BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Alcohólica frustrada’ vs ‘Almorzo’

Cervexa.

Xornada 7 e derradeira. Pilar Vilaboy perante Ana Vigo.

Alcohólica frustrada

Mirou en Google o teléfono da delegación de Vigo e ao entrar na páxina leu que, por culpa da COVID, as sesións eran online. Había unha primeira toma de contacto cunha terapeuta para dar un diagnóstico previo ao tratamento. Despois de rexistrarse, chegáronlle unhas claves para poder acceder á súa primeira sesión. Apareceu unha cara sorrinte no seu ordenador que lle dixo:

—Ola, son María, a psicóloga de Alcohólicos Anónimos. Benvida. Estou aquí para intentar axudarte na túa adicción. Queres contarme o que che pasa?

—Si, claro, para iso me anotei. Son Pilar e levo uns meses que case vivo para beber. A sede domina a miña vida. Só penso nas cervexas 1906.

—Dime, Pilar, sucedeuche algo grave?

—Pois mira, eu era unha aprendiz de escritora feliz pero xuntóuseme todo. Empecei hai un mes a colaborar nun duelo literario nas redes. Con esa ilusión de todo principiante de compartir textos inéditos. Todo ía ben ata que me empecei a agoniar coas críticas. Cos grolos da cervexa semellaba que os meus males se diluían.

—Pero, Pilar, por que buscas refuxio na bebida? 

—Empecei con ataques de ansiedade. Primeiro as fotos que non me inspiraban nada e o medo á páxina en branco. E despois sempre era das peor valoradas. Iso non é prato de gusto para ninguén. Cada vez que non votaban por min tomaba unha cervexiña, intentando beber para afogar a frustración. Xa dicía Castelao que as penas aboian… E non creo que haxa mala fe nos comentarios, pero eu son tan insegura…

—Hai antecedentes de bebedores na túa familia?

—Si, si. Meu pai, Domingo, era moi de bebida branca, augardente e xenebra. Supoño que lle chaman así pola cor transparente. El tiña a teoría de que a auga é boa para as ras. Ou para bautizar o viño, rebaixado coa auga non lle daba tanta acidez… Así que podo dicir que o levo no sangue. É verdade que acabou morrendo doutra cousa…

—Pilar, esa non é a actitude. Se cadra deberas abandonar o concurso antes de que acabe…

—Non, agora non, que queda só unha xornada. Remata a semana que vén. E é contraditorio. Hai un punto masoquista que debera consultar. Por un lado, xérame moita estrés porque as valoracións dos meus textos tenden a ser malas. Pero por outra banda, gústame ver as perspectivas dos contrincantes, que sempre ven matices que eu non quixen darlles aos meus relatos… E despois está o orgullo, aló agochado no fondo, que sempre me manda mensaxes condescendentes, que algunha vez van cambiar as tornas. Son persistente e teimuda. Non perdo a esperanza de gañar a última sesión nin o meu ego me permite unha retirada. Nin eu mesma me entendo.

—Pois, Pilar, o meu diagnóstico é que deberas ingresar na nosa clínica de desintoxicación. Cos teus antecedentes sabes que ningunha frustración xustifica a bebida. E deixa de presentarte a duelos que te fagan refuxiarte no alcohol. Ou pode que teñas que abandonar o mundo da escritura.

…………………………………………………………………………….

Almorzo

As botellas baleiras, recollidas en caixas de cartón, eran testemuña da festa que se vivira na casa rural horas antes. Xa amencera, e Damián ergueuse, mareado. Aínda quedaban restos de bebida, que mandou polo retrete, coa vaga noción de que o alcol era terrible; algo malo sucedera aquela noite, e aquela debía ser a causa.

Dirixiuse á cociña e serviuse as sobras da pasta con tomate. Estoupáballe a cabeza. Que pasara, por que aquela sensación de desacougo? Os seus amigos beberan moito tamén, divertíranse, e despois… A memoria traizoábao. Mastigou, pensativo. Por que foran a aquel lugar?

O aniversario. Alguén fixera dezaoito, pero non tiña idea de quen. Iso non era normal, reflexionou, dando conta dun vaso de batido. Escoitou pasos, e apurouse para comelo todo antes de ter que compartilo. A cabeza despexábase aos poucos, e unha lembranza sen definir acudía á súa mente. Luces, berros e algo que tiña relación co ceo.

Ergueuse, aínda confundido, e ollou pola fiestra. Ía bo día, o sol brillaba con intensidade e non había nin unha nube no alto. Pestanexou. Unha árbore partida no exterior da casa chamou a súa atención. Sabía como rompera o tronco, só tiña que esforzarse en lembrar.

Sentou de novo, mentres alguén baixaba as escaleiras. Serviuse o que quedaba de batido, satisfeito por aquel almorzo tan bo. Levou o vaso aos beizos, e pensou que tería que deixar algo para Helena.

Helena. Ela era a homenaxeada, pero non podería beber o batido. Levárana, non sabía onde. A imaxe, xa clara, de algo que aterrara canda a árbore para levalos a todos, fixo que se erguese de novo, xa sen a tranquilidade matutina, senón alerta.

Unha cara doutro mundo asomaba pola porta aberta da cociña. Non sabería dicir se sorría ou estaba furiosa, pero tanto lle tiña. Lembraba o difícil que fora agocharse daqueles seres mentres devoraban os seus amigos, e o seu plan inicial de agardar a que durmisen para fuxir. Esquecérao por completo, e xa era tarde.

Chimpou ata a fiestra, coa intención de fuxir e a convicción de que non o lograría. A criatura estendeu o apéndice que sobresaía do seu peito e disparou unha substancia pegañenta que retivo os pés de Damián no chan. Outros semellantes entraron na cociña e arrodeárono. Ao parecer, abríraselles de novo o apetito.

21 thoughts on “‘Alcohólica frustrada’ vs ‘Almorzo’

  1. Alcohólica frustrada

    Un relato simpático, lino case rindo. A metaliteratura sempre acaba facendo pe no torneo (espera, que acabo de dicir, “facer pe no torneo”? eso ten sentido?) e sempre é benvida. A escritora frustrada expresa ben o que sente, moi natural todo. En cambio, a actitude da psicologa non a entendo ben. Parece que está aí só para facerlle o xogo da pregunta-resposta á prota, por outro parece ignorar o qeu PIlar lle di e só se centra no tema da bebida. Creo que cando lle di que debe abandonar o concurso non estamos xa ante un dialogo normal, a psicologa é unha parte de Pilar. Pilar (a do relato) está pensando abandonar. Non, estase amenazando a si mesma con abandonar antes da ultima xornada. Ou algo así. Está ben, pero penso que se a psicologa mostrase unha actitude mais “real” (por exemplo, preguntando por que é tan importante ese torneo para Pilar en vez de por que busca refuxio na bebida, cousa que xa estaba respondida).

    Almorzo

    Ten graza o do almorzo. Primeiro un e despois o outro. O relato pareceume interesante ata que aparecen os elementos fantasticos. Non dou crido o tren de pensamentos de Damian. A confusion inicial, os pasos na casa, os recordos que van aparecendo… iso está ben armado. O detalle do tronco tamén está ben, pero é que xa non estamos ante unha resaca senon ante pura amnesia. Alguen dos presentes que algunha vez estivera ben borracho pode dicirme se é posible que pase iso? Incluso que quedase durmido me parece dificil de crer. No fondo paréceme que é un relato de humor cunha intro demasiado longa e que camiña mais preto dun bo relato de suspense que do que acabou sendo Almorzo.

      1. eu a veces ergome para ir á cociña e despois non me acordo para que fun. Ese rapaz nin se acordaba do nome da cumpleañera, cousa que nada tiña que ver cos feitos vividos durante a borracheira, xa que é un recordo anterior. cando despertas de resaca podes ter esquecido nome dos teus colegas?

    1. Por certo. Eu esquecín que eu mandara esa imaxe. Tiven que volver ao correo no que enviei as fotos, porque cando a vin sonábame dalgo. É unha historia longa. Como me gustou este duelo, non só por iso, por ser unha imaxe que eu escollín senón porque o azar quixo que as tres mulleres do duelo coincidíramos. En canto teña un intre de repouso comento un pouco máis polo miúdo, pero de entrada gustoume moito este duelo.

  2. O meu voto vai para ‘Alcohólica frustrada’ polo irónico da súa reflexión que, malia non orixinal, gustoume o seu enfoque e mesmo fíxome rir, pensando en como baleiraba unha mil nove a cada comentario negativo no duelo de relatos. Concordo con Lois no da psicóloga, de feito, a min sóbrame e penso que o relato gañaría en efectividade se fose un diálogo en clave de monólogo.

    En canto a ‘Almorzo’, gustei do comezo, mais os flashes polo medio de ‘lembro – non lembro’ e, en especial, a aparición dos aliens sacáronme por completo do relato.

  3. Boas tardes. Veño votar. Como xa dixen gustoume este duelo e ambos relatos tiraron por camiños ben distintos. Parabéns ás autoras.
    “Alcohólica frustrada” Gustoume este relato, moi realista toda a descrición de entrada en contacto e os motivos da prota. Sentínme moi identificada. Quizais a psicóloga debería ter tido máis discurso na vez de dar só paso para que a prota elabore a súa historia. Tamén podería mellorar como apunta Duncan, sería outra opción.

    “Almorzo” E tamén me gustou este relato. A parte da amnesia non me parece tan estraña e o xeito en que vai despertando e lembrando cousas resúltame crible e case necesario para que houbese relato. Quizais non me cuestiono segundo que cousas e deixeime levar pola narración ata que batín cos extraterrestres. Resultoume un xeito moi orixinal de rematar o relato.
    Voto por “Almorzo” porque me deixou máis pouso aínda que de boa gana repartía o voto.

  4. Boas¡ Non sei se será porque é a última ronda ou que, pero gustáronme moito ambos relatos e a foto tamén, que agardo teña unha historia mellor detrás.
    Alcohólica frustrada paréceme un exercicio de metamovida moi desenfadado e que seguramente serviu ben de final ao torneo. Eu non podo dicir que comparta a mesma resposta ás críticas, son máis de choromicas, pero entendo o sentimento. A narración é lixeira e o diálogo levase ben aínda que como apuntan os compas igual lle ía ben considerar o papel da psicóloga, que corta un pouco o plano de auto-reflexión. Penso que o mesmo texto funciona como un monologo da autora así que igual lle viña ben o cambio. De esta autora gustei moito do ton cotoadiña que lle sabe dar aos textos e da linguaxe que emprega, enxeñosa e sen caer en lios. Cunha trama axeitada, ferramentas así poden dar medo¡
    Que podo dicir de Almorzo. Son máis simple cun rodamento. Movidas de medo, estou con elas A MORTE. Aínda que este máis ou menos executado, eu sei cal é a miña jauja e este relato ten dela. Estou seguro que cunha exposición que fíe fino e quizás con máis palabras que permitan tecer a atmosfera poder quedar un bo relato que acabes de ler e digas ostras os aliens. A esta autora estoulle moi agradecido de que intentase darlle ese toque especial de Halloween dos Simpsons aos seus relatos. Aprecieino de veras.
    Pero hai que partir e o meu voto vai para Almorzo.

  5. Boa tarde.
    Como cantaban os Módulos, «Todo tiene su fin». Paseino moi ben nesta liga e persoalmente veume moi ben, porque estaba lacazaneando de máis coa escrita.

    Dous relatos moi chuscos e divertidos.

    Alcohólica frustrada é todo un exercicio de retranca e autoficción, que agora está en voga. Gustoume moito que a autora aproveitase este último relato para expresar moitas das angurias que pasa alguén que participa por primeira vez nesta liga. Vinme reflexado en moitas frases. Coma outros compañeiros, eliminaría a voz da psicóloga ou desenvolveríaa moito máis.

    Almorzo pareceume un relato por expandir. Dos que , con máis extensión e desenvolvemento de personaxes pagaría por ler. Unha especie de Resacón en Las Vegas con alieníxenas carnívoros. Marabillosa idea. Se a autora non a quere, que mo diga porque copio. Por dicir algo, creo que o relato gañaría moito en primeira persoa do presente, aínda que iso vai por gustos.

    Parabéns, Ana e Pilar polo afouto torneo que fixestes. Foi un pracer e unha honra lervos e coñecervos. O meu voto vai para Alcohólica frustrada.

  6. Moitas grazas Fran.
    Fixen unha especie de despedida colectiva para todos no relato de Marisol e David pero aproveito para dicirche o mesmo. Que me encantou colaborar e que me gustaron moito os teus relatos. Para min unha das mellores descubertas foi ver o talento que habia nos contrincantes, independentemente dos gustos literarios de cadaquén.
    Por certo, temos unha coñecida común, pero non quero contarcho aquí. O meu correo electrónico é pivilab@hotmail.com, por se tes curiosidade. Moita sorte!!

  7. Boas a todos! Última xornada! Que nervios… este vai ser o primeiro luns desde que isto comezou (quitando o tempo de descanso) no que me vou deitar antes das tres. Esta xornada trouxo duelos moi parellos e disputados. Creo que foi en xeral un torneo moi homoxéneo cunha calidade media, alta. Parabéns a todos.

    “Alcohólica frustrada”. Encantoume este relato, heheheh… Xa son eu moi de metaliteratura, pero se esa vén cargada de introspección e desnudez (metafórica) do autor inda me gusta máis. Está moi simpático e divertido, e creo que todos nalgunha ocasión desde que competimos aquí tivemos a tentación de tirar de alcohol para levar as críticas. Eu tamén faría calar á psicóloga, ou tentaría darlle un ton máis humorístico. A autora do texto (e a calquera que poida padecer certo estrés co das valoracións) só lle podo dicir que se dea unha volta polos primeiros torneos e lle bote un ollo aos meus primeiros relatos e valoracións… Andar pola gravilla sempre encoira os pés.

    “Almorzo”. Chegando ao final observo que título é moi elocuente. O certo é que relato prometía. A min enganchoume pola situación, teño espertado moitas máis veces das que debera desa guisa. Pero o cambio pareceume moi abrupto, hai unha desconexión moi grande entre ese comezo e o final… penso que cunhas voltiñas para ir dando algunha pista antes podería mellorar bastante.

    Parabéns ás dúas autoras polo torneo, foi un placer lervos, comentarvos e batirse con vós. Agrado vervos por estos lares pronto.

    1. Igualmente David, foi un gusto tamén para min baterme e comentar os vosos textos. Paréceme que hai moito nivel, aínda que todos teñamos gustos dispares escribindo.
      Como lle comentaba a César, quédome coas partes boas das críticas das cales aprendín moito. Aínda que por veces víades nos meus relatos cousas que eu non quería dicir. Moita sorte!!

  8. Tomádelle outra, non marchedes aínda, que présa tedes? Xa todos fixestes a despedida e eu tomándolle a primeira aínda.
    Gracias a todos polos comentarios, todos eles. Aprendemos xuntos. Grazas, como non, a Lois que dende a sombra, coma un ente todopoderoso nos sinala os erros, pero en ocasións non os vemos ou non os queremos ver, de todo hai. Aprender a facer literaturra é cousa dura, sobre todo se se fai dende as tripas e por instinto, como un xeito de psicoterapia. Nesta liga sentín tantas veces esa palabra que xa perde sentido. Lanzo esta pregunta: porque escribides? Eu pregunteimo en cada relato, durante cada relato. Sinto se moitas veces estes non foro do voso gusto.
    Do gañador que vou dicir… había un relato homenaxe e todo pero vin a oportunidade de abrirlle a cabeza a alguén e non o dudei un intre. Xa todos nos coñecemos os fondos e as formas así que non desvelo nada que non se dixera en comentarios anteriores. Esto non é unha despedida, é un ata logo. Grazas tamén a Biosbardia por este lugar. Despois desta xornada vou facer un escritora frustrada en toda regra. Saúde! Lémonos.

  9. Marisol, dígoche o mesmo ca os demais. Un pracer competir contigo, considero que todos e todas tedes moito talento aínda que cada persoa teña o seu gusto literario propio.
    En canto a por que escribimos eu direiche que porque disfruto escribindo e sírveme de terapia.Tamén é verdade que cos duelos hai veces que sufrín máis da conta, pero dun xeito puntual.
    En canto ao gañador, eu aínda non sei quen é… Deixei a cousa entre David e Fran, pero na xornada anterior. Xa se fixo público? Non me entero de nada.
    Máis nada, aquí estou para o que me precisedes. Abraciños virtuais

    1. O mesmo digo, un placer. Os gustos, literarios, ou doutro tipo, creo que amais de terse, cultívanse. Eu xa o sospeitaba e en cada torneo téñoo máis claro. Eu sufro en todos os duelos. Tamén e certo que a situación fóra do torneo non foi a mellor e claro, cervexa vai, cervexa ven. : D. Espero que nos volvamos atopar neste mundo virtual, ou mellor aínda, no real.

  10. Pois moi interesante tanto a pregunta como a resposta¡ Eu penso que todos escribimos en menor parte para entendernos a nos mesmos. Máis alá non sabería dicir. Creo que por imitación aos contos que lía de pequeno e porque se non paso o tempo a ler teño que estudar y eso jamás. Aproveito tamén para agradecerlle a Biosbardia pola iniciativa, que creo que me esquecera. Aperta a todos¡

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *