Adrián Alfonso Rivas: “A novela está influída por Irvine Welsh e Bret Easton Ellis”
Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Adrián Alfonso Rivas
Adrián Alfonso Rivas, nado o 22 de xaneiro do 1986, é un técnico de son e músico vigués. Desde cativo estivo unido fortemente á música. Con oito anos ingresou no Conservatorio Superior de Música de Vigo na especialidade de bombardino. Aos 12 entrou na Banda Lira de San Miguel de Oia, da que foi membro até o 2011, cando decidiu deixar a formación para dedicarse integramente á música moderna. Formou parte de agrupacións como Tanghana’s Show, Ex Hedera, A Polémica Banda dos Bechuchos, Zakembi ou Ollo Lóstrego!, entre outros.
No 2020 publicou o seu primeiro relato, “Saír, loitar, volver”, que está integrado no volume colectivo Tes cinco minutos (Galaxia), que reuniu textos do alumnado da Escola de Letras de Galaxia e a Deputación de Pontevedra.
Na actualidade dedícase ao audio en directo. É técnico residente da sala Master Club, Vigo.
Así nos conta o argumento da novela coa que competirá no Torneo Aira de Novelas 23-24:
“Cibrán é un home de mediana idade que se ve envolto nunha historia de violencia marcada por unha realidade biolóxica moi particular. Esta realidade condiciona absolutamente a vida das persoas e a propia sociedade, desde a política ás relacións laborais. O protagonista ten que lidar con constantes contradicións morais ao tempo que o calendario queima días até o seu 40º aniversario, data chave para quen vive nesta realidade distópica”.
O autor dálles moita importancia á ambientación e á personalidade do protagonista:
“As miserias do ser humano terán que compartir espazos coa noite viguesa, a industria do metal e a vida dun Cibrán que terá que escoller o seu camiño a cada páxina”.
Tamén nos explica algunhas das súas influencias:
“A novela está influída polas historias psicotrópicas de Irvine Welsh e os trastornos narrativos de Bret Easton Ellis; polo punk, o cine gore e as películas de serie B”.
Para rematar, un consello de lectura:
“Enchufa a túa guitarra, sube o volume e toca; non hai máis”.