BiosBardia

O país dos libros en galego

Quen somos

BiosBardia é unha revista dixital sobre libros en galego. Publicamos noticias e reportaxes. Tamén entrevistas e críticas, tanto sobre libros en galego coma noutros idiomas, tanto sobre literatura coma de calquera outro tema que consideremos de interese para mellor coñecermos o que sucede.

Queremos facer xornalismo cultural con rigor, independencia e profundidade.

Dona Orraca é a nosa sección dedicada á historia. Historia que se entende, información sobre o pasado construída de maneira divulgativa e accesible.

Considerámonos un medio de comunicación en galego e formamos parte dunha rede cada vez máis ampla. Proxectos novos e sustentados na ilusión que merecen atención e recoñecemento. Falamos deles na sección Os medios en galego importan.

Ademais de falar de literatura, queremos que nas páxinas de BiosBardia haxa literatura. Na nosa sección de Creación publicamos textos de narrativa, teatro e poesía. Relatos, novelas por entrega, poemas, obras teatrais… Se queres participar, envíanos o teu texto a biosbardia@gmail.com.

Desde o 2017 publicamos torneos de duelos literarios en diferentes formatos, coa participación de case unha trintena de autores e autoras.

Este é un proxecto aberto e gústanos que nos escriban, que nos propoñan, que nos esixan, que nos escollan para publicar.

Dirixe BiosBardia César Lorenzo Gil (Arbo, 1977). É xornalista e editor. Dirixe Aira editorial. Forma parte do comité de redacción da revista Luzes. Foi coordinador de A Nosa Terra Diario (2008-2011) e redactor da sección de Cultura de A Nosa Terra durante máis dunha década.

Participan neste proxecto tamén:

Manuel Veiga. Xornalista e escritor. Como novelista gañou o Premio Xerais e o García Barros. No seu labor como ensaísta tratou temas da historia e da literatura de Galicia. A súa traxectoria xornalística está vinculada ao proxecto A Nosa Terra, no que traballou tres décadas. Dirixiu a cabeceira entre o 2007 e o 2010.

Xan Carballa. Xornalista. Desenvolveu diferentes responsabilidades no proxecto A Nosa Terra durante tres décadas. Foi xefe de Cultura no semanario, dirixiu Edicións A Nosa Terra e foi subdirector do semanario entre o 2007 e o 2010. Publicou dous libros sobre a vida e a obra de Valentín-Paz Andrade e outros dous de conversas, un co teólogo e político Francisco Carballo e o outro co político e economista Xavier Vence. As súas reportaxes e entrevistas poden consultarse neste enlace.

Xesús González Gómez. Crítico. O seu labor profesional desenvolveuno en Barcelona, nos estudios de RNE. Como crítico ten unha ampla bibliografía e unha longa traxectoria en diversos medios xornalísticos de Galicia e de fóra. Experto no movemento surrealista, publicou antoloxías, estudos críticos e tamén libros de ficción, caso d’A lingua secreta. 

Xosé Enrique Acuña. Editor, xornalista e escritor. Responsable de distintas exposicións artísticas e documentais. Premio da Crítica de Galicia 2010. Publicou a novela O Café do Idioma (Fricción).

Lois Z (Lois Pérez Diéguez). Crítico literario. Licenciado en Bioloxía.

Eva Moreda. Narradora e crítica literaria. Foi gañadora ou finalista de numerosos certames, como o Terra de Melide, Narrativas Quentes, Manuel Murguía de Relato, San Clemente, etc. Reside desde o 2006 en Reino Unido, onde actualmente é profesora titular de Musicoloxía na Universidade de Glasgow.

Se queredes contactar con BiosBardia amais de nas redes sociais podedes escribir a biosbardia@gmail.com.

Só se publicarán comentarios identificados con nome e dous apelidos. Eliminaranse inmediatamente, igual que todos aqueles comentarios que sexan irrespectuosos. Graciñas por dialogar connosco.

10 thoughts on “Quen somos

  1. Parabéns pola revista. Contenta do vos ter atopado. Filgueira, as vezes, ainda fiz algo de bem….A pessar da sua nefasta influencia quer no ensino, quer na vida política, e de eu estar completamente em discordia com esse nomeamento para as letras galegas. Neste pais ( Galiza)sempre há quem tem ganhas de incordiar…
    Adela Figueroa

  2. Parabéns pola revista.
    Fixen unha referencia bibliográfica a “Requisitorias militares e tantas outras historias sumadas” [Luis de Vicente Sasiain], de Xosé Enrique Acuña, 27 de outubro de 2016, no meu libro sobre o franquismo en Ibros (Xaén), de onde son meus pais. Grazas.
    Antoni Martínez i Carmona
    Castellbell i el Vilar.

  3. Estimados amigos: son profesor na Coruña. Anda na procura dun contacto con Xesús González Gomez, veciño e vello amigo da Rúa, da quinta de Os Cigurros. Cumpríame ter o seu teléfono ou correo electrónico para me pór en contacto con el. Podedes facilitarlle os meus datos.

    Fico agradecido pola vosa axuda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *