BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Alí enterraron as vacas do Gildre’ vs ‘Superpoder’

Tres becerros.

Xornada 1 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Guillermo Rodicio e Ana Vigo.

Alí enterraron as vacas do Gildre

Guillermo Rodicio.

Na Ribeira, a auga acumúlase durante lustros en mananciais secretos nos altos ata que, cando reborda nun inverno especialmente chuvioso, escapa desexosa de se unir ao Sil. Bramante e acelerada pola pendente, a corrente que nun chao sería só un regato reúne tal forza que arrastra árbores e penedos máis grandes que un home, destruíndo todo ao seu paso. Os ribeiraos coñecen ben este fenómeno, ao que chaman vexigas, como se o canón enteiro fose unha enorme balea que de tanto en tanto precisa respirar auga e terra. Pero coñecelo non lles permite prevelo, ninguén, nin tan sequera os zahorís, pode adiviñar os tempos das abas. 

Tamén sabía das vexigas o Gildre de Purdeus, que nunha mañá de Santos levaba un carro de toxo para as vacas. Herdara unha cuadra na finca que tiña na revolta, algo afastada da aldea, e apañaba choupas gordas nos traxectos cando chovía. En chegando sacou forca, angazo e comezou a estrar a corte. Non levaba media hora traballando cando sentiu bradar unhas xatas cun agudo intenso. Estrañoulle, pero non lle deu importancia. Pasou un anaco e de novo un bruar raro, como rítmico, algo que non era esperable nos animais. O Gildre decatouse de que na corte reinaba un silencio sepulcral agás polo vibrar dese cantar. Parou o que estaba facendo e buscou a fonte do son. A tres xatas ollaban nel. 

Nas tres xatas o Gildre viu a súa avoa, súa nai e súa filla. Nas tres xatas o Gildre sentou nun berce, nun trono e nun ataúde. Nas tres xatas o Gildre sementou a terra, levantou cidades e marchou á guerra. Nas tres xatas o Gildre fixo un pacto e aprendeu cousas que nunca volveu repetir. 

Todo nun instante. No seguinte o Gildre saíu do ollar e como un poseso soltou o angazo para liscar correndo, tan rápido como quen escapa da morte. Apenas uns segundos despois, cando el xa estaba na pasada da revolta, unha vexiga chegou desde o alto sen ningún aviso e arrasou finca e cuadra. Todas as vacas quedaron sepultadas baixo o regueiro de destrución.

O Gildre sempre contou que esa mañá salvara a vida por lacazán, que por non madrugar aínda non chegara á corte. A xente de varias parroquias en derredor fixo unha colecta para axudar o malfadado polas perdas que sufrira, mais todos pensaron que toleara cando dedicou parte grande dese diñeiro a recuperar o cadáver das vacas, restituír o terreo e enterralas unha a unha alí, coma quen fai un camposanto. 

Mais ao bo do Gildre non lle foi mal na vida. Dalgún xeito sempre prevía as xeadas e esquivaba as pestes na viña. Tivo bo ollo para os negocios e sacou carto con toda inversión que fixo. Iso si, sempre na revolta. Cando preguntei en Purdeus polo Gildre, buscando quen me contase sobre as vexigas, atopeimo sentado nun tronco alí onde enterraron as súas vacas. Sorría e murmuraba entre dentes. Como se alguén lle contase un segredo. Como se xa esperase por min.

……………………………………………………..

Superpoder

Ana Vigo.

Pechada na casa, temía a hora de chegada do seu pai. O seu ton a través do teléfono anunciaba un novo pesadelo. Anoxárase porque a viran coas vacas cando debía estar na escola. As feridas do último castigo aínda proían. O novo sería peor, porque el estaba no bar.

Todos os días visitaba a granxa veciña e observaba dende detrás do cerrado. Moitas veces cruzábase co camión que levaba lonxe os animais, aló de onde nunca regresaban.

Gostábanlle as historias de superheroes. Todo parecía doado cunha capa e poderes especiais. Adoitaba imaxinar que pasaría se contase co olfacto das serpes, o oído dos cans ou a velocidade das lagartas. Por iso sentía afinidade coas vacas. Elas tampouco tiñan unha habilidade espectacular. Morrer para alimentar outros non parecía desexable.

Sabía quen lle fora co conto ao seu pai. Os donos da granxa vírana cando acariñaba a moura, un dos animais ao que máis afecto tiña. Destacaba entre as demais pola súa cor, e porque era máis axitada ca elas, sempre estaba en movemento.

Levaba toda a tarde no cuarto, tal e como ordenara o seu pai. O inferno comezaría cando el chegase, igual que para as súas amigas sería no momento no que, ao día seguinte, aparecese o camión.

Abriu a fiestra e chimpou ao outro lado. Só era un segundo piso; aterrou sen mancarse demasiado, e correu ata a granxa. Como non tiña superpoderes, usou a forza para romper a cancela que retiña os animais. Aquela noite ía calor e durmían ao raso.

Espertounas unha por unha. As case cen vacas miraban somnolentas a intrusa. A moura non a defraudou. Axiña abriu os ollos, e bruou ao recoñecela. Acompañouna ata o oco do seu cárcere. Outras seguíronas, con curiosidade. Ceibes, espalláronse polo camiño, algunhas tras a rapaza e a moura, outras escollendo o seu propio camiño.

10 thoughts on “‘Alí enterraron as vacas do Gildre’ vs ‘Superpoder’

  1. Realmente dificil, ambos encantaronme e de xeito diferente.

    Alí enterraron as vacas do Gildre deixoume impactado e recordoume a tradición de relatos tipica galega pero notase unha personalidade e un xeito de facer xenial.

    Superpoder sentese moi cercano e presenta unha situación empatizable e usa elementos moi interesantes pra tentar transmiti-lo seu mensaxe.
    O meu voto vai para Superpoder.

  2. Dúas interpretacións moi distintas, préstame ver as posibilidades e diferentes formas de narración. Parabéns aos dous!
    “Alí enterraron as vacas do Gildre”: Gustoume moito este relato. Ambientación, ritmo, lingua e historia. Mesmo sen o último parágrafo eu xa ía contenta, xa se sustenta a historia sen ir máis aló no don que gaña o Gildre. Xenial, parabéns.
    “Superpoder”: Un bo relato cunha historia pechada. Se cadra sufre na comparación, pois non ten tan bo ritmo e cohesión, a pesar da boa historia e sentimento que transmite.
    O meu voto vai para “Alí enterraron as vacas…”.

  3. Boa tarde.

    Gustáronme moito estes relatos. Sacaron ouro e prata dunha foto fermosa. Parabéns a Guillermo e Ana, a Ana e Guillermo.

    Alí enterraron as vacas do Gildre: Encantoume a historia. A linguaxe está moi coidada e o final, a pesar de intuirse é o xusto, coma un paseo por un río, sabes a onde te leva, pero vas con gusto. Perfecto. Realismo máxico galego.

    Superpoder: Bonita historia, dura e sinxela. Ben contada sen necesidade de usar toda a extensión do relato.

    O meu voto vai para as vacas do Gildre pola súa orixinalidade.

  4. Ambos relatos empregan as conexións seculares do territorio galego coa cría do gando, cousa que non me estraña, pero cada un faino dun xeito ben distinto. ‘Alí enterraron as vacas do Gildre’ bebe do xénero fantástico, mentres que ‘Superpoder’ opta polo realismo.
    ‘Alí enterraron as vacas do Gildre’. Desfrutei moito deste relato pola escolla léxica, polo ritmo e pola historia, cargada dunha mitoloxía propia gracias a esas tres becerras que son coma as Moiras do agro. Pouco máis podo decir! Encantoume!
    ‘Superpoder’. As frases curtas e sinxelas acaen ben coa nena que protagoniza a historia. O conto, ademáis, transmite unha mensaxe positiva que me prestou: vontade, decisión e sentido de xustiza tamén poden ser grandes superpoderes.
    O meu voto vai para ‘Alí enterraron as vacas do Gildre’.

  5. Que bonita, por dios, a historia das vacas de Superpoder. “Alí enterraron as vacas do Gildre” está moi traballado pero poida que lle sobre a parte final. Esa parte do encontro co narrador non me gustou e creo que lle quita forza. Gañoume a historia linda e sinxela de Superpoder. Voto por Superpoder

  6. Vexo que o animalexo é un tema recorrente nas fotos desta edición. Dende logo, os dous autores saíron moito mellor parados do que o vou facer eu, penso.
    Non podo dicir nada máis de Alí enterraron as vacas do Gildre do que xa se dixo. Ten un ritmo, unha linguaxe e unha medida das frases que mete medo. A min non me sobrou o paragrafo final, pero quizais sexa adicción que teño á troca final. Meus parabéns a quen o fixera. É a primeira xornada e creo que xa atopei un dos meus favoritos da liga.
    Superpoder é un relato moi tenro e ben argallado. O rexistro da nena está ben logrado e consegue transmitir valor sen quedar en ñoño. Contar a historia sen ensinalo todo sempre é de louvar. Gustoume, aínda que creo que o meu gusto persoal non me permitiu desfrutalo dabondo.
    O meu voto vai para Alí enterraron as vacas do Gildre.

  7. Paso saudar con moita envexa. Neste descansei… porque me facía falla, e perdinme uns canto reencontros. Pero para o seguinte estar dando máis guerra que nunca. Espero que sexa nunha Liga de 16.

    “As vacas do Gildre” é un relatazo. Ten moitas virtudes e moi poucos defectos. Quédome co léxico e a estrutura. Como xa dixeron moitos, o realismo máxico galaico ataca de novo.

    “Superpoder” é moi bo relato tamén, unha aposta completamente contraria asentada na sinxeleza que funciona moi ben porque ten as ideas super claras.

    Parabéns aos dous. Alégrome de non ter que votar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *