‘Abu Dhabi’
Tremendo duelo, creo que o mellor dunha xornada xa de por si moi boa. É curioso o musical que estivo a xornada en xeral.
“Abu Dhabi”, como xa dixeron os compañeiros o gran acerto do relato é o formato, o telón de fondo, Marta Sánchez (hai algo que non mellore con Marta Sánchez? Poida que a propia Marta…) Está moi ben usada a foto, un pode ver a empatía que hai entre os tres. Tamén é habil o uso do falso protagonista, que te obriga a ir mirar a foto. O romance está levado con moita dignidade e sen ser demasiado meloso. As mortes son, como deben ser… Pero para min falta un chisco de conexión entre o terceiro en discordia. Creo que a clave está nese parágrafo que lle pertence, poida que aí houbese que facer algo máis, pero a munición xa estaba toda tirada.
“Soldados de cemento” aquí a conexión coa foto é máis metafórica. Pero a min neste caso dame bastante igual. Este é un desos relatos de persoaxe que te deixan tiritando. E que ademais relata algo que, penso, é bastante descoñecido. Na miña aldea, que é unha entre moitas, morreu o outro día o último borracho de toda unha quinta, non hai, literalmente, apenas homes de 55 anos. Fun atopando en cada unha das pesadísimas sentenzas cachiños de cousas que recoñezo e me fixeron lembrar cousas que prefería ter olvidadas. Confeso que o rematei completamente exhausto. Gracias.
O meu VOTO vai para “Soldados de cemento”, polo que consegue evocar, e porque me parece un dos mellores relatos do torneo. Parabéns aos dous por un duelo de tanta altura.
Para min este é o duelo da xornada. Parabéns aos autores por dous relatos que me deixaron ben descolocado.
De Abu Dhabi teño que dicir que entrei algo escéptico porque aínda que me leve a deshonra, non son fan a morte de Marta Sánchez. Aínda así, paréceme moi enxeñoso o uso da canción e dos berros dos soldados, que encaixan mellor tendo lido a segunda parte, pero cústame algo a transición que e fai hasta esta, esa 1º persoa sácame algo do relato, fora da coherencia da situación, que gozo totalmente, a pesar do dramatismo. Paréceme ben narrado, aunque quizais se poida atopar algún truco que suavice esa transición.
Soldados de cemento, a pesar de custarme un par de lecturas, salio del coa idea de que é o relato do torneo, de momento. Que pasada de narración. Ese ton escuro e que en ningún momento se fai demasiado pesado ou victimista, senón que transmite perfectamente o ton frío do observador. É maxistral e creo que me vai acompañar bastante tempo. Non sei a que aspira o autor, pero con cousas así estase preto.
O meu voto vai para Soldados de cemento.