Algúns poemas do checo Vítězslav Nezval
Xesús González Gómez.
A literatura checa, a escrita nesta lingua (non esquezamos que hai escritores checos que escribiron en alemán cando este país pertencía ao Imperio austro-húngaro, e que continuaron a escribir neste idioma cando Checoslovaquia acadou a independencia: Kafka, Werfel, Max Brod, Ernst Weiss, Egon Erwin Kisch, ou o propio Rilke, etc.), non é moi coñecida por estes pagos, agás uns cantos nomes: Vladimir Holan, Jaroslav Seifert, Milan Kundera, Bhoumil Hrabal, Karel Čapek, Jan Švankmajer[1] –este máis coñecido como cineasta– e talvez algún máis que agora non me vén á memoria. Evidentemente, a literatura checa é moito máis que estes nomes, pero a calidade dos citados pode dar unha idea da «altura» que acadou esta literatura. Curiosamente, hai nomes de grandes poetas checos do século XX que só aparecen en antoloxías: K. Bielb, F. Halas. Z. Havliček, e outros moitos, mais salientemos o nome de Vítězslav Nezval, do que, que saibamos nós, en idiomas do Estado español só hai traducidos uns cantos poemas en Cinco poetas checos (selección tradución e prólogo, Clara Janés, Guadarrama, Ediciones del Oriente y del Mediterráneo,1993), e a novela Valerie y la semana de los prodigios (Córdoba, El Olivo azul, 2012, tr. de Alejandro Hermida de Blas; editorial esta última desaparecida, malia o seu máis que interesante catálogo).
Nezval, nacido en 1900, en 1920, con Karel Teige, Seifert, K. Bielb, J. Štyrský, Toyen e V. Vančura funda o grupo Devěstil (Forza Nova), e en 1924, despois do «manifesto» Poetismo, de Karel Teige, e o acercamento doutros poetas ao grupo (Holan, Halas), nace o poetismo[2], do que Nezval será un abandeirado e que abandonará en 1930, cando publique un artigo, na revista Kvart, en que se pronuncia contra toda forma de compromiso no que respecta á arte e á poesía, e avisa que do POETismo só retén as catro primeiras letras. Neste escrito abre as portas ao surrealismo, pero só será en 1934 que se cree o Grupo surrealista de Praga, que nun principio non contará con Teige, pero que axiña se incorporará a el. De 1934 a 1938, Nezval participa de cheo no Grupo surrealista, visita París, coñece a Breton e outros surrealistas (véxase o seu Rue Gît-le-Coeur, Avignon, L’Aube, 1988), en 1936 Benjamin Péret (de que idioma?) traduce algúns poemas seus, etc. Neses catro anos publica A muller ao plural, Praga de dedos de choiva, os seus dous grandes poemarios surrealistas. En 1937, baixo a influencia do método paranoico-crítico de Dalí, dá a coñecer o seu libro de poemas O enterrador absoluto. Tamén escribe a novela A cadea da fortuna (1936), dese mesmo ano é a citada Valerie… (mais publícase por vez primeira en 1945), e a triloxía formada por Moscova invisíbel (1935), Rúa Gît-le-Coeur (1936) e O paseante de Praga (1938). Ese mesmo ano, por mor dos procesos de Moscova, estalan as diferenzas no Grupo surrealista pragués e, unilateralmente, Nezval, que se aliña cos comunistas, dá por disolvido o grupo, o que merece unha dura resposta de Karel Teige nun escrito de alto valor teórico, político e moral: O surrealismo contracorrente[3] .
Se en 1934 Roman Jakobson, daquela a vivir en Praga, podía escribir o que segue: «Os apóstolos da poesía comprometida mantiveron un silencio embarazoso sobre os “pequenos xogos poetistas”, ou falaron con indignación da traizón e da decadencia do poeta… Pola miña banda, estou convencido de que as copliñas de Nezval forman unha vaga tan significativa como o exhibicionismo reflexivo, rigorosamente lóxico, da súa poesía anti-lírica», despois da ruptura cos surrealistas, Nezval dedicarase a escribir sonetos, poemas á nai(Nai de esperanza, 1938) e poesía «civil», Cadro histórico (1939); ao mesmo tempo escribe comedias de éxito asegurado, como Manon Lescaut (1940) e Loretka (1941). En 1944 é arrestado pola Gestapo durante un breve período. Liberada Checoslovaquia, inicia, seguindo as directrices do Partido Comunista checo, unha grande actividade política no ámbito cultural e como membro do Ministerio de Información participará na nacionalización da industria cinematográfica. Segundo Giuseppe Dierna (o seu tradutor italiano), «a súa pesada produción posterior orientarase definitivamente á repetición do xa coñecido, desembocando na xaculatoria política do poemiña dedicado a Stalin (1948) e nas débiles estrofas de O canto da paz (1950), que o inundarán de premios do Estado. Morre en Praga o 6 de abril de 1958».
Hoxe entregamos a versión de seis poemas da xeira surrealista de Nezval, versións realizadas a partir da tradución italiana do mencionado Dierna (V. Nezval, La donna al plurale (Turín, Giulio Einaudi Editore, 2002) e da francesa de Petr Král (Le surréalisme en Tchécoslovaquie. Choix de textes 1934-1968, traduit du tchèque et présenté par Petr Král, París, Gallimard, 1983).
POR QUE SON SURREALISTA
Definición irracional
Son surrealista
Polo berro do soño
Polo berro do soño porque se abren e par en par as portas da sala de tortura do misterio do home
Polo berro do soño pola chave que accede á infancia
Polo burato da pechadura que dá sobre a noite
Polo odio nas comparacións do espello
Pola cabeza a estrelarse contra o bordo da cama
Polos fantasmas no saco
Pola roda e as ilustracións das novelas góticas
Polo libro fechado mantido en alto sobre o armario
Polas mostraxes de artigos ortopédicos
Polo misterio da cadeira esfuracada tecida con febras de libro
Polo barullo no camiño
Polo estómago estragado da hostia
Polo mal alento do confesor
Pola alegría dun branco constituído polo nariz dun poli
Polos xoves cando é domingo
Polas verzas dos muros dos cuarteis
Polo odio cara á xiria do amor
Polo noxo da mentira
Polo ridículo do egoísmo
Pola indiferenza cara á morte
Pola inutilidade de viaxar
Pola clarividencia da amizade
Por aquel sol con coroa da noite que é André Breton
Pola estrela da mañá que é Paul Éluard
Polo telescopio e o microscopio da súa poesía
Polas flamexantes coroas de imaxes incendiarias de Benjamin Péret
Polo ovo de Colón das colaxes de Max Ernst
Polo sismógrafo de Man Ray
Pola mensaxe da flora doutros planetas nos cadros de Yves Tanguy
Por aquela inquisición inversa que é Salvador Dali
Polo apoio nos ollos de todos os outros surrealistas
Polas longas noites dos meus amigos de Praga
Por unha sociedade sen clases
Pola beleza que «ou será convulsiva ou non será»[4]
…………………………………..
METEORO
Coñezo un barrio onde o home é vento e a muller unha lámpada
As ventás forman alá un xogo de dominó
Barrio de estatuas de sal
Separado dos outros barrios por un corte cesáreo
Nave dos leprosos dun só andar
Poderíase pensar que se trata dun salón de peiteado
Bustos de primeira escolla
É en cambio unha fábrica de perrucas
Un cemiterio onde alegorías axeonlladas vixían nas xanelas sobre un candil que arde lentamente
Un cemiterio de ollos de gato
No interior hai unha sala
Unha sala que ten as características dun museo de cera e dun instituto anatómico
Nos seus recantos xacen algúns afogados
Aos que homes sen sombreiros practican a respiración boca a boca
Hai tamén mulleres-paxaro
A lanzarse sobre corpos de adolescentes que unha inundación trouxo a través da xanela
Unha lámpada perpetua verte bágoas na pía
Un armario dentro do cal un violín tomou vida
No colgadoiro algúns vestidos coma se alguén aquí se aforcase
A través dunha fenda no teito asoma unha estrela
Ou talvez un rato
Aínda hoxe nos meus soños me atopo vagando aquí por escaleiras de madeira
Onde estades
Mulleres transformadas en meteoro?
De vosoutras poderían facerse ramos de flores para a praza máis triste do mundo
Vexo extinguirse o chorro da vosa fonte
Sodes coma un látego que azouta a fantasía
Confusas na miña memoria
Debedes máis unha vez iluminarvos coma un rosario de luces de filamentos ardentes
Lanzo rapidamente lonxe a granada que me golpeou
Novamente desabotoo o xustillo para te abrazar esqueleto cuberto de arañeiras
Bo día, bañeira de caucho
Unha cíngara deitada coma unha nube
Non se borrará nunca da miña memoria a reseda da súa tuberculose
É só para min que ela foi clemátide
Por vosoutras amarei as barras dos ximnastas
Esa noite enterrei o meu amor nunha estufa que cae a anacos
Cantaba coma un cordel enrolado
A maña dun día de gran festa imita un timbal invertido
Arco da vella dun serán sentimental
Subo os chanzos detrás dun saco de fariña
E de súpeto vexo un verme portentoso na terra
Adeus, rosa que se espiu
E de improviso diante de min descomponse en anacos
Os seus labios cantantes son unha corte cor framboesa
Estraños coma un forro de astracán
Máis alá dun gran ventre percibo un sorriso nos ollos de mosca
Belo coma unha mazaroca de millo
Bordeando a farmacia nocturna pasaba coma un asasinato de boca a orella
Esta vez entrei na casa dunha monxa crucificada na parede
Dez ou quince carrascas de san Xoán tomadas erroneamente por min coma xirasoles
E todo un grupo de seres en xabón dos máis variados perfumes
Non teño forzas para remexer en todas as caixas onde conservan as súas perrucas
Perrucas de tons de todas as noites letárxicas
Oh, meteoros
Festa velenosa que probabelmente nunca rematará
As miñas noites coma chamas no alto dos mastros
Coma bosques coloreados
Coma xardíns mentolados
Coma cancionciñas dos portos
Coma ecos tapizados de gambas
Coma longos cilindros metálicos cheos de formigas
Coma formas para doces
Coma borrascas de cortiza
Coma un museo de cárabos
Coma fornos de alquimistas
As miñas noites coma reunións de moscas e fanais nun cúmulo de plumas
Coma reunións de torres e mulleres núas
Coma reunións de trompetas con niños de paxaro
Coma reunións de terrazas con ruído de tronos
Coma reunións das palas coa auga da fonte
Coma reunións dunha balanza de farmacéutico co raio dun rubí
As miñas noites coma acéfalos cálices de durmideira
Afástanse rolando sobre raís arrancados
Detrás de caravanas de actores ambulantes onde os meus días dormen fondamente cegos co rostro enfariñado
Que un meteoro cegou
………………………………….
UN SERÁN SEN MEMORIA
1
Unha muller-paraugas chapuza entre as fortificacións de diváns
Que amoblan o xoves ás catro e media
No momento en que Praga baleira de ar voa para o sur
2
Pedín un hipocampo
É mellor secar coma unha folla ou ben desperdiciar as horas máis encantadoras
Intentando inmortalizalas
E a sepia respóndeme
Verto tinta vermella velaí todo
3
Se tamén podo mirar con máis atención
Nos ollos de cada muller deste serán de invernadoiro
Non poderei encontrar nunca nada tan grandioso
Polo que o prefiro ao silencio da miña preguiza
Sol
Esperábate dende hai máis dun ano
E só para dar unha volta eu e mais a miña estilográfica
Nunha terraza onde todas as fermosas mulleres están confusas
Só para poder verter unha bágoa nesta espera
Sobre o pracer do ignoto que coma unha gata frega o seu flanco contra min
Por dúas ou tres palabras de esperanza ou desesperación.
4
E non obstante é belo dirixirlles a palabra a seres sen nome
Máis belo aínda que dirixírllela ás mulleres
O máis belo de todo é porén laiarse da vida
Porque sempre entre os nosos dedos desaparece
Máis cando pensabamos que era xa a nosa presa
Menos cando sufriamos do nada que se estaba ofrecendo.
5
Amo a maxia da desesperación
Máis tímida que un paxaro suave pegada
Pero non me comprometerei nunca e aínda así
Até logo ou adeus pequeno nada
6
Só escribía pola fascinación da escrita
Só calaba pola amargura do silencio
E non obstante a única felicidade que coñezo
É o ciclista acéfalo que intenta atrapar a noite
7
O sol brilla a muller canta e un paxaro
Deseña no firmamento unha profecía
Que non me concirne xa
Coma este sol este paxaro esta muller
Adeus sol
Aínda un intre e desaparecerás coma a data no calendario
Cuxas follas arranco
A buscar o sol e non encontrando a muller
A voz que me encirra
A agregarme ao paso da que canta
E entrar na casa onde o sol desapareceu das ventás
É a do acordeón
Foxe entón a vida coma este sorriso
Ou como fuxo de min mesmo
Sen ver outra cousa que unha sombra terribelmente longa sobre un catafalco aínda máis longo
E o arrecendo de caravel que acompaña un meteoro que se vai apagando
8
Na vida quero pouco non quero case nada
So un par de días deste sol inútil
Ao cal se renden as miñas modestas esperanzas
Coma un arco da vella a un xardín ebrio
Mais se quixese aínda menos
Bastaría igualmente para a felicidade de toda esta cafetaría
Enriba do que vin aparecer a primavera deste ano
……………………………………………………..
SERÁN DE LÚA
É semellante hoxe a cidade
A unha rosa branca
A un violín
E a unha cuncha
É noite e unha pomba está a arrolar
Abramos polo tanto todas as xanelas que dan á rúa
E inmediatamente toda a cidade
E toda a cidade parecerase
A un seo empoado
A unha lúa branca
E a unha arxentina perruca
…………………………………………………….
O SINAL
Sobre o manuscrito destas poesías pousouse unha bolboreta
É cara á luz que voas ou nas tebras?
…………………………………………………………..
ADEUS
Adeus imaxes
Que escorregades dos dedos como os escaravellos
Aínda procurarei follas secas de tabaco nos ollos das mulleres
Ou a chama crepitante
Do farol do serán triste
Un tollemerendas deixoume hoxe melancólico
Escoito as cancións fantasmáticas de vaca
Que con paso bambeante nos arrastran á cidade de mármore
[1] Aproveitando a «emposta», recomendamos encarecidamente o libro de Luis E. Froiz Casal, Pantallas de lo maravilloso. un recorrido por el surrealismo en el cine centroeuropeo (1945-1990), Valencia, Shangrila Ediciones, 2021.
[2] Ver, «Poetismo», in XGG, Manifestos das vangardas europeas, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 1995, p. 97-11, onde se traducen dous dos manifestos do poetismo.
[3] Karel Teige, «Surrealismo contro corrente», in Surrealismo Realismo Socialista Irrealismo 1934-1951, Turín, Giulio Einaudi Editore, 1982, p. 107-155 (edición de Sergio Corduas; trad. Sergio, Antonella D’Amelia e Barbara Zane).
[4] Como se sabe, última frase de Nadja, de André Breton