BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Algoritmos’, concentrado de Queipo

Xavier Queipo.

César Lorenzo Gil.

Algoritmos (editado por Galaxia) reúne, segundo a contratapa do volume, «unha secuencia de ideas acoutadas entre 2011 e 2018». É unha boa definición para un libro que poderiamos cualificar como diario inconstante de experiencias, lecturas, memorias e reflexións cuxo principal elo conector é a forte personalidade literaria do seu autor, Xavier Queipo.

Porque este é un libro que fará as delicias dos seguidores do escritor compostelán. Nas 166 páxinas da obra recóllense os seus temas máis queridos, a súa particular visión do mundo e das letras, case as mesmas ferramentas que emprega acotío na ficción, mais desta volta ao servizo da non ficción.

O libro lese con gusto tamén como porta de entrada a ese «Universo Queipo». Aqueles lectores que nunca se achegaran á súa ampla obra teñen aquí unha boa oportunidade. Está escrito con limpeza e claridade, medidas as doses de intimidade e proxección cara a fóra. É o libro dun escritor consolidado, maduro, culto e seguro de si mesmo, que observa o seu presente e desexa compartilo con xenerosidade e cercanía.

Os seus intereses abren un abano entre a política deses sete anos nos que os textos foron escritos e as teimas, querenzas e preocupacións máis persoais. É particularmente interesante a relación deste libro con outros libros. Cítanse ducias de títulos e, como adoita ocorrer con Queipo, o lector atopará nestas páxinas un manancial do que broten futuras novas lecturas. Aínda que por momentos o escritor fai de crítico literario, principalmente exerce de lector, de namorado dos libros que pasea con eles (hai un texto no que reflexiona sobre o peso ideal dos volumes que deben viaxar connosco) e os desfruta cun entusiasmo xuvenil.

Nesta obra tamén é moi relevante o concepto da viaxe, un tema moi habitual na literatura de Queipo, e que neste traballo loce nas coordenadas da visión documental e íntima a un tempo, coma se o autor tivese que exercer de reporteiro para si mesmo, aproveitando a escritura para fixar a memoria e a sensación dun determinado día ou momento.

É importante destacar que baixo a aparencia de recompilación talvez azarosa de células de coñecemento, nesta obra nótase a man dun veterano estilista. Os textos parecen recén nacidos, coa tinta fresca, naturais. Mais na verdade non lles sobra apenas nada, son concisos e precisos, tanto no tocante ao xeito en como están escritos coma nas múltiples referencias e conexións coas que Queipo edifica o esquelete interno do libro, o regueiro subterráneo que o liga todo.

Animo a quen aínda pense que un libro é o mellor dispositivo para capturar o tempo e amansalo a que encete esta obra por onde lle pete, lea unhas poucas páxinas, subliñe ou recorde, anote ou cambie de lectura. Así é como entrará no xogo de Queipo, quen en Algoritmos non só propón un testemuño, senón tamén un diálogo.

♦ Algoritmos, de Xavier Queipo. Galaxia, 2022. 170 páxinas. ♠17€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *