BiosBardia

O país dos libros en galego

Afonso Eiré: “O pobo galego rebelouse e gañou”

Afonso Eiré. XAN CARBALLA

César Lorenzo Gil.

Xornalista, vinculado desde sempre ao proxecto A Nosa Terra, Afonso Eiré (Laxe (Chantada), 1955) segue a desenvolver a profesión en distintos proxectos editoriais que foron aparecendo nos últimos anos: Infiltrados (Biblos, 2013), Belesar, o orgullo de España (Hércules, 2013) e agora Eu estaba alí. Pequenas historias de Galiza (Hércules). Premiado polo seu traballo periodístico e gran coñecedor dos fíos da política galega, nesta entrevista falamos do que pasou e do que está pasando.

Eu estaba alí foi primeiro unha serie de reportaxes que se publicaron entre o 2010 e o 2011 en ANT Diario. Por que decidiu convertela nun libro?

Logo de se publicaren estas “pequenas historias” decateime de que os traballos daban para un libro. Tiñan coherencia entre si e cubrían un oco na edición xornalística. Así que reescribín algúns textos, engadín outros e preparei unha visión persoal sobre a nosa historia recente, cun fincapé especial nos movementos sociais nos que medrou o nacionalismo galego contemporáneo.

En tantos anos de carreira xornalística, vostede estivo en moitos sitios. Que criterios seguiu para incluír uns feitos e descartar outros?

Primeiro, a importancia de cada feito; a relevancia no seu momento e as consecuencias que deixou na a sociedade galega nalgún ámbito. Tamén escollín aqueles “momentos” nos que puiden alumar, con novos datos ou un enfoque distinto, o que pasou realmente. O lector non só vai poder recordar as Encrobas ou a morte de Moncho Reboiras senón tamén coñecer aspectos dos que nunca se falara. Por exemplo, no caso do Piloto dou conta do elo de continuidade entre a guerrilla galega e o novo nacionalismo que agromou a partir do 1972. Os mesmos que protexían o guerrilleiro nas aldeas protexían os militantes clandestinos.

Que fontes utilizou?

Non quería proxectar desde o presente unha visión determinada do pasado. Por iso prescindín da memoria de testemuñas; tamén da miña propia memoria, para non obter unha imaxe deformada daquel tempo. Cinxinme ás miñas notas, tomadas naquel tempo. Os feitos nárranse tal cal. Só utilizo o que sucedeu despois e a miña propia experiencia para contextualizar os acontecementos.

Ten algunha función engadida este libro?

Demostrar que iso de que sociedade galega é calada, que se resigna e aguanta é falso. Aí están os triunfos de determinados movementos sociais, caso da loita contra a cota empresarial agraria. Moi pouca xente sabe que aquela mobilización impediu a creación dun imposto. Pregúntenlle a calquera historiador político: a maior vitoria que se pode dar contra un Estado é obrigalo a retirar un imposto! O pobo galego rebelouse e gañou. Cómpre tamén que o nacionalismo galego abandone certo pesimismo e reflexione sobre como no pasado logrou liderar loitas cívicas de moi alto nivel, caso da oposición á central nuclear de Xove ou o Nunca Máis, que se pon de exemplo mundial de reacción cidadá a unha catástrofe ecolóxica e política.

Ese dinamismo social do nacionalismo perdeuse co tempo?

Para nada. Hoxe en día, non hai reivindicación cidadá en Galicia que non conte co apoio do nacionalismo. E o nivel de mobilización é moi alto. Cada semana, as organizacións sociais e políticas nacionalistas desenvolven dúas ou tres actuacións respecto a temas tan relevantes para a xente como os abusos que sufriron os emigrantes retornados por parte de Facenda, os dereitos das vítimas da fraude das preferentes ou os ameazados por desafiuzamentos.

En cambio, dá a sensación de que nin os propios políticos nacionalistas se perciben a si mesmos como próximos á xente.

Porque triunfa a imaxe que se dá nos medios de comunicación. Unha imaxe falsa, na que se minimiza a influencia do nacionalismo popular. E, desgraciadamente, son os propios nacionalistas os que se laian e desvalorizan o seu propio traballo e a súa propia historia. Eu digo que o nacionalismo non ten quen lle escriba, quen conte os seus triunfos, que os houbo. Aquí só lembramos os erros e gozamos falando unicamente diso.

A Nosa Terra volverá”

Vostede estivo vinculado profesionalmente practicamente toda a vida ao proxecto d’A Nosa Terra, primeiro como director do semanario e na última etapa como conselleiro delegado. Quizais foi coincidencia pero o nacionalismo galego vive a súa meirande crise electoral e meirande disensión interna xusto cando desaparece ese medio de comunicación. Unha cousa inflúe sobre a outra?

Coido que se seguise existindo A Nosa Terra tería habido igualmente ruptura no BNG pero teríase dado doutro xeito. Onde máis se lle nota a ausencia é no papel que mantiña como casa común dos intereses xerais de Galicia; era un espazo de encontro, de diálogo, de debate, de construción de país en base a criterios políticos maioritarios no galeguismo. Nas páxinas de ANT había lugar para todas as voces que tiñan algo que dicir e o equipo xornalístico era quen de crear unha axenda propia, unha liña de pensamento que en moitas ocasións servía de motor para determinados cambios sociais.

Ese papel non o cubriron os medios que naceron logo da desaparición de ANT?

As iniciativas que xurdiron son loables e teñen o gran mérito de manteren aceso o galego na prensa como algo que pode ser posible e normal. Pero, na miña opinión, teñen unha visión do país un tanto reducida, no abano de colaboradores e tamén na ambición de influencia na axenda da actualidade.

Neste mes de setembro fai catro anos que desapareceu o semanario e tres que se pechou a empresa editora de libros e o xornal dixital. Quizais quere facer balanzo.

Quero. Os motivos do peche de A Nosa Terra foron económicos. Primeiro porque logo de se chegar a un preacordo con Caixanova para o refinanciamento da débeda, Xulio Fernández Gaioso en persoa paralizou o proceso, contra a opinión doutros altos cargos da caixa. Segundo porque a empresa quedou sen liquidez mercé aos impagamentos das débedas que connosco contraeran as administracións públicas. Eu calculo en 400.000 euros o montante que nos deixaron a deber os Concellos, moitos deles do BNG, por certo, e en 800.000 o que non pagou a Xunta de Alberto Núñez Feixoo. No caso do PPdeG, a morosidade tiña un obxectivo claro: esperar a que tivésemos que entrar en concurso de acredores para así “aforrar” parte do pagamento. Nese clima de abafamento, a empresa non puido utilizar ferramentas do pasado para reducir o déficit, caso da ampliación de capital, porque os particulares e empresas que apoiaran noutras ocasións o proxecto estaban moi afectados pola crise económica. Así que, sen moita saída, primeiro pensamos en reducir o peso da empresa pero encontramos intereses particulares, tamén manobras dalgúns sectores do sindicato CIG, que fixeron imposible continuar, aínda que fose cun modesto proxecto de xornal dixital.

Tamén habería erros propios de xestión.

O principal erro formaba parte consubstancial do proxecto: a editorial acabou por ser un lastre. Hai que entender que na etapa final, os libros arruinaron o medio de comunicación. Pero claro, se naceu Edicións A Nosa Terra foi por un motivo: pese á autonomía, Galicia seguiu precisando da iniciativa privada para cubrir determinados campos que lle cómpren como nación, caso do estudo da historia ou da literatura propias, por exemplo. A editora medrou moito, quizais de máis. Na hora da súa desaparición era a terceira compañía por número de títulos publicados e en moitos momentos foi a primeira por nivel de vendas. Era un xigante que morreu de éxito.

Cando pechou o semanario, no 2010, estendeuse entre os galegos a idea de que aquilo era unha pausa, que non morría unha cabeceira senón que “descansaba”. Vostede compartía este pensamento. Segue a pensar o mesmo?

Penso o mesmo. Nos cento e pico anos de historia, A Nosa Terra foi un proxecto unitario con diferentes actores, estratexias e escenarios. Agora nada cambiou. Eu estou convencido de que, estea eu ou non no proxecto, no futuro a cabeceira volverá á rúa e seguirá contribuíndo á defensa dos intereses de Galicia.

Vese vostede liderando a volta de ANT?

Se tivese que facelo, non o dubidaría. Pero iso é secundario, insisto. Se me pregunta polo que eu desexo, contesto o mesmo que levo dicindo desde hai trinta anos: o que quero é ser reporteiro, para iso me metín a xornalista. Mais se alguén considerase que eu debo ter un papel máis importante no regreso de ANT, non esquivaría a responsabilidade.

Está certo da volta do xornal?

Estou. O que non vou é falar de datas. Coido, como mensaxe positiva, que arestora está máis claro o modelo de xornalismo que pode funcionar no tempo actual, cousa que talvez hai ano e medio non estaba tan claro. Así que quizais o único que falta é que a situación económica mellore para que poida callar unha iniciativa xornalística sólida e sustentable.

“Tras a ruptura do Bloque, o 40% da militancia marchou para a casa”

O nacionalismo vive un momento difícil. Para moitos á súa crise particular súmase á que sofren e van sufrir aínda máis os partidos políticos, digamos, tradicionais.

O que debemos ter en conta é que esa crise da política tradicional nace do propio sistema capitalista actual. A política como ferramenta democrática é un recurso da esquerda; poñela en cuestión só favorece o apoliticismo de dereitas. De aí que haxa interese en que as iniciativas de esquerda apegadas a un discurso ideolóxico madurado por décadas sexan substituídas por movementos novos, leves, sen fixación, globos coma o Movemento das Cinco Estrelas italiano, que a pouco que pase o tempo, voan e desaparecen na atmosfera. Calquera proxecto político transformador ten que funcionar coma unha planta: necesita estabilidade e paciencia.

E non pode ser que determinadas iniciativas novidosas callen porque os partidos tradicionais centren as súas mensaxes en aspectos afastados da cotidianidade? Penso no BNG e a súa reivindicación da República galega.

Necesítase incorporar masa crítica á esquerda polo camiño da ideoloxización. Os conflitos sociais hai que explicalos mediante a ideoloxía porque só así se entenden. Se quedásemos só coa denuncia dunha inxustiza sen atender á súa raíz, corremos o risco de que unha vez “curado” o problema nun contexto, naza noutro polos mesmos condicionantes. Iso non significa que o BNG non cometa erros, especialmente na enunciación das mensaxes. Non se pode estar constantemente emitindo en negativo. A comunicación é a materia pendente do nacionalismo desde hai décadas.

Coida que a mellor noticia para o nacionalismo galego sería a reunificación de todas as sensibilidades nunhas mesmas siglas?

O gran problema do nacionalismo é que, en cada ruptura, o 40% da militancia non marcha para unha ou outra organización resultante, marcha para a casa. Así ocorreu no 2011, no 1977, no 1981… A xente desmobilízase, perde a gana de comprometerse, decepciónase polas actitudes dos dirixentes e deixa de sumar. E volver ilusionar a xente custa, custa moito. A reunificación como meta final está ben pero non é o máis importante. O básico é encontrar un camiño común para sabermos que queremos para Galicia. Cando estea claro o contido ideolóxico e a estratexia, cando nos decatemos de que é moitísimo máis o que nos une ca o que nos separa, a unidade de acción será moi doada. Neste momento, o principal é restaurar pontes, puntos de encontro. Coido que ese espazo podería ser a CIG, que a diferenza do que ocorreu no pasado, mantivo a súa integridade e conta co apoio de todas as opcións políticas nacionalistas.

Na ruptura influíron determinados caracteres?

Si, por suposto. Houbo personalidades que non foron claros nas súas posturas en momentos de conflito. Pensemos en que liñas puxaron polo poder dentro do Bloque na Asemblea de Santiago do 2009: parecía que ían ser os membros de Máis BNG ou Máis Galiza os que marcharían, como herdeiros dunha proposta política que fora hexemónica pero que se convertera en minoritaria logo da derrota electoral ante Feixoo. Mais resulta que dous anos despois, protagoniza as friccións o Encontro Irmandiño, que parece aliado de Máis Galiza. Pero logo Máis Galiza acaba en Compromiso por Galicia, “traizoado” polos que foran os seus socios na Asemblea de Amio.

Está acusando a Xosé Manuel Beiras de actuar sen franqueza?

Beiras é un brillante comunicador, con gran capacidade de aglutinar iniciativa política en torno a si pero o seu historial está sementado de abandonos aos seus compañeiros. Primeiro no PSG, logo en Esquerda Nacionalista e agora tamén en Encontro Irmandiño, xa que os que marcharan canda el do Bloque arestora teñen posturas encontradas co que fora o seu líder. Na miña opinión, Beiras abusa da súa sensación de superioridade intelectual sobre os máis. E cando os máis se dan conta, porque non son tan inxenuos coma el conta, crébase a confianza.

Que opinión ten dos novos movementos, definidos como mareas, que buscan opcións frontistas de esquerda para as eleccións municipais do 2015?

Non son novos movementos. Unha fronte semellante fraguou a Unidade Galega que gañou as primeiras eleccións ao Concello da Coruña. E que pasou logo da vitoria? Que cadaquén buscou o seu espazo de poder, que a frustración se apoderou dos participantes e dos votantes e aquel esforzo quedou en nada catro anos despois. No traballo municipal, penso, é máis intelixente ir sementando propostas sólidas que sirvan para deixar pegada nos Concellos. Sempre poño o exemplo do goberno de Lois Pérez Castrillo en Vigo entre o 1997 e o 2001. A maioría da xente dirá: foi efémero e tivo tantos erros que tardará moito tempo o nacionalismo en volver dirixir o goberno. Pero no substrato da idea de cidade de hoxe en Vigo a influencia non é desdeñable. Por suposto que houbo moitas equivocacións pero o perfil de cidade humanizada prosperou. Primero foi Corina Porro quen se apropiou desa filosofía e logo Abel Caballero. Pois ben, no primeiro momento, cando o daquela concelleiro Xabier Toba decidiu peonalizar a praza da Independencia, a reacción foi brutal. A prensa e a oposición opúñanse con contundencia. Como é que, ao cabo, a idea triunfou? Porque detrás había un compromiso, un diálogo coa sociedade, un ideario que ía máis alá dun cálculo electoral.

Mais hoxe en día, o problema é que coa reforma que imporá o PP, a oposición vai ter moi difícil vencer nas urnas sen pactos preelectorais.

A lei electoral dá igual. As maiorías absolutas teñen lexitimidade até que a sociedade decida que a teñen. En Allariz, cando os veciños se reviraron e tombaron o goberno, o alcalde daquela tiña maioría absoluta. O importante é que a cidadanía encontre sempre apoios políticos asentados que pervivan máis alá dunha cita coas urnas.

Vostede coñece moi ben a chamada “alma galeguista” do PPdeG. O sector da boina pasou á categoría de lenda urbana?

Existe, existe pero está repregado. O último desafío que asumiu fronte á maioría da executiva foi durante a discusión do chamado Decreto do Plurilingüismo. Ese debate perdeuno o sector da boina pero non só iso. Por primeira vez decatouse de que ou ben se retiraba da primeira liña ou acababa fóra do partido.

Como foi posible que cambiase tanto o equilibrio de poder no PPdeG?

A clave foi a reacción de Manuel Fraga logo do Prestige. Igual que fixera a elite galega durante a Restauración, pactou a entrega dos mecanismos do poder autóctono a cambio dun investimento extra que lle permitise reter o poder en san Caetano. Sacrificou a Xosé Cuíña e a partir de aí o sector do birrete tomou o control. A demografía xoga, arestora, en contra da liña máis galega porque os seus bancos de votos están a quedar baleiros. Hoxe a maioría conséguese nas cidades, non nas pequenas localidades do interior.

5 thoughts on “Afonso Eiré: “O pobo galego rebelouse e gañou”

  1. Falas de ALLARIZ, a min é o que me cautivou do Bloque de Anxo Quintana, o crer que hai unha política distinta aos megaproxectos ou construcións para gañar eleccións…exemplos disto, autoestradas entre vilaarriba e vilaabaixo que custan unha chea de cartos para reducir un tramo en 3 ou 4 minutos e que non axudan a fixar a xente no rural ou pontes en Noia para aforrar 3 minutos e deixar o casco vello na ruína…ALLARIZ é outra cousa, un pobo cunha industria, a turística, que ninguén vai quitar, cun coidadísimo urbanismo (máximo de alturas de 3 pisos) e moi interesante aspecto cultural (non gastan todo o diñeiro en levar a Julio Iglesias ás festas e o distribúen entre os 365 días do ano) e no social (terceira idade e crianzas principalmente). Unha mágoa que en troques diso falan de independencia e o mal que nos tratan en madrí (os peores son os de aquí), cando por agora non hai vontade para iso. VENDAN o exitoso modelo ALLARIZ ou en menor medida Pontevedra, saúdos e sorte porque fan falla medios de comunicación Galegos e non reducionistas, tan bós como a revista Luzes.

  2. Penso que nesta entrevista e no referente á desapartición de A Nosa Terra obviase algo importante. Foi o xeito de acabar co xornal, de pechalo, como se traizoou á xente que traballou anos e anos, que aportou cartos, que colaborou elaborando información! Como se agachou a información do proceso e como se entregou a cabeceira a personaxe non desexables!! Falo afirmando tamén do meu respecto á cabeceira e aos seus responsables durante décadas! Pero o final foi triste, patético e non explicado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *