BiosBardia

O país dos libros en galego

Ana Martínez, a bruxa que interrogou a Inquisición por curar o enganido

Casa da Inquisición de Ribadavia. ROMÁN MONTESINOS.

Nati Rey.

No ano de 1651, Ana Martínez, muller do carniceiro de Ribadavia, foi acusada ante o Santo Oficio por supostos delitos de bruxaría e superstición. O seu caso aparece recollido no libro Brujos y astrólogos de la Inquisición de Galicia y el famoso libro de San Cipriano, de Bernardo Barreiro, que analiza a persecución dos feiticeiros en Galicia, moitas veces afastados das grandes herexías e máis próximos aos remedios populares das aldeas.

Ana foi descrita como “boa, razoable e virtuosa muller. Cría en Deus e no seu único poder e plena vontade”. Pero, cando un dos seus fillos enfermou de súpeto, buscou remedios tradicionais para curalo. Segundo declarou ante os inquisidores, ela e a súa irmá, seguindo ensinanzas doutras persoas, pasaron tres veces o neno pola fendedura dun carballo para curalo da enfermidade chamada enganido, dicindo de cada vez así:

—Ti que me dás, enganido?

—Eu douche a fulanito san pola graza de Deus e da Virxe María.

O enganido —tamén coñecido como tangaraño— é un mal que lles afecta aos nenos, causado polo aire cando non se atalla. Pois a doenza prolóngase e os cativos comezan a ter un estado de desnutrición crónica que lle dá paso ao enganido e pode rematar na morte. Desde a ollada do médico, pode considerarse como o raquitismo.

Existen documentados diversos remedios para a cura da dita enfermidade, mais centrándonos no rito que aparece no proceso de Ana, vemos como se describe unha práctica peculiar que, segundo o antropólogo Lisón Tolosana, consiste en transferirlle a enfermidade do meniño a unha árbore. Posto que o mal queda atrapado no carballo despois de pasar polo tronco aberto ao neno; se este cura, a árbore morre, sinal do traspaso do mal. Aínda que tamén pode acontecer o contrario. No entanto, Bernardo Barreiro explica que se o carballo morre, finará tamén a criatura e se reverdece o neno curará.

Na época de Ana, ás veces, xunto á arbore tamén se deixaban candeas acesas de cera e a camisa do enfermo como ofrenda.

Este remedio, e outros tantos, aínda que estiveron vixiados pola Inquisición, xamais deixaron de practicarse en toda Galicia, incluso se fan a día de hoxe dun xeito reservado, “polo que dirán”.

Chegado a este punto, non sabemos se o fillo de Ana terminou curado (esperemos que si), mais o que si podemos deducir é que Ana Martínez, como boa nai, faría calquera cousa por salvar o seu meniño. Tamén sabemos que finalmente foi absolta, non recibiu sentenza ningunha por parte da Santa Inquisición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *