Alexandre Calvo, campión ciclista en Galicia e líder galeguista en Barcelona
Xosé Enrique Acuña.
Da quinta militar de 1924. A mesma do sindicalista Modesto Pasín Noya, do músico Ángel Brage, do escritor Luís Manteiga e do inclasificable Fernando Barros Pumariño, os cinco de vida difícil ou esmagada canda o terror aberto no 36. Alexandre Calvo —el decidiu un día que fose este o seu nome político— agacha unha biografía que quizais foi tamén el o que máis tentou esconder. Quen chegou a ser un dirixente galeguista na Barcelona republicana, fundador en Cataluña do Partido Galeguista, nacera o 2 de marzo de 1903 dentro dunha familia compostelá que en pía bautismal decidiu darlle ao seu fillo o católico nome de Alejandro Ángel Paulino Calvo Abollo. Décadas máis tarde compartirá conversas na capital barcelonesa con líderes nacionalistas cataláns e atende as grandes figuras do galeguismo que visitaron Cataluña. Pero moitas décadas despois é máis que un descoñecido. En rigor é, como tantos homes e mulleres da nosa contemporaneidade, o máis semellante a un desaparecido.
Os anos de Compostela
O Santiago que abría un século XX e unha familia ben numerosa, na que abundaban tías e irmás sempre apegadas ás sotanas, deu ser o mundo onde a Ferradura e a rúa de Tras do Pilar se desvelan como ese primeiro e inmenso cosmos de xogos do que vai gozar Alejandro. El e toda a descendencia da parella que abriron un día Manuel Calvo Lancel, que fora directivo da Unión Protectora de Artesanos, e Francisca Abollo Lamas, o seu pai e nai. Nove foron na casa, sete delas mulleres, e todos sufriron un día a morte do pai. O vello Calvo Lancel, despois de estar vinte e dous anos como encargado do Talleres Pereiro en Santiago, convertérase en propietario dun almacén de materiais de construción e, xa en clave representativa, chega ser membro da Junta Municipal do Reformas Sociales. Cando morre a súa viúva apañou cunha situación familiar que administra entre reclamacións xudiciais de débedas que outros composteláns adquiriran co seu home.
O que aínda era Alejandro Calvo formouse en coñecementos nas populares e interclasistas escolas fundadas pola Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago onde os seus estudos derivaron cedo cara ás artes industriais. Ás irmás se lles reservou vodas de amparo familiar —a súa irmá Isolina casa en 1920 co industrial Ricardo Rodríguez Couselo— a vida relixiosa (Lourdes e Carmela, as dúas monxas) ou os estudos de maxisterio (Secundina, María e Carmen). No seu proceso formativo, o alumno Alejandro recibiría recorrentes medallas de cobre pola destreza no debuxo lineal nunha mocidade de 15 e 16 anos na que tamén bate nel o cruel —e longo— embate da tuberculose. Para superar a frouxeira do crecemento, e máis da súa musculatura, repartirá entrega xuvenil polo fútbol e un cultivo, tan recreativo como convulsivo, da bicicleta que, cando xa ten cumpridos 20 anos, vai derivalo con éxito cara a unhas competicións ciclistas que en Santiago gustaban daquela de organizar nas festas do Apóstolo. Deste tempo, contouno certo día Alejandro, tamén lembraba, aplicando a retranca, un puntual contacto co boxeo: “Os golpes dábanmos na casa. Non querían que fose ciclista. E xa ves”.
Unha vida de campión ciclista
A pouco máis dun ano de que morrera a súa nai en 1922, nun circuíto preparado nos paseos da Ferradura, gañou a primeira carreira seria. Unha vitoria en xullo de 1923 que, como era habitual naquel tempo, permitiulle conquistar unha copa das que regalaba calquera potentado, político ou industrial. No seu caso foi unha de prata doada polo conde de San Juan, despois de vencer ante o coruñés Enrique Botana, que sería o ciclista co que máis se enfrontaría e pelexaría por distintos circuítos galegos, dos de terra, ou polas estradas, tamén de terra. Os triunfos composteláns de Alejandro Calvo mereceron que o fotógrafo Ksado, tamén ciclista nos seus anos ourensáns, retrate a quen se consideraba o campión galego de ciclismo con destino ás páxinas dunhas revistas gráficas nas que posará en deportivo maillot na compaña da súa profesional e francesa bicicleta Alcyon.
Entre 1924 e 1926, en plena emerxencia deportiva, verase no deber de compaxinar o ciclismo cunha obrigatoria chamada a filas. No exército, a Alejandro Calvo —de algo lle valeu a súa formación escolar— convertérono en cabo de zapadores minadores e mesmo a súa traxectoria de uniforme serviríalle de proveito para compartir, desde a benevolencia dos seus mandos, milicia e ciclismo. Cando chega ao cuartel era xusto o ano no que se consolidara como un dos mellores ciclistas de Galicia. Adestrado por José Santos Ferrón, un pioneiro do ciclismo, e patrocinado polo empresario compostelán Honorino Méndez, tamén antigo carreirista e despois creador das bicicletas Honor (aquelas que levaban un escudo co “H”, a Cruz de Santiago e a banda azul da bandeira de Galicia), Alejandro aínda se faría máis popular por conta dunha solitaria e valente aventura que emprenderá en maio dese mesmo ano.
O ciclista Calvo tentaba cubrir pola soidade das estradas os 612 quilómetros que separaban Santiago e Madrid. E logrouno en catro etapas despois de saír de Santiago ás 11 da mañá do 2 de maio de 1924 para realizar unha primeira xeira que rematou en Doncos. Desde esta localidade lucense partirá ata Astorga, como segundo treito, e de Astorga a Medina del Campo como terceira etapa dunha xesta deportiva que ten como final o tramo Medina-Madrid que lle ocupa cinco horas. Na capital española Alejandro Calvo merece ser recibido na sede do xornal ABC e os seus cronistas aseguraron que o ciclista compostelán cubrira o percorrido nun total de 56 horas. Una xesta deportiva inédita en Galicia que o vai converter nun dos ciclistas máis aclamados do país, e polo tanto dos que sempre era reclamado a participar nas carreiras. A finais de 1924, esta sona permítelle, malia a súa xuventude, fundar e presidir a primeira directiva da Unión Ciclista Compostelana (da que realmente andaba detrás Honorino Méndez como valedor principal), e volver a editar os seus sonoros enfrontamentos con Enrique Botana que, esta vez si que vence a Alejandro no Premio Honorino celebrado en Santiago nas pistas do chamado “Campo do Cuartel”. Vitoria, a do coruñés, que xerou un rego de retos entre estas dúas figuras do ciclismo galego que, sobre a mesa, puxeron a cantidade de 500 pts, para repetir, en terreo neutral, novos enfrontamentos nos que se implicará, con controversia pública incluída, o seu mentor Honorino Méndez.
O cabo Alejandro Calvo Abollo, en xerga militar, foi “pasaportado” a San Sebastián cara a un novo destino e tal foi a circunstancia que facilitou que o ciclista galego se integrase nas fileiras do Club Deportivo Fortuna desa cidade vasca. En 1925 representara xa as súas colores na disputa do Campionato de España de ciclismo que en agosto se organiza en Donosti. Calvo Abollo compite neste evento sen moita sorte deportiva —quedou no posto 38— logo de se enfrontar as principais figuras do ciclismo español nuns días nos que tanto o Athletic de Bilbao, a Real Sociedad ou o Real Unión de Irun mantiñan aberta sección de ciclismo.
Solventado un inacabable servizo militar —semella que librou da guerra do Rif— Alejandro Calvo Abollo retorna ao seu “oficio” de ciclista participando en probas por toda Galicia e mesmo dando por veces o salto a Portugal. Mais este deporte, fóra dos premios e trofeos —ás veces medallas ou pitilleiras de prata— pouco rendía se pretendía, como xa era o seu caso, formar familia ou continuar coa tradición comercial de seu pai. Alejandro emparellara con Ángeles Seijo Couto, mestra en Cobas, no concello de Ames, e este noivado levouno a reconducir, con apoio da familia —lastrada coa morte do Manuel, o seu irmán maior— e das sonoras amizades que armou grazas o ciclismo, o seu xeito de gañar a vida. Pasa a ser, na linguaxe daquel tempo, un “industrial” máis dos que asentaban no puxante comercio santiagués. Converteuse, en liña co antigo negocio familiar, que administrara o seu falecido irmán, nun próspero vendedor que se especializará na venda de cociñas económicas.
Feitas as peticións de rigor e tradición, á fin casa con Ángeles Seijo na súa ben coñecida capela do Pilar do Campo da Estrela, o 2 de xaneiro de 1927. Misou a cerimonia o seu tío Alejandro Guzmán Lamas, cura de Negreira, mentres que o padriño será o empresario e tío político da muller, Urbano Pérez Insundia, que amparaba tamén o negocio emprendido polo xa home da súa sobriña. O casamento do que era afamado ciclista Alejandro Calvo celebraríase con procurada pompa no Recreo Artístico. Se na igrexa actuara un coro de señoritas, ao que lle deu compaña a orquestra do mestre Curros —que estreou unha marcha nupcial composta en exclusiva para o casamento de Alejandro e Ángeles—, no banquete executará pezas a pianista Mercedes López Ramón (anos despois moi activa na Sección Femenina da Falange de Santiago) e mesmo na voda se lles serviron aos numerosos convidados confeites da acreditada casa La Vascongada. Datos nupciais que transcenden do casoiro polo feito de que o desposado era unha famosa figura do deporte e como tal acontecemento social mesmo mereceu ser recollido por diversos xornais galegos.
A vida de casado e o seu negocio comercial non impide que Alejandro Calvo continuase a ser un habitual das carreiras de bicicletas. En agosto de 1928 corre a Volta ao Val Miñor que lles arrebata aos irmáns Maciell, Manuel e Silveiro, ciclistas da Ramallosa, e en setembro participa no “campeonato regional de ciclismo” que patrocinaba e organizaba Honorino Méndez. Nesta proba, Calvo e outros acreditados routiers, como o compostelán Alfredo Cavada e Enrique Ponte, serán derrotados pola emerxencia do gran ciclista marinés Manuel Rosales. Alar, un florido cronista deportivo, deixou unha requintada constancia literaria do estilo de Alejandro Calvo: “Una gloria ver cómo Calvo sostiene la brega con un estilo brillantísimo. Doblado sobre el manillar de la Alcyon, no parece que la Alcyon y Calvo sean dos cosas enteramente distintas. El tronco no delata la más mínima oscilación, marchando recto y pegado al sillín. Hombre y máquina, jinete y corcel, parecen fundidos en un sólo imparable”. Despois chegará a súa presenza na Volta ao Morrazo, e xa en marzo e abril de 1929, novas carreiras. A destacar o pontevedrés Gran Premio Raleigh, no que quedou segundo, e a Volta á provincia de Pontevedra, que Enrique Ponte gaña logo de que Calvo sufrise problemas físicos tras ir moitos quilómetros en primeira posición.
Tras esta competición chegan meses de silencio deportivo. Alejandro Calvo Abollo ten que facer fronte a un máis que serio problema familiar. A Ángeles, súa muller, detéctaselle unha grave enfermidade que durante longos e delicados meses soporta a parella. Finalmente o 29 de xuño de 1930 Ángeles Seijo, a mestra de Cobas, falece. Por esas datas xa tiñan dúas fillas, María del Carmen e María de los Ángeles que, ben nenas, foron arroupadas pola rama feminina e compostelá dos Calvo Abollo. En paralelo, e por conta da inesperada desaparición da dona, o Alejandro Calvo ciclista, pasa á historia e, xa viúvo, emprenderá unha nova vida, con lecturas íntimas e comerciais, ben lonxe de Santiago.
Galeguista en Barcelona
A opción pasou por se establecer en Barcelona. E nesta gran cidade despunta un Alejandro Calvo moi distinto. Decidido a abrazar unha opción política que endexamais mostrara en Santiago. Cando menos publicamente. Na capital catalá foi distinto. En outubro de 1931 o seu nome e apelidos xa figuran na directiva do Centro Cultural Gallego, que abrira local no Carrer de la Portaferrisa e que presidía o comerciante téxtil Luís Suárez Delgado. A vicesecretaría pasou a ser a responsabilidade de Calvo Abollo nunha asociación na que confluíran outros emigrantes como Marino del Río Picoaga, Carlos Tomé, Antonio Martínez e Ricardo Bértola. A finais deste mesmo mes serán estes homes do Centro Cultural Gallego os que organicen a visita de Luís Peña Novo para conferenciar sobre os problemas que soportaba Galicia por non gozar de autonomía política. Peña Novo falará ante eles en galego nun acto que foi todo un éxito de público e que inauguraba un activismo galeguista que unha serie de emigrados, boa parte deles comerciantes ou artesáns, trataban de facer confluír co que, en paralelo, se estaba a ensaiar xa con certo éxito en Galicia.
Un gran paso adiante para tal estratexia foi cando un grupo de activistas, boa parte deles xa actuantes no Centro Cultural Gallego, deciden crear un comité de apoio a “Comisión Pro Autonomía Gallega”. Desde este momento mesmo pasaron a galeguizar os seus nomes, e mesmo os seus apelidos. É cando, o hai ben pouco campión ciclista, por vez primeira aparece citado como “Alexandre Calvo”. Con el Andrés Valín, Emilio Sanxurxo, Manuel P. Cousiño e Xenxo Carballo. Tamén Luís Suárez, Carlos Tomé e un Antón Martíns (Antonio Martínez) que, na súa xoiaría da Rambla de Canalejas, ocuparíase de recepcionar os donativos a esta campaña política. Un agrupamento que acadará unha avanzada concreción política cando, tras reunións preparatorias que comezan en decembro de 1932, se convoca a finais de marzo no Centre Valencianista unha denominada “Asamblea pro Grupo Galeguista en Cataluña”, que dará comezo cun informe político a cargo de Alexandre Calvo e na que Carlos Tomé introduce e explica o programa do Partido Galeguista. En abril de 1933 este dinamismo toma corpo ao se confirmar a constitución dunha delegación oficial do PG en Barcelona na que os seus líderes principais serán —se seguimos a fórmula como eran transcritos na prensa nacionalista catalá— Carles Tomé, Lluis Suárez i Delgado e Alexandre Calvo i Rebollo. A partir desta data, o compactado grupo animou unha serie de actos e actividades que comezaron cun mitin político no Casal Nazonalista de Barcelona ao que convidarán á xornalista e crítica cinematográfica galega María Luz Morales. Tamén, e a imitar tácticas sociais do nacionalismo catalá, montan unha sección de excursionismo, aberta ás súas familias, que como primeira saída elixe a montaña da Correría e unha estadía no Santuario de Nuria para facer ”prácticas de skis”.
Os galeguistas barceloneses establecen cedo unha clara relación con diversos partidos do arco nacionalista catalán. No local dos de Palestra celebran o 27 de abril un acto en lembranza dos Mártires de Carral, con presenza vasca, e que esa mesma xornada se dinamiza mediante unha alocución en Unión Radio Barcelona na que Alexandre Calvo intervén en galego xunto ao nacionalista catalán Batista i Roca. Os actos continúan no local do Centro Cultural Gallego nunha velada nocturna na que Pilar Bértola recita poesías de Pondal, Curros e Cabanillas, Mercedes Gómez executa a piano o himno galego e María Luz Morales toma o peso político da conmemoración na compaña de Luís Suárez. O Grupo Galeguista de Barcelona tamén homenaxea outra muller. Foi por conta da viaxe en maio a Barcelona da viguesa Emilia Dolcet, elixida Miss España nese 1933. Alexandre Calvo Rebollo foi o militante escolleito para lle entregar, no nome do Partido Galeguista, un ramo de flores brancas e azuis que foi recollido cun agradecemento realizado en galego pola propia Dolcet, daquela mitificada polos galeguistas. Igualmente, dentro da enorme polémica aberta en Galicia a causa do Tratado con Uruguay e sumándose á campaña que lideraba desde Vigo o xornal El Pueblo Gallego, Alexandre Calvo asina en persoa o texto do telegrama que en xullo se publica nas súas páxinas: “Cansados por abandono intereses Galiza, ¡Irmáns galegos todos en pé e defendamos a nosa terra asoballada! Seus e da causa. Polos galeguistas de Barcelona. Calvo”. Un compromiso asumido por Calvo Abollo xa desde xullo de 1932 no que vive en primeira liña a visita dos seus líderes, no político e no cultural, Alfonso Castelao e Ramón Otero Pedrayo. Os dous dirixentes do PG compartiron no restaurante barcelonés Font de Lleó un banquete co presidente da Generalitat Francesc Macià, os seus consellers, o alcalde de Barcelona e distintos dirixentes da Lliga e doutros partidos do nacionalismo catalán, e ao que desde o protocolo se convida a asistir a Luís Suárez Delgado e Alexandre Calvo. Alí foron retratados canda Castelao e Otero, tamén con Manuel Portela Valladares, para unha serie de fotografías, xa históricas.
Desde o local que abriron en Barcelona, nun primeiro piso do número 8 da rúa Avinyó baixo a denominación de Pazo Galeguista, os militantes do PG continuaron a estender a súa propaganda que, sobre todas as cousas, centran na demanda estatutaria. Unha sede que converten no centro referencial e na que persistirán na conmemoración cada ano do aniversario dos Mártires de Carral. Na de 1934, o acto político volve a contar coa presenza de María Luz Morales, “per la dona gallega”, Luís Suarez Delgado polos galeguistas e Manuel Bermúdez pola Casa de Galicia. Mentres, a Alexandro Calvo se lle reserva intervir outra vez ante os micrófonos de Radio Barcelona. En marzo o antigo ciclista súmase a unha homenaxe a Pilar Bértola. Unha moza entusiasmada coa poesía galega que padecía unha enfermidade terminal e que en breve a conduciría á morte. O seu pai Ricardo Bértola, un emigrado antigo dirixente da Juventud Socialista de Pontevedra, estaba achegado agora, desde a Peña da Casa d’a Troya, a uns galeguistas que impulsaron un acto en solidariedade coa súa filla e no que será Alexandre Calvo quen interprete un monólogo escrito en galego polo propio Ricardo Bértola.
A solidariedade coas grandes figuras do nacionalismo catalán tamén forman parte do activismo da sección do Partido Galeguista en Barcelona. En maio de 1934, ao lado do poeta Álvaro Cunqueiro, que deposita unha flor no monumento funerario, os membros do PG, coa bandeira galega ao fronte, visitan a tumba de Francesc Macià nun acto institucional ao que se suman representacións do Centro Cultural Gallego, Pazo Galeguista, Casa de Galicia e da Agrupación Recreativa Gallega que, en conxunto, representaban boa parte da emigración organizada en Cataluña. Este mesmo mes, e outra vez en torno á figura do Mártires de Carral, coinciden novamente Alexandro Calvo e María Luz Morales que, convertida á vez nun referente e nunha conexión coa intelectualidade barcelonesa, describirá no seu discurso os tres momentos que para ela serían fundamentais na Historia de Galicia. A decapitación de Pardo de Cela, as execucións de Carral e a escrita por parte de Rosalía de Castro dos seus poemas en galego. Opinións que foron acompañadas nesa mesma velada política por unha lectura por parte de Calvo Abollo dun texto desde o que lanzou un chamado ás mocidades galeguistas “co fin de loitar pola terra como aqueles que deron as súas vidas no pobo de Carral”. O Pazo Galeguista vivirá tamén ese maio de 1934 a visita de Álvaro Cunqueiro. Un acto literario no que o poeta diserta ante Calvo e os seus compañeiros sobre “A paisaxe das nazóns naturaes”.
Na Compostela da retagarda golpista
A última presenza detectada de Alexandre Calvo no galeguismo político non tería lugar en Cataluña, mais si manterá unha relación directa con ela. Data de xuño de 1936 e xa que logo do momento de maior intensidade plebiscitaria na loita polo estatuto de autonomía para Galicia, que en Barcelona os galeguistas puxeran no plano organizativo baixo a responsabilidade do militante monfortino Cesáreo Rodríguez e para a que, á fin, logran a implicación pública do Centro Gallego, por man do enxeñeiro Ángel Remigio, da Agrupación Recreativa Galega representada polo gaiteiro Dositeo Villar e mesmo do coro “Lonxe da Terra”, de Gonzalo Vázquez.
O día 24 de xuño, posiblemente por razóns profesionais mais tamén seguro familiares, Calvo Abollo atopábase en Compostela. E ese día, pola sobremesa, nos estudios de Unión Radio, realiza unha intervención en directo en nome do Grupo Galeguista de Barcelona que, atendendo a unhas declaracións efectuadas polo seu principal líder Luís Suárez Delgado na capital catalá á La Vanguardia, poderían definirse como “catalanistas de izquierdas, como son los galleguistas en su país”. O idioma que escolle Alexandre Calvo para esta arenga radiofónica na emisora de Santiago será inequivocamente o galego —emitida en “lengua vernácula”, subliña a prensa— e desde ela transmitiu ”el tono ahelante con que los residentes en Barcelona esperan de todos los gallegos que el día 28 plebisciten favorablemente la libertad de Galicia”.
Despois desta clara e pública opción polo galeguismo que lanza ás ondas, Alexandre Calvo non retornou máis a Barcelona. Faltaba menos dun mes para que vivise no seu Santiago natal o alzamento militar contra a República. Antes, a finais de xuño, asistiu a unha conmemoración familiar que contaría cun protagonista inesperado. Aínda viúvo, a súa filla María del Carmen recibía a primeira comuñón, tamén na capela do Pilar do Campo da Estrela, e a escolleita das irmás Calvo Abollo para o oficio relixioso non foi outra que a dun cóengo catedralicio que gozaba entre as elites compostelás de certo prestixio como historiador. E este non sería outro que Manuel Silva Ferreiro. O que en breve tempo se converterá nun autorizado e privilexiado cronista de todos os episodios de terror que os militares cometerían por todas e cada unha das vilas cidades galegas nos primeiros meses do 36.
Chegados os días da barbarie, os intentos de salvagardar a legalidade republicana, en solitario, por parte das organizacións obreiras e agrarias, fracasaron ante a superioridade dos militares alzados. A Alexandre Calvo (claro é, outra volta a utilizar Alejandro) non lle quedou máis que ser un agachado ou un derrotado. Protexido pola rede familiar tecida polas súas irmás, que continuaron a frecuentar o temible Silva Ferreiro, o importante para el nesas complicadas xornadas pasaba por andar afastado de calquera exposición pública e tamén asustarse polo expediente aberto pola “Comisión Depuradora del Magisterio” á súa irmá Carmen, mestra nacional e verdadeira alma da familia, que non sería resolto ata novembro de 1938 (as Calvo Abollo, María e Carmen, chegaron a ter aberto un colexio privado en Santiago que aínda que con docencia moi conservadora mesmo pularon para que as súas alumnas representasen once anos atrás, en 1927, unha obra teatral en galego).
En 1937, Alejandro Calvo asenta o empadroamento da súa familia outra vez en Santiago e asiste en 1939 a como súa filla María del Carmen, de sempre con boas cualificacións escolares e matrícula gratuíta por ser orfa do Maxisterio, comeza o bacharelato. Consume os peores dos días sempre a tremer que non reaparecese de mala maneira, por parte dalgunha autoridade ou servizo do novo réxime, o seu “Expediente Barcelona”. É dicir, ese tempo republicano e catalán no que tan intensamente se ligara ao Partido Galeguista e onde era coñecido como Alexandre Calvo. Tocaba, pois, pasar desapercibido ou mesmo sobrevivir entre concesións. Logo de sufrir a perda dunha das súas irmás monxa —Sor Carmen de Jesús Calvo Abollo— os que estaban en coñecemento do seu segredo principal non deixarían de se sorprender, xa rematada a guerra civil, que o seu nome e apelidos volveran a estar de novo presentes na prensa en abril de 1944. Reaparecerá citado como asesor técnico dunha serie de carreiras ciclistas que a delegación en Ourense da Unión Velocipédica Española viña de organizar por man de Joaquín da Cunha, outro histórico do ciclismo galego, e baixo o forzoso control de “Educación y Descanso”, a entidade deseñada pola Ditadura para atar en corto o mundo do deporte.
É o retorno público de Alejandro Calvo en anos da primeira posguerra. Unha reaparición que dous anos despois, en setembro de 1945, vive unha sorte de déjà vu que lles lembraría a tantos dos que o coñeceran, como campión ciclista, unha das súas máis sinaladas xestas. Nese mes emprende unha nova viaxe en bicicleta a Madrid acompañando ao ciclista ourensán Arturo Viriato que anos atrás, 1940, fora humillado cunha multa do alcalde franquista da cidade “por no llevar la chaqueta puesta por la calle”. Os xornais falanxistas das capitais por onde pasaron camiño da capital española caracterizárannos como “dos camaradas de la Obra Sindical de Educación y Descanso” que estaban a facer a distancia Ourense-Madrid en dúas etapas. “A la una de la madrugada del viernes llegaron a Zamora” escribíase nun deles que, á vez que lles dou por criticar o escaso rigor deportivo do esforzo de Arturo Viriato, definían a Alejandro Calvo como un “ciclista retirado”.
De feito, a nova relación de Alejandro co ciclismo, en clave deportiva, apágase en nada. As seguintes noticias que se refiren a el serán de puro de rango familiar ou por conta dunha fuxida cara a adiante que preparaba animado por vellas amizades. Como todos os que no franquismo o solicitaban, certo día coñeceu por medio dunha breve nota oficial publicada nos xornais que xa podía pasar pola comisaría de policía a recoller o pasaporte que viñera de solicitar. Son os días que as súas irmás, coherentes coa súa relixiosidade, e máis tamén, conciliadoras e prudentes, aportan cartos con destino a unha homenaxe que se ía organizar na cidade a Silva Ferreiro (o seu vingativo libro aínda era unha guía para cazar “rojos”), e tamén xornadas de orgullo paterno tras rematar os estudos a súa filla María del Carmen que, a seguir a tradición das mulleres da familia, recibe o título de mestra. Era xullo de 1948 e tempo de planear unha longa e ventureira viaxe que, illado no profesional e no emocional, decide emprender.
Un emigrante máis na Arxentina
Cando xa cumprira os 45 anos e a declarar unha simple profesión de mecánico, despois de embarcar no porto de Vigo en febreiro de 1949, o día 11 de marzo, como viaxeiro do transatlántico Tucumán, Alejandro Calvo Abollo comeza unha nova vida en Arxentina. Dela pouco se sabe e o antigo ciclista e dirixente galeguista tamén pouco se esforzará para que se soubese. Transcendeu que sentiu a solidariedade dun amigo dos tempos mozos de nome José Seoane Crespo, un antigo mestre impresor que formara parte dos talleres de La Gaceta de Galicia e de La Comercial, en que alí en Buenos Aires mobilizaba activismo cultural e societario desde a Casa de Santiago.
De que, e de que forma, se mantén Alejandro Calvo na capital arxentina coñécese o xusto. E do escaso que el mesmo trasladou saberase cando, case 17 anos despois, e curiosamente na compaña de Seoane Crespo, retorna a Galicia e goza de tres intensos e sentimentais meses en Santiago. Días nos que se felicitou ao saber da concesión a súa irma Carmen —durante trinta e dous anos mestra en Faxilde, Vilagarcía— da Cruz de Afonso X o Sabio para lle premiar unha recoñecida e extensa docencia na escola pública.
Sería outro dos seus vellos coñecidos, o xornalista Rey Alvite, quen logre que este regreso puntual non pase desapercibido. Entrevistará a Alejandro Calvo co ánimo de lembrar, sobre todas as cousas, a un antigo campión ciclista. Nese ano 1965, aínda pleno franquismo, non era cousa de que se reivindícase o seu pasado galeguista en Barcelona. Rey Alvite recolle, cunha fotografía do emigrado —”algo falto del elemento capilar”—, as opinións dun Calvo que rememora o seu esplendor deportivo e confesa como en Arxentina non fora quen de abandonar a bicicleta por causa dos trinta quilómetros que tiña que facer cada día para chegar e volver do seu traballo: “En Buenos Aires el vencer jornadas de dos horas de bici es corriente en mí”, é o que lle explica despois de que o entrevistador lle expresase que o vía forte, e que no seus ollos lle detectaba aínda febra de ciclista: “Grazas meu rapaz”, agradécelle Alejandro Calvo, nun galego transcrito por Rey Alvite, para de seguido asegurarlle que a súa paixón deportiva mantense viva: “Morirá conmigo la afición que tengo”.
Tras a súa volta a Arxentina, o silencio máis absoluto e despois, xa cara aos nosos días, o decretado esquecemento. Nesta mesma época, Luís Suárez Delgado, aquel irmán galeguista que Alexandre Calvo tivera en Barcelona, comezaba a recompor, por medio de discretas actividades que se desenvolvían no Centro Galego de Barcelona, o seu antigo ideario galeguista. Mesmo conectou aos poucos, sempre de traxe e gravata, como home de orde que era, cuns mozos emigrados que non coñeceran a guerra civil e que alí xa militaban, en vaqueiros e xersei, como fillos do maio do 68, nas emerxentes organizacións dun novidoso nacionalismo galego.
En Arxentina, o que puido acontecer sobre a relación de Calvo Abollo co galeguismo exiliado ou na emigración, nada habería, en principio, que merecese ser citado como relevante. O ciclo galeguista do Alexandre Calvo, campión ciclista, deu en ser unha carreira da que ninguén se lembra ou que el mesmo optou deliberadamente por borrar. Se cadra todo se explica nunha mínima e obvia frase que naquela pequena entrevista de 1965 chega a pronunciar: “… mais quen é dono da vida?”.
Os galeguistas de Barcelona tras xullo do 36
O percorrido do grupo dirixente do Partido Galeguista en Barcelona tras xullo de 1936 sufriu de diversas vicisitudes. Luís Suárez Delgado, natural do Barco e criado en Lalín, permaneceu na cidade despois de ser ocupada polas tropas franquistas e, cuberto pola súa familia e negocios, reaparece en actividades ligadas ao Centro Gallego de Barcelona no que xa figurara na súa directiva en 1929. Morre en 1987 aos 84 anos despois de manter un íntimo cultivo da poesía en galego e dinamizar encontros culturais, sempre no contexto do Centro Gallego, nas dúas décadas finais da ditadura. Pola súa banda Manuel Pérez Cousiño, que desde 1929 traballaba en Barcelona como directivo da empresa Avícola Catalana, anos máis tarde, na década dos 60, chegaría a ser presidente do Centro Gallego de Zaragoza.
Mentres, Carlos Tomé Alonso na Barcelona da guerra civil arroupou a presenza dos líderes galeguistas Suárez Picallo e Castelao aos que puxo en contacto con distintas organizacións nacionalistas catalás. Coa derrota, pasa a Francia e posteriormente exíliase en México onde como membro do galeguismo organizado forma parte dos impulsores da revista Saudade, editada nos anos 50 pola Irmandade Galeguista, e posteriormente na creación da publicación Vieiros, dirixida por Carlos Velo, Luís Soto e Arturo Souto. Carlos Tomé implicouse especialmente na emisión radial “Hora de Galicia” que en México D.F. animaba o Padroado da Cultura Galega.
Caso semellante foi o de Andrés Valín Salvador. Nado en Lugo en 1899 e emigrado a Cataluña, tivo igualmente que abandonar Barcelona e refuxiarse en México despois de 1939. Alí foi o administrador da revista Saudade e dirixente da Irmandade Galeguista na capital federal. Participou nas principais actividades políticas dos galeguistas exiliados en México e formou parte tamén do Consello Executivo do Padroado da Cultura Galega do México, do que era secretario xeral Carlos Velo e Presidente Adolfo Vázquez Husmasqué.
Traxectoria ben diferente e confusa foi o do galeguista Xenxo Carballo. Ginés Carballo Valcarce naceu nunha familia pontevedresa da que boa parte dos irmáns exerceron de mestres e outro deles, na ditadura, de alto cargo nas prisións do réxime. El mesmo, cando se implica no galeguismo en Cataluña desenvolvía, antes do 36, a profesión de mestre con escola en Cornellà e Sant Joan Despí. Tras collerlle o alzamento militar na zona rebelde, alístase no exército franquista e con gradación de alférez remata destinado en 1939 no Servicio de Defensa del Patrimonio Nacional. Antes, en 1938, fora enviado en viaxe oficial á Italia fascista, estancia da que deixou escritos nos que enxalza con entusiasmo á figura do Duce, Benito Mussolini. Con vida discreta dentro da estrutura do réxime ditatorial, onde chega a exercer de profesor de italiano, reaparece a finais dos anos 60 en Barcelona, momento no que torna a utilizar aquel antigo nome no PG de “Xenxo Carballo”. Xa nese tempo implícase en actividades do Centro Gallego e máis tamén do Lar Galego-O Penedo desde un achegamento amistoso a Manuel Casado Nieto e Antonio Gómez-Reino. En 1996 aparecerá implicado nunha frustrada operación para formar un partido galeguista de dereitas deseñada por quen fora presidente en Galicia da suarista UCD Enrique Marfany e aliado político de Manuel Fraga Iribarne. Para este ex-ministro franquista, na restauración democrática, Xenxo Carballo chegaría a pedir publicamente o voto.
Mi abuelo Alejandro Calvo Abollo se casó en segundas nupcias con Margarita Abraldez Asorey en 1942. 5 de setiembre de 1943 nace su primer hijo varón Alejandro Calvo Abraldez, 27 de setiembre 1943, nace José Carlos Calvo Abraldez. El 14 de enero de 1945 nace Miguel Ángel Calvo Abraldez( mi padre) y el 9 de agosto de 1947 nace Margarita Maria Luisa Calvo Abraldez. Mi abuelo Alejandro Ángel Paulino Calvo Abollo fallece el 17 de noviembre de 1974 en Quilmes, provincia de Buenos Aires, Argentina.
Corrijo es Abraldes Asorey.
Fe de erratas.Corrijo es Abraldes Asorey. Falleció 19 de noviembre de 1974 Alejandro Calvo Abollo.