Algunhas cuestións sobre os premios literarios
Eva Moreda.
Lin con interese unha recente reportaxe sobre os premios literarios en Galicia publicada por Sermos Galiza. Penso que o medio fixo un bo traballo no que respecta a reflectir un certo consenso oficial ou oficioso sobre o tema, que no noso sistema literario, polas razóns que todos sabemos, non é o consenso da Xunta, nin sequera o da RAG ou o das universidades, senón o doutras institucións e individuos que tiveron que asumir a tarefa de construír ese espazo oficial ante o desleixo das anteriores (e ben que llelo agradecemos). Porén, inevitablemente debido ao carácter da reportaxe, houbo cuestións que quedaron fóra e que aquí me fago sen ánimo de respondelas.
Algo se fala, por exemplo, da historia dos premios: de como dos anos sesenta en adiante diversas asociacións e institucións empezan a promover premios para crear un canon, dinamizar a vida literaria, vender libros, etc. Todo isto está ben, pero o que non vexo é ningunha ollada crítica ao respecto, e igual xa vai sendo tempo despois de cincuenta (cincuenta!) anos. Non se fala na reportaxe da inercia ou o anacronismo que supón que, aínda a dia de hoxe, cando un concelleiro de cultura, un técnico cultural voluntarioso de calquera concello de Galicia quere facer algo pola nosa literatura, o que fai é organizar un premio literario. Haberá momentos e contextos nos que organizar un premio teña sentido, pero igual xa había que ir pensando en buscar algunha que outra alternativa, máxime cando algún destes premios acaba tendo unha vida ben curta e/ou mediocre, ben porque cambia o concelleiro de cultura e xa non hai interese, porque os libros premiados non acadan a difusión que se esperaba e non conseguen darlle un carácter distintivo ao certame, etc. Podería terse falado na reportaxe, por exemplo, do manido argumento de que en Galicia creamos premios porque noutros sistemas literarios tamén existen os premios: non vou ser eu a que defenda o excepcionalismo do sistema literario galego pero outros sistemas tmaén teñen outras cousas (unha escena underground ou vandardista saneada, unha crítica articulada e con posibilidade de crear discurso, etc.) que por aquí apenas nos molestamos en copiar. Cabería preguntarse por que os premios si e outras cousas non.
Sorprendeume tamén, aínda que isto se cadra é cousa miña, que non se sinalase a escasa atención que semellan estar recibindo estes días os premios nos medios en galego (de La Voz de Galicia xa non vou falar). Mesmo para dous recentes certames moi prestixiosos en tempos, como o Lueiro Rey de novela curta e o Modesto R. Figueiredo de relato curto, este ano houbo que facer un esforzo para saber do fallo (salvamos o Twitter de Letra en obras!). Faría falta análise, datos polo miúdo para os que non hai cabida na reportaxe, pero vou poñer unha anécdota persoal: no 2010 levei un par de premios de narrativa e, sen ser estes premios importantes nin ser eu unha autora coñecida, os medios en galego que existían daquela entrevistáronme (algún deles máis dunha vez), mesmo algúns me convidaron a enviarlles colaboracións, e en xeral tiña eu a sensación de que había unha certa expectativa (moi limitada: estamos onde estamos) pola publicación dos libros. Hoxendía non vexo eu que isto poida existir, non sendo cando o autor ou autora premiada xa ten un nome e unha fama de seu. Co cal o tamén manido argumento de que os premios benefician sobre todo os autores noveis ou pouco coñecidos se volve cuestionable.
E, xa cando pasamos do fallo á publicación da obra, sorprendeume tamén que non se comentase como algúns libros premiados son editados, distribuídos e promocionados como con desgana, como facendo o mínimo para cumprir. Coas editoras institucionais xa son coñecidas, por desgraza, as poucas ganas que lle poñen á promoción das súas obras, pero dáme a sensación de que está a acontecer tamén coas comerciais. Ás veces pregúntaste se tal ou cal libro premiado xa sería editado e, indo á páxina da editora, descobres, para a túa sorpresa, que xa hai varios meses que si, sen que vises nunca un anuncio, unha noticia, unha crítica, mesmo un tweet promocional (e admito que eu non vivo no país hai xa ben anos, pero xuro que sigo en Twitter ao Tout-Vigo e ao Tout-Compostela no que a materia literaria se refire).
Tamén me sorprendeu que non se falase da composición dos xurados dos premios e das coincidencias de nomes que vemos entre uns e outros. Cónstame que desde hai un tempo se vén intentando que haxa máis presenza feminina nos xurados, como é de xustiza, pero cuestiono a validez desa medida se logo non hai unha renovación regular e razoable de caras, tanto femininas como masculinas. E digo isto con todo respecto e admiración aos que sentan decote en xurados de premios, porque estar nun xurado non é un carameliño: ler vinte, trinta ou corenta orixinais (dos cales non todos serán entretidos ou interesantes de ler) nun par de meses, sacar días do teu horario laboral ou de lecer para asistir a reunións, é un compromiso importante, por moito que adoites levar unha compensación económica. Pode ser que realmente ninguén queira ser xurado: pero entón tamén habería que falar diso, para ver se se poden mellorar as condicións para que se anime máis xente e impedir así unha situación en que o que é noticia, o que crea discurso, está decidido sempre polas mesmas voces (e aquí son consciente de que entro en contradición cos dous puntos anteriores, que xusto cuestionan que os premios teñan xa a capacidade de ser noticia e crear discurso).
Houbo outras cuestións que de seguro quedaron fóra porque atinguen o puramente literario (o xornalismo cultural, non só entre nós, deixou de interesarse hai tempo polo literario e prefire falar en troques do editorial e o comercial) e sobre todo á calidade literaria, que nos poñemos todos moi nerviosos cando aparecen esas palabras sobre a mesa. Por exemplo, a non mención do recente fallo (deserto) do premio Eduardo Blanco Amor; máxime cando o EBA é mencionado na entrevista como un dos premios canónicos e canonizadores do noso sistema. Non hai nada que comentar a esta decisión do xurado, certamente ben inusual no noso universo? Se cadra, porén, isto é escusable: cando máis haberá que falar do EBA será dentro duns meses, cando (imaxinemos) se produza a situación que vou describir. Están a piques de convocarse, ou ben xa se convocaron e está a piques de pechar o prazo, varios premios de novela. Non é exótico pensar que o conxunto de novelas presentadas a cada un destes certames coincidirá, en maior ou menor medida, co conxunto de novelas presentadas ao EBA: non lle vou descubrir a ninguén nada se digo que o habitual neste país é pasear a novela por varios certames ata que algún pique (ou non). Estou case certa de que algunha das novelas que o xurado do EBA non considerou premiables serán premiadas nalgúns destes certames, que os respectivos xurados e a crítica lles reservarán os máis altos cualificativos, e mesmo pode que os xurados sinalen na súa acta que as novelas presentadas ao certame eran de tan alto nivel que elixir unha lles resultou difícil; isto, repito, cun corpus novelístico que será bastante coincidente co EBA. A ver se entón non vai ser necesario falar, cando nos pase o nerviosismo inicial, dos nosos premios e a súa relación coa calidade literaria.
Valente artigo! Cando din que @s que se queixan son @s que nunca gañan, non se preguntan como pode ser que doce novelas que pasan o tallo das finalistas para o premio Torrente Ballester, son consideradas pouco menos que lixo para o EBA. Alguén máis malpensado ca min, concluiría que a persoa que tiña que gañar o EBA non deu chegado a tempo. Aínda que iso non é exclusivo da literatura galega. Coido que os premios literarios teñen os mesmos vicios en todas partes…
Eu fun xurado este ano do Premio EBA. Do que chegou malamente había unha novela publicable, con moita edición, iso si. Do que pasou á final do TB non podo opinar, claro está. Grazas por comentar.