BiosBardia

O país dos libros en galego

Andel de fantasía, abril do 2026

Inés Mosquera.

Esta listaxe céntrase en recomendacións de literatura infantil e xuvenil. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publícase cada dous meses. Non se inclúen obras publicadas por Aira.

A trompeta do cisne, de E.B. White. Tradución de Estela Villar Nogueira. Sushi Books

O recoñecido escritor E. B. White é autor das coñecidas obras infantís xa traducidas ao galego da man de Sushi Books Stuart Little e A arañeira de Charlotte. Agora ve a luz outra obra de animais humanizados, A trompeta do cisne, novela sobre a comunicación entre humanos e animais. Unha entrañable historia de ritmo tranquilo sobre unha cría de cisne trompeteiro que non é quen de comunicarse e terá que tirar de enxeño para que a súa namorada lle faga caso. Para ler a partir dos dez anos.

Fauna, de Iago Fernández e Damián Gómez. Antela Editorial

Banda deseñada ambientada nun futuro distópico onde xa só existen animais que adquiriron capacidades humanas. No medio dun acalorado debate político, un xornalista atopa a Fauna, unha humana pequeniña, o que desata a histeria sobre que facer con esta criatura desta especie xa considerada extinta. Aínda que se agradecería unha presentación nun formato de maior tamaño, compensan de sobra a calidade artística e a trepidante e divertida trama. Para ler a partir dos sete anos.

Unha volta ao ano, de Mariana Ruiz Johnson. Tradución de Iago Nicolás. Kalandraka

Álbum ilustrado en que se retrata o paso do tempo facendo fincapé no ciclo das estacións. Unha familia de ratos fai o propio de cada época do ano en intres que revelan anécdotas, aprendizaxes e mesmo momentos de maior crueza, nese transo que vai conformando tamén o proceso de facerse maior. O conxunto narrativo-ilustrativo cos ratiños acompañados do resto dos seus compañeiros doutras especies presenta unha efectiva expresividade do cotián chea de vida con lixeiros toques poéticos. Para ler a partir dos tres anos.

Principio de superposición, de Fran Fernández Davila. Xerais

Novela multifocal sobre a desaparición da adolescente Sofía López. Ao igual que o principio que lle dá nome ao título do libro, búscase a resposta total causada por moreas de accións individuais que abranguen multitude de temáticas de actualidade: acoso, ideoloxía, sexualidade, relación coas familias, traumas, redes sociais, saúde mental… Alternan os poemas da adolescente desaparecida, que son o único xeito de achegarse a ela e que engaden o compoñente de emotividade etérea da obra, con breves capítulos nun rexistro áxil cun estilo que intenta achegarse á fala da mocidade. Principio de superposición foi o gañador do XXVII Certame de Narración Curta Ánxel Fole 2025, que convoca o Concello de Lugo. Para lectorado mozo autónomo.

Parchís, de María Girón. Tradución de Iago Nicolás. Kalandraka

Inocente álbum ilustrado con animais antropomorfos como protagonistas: Gata, Coella, Parrulo e Teixugo. Artellado en recursos de repetición, narra como os catro amigos chegan a xuntarse para estar ao quente e xogar ao parchís. Contén un taboleiro de parchís personalizado cos protagonistas e as súas pegadiñas. Para ler a partir dos tres anos.

Curriño. Salchichas picantes, de Ledicia Costas e Mili Koey (ilust.). Xerais

Última entrega da serie Curriño. Logo de fuxir da malvada Anxélica, Curriño vive na rúa acompañado dos seus amigos e da enxeñosa carracha Superferolítica. Todo parece ir ben e mesmo fan un novo amigo gaticán, pero unhas salchichas picantes están a facer caer enfermos moitos dos cans do parque, entre eles, un dos amigos, Gordon. Comeza o traballo en equipo para saber quen pode ser tan malvado de querer envelenar os canciños. Unha intriga para non soltar o libro, ateigada de momentos divertidos, mais tamén de drama, e que deixa coa gana de saber de novas aventuras de Curriño. Para ler a partir dos seis anos.

Os Toribios, de Carlos Casares e Sandra Lodi (ilust.). Galaxia

Galaxia pechou a súa colección 75.º aniversario con este volume ilustrado por Sandra Lodi nun ton humorístico e caricaturesco. Abre a obra un limiar de Montse Pena Presas en que nos expón a relevancia da figura do autor na LIX galega e nos fala da renovación de Toribio da man da nova ilustradora. Inclúe os textos publicados a principios dos anos 90: Este é Toribio, Toribio contra o profesor Smith, Toribio e o contador de contos, Toribio ten unha idea e Toribio revoluciona o tráfico. Para ler a partir dos cinco anos.

Lis e o bosque das sombras, de Clara Artiaga. Antela Editorial

Álbum ilustrado con Lis como protagonista, unha moza afouta que quere converterse en cabaleira andante. Para tal motivo, xunto co ratiño Bigotes, adentrarase no Bosque das Sombras, onde terá que enfrontarse a perigosos lances. A narrativa visual cobra maior forza ca a escrita, pois hai pasaxes que só se entenden se se lles presta boa atención ás ilustracións. Unha fermosa e coidada proposta diferente para ler a partir dos cinco anos.

Alicia e a mestra de Oza, de Paula Carballeira e Iván R. (ilust.). Xerais

Título da colección ‘Memoria Histórica’ que parte da premisa dunha tarefa escolar: investigar sobre algunha muller da familia. Así, Alicia, comeza a indagar sobre a súa bisavoa, que fora mestra durante a República. Un álbum ilustrado para recuperar o legado das mulleres e recoñecer a figura das mestras. Para ler a partir dos once anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *