BiosBardia

O país dos libros en galego

Acrósticos de escarnio e maldicir

Xesús González Gómez.

No número 17, correspondente ao mes de maio de 1917, a revista «vangardista» Sic, fundada e dirixida polo poeta Pierre-Albert Birot, publicaba textos de Apollinaire («Pablo Picasso»), Pierre Lérat («As investigacións do futurismo»), Luciano Folgore («O futurismo»), etc., e deseños e gravados de Giacomo Balla, Depero e E. Prampolini. Na última páxina aparecía un poema de Jean Cocteau, presentado desta maneira:

Un poema do autor do tema de PARADE

RESTAURANT DE NUIT

 

Paris mes cinq cent louis ont filé dans ton fleuve          

Ah n’entendez-vous pas

Un voyou moribond pollue son habit noir

Verte une fille nue piétine ton chapeau

Regarde-les danser implacablement ivres

Extatiques fantômes aux yeux hallucinés

Sifflez sifflez voici les âmes que je fus 

Bactriane ó cité des idoles tes temples

Instincts marée profuse flot de feu

Rivalise donc enfin

O flamboiement atroce et doux de cette fête nocturne

Tandis que mon frère meurt asphyxié 

Sinistre éveil d’une ère nouvelle

JEAN COCTEAU

(Velaí unha versión galega un pouco desviada: RESTAURANTE DE NOITE: «París os meus cincocentos luíses fluíron no teu río / Ah non oes / Un tunante moribundo contamina o seu vestido negro / Verde unha rapaza núa tripa o teu sombreiro / Repara en como danzan implacabelmente bébedos / Extáticos fantasmas de ollos alucinados / ‘Subiade asubiade as almas que fun /Bractiana*  oh cidade dos ídolos os teus templos / Instintos marea profusa vaga de lume /Rivaliza por tanto finalmente / Oh resplandor atroz e doce desta festa nocturna / Tempo ese no que meu irmán morre asfixiado / Sinistro espertar dunha era nova» * Rexión do Afganistán setentrional no tempo de Alexandre Magno.)

Mais en realidade non era un poema de Jean Cocteau, senón de Theodore Fraenkel, compañeiro de estudos e íntimo amigo de André Breton, de quen falamos hai pouco. Para máis inri, era un acróstico no que se pode ler «Pauvres Birots» (Pobres Birots). No número seguinte da revista aparecía esta nota:

UNHA FALSIFICACIÓN

O poema asinado Jean Cocteau publicado nesta praza no nº 17 de SIC é unha falsificación.

Se esta falsificación puidese dalgunha maneira ofender o poeta, estaría eu fondamente desolado por axudar o falsario, mais felizmente manobras deste tipo nunca fixeron mal a ninguén, agás aos que as realizan e todos sabemos que non hai que ver en todo isto –falsificación e cartas anónimas– máis que unha homenaxe de lacaio.

PIERRE-ALBERT BIROT.

Seis anos e medio despois, o 12 de novembro de 1923, no xornal parisiense Le Journal, na sección «Le Magazine Littéraire», que se publicaba os luns, apareceu a seguinte noticia:

«Un poema de Moréas a Aimée Tassandier  

»Os que coñeceron a Aimée Tassandier, que morreu recentemente, lémbranse dos magníficos álbums, cheos de recordos dunha vida mellor, que nos seus derradeiros anos a grande artista amaba follear: Barbey d’Aureville, Robert de Montesquiou, Toulouse de Lautrec, Jean Moréas, Anatole France, etc., encheron para elas as páxinas.

»Que foi destes tesouros?

»Cando menos, unha desas páxinas non se perdeu, como nos comunica un dos nosos lectores. Un día que folleaban xuntos o precioso álbum, en Cannes, hai preto de seis anos, Aimée Tassandier autorizouno a copiar estas estanzas que Jean Moréas escribira para ela:

Une feuille au déclin de son vol solitaire

N’attend que d’elle-même un destin glorieux;

Toi dont le front descend lentement vers la terre

Renais pour le laurier dont se ceignent les dieux.

Ici l’orage éclaire une maison tranquille

Sans remuer en moi souvenirs vivants,

Te retrouver, jeuneusse, au-dessus de la ville

En guettant le rétour des oiseaux et des vents!

Si l’aquilon, qui chase en sa course superbe

Inutilment l’or d’un nuage marin,

Retrace mon amour sur les moires de l’herbe,

Echo, dis-leur mon nom par te conque d’arain.

[Unha tradución literal ao galego diría, máis ou menos, o seguinte: «Unha folla no ocaso do seu voo solitario / Só dela mesma espera un destino glorioso; / Ti cuxa fronte descende lentamente cara á terra / Renaces polo loureiro que se cinguen os deuses. / Aquí o lóstrego ilumina unha casa tranquila / Sen remexer en min lembranzas vivas, / Atoparte, mocidade, encima da vila / Espreitando o regreso dos paxaros e dos ventos! / Se o aquilón, que persegue no seu curso soberbio / Inutilmente o ouro dunha nube mariña, / Retraza o meu amor no tornasol da herba, / Eco, dille o meu nome pola túa cuncha de bronce.»]

»Segundo o noso correspondente, estas Estanzas foron escritas cara a 1899. Foi a finais de 1899 que Jean Moréas rematou Iphigènie. Contou en Paysages et Souvenirs que Sylvain arrancoulle o manuscrito, durante o verán de 1903, para facer aplaudir a obra en Orange e no Odéon. O papel de Clytemnestre foi interpretado por Aimée Tessandier. Despois da representación, Moréas escribiu “que ela era a traxedia mesma”: admirábel homenaxe, o máis precioso que podía recibir esta grande artista. Ese día recibiu a parte de gloria que lle correspondía e foi da man do máis nobre dos poetas.»

Dous días despois, o 12 de novembro, na sección diaria, asinada por Les Alguazils, do xornal Le Figaro, «Courier des lettres» podíase ler: 

«Unha mistificación máis!

»Le Journal publicaba antonte un poema de Jean Moréas que lle enviara un dos seus lectores. Estas estanzas, dedicadas a Aimée Tassandier, estarían copiadas dun dos preciosos álbums da grande artista. Éilas [reprodúcese o poema]:

»Estas estanzas, engadía o correspondente de Le Journal, estarían escritas en 1899, ano en que Moréas acabou a súa Iphigènie. Catro anos despois, a Sra. Tessandier interpretaría triunfalmente nesta traxedia o papel de Clytemnestre.

»Ai! Un azar permítenos hoxe afirmar que a boa fe do noso colega viuse sorprendida e que baixo a máscara do seu cándido lector se agochan os trazos burlóns de dous mozos letrados, que quizais esta vez confundiron o gusto polo pastiche co gusto tout court.

»Obsérvase, con efecto, que estas estrofas forman un acróstico misterioso para nós: un triste sire [un home patético].» [O de «un novo pastiche» con exclamación viña dado porque naqueles anos aparecían «inéditos» de Rimbaud, Mallarmé e outros poetas do XIX francés a eito.]

O día seguinte, o 15, no vespertino Paris-soir, no que colaboraban diversos escritores que logo formarían parte do grupo surrealista, aparecía este «solto׃

«Les Alguazils de Le Figaro descubriron que o pretendido inédito de Jean Moréas publicado recentemente en Le Journal non é máis que un pastiche, cuxo acróstico forma esta frase irreverente: un triste sire.

»Podemos nomear agora os autores: Louis Aragon, André Breton, Paul Éluard, Robert Desnos, Marcel Moll [sic, por Noll] e Roger Vitrac.

»Por que esta argallada?

»“Para demostrar, dinos un deles, que actualmente a publicación de inéditos non presenta ningunha garantía, agás cando se puido ir ás fontes”.

»Estes mozos propuxéronse vingar a Rimbaud atacando os poemas amados polos seus detractores.

»En todo o caso, conseguiron probar que a arte de “pastichear” –e de enredar– é, en suma, abondo fácil.»

O luns seguinte, é dicir, o 19 de novembro daquel 1923, en Le Journal, na sección xa citada, daba a súa resposta: 

Unha broma que acabará mal

«Os versos atribuídos a Jean Moréas que publicamos, son falsos. Unha carta, que tiña un acento de honestidade, mesmo de emoción, sorprendeu a nosa boa fe. Detalles habilmente elixidos, a data atribuída ao poema, contribuían a facer plausíbel a autenticidade. Estes versos podían ser versos de álbum polos que un poeta confuso, e que quere agradar, se copia mais ou menos a si mesmo. Mais estas pretendidas Estanzas dun nobre poeta morto a unha grande artista cuxa tumba apenas se fechou, forman un acróstico: Un triste sire. Mozos que se coidan de letras gábanse de seren os autores desta cousa. Hai vilanías estúpidas que só poderían castigar os tribunais. O executor testamentario de Moréas ten a palabra.»

Case dous anos despois, o 22 de agosto de 1925, o poeta Benjamin Péret, entrega a Le Journal Littéraire, no que viña colaborando desde o mes de agosto do ano anterior, a súa derradeira colaboración: «Un poeta serbio en París». Neste artigo, o autor de Je ne mange de ce pain-là (cuxa tradución galega sería: Desa auga non beberei) preséntalle ao público francés e entrevista ao poeta nacional serbio Milan Pizditch, autor de «vinte libros de poemas, once novelas e oito dramas». Pizditch, segundo Péret, era moi coñecido en Centro-Europa e Rusia mesmo antes da guerra, participou en todas as batallas a favor da independencia de Serbia e da democracia, etc. Mesmo se entrega un poema del, traducido ao francés por un compatriota do poeta que durante a guerra mundial loitou na fronte francesa, Yovan Kravitch, poema («A xiganta») pertencente ao seu libro máis coñecido: Do clarín ao canón, etcétera. Como pode imaxinar o lector (a lectora), o artigo, a entrevista era unha pura invención de Péret, como o poema, que transcribimos:

 

Tandis que le soleil semblable à un ventre

Aplatit l’horizon impassible de mes rêves

Sous le poids gigantesque de son ennui,

Dors géante sortie toute armée de l’orage.

Erreur! Elle se lève et regarde le ciel

Comme l’enfant contemple sa mère

Oubliant que le ciel l’a jetée sur la terre,

Condamnée aux perpétuelles fureurs.

Hors d’ici, lui crie la montagne, tu me caches la forêt, 

Osant ainsi attaquer à ce reflet du ciel.

Non, c’est moi qui vous commande,

Sans moi vous ne seriez que souffles imbéciles et ridicules fantômes.

[Unha versión literal ao galego diría: «Mentres o sol semellante a un ventre / Esmaga o horizonte impasíbel dos meus soños / Baixo o peso xigantesco do seu tedio, / Dorme xigante nacida armada da tempestade. / Erro! Érguese e mira o ceo / Como o neno contempla a súa nai / Esquecendo que o ceo lanzouna á terra, / Condenada aos perpetuos furores./ –Fóra de aquí, bérralle a montaña, agáchasme o bosque, / – Ousando atacar así ese reflexo do ceo. / –Non, son eu quen vos manda, / Sen min só seriades sopros imbéciles e ridículos fantasmas.]

Non se sabe por que Benjamin Péret se despediu da colaboración nese xornal con este «canular». Ademais, o poema agocha un acróstico, que os redactores do xornal non percibiron:  Tas de cochons (fato de porcos). Debido a este acróstico, podemos intuír que as cousas entre o poeta e os responsábeis do xornal acabaron de mala maneira.

Pouco menos de catro anos des que aparecera este artigo de Benjamin Péret nese xornal francés, o 14 de abril de 1929, domingo, celebráronse en toda España actos de homenaxe e adhesión ao ditador Miguel Primo de Rivera. O día seguinte, o xornal madrileño La Nación, que se creara para apoiar a ditadura primorriverista, deu ampla noticia do evento nas súas páxinas. Na terceira páxina, entre fotos, adhesións múltiplas, etc., aparece o seguinte «solto» (mantemos a versión española):

Una adhesión simpática

«Entre las adhesiones recogimos ésta, digna de ser destacada. Trátase de una señorita de quince años, que en carta muy sentida, recordando que hace poco oyó un hermoso discurso del Presidente, rebosante de patriotismo y de bondad, quiere expresar sus sentimientos en un soneto, que acompaña, y es como sigue: 

¡Paladín de la patria redimida!
¡Recio soldado que pelea y canta!
¡Ira de Dios, que cuando azota es Santa!

 

¡Místico rayo que al matar es vida!

Otra es España a tu virtud rendida:
ella es feliz bajo tu noble planta.
Sólo el hampón que en odio se amamanta
blasfema ante tu frente esclarecida.

Otro es el mundo ante la España nueva:
rencores viejos de la edad medieva
rompió tu lanza que a los viles trunca.

Ahora está en paz tu grey bajo el amado
chorro de luz de tu inmortal cayado.
¡Oh pastor santo! ¡No nos dejes nunca!

Mari Luz de Valdecilla.»

De rapaza de quince anos, nada de nada: o poema escribírao José Antonio Balbontín, que chegaría a pertencer ao Partido Comunista de España, e que o abandonaría en diversas ocasións. Balbontín exiliouse en Londres, no 1970 volveu a España e colaborou en ABC e Ya. Antes, é dicir, durante o seu exilio, a súa sinatura podía verse na revista dirixida por Juan Fernández Figueroa, Índice. Revista que un día Alfonso Sastre cualificou, atinadamente, de «anarco-seminarista» (ou foi só ao seu director?). Á parte, como se decatarían a/os lectora/es, tamén é un acróstico, que di exactamente: «Primo es borracho»: non se sabe –perdón, non sei– se na redacción do xornal «rodaron cabezas».

Moitos anos despois, polo 1986, ano antes ou ano despois, correu, en «edición» fotocopiada, entre a «intelectualidade» galega o seguinte poema:

Xorro de xuro a túa pruma bota,

Grandísimo mamón, face de moco,

Orneo tras orneo se denota:

Non fas reseñas e crítica tampouco.

Zaluto de currinche, gonococo,

Avéspora pechada nunha pota,

Lambonciño cagón, sabes moi pouco

E o pouquiño que sabes non se nota.

Zoilo burrán, a túa merda estoupa

Gomitada por riba do teu coco,

Ouh mulo carallán de pouca monta.

Mentireiro, bufón e máis paifoco

É unha gran conachada o que ti contas;

Zurullo lacazán e peido louco.

A viuda de Caín

Déixolles aos lectores e lectoras o pracer de descubriren o acróstico. «A viuda de Caín» era o pseudónimo… de quen? Non o podo afirmar con rotundidade. Segundo eu era tal; segundo Vicente Araguas, era cal, e talvez o autor de A canción do verán estea no certo. A cousa está entre dous poetas; un, infelizmente, falecido; o outro, felizmente, vivo: ambos pertenceran ao grupo Cravo Fondo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *