BiosBardia

O país dos libros en galego

Adrià Pujol, un ‘flaneur’ heterodoxo

Adrià Pujol.

Xesús González Gómez.

Collo na biblioteca un libro de Adrià Pujol Cruells, Picadura de Barcelona (La Bisbal d’Empordà, Edicions Sidilla, 2014). Desde que lin un libro seu, posterior a este, Els barcelonins (L’Avenç, 2018), o escritor empordarnès fixo de min un «pujolista». Pujol ademais de novelista, narrador, tradutor (excelente é a súa versión de L’Eclipsi, de Georges Perec –La Disparition–, novela na que non aparece nunca a vogal máis corrente no idioma galo: o e –lembremos que entre as tradutoras da versión española, El Secuestro, Ed. Anagrama, está Rexina Vega), é, sobre todo, antropólogo. Nos últimos tempos tiña columna en Quaderns, suplemento semanal en catalán de El Pais. O seu modus vivendi, se non cambiou nas últimas semanas, é o ensino.

Picadura de Barcelona é a ollada de alguén (un campesiño, no sentido que lle dá a palabra Louis Aragon en Le Paysan de Paris) que se integra na Cidade Condal chegado de «provincias»: é una ollada, á vez, literaria, histórica e antropolóxica, con moita influencia, non a nega o autor de Georges Perec, sobre todo de La vie mode d’emploi e, como non podía ser doutra maneira, de Tentativa para esgotar un lugar parisiense. Non hai que descartar a influencia, en certo modo, baudeleriana ao lonxe: é dicir, estamos perante un libro escrito por un flaneur. Mais o flaneur non é natural da cidade na que pasea –na que se perde. Nin nesa cidade están as raíces da súa nenez (como acontece en Infancia en Berlín cara a 1900, de W. Benjamin, etc.). É a ollada dun flaneur «forasteiro» que fai súa a cidade e vese na imposibilidade de apertala. En certo xeito, quizais no fondo de todo, como modelo, estea Tristes trópicos, de Claude Lévi-Strauss, de quen Pujol traduciu algún texto.

Porén, non vou facer una recensión deste excelente libro, que recomendo a todo/as:

a) que gusten de Barcelona; b) que queiran facer un libro sobre o seu lugar natal, ou o seu lugar de residencia; e c) a aquelas/as que amen a literatura, sen adxectivos nin xéneros de clase ningunha. Non vou falar dos seus «ataques» a escritores cataláns moi ben considerados, nin reproducir moitos do sarcasmos que inzan, felizmente, o libro: «Profesionais das conferencias: vendedores de fume».Ou «A identidade é unha materia escura, louca», etc. Nin falar do seu reviramento da lingua, do catalán, con neoloxismos e invencións de palabras que a lectora, ou o lector, capta axiña porque están tirados da vida cotiá (e da literatura): riojaneirizar, rectovalfogonitzar (referíndose ao poeta coñecido como o Rector de Vallfogona), etc. Digo que non vou facer ningunha recensión do libro, nin mesmo sinalar as contradicións en que cae o autor e algunha que outra couce mal dada (contra Vázquez Montalbán, que escribía de Barcelona vivindo, dinos, nun, digamos, chalé, as aforas da Cidade Condal: de acordo, pero durante máis de vinte anos naceu, criouse e (mal)viviu no centro de Barcelona, no que entón se coñecía como Barrio Chino e hoxe polo neutro Raval. Vázquez Montalbán, sabía do que escribía). Non, non vou facer unha recensión, só traducir uns cantos parágrafos que, acho, serven para todo escritor/a, e serven para reflexionar:

«Diante dun parágrafo de Xammar ou de Carner, e penso antípodas á posta, diante deles eu só atopei dúas saídas: ou deixalo correr e dedicarme a ler e xa está, ou intentar copialos. Porque escribir é un traballo. Ou un castigo, desde que me levanto até que me deito só penso en escribir.»

«Escribir é una empresa […] Escribir é un padecemento, ou unha variante da pedantería? Depende: existen os epistolarios e os famosos dietarios, dúas concepcións da escrita para minorías ou nulidades lectoras. escribir é unha droga. Cando xa hai días que non escribo, mesmo horas, unha xaqueca de palabras asfíxiame o cranio desde dentro. Despois de todo un día de camiñar, de traballar, de comer e de falar, despois de cear teño que escribir.»

«[…] os meus libros premiados até o de hoxe só inauguraron coleccións que deseguida se afundiron, ou clausuraron vellas, cos meus escritos como se fosen as necrolóxicas. Outro tomaríao como un aviso en toda regra. E a pesar disto, non podo deixar de escribir. Escribir é como fabricar rosarios. Trátase de ir enfiando doas, as que sexan necesarias, até que o rosario, ás veces o da Aurora, fique acabado […]. Escribir é sacrificar o tempo a todo o que non sexa escribir. Se non se procede así, daquela se chama redactar. Escribir, paga a pena?» «Escribir é mentir moito para, segundo din os que escriben desde hai máis tempo ca min, aloumiñar desde lonxe a verdade. Salvador Espriu líase constantemente. Corrixía inquieto, co espírito do contábel que para e repasa, por máis que teña os número cadrados. Josep Pla, en cambio, non se lía nunca, e por iso é moito menos lambido. Dicía que os seus libros lle desagradaban. Non aturaba relerse. Un punto de turbación avisábao de que entre escribir e redactar só hai un papel de fumar.»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *