Algúns libros galegos vendidos no 1974
Xesús González Gómez.
Todos sabemos que tanto a publicación como a venda de libros galegos baixou bastante duns anos a esta parte e que as tiraxes son máis ben curtas. Infelizmente case sempre foi así. Aínda que, e non pensamos como Jorge Manrique que o tempo pasado foi mellor, houbo tempo en que parecía que as cousas melloraban, non de súpeto, mais si amodiño. Mesmo en tempos do franquismo, cando se publicaban como moito, xa nos anos 1970, cinco ou sete libro mensuais (o de sete ao mes, era un récord), a venda de libro galego semellaba que estaba máis viva, era máis dinámica, que na actualidade. Como sempre, faltan datos. Non sabemos das tiraxes daquela, aínda que non debían ser moi amplas, claro. As de hoxe intuímolas. Hai libros que levan unha banda que pon, por exemplo, dez ou once edicións. O comprador ou compradora, cando ve esa banda pode lanzarse a compralo: como leva tantas edicións… Mais, en realidade, resulta que cada nova edición era (é), como moito, de 100 exemplares, así que…
Mais non nos chamemos a engano. Isto fano todas as editoras, españolas, catalás, galegas, etc. Un exemplo, un pouco vello. Se vostede encontra nalgunha libraría de segunda man, un exemplar da décima ou duodécima edición de Los girasoles ciegos, de Alberto Méndez, publicado por Anagrama (libro que foi, finalmente, un grande éxito de vendas[1]), se ten a sorte de que a banda que lle puña a editora aínda está no exemplar, verá que a décima edición era un total de 15.000 exemplares. Boten contas sobre os exemplares que se tiraban de cada edición… Por outra parte, e non vou dicir nin editora nin autor, un recente escritor en castelán, catalán de nación, publicou unha novela, vendeu, segundo se di na banda editorial, tres edicións do seu libro nuns poucos meses. Segundo o autor, os cartos recibidos por esas vendas non lle dan, como quen di. nin para unha viaxe en taxi de Barcelona a Hospitalet de Llobregat: distancia, 0 km. Ou sexa, imaxinen vostedes a tiraxe da edición e das reedicións (en realidade, reimpresión). O que non significa que esteamos contra o novo «modo» de produción de libro: é máis barato para todos e máis efectivo e afórranse moitos cartos en papel, almacenaxe, etc., polo que permite a supervivencia de editoriais máis que interesantes que co «modo» de produción clásico, ao mellor, ao quinto libro publicado e non vendidas case que na súa totalidades as anteriores entregas, terían que pechar portas. O que estamos en contra é que non se diga a tiraxe de exemplares de cada edición. Mais este é un problema de difícil «solución». Mas, como sempre, acabo indo por camiños que non debería percorrer. Así que volvamos ao tema.
Nos últimos anos do franquismo, un dos libros de maior venda da editorial Galaxia foi O atraso económico de Galicia, de Xosé Manuel Beiras. Nunca fixeron unha segunda edición nin nunca consignaron unha reimpresión. Mais, en realidade, reimprimiron o libro en diversas ocasións. A cousa era que naqueles tempos a cada nova edición ou reimpresión había que enviar o libro á censura, e os responsábeis da editorial temían que o lapis vermello actuase implacabelmente, máis do que actuara cando enviaron o orixinal á censura e lles deron o placet, así que decidiron reimprimir o libro sen dicir nin pío.
Todos estes prolegómenos veñen a conto porque o 19 de maio de 1974, hai exactamente 50 anos e uns meses, a páxina literaria do xornal El Progreso, de Lugo, «Táboa Redonda», conmemorando o Día das Letras Galegas, dedicado aquel ano a Xohán Vicente Viqueira, entregaba un artigo de Lucencio (Ánxel Fole, que era o responsábel da páxina) sobre o homenaxeado, un escrito titulado «O que pensaba Viqueira da educación», asinado por X.G.G., un poema de Helena Villar Janeiro («Elexia»), unha pequena recensión sobre Primaveira no Lor, de Eduardo Moreiras, que acababa de publicar a editorial Galaxia, e facían unas cantas preguntas a libreiros lucenses. Estas preguntas non ían asinadas, pero ben podían ser de Xosé de Cora ou de Juan Soto. Non o sabemos. As ilustracións eran fotos ou de Viqueira ou de personaxes ou paisaxes cos que este tivera relacións.
As preguntas ao libreiros lugueses, dicía o anónimo redactor (ou redactora) eran, ou trataban, sobre a fortuna do libro galego ou de tema galego «durante los meses del año en curso», é dicir, de xaneiro a maio de 1974. Os libreiros entrevistados eran os propietarios ou encargados das librarías: Alonso, Loterías, Librería Balmes, Librería Celta e Librería Cabado. As preguntas eran as seguintes (traducimos do castelán):
—Que tal se vende o libro galego?
—Que xéneros literarios sonos preferidos do público?
—Que título alcanzou maior venda?
Velaí o que dicían os libreiros, traducimos íntegras as respostas:
LIBRERÍA ALONSO
Contéstanos dona Esther, da Librería Alonso:
—O libro galego vaise vendendo moi ben. A narrativa e o ensaio van á fronte nas preferencias do público. A poesía non se vende tanto. Tampouco o teatro. O título de máis venda foi Contos da néboa, de Ánxel Fole, con trescentos corenta exemplares. Vendeuse moi ben Informe –dramático– sobre la lengua gallega, de Alonso Montero, O atraso económico de Galicia, do profesor Beiras. Tamén, Viaje por las escuelas de Galicia, de Luis Bello, reeditado por Arealonga [Akal, Arealonga era o título da colección]. Engadimos o libro sobre Brujas y la Inquisición en Galicia, con el Ciprianillo[2], de Bernardo Barreiro. Outros dous libros de éxito de venda foron a biografía de Curros, de Celso Emilio, Ediciones Júcar, e o de Xosé Gayoso Veiga, publicado por Galaxia, Coa nosa xente. Os libros de versos moito menos.
LOTERÍAS
Don Juan Soto, da libraría de Loterías, contesta así as nosas preguntas:
—Estamos moi contentos da cifra de venda que alcanzan os libros galegos, escritos en galego ou de tema galego. Teñen máis compradores os libros de narración e de ensaio que os de poesía e teatro. Dentro da narración, o conto. De Contos da néboa vendimos douscentos, Coa nosa xente, o libro de Galaxia de Xosé Gayoso, alcanzou os cento corenta exemplares de venda. Castelao, Blanco Amor, Alonso Montero e Beiras figuran entre os autores de preferencia do público. Tamén Celso Emilio Ferreiro. Considerábel venda do libro de Bernando Barreiro e do de Luis Bello.
LIBRERÍA BALMES
—Aumentou a venda de libros galegos respecto aos anos anteriores, en todos os xéneros literarios. Tamén vendemos moitos libros de versos en idioma rexional. Sesenta e tres exemplares de Contos da néboa. Bo despacho dos de Alonso Montero, de Beiras e Blanco Amor. Un éxito de vendas: Viaje por las escuelas de España (sic).
LIBRERÍA CELTA
—O libro galego vai moi ben. Medra notabelmente o número de compradores. Libros de toda clase. Os autores máis vendidos foron Ánxel Fole, Celso Emilio Ferreiro, Alonso Montero, Castelao, Blanco Amor. Os libros de contos teñen moi boa venda.
LIBRERÍA CABADO
—Vendín moitos libros galegos e gran cantidade de persoas preguntan por eles. Sempre tiveron moi boa venda os libros de Castelao. Tamén os dous dicionarios de Galaxia[3], o de tres tomos e o resumido por Franco Grande[4]. Temos en carteira numerosos pedidos a editoriais galegas. Non podemos precisar calos foron os autores de máis venda.
Os datos, como percibirán lectoras e lectores, refírense só á cidade de Lugo. Tendo en conta a situación política do país, e a situación social da lingua, os datos eran esperanzadores, mais…
[1] Este libro de relatos foi éxito debido ao boca-orella. O libro publicouse a inicios de 2004. En marzo, e agora cito de memoria –pero se non foi en marzo foi en febreiro–, do 2005, imprimiuse a segunda edición. Hoxe leva vendidos, segundo din, máis de 450.000 exemplares.
[2] Título exacto é o seguinte: Brujos y astrólogos de la Inquisición de Galicia y el famoso libro de San Cipriano, de Bernardo Barreiro (1885), reeditado por Akal na colección Arealonga, dirixida por Xesús Alonso Montero, en 1973.
[3] Diccionario enciclopédico gallego-castellano (Editorial Galaxia, 1958).
[4] Diccionario galego-castelán (Editorial Galaxia, 1968).