Afonso Eiré: “Todo creador ten o dereito a situar a ficción onde desexe e a escoller o enfoque”
O escritor comenta o impacto d’As bestas
Manuel Veiga Taboada.
No 1998, Antena 3 emitía unha reportaxe sobre menores maltratados. As imaxes mostraban nenos coidando o gando en Galiza. Afonso Eiré, daquela director do semanario A Nosa Terra, respondía cun artigo titulado “Eu tamén fun coas vacas de rapaz”, que mereceu o premio Xulio Camba de xornalismo no 1999. Un ano despois converteu a idea nun libro que acadou un importante éxito de vendas. Tamén é autor da novela O coxo de Vilarelle (Espiral Maior, 2004), na que aborda o problema do novo caciquismo, e da máis recente Memorias dunha vaca marela (Hércules, 2018). Preguntámoslle pola película As bestas, pola violencia rural e pola imaxe de Galiza no exterior.
Que opina d’As bestas?
Eu coñecía o crime de Petín, asistín ao xuízo en Ourense. Pero a película ten pouco que ver. O holandés asasinado no 2010, Martin Verfondern, foi ao xulgado para que lle recoñecesen o seu dereito ao monte comunal e déronlle a razón. Até ese momento levábase ben cos veciños, pero o seu seguinte paso foi intentar que puxesen eólicos e iso provocou a inimizade. Na película sucede ao revés, o francés e a muller opóñense aos muíños e lévanse mal cos demais desde o principio. É un estereotipo falso que se reproduce en case todos os conflitos. Os ecoloxistas son os de fóra, mentres que os labregos que manteñen a terra e os usos tradicionais son os antimodernos. Dito isto, a min a película gustoume. É moi desacougante. Ademais penso que todo creador ten o dereito a situar a ficción onde desexe e a escoller o enfoque. E, por suposto, os demais temos dereito a criticar o que queiramos: que se o acento non é galego oriental ou que se as escenas foron rodadas en casas abandonadas hai cincuenta anos, como tamén sucedía en O que arde. Sorogoyen presenta un estilo moi escuro, non se ve o sol. Pero conste que os inicios do cinema galego, con directores de aquí, xa tiveron enfoques e temáticas un pouco tétricas. Lembremos Fendetestas ou a Mamasunción de Chano Piñeiro. Agora no cinema participa moita xente galega e iso fai que identifiquemos máis as obras como reais. O recoñecemento da paisaxe tamén leva a que nos esquezamos de que é ficción.
Vostede coñecía a Paulino Fernández, de Chantada, que no 1989 matou sete veciños e despois lle prendeu lume á súa casa, con el dentro.
Coñecía. Tamén se dixo que era un home solitario, o que non era certo. Levábase ben cos veciños. Ía ás manifestacións do SLG. O problema foi que estaba mal, acudiu ao médico varias veces e non lle fixeron caso. É de supoñer que tivo un brote psicótico e xa sabemos como está de desatendida a psiquiatría en Galiza. Cando ocorre algo así nunha cidade, explícase mellor. Cando pasa no campo recórrese aos tópicos, non se contextualiza.
O rural galego é violento?
Non. Os autores do XIX xa falaban da menor propensión á violencia en Galicia que no resto do Estado e as estatísticas posteriores tamén o demostran[1].
Agora faise bastante literatura que trata sobre a perda do rural. Pensa que hai un enfoque nostálxico?
Ás veces son autores que falan da súa infancia e iso lévaos a idealizar. Outras veces son netos de agricultores ou van só de vacacións e coñecen pouco o que era o campo. Pero o problema, para min, é que case nunca se explica por que se producen os cambios.
Outro dos tópicos sobre o rural é o do illamento, pero en Galiza sempre houbo emigración. Vostede trata ese tema en Ausentes (Hércules, 2022).
Claro. Saíron hai pouco datos que indican que en Galiza é onde se sabe máis inglés, seguida de Cataluña. Hai moita xente que emigrou nas últimas décadas ao Canadá e a Australia, por exemplo. Hai un cosmopolitismo emigrante e antes houbo un cruzamento intenso de correspondencia. Eu de neno coñecía prensa e propaganda cubana que criticaba a Batista. Ao longo de case todo o século XX ás cantinas das aldeas chegaban o correo e os periódicos que viñan da Arxentina ou de Cuba. A xente ía e collíao: a ver que trae. Había xente que lles lía as cartas ás persoas analfabetas. Circulaban moito as fotografías nas dúas direccións. De fóra mandaban penicilina. E viña roupa que influía na maneira de vestir de aquí. Os portos pesqueiros e a contorna marítima foron sempre lugar de paso obrigado e de relacións económicas e humanas.
Os seus libros están escritos desde dentro, desde alguén que coñeceu o campo.
A aldea marca. Xosé Neira Vilas pasou toda a vida fóra pero sempre fala da aldea. A aldea tamén cambiou moito coa mecanización. Os traballos comunitarios desapareceron, caso das endeitas para cavar o monte ou das axudas a viúvas e xente que non podía. No campo nunca se deixaba a ninguén sen recollerlle a colleita. Hoxe fanse comidas e churrascadas para xuntar a parroquia que substitúen as comidas que había durante os traballos comunitarios.
Hai algo do campo tradicional que se poida recuperar?
Un día veu un experto agrario á miña parroquia dar unha charla sobre as rotacións, a diversificación de cultivos, etc. Ao final, un home díxolle: “Ai, ho. Xa podías empezar dicindo que volvésemos facer o que facíamos hai trinta anos!”. Moitas granxas comezaran a usar fertilizantes e métodos intensivos, pero non eran rendíbeis e pecharon. Agora volven plantar trigo e millo. Unha explotación ten que ter unha base territorial. As vacas suízas dan máis leite, pero hai que repoñelas cada cinco anos. As de aquí dan menos, pero duran quince. Esquilmar non só prexudica o medio ambiente, acaba arruinando a produción.
Moitos dos seus libros véndense entre persoas que non son lectores habituais.
Unha das cousas máis bonitas que oín díxoma María do Gaiteiro de Riazón: “Grazas por escribir por nós”. Non dixo “para nós”, dixo “por nós”.
[1] Ver, por exemplo, A xustiza pola man. Violencia e conflitividade na Galicia contemporánea, de Francisco Leira-Castiñeira e Miguel Cabo (Xerais, 2021),p. 65, 87 e 173.
Recordo que meu irmán, despois de ler “Memorias dunha vaca marela” dixo: “Este Eiré sabe o que é unha vaca, todo o contrario ca a maioría dos que falan e escriben sobre elas”. Polo tanto, en materia de rural: palabra de Eiré, palabra de Deus”. Un saúdo, mestre.
Obtener Outlook para Androidhttps://aka.ms/AAb9ysg ________________________________
Por favor, identifíquese con nome e apelidos para poder manter o seu comentario. Grazas