BiosBardia

O país dos libros en galego

Andel de fantasía, decembro do 2025

Inés Mosquera.

Esta listaxe céntrase en recomendacións de literatura infantil e xuvenil. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase cada dous meses. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

Noite de golpes, de Allan Ahlberg e André Amstutz (ilust.). Tradución de Óscar Senra Gómez e Sandra Senra Gómez. Kalandraka

Kalandraka recupera Bumps in the Night da afamada colección británica dos Funnybones nunha edición con cuberta que brilla na escuridade, preparada para provocar máis dun susto. Un libro cheo de tanta escuridade e esqueletos que non é de estrañar que batan entre eles e teñan que recorrer á axuda do seu osteópata. Unha lectura do máis graciosa para irmos aprendendo os nomes dos ósos que nos manteñen en pé. Para ler a partir dos 3 anos.

A historia de Brava Panadeira, de Alicia Borrás e Blanca Vila (ilust.). Xerais

Este conto cheo de tenrura e emoción narra a adopción dunha cadeliña nun refuxio. A coitada sofre dunha certa obsesión polo pan; de aí que a cadela Brava pase a apelidarse Panadeira e a ser a compañeira das divertidas e entrañables aventuras da familia que lle dá acubillo. As ilustracións reforzan esta transmisión de calidez da obra. É de destacar o axeitado tratamento de trastornos do desenvolvemento, aínda a día de hoxe en necesario e continuo proceso de normalización. Para ler a partir dos 10 anos.

Amelia Fang e os gaticornios travesos, de Laura Ellen Anderson. Traducido por Eva Almazán. Sushi Books

Nova entrega da saga da vampiresa Amelia Fang. Desta volta, Amelia faise cargo dos gaticornios da tía Lavitora, un bo exemplo de práctica para o seu inminente rol de irmá máis vella. Amelia terá que lidar con todas as falcatruadas dos seus curmáns os gaticornios: Gerrard, Butler e Mo, que non son tan guiadiños como aparentaban. Unha historia dinámica, chea de fantasía e humor. Para ler a partir dos 7 anos.

Un porquiño polo San Martiño, de Macarena G. Vicente e Iria Bermúdez (ilust.). Galaxia.

Curro é un porquiño que vive feliz na granxa até que os seus compañeiros animais o alertan da inminente chegada do San Martiño. Ao pobre Curro vénselle o mundo enriba e, por mor de vivir en estado de alerta anticipatoria, deixa de gozar da súa cotiandade. A súa mensaxe e as súas ilustracións coloridas, nas que priman a expresividade e os desbordantes elementos decorativos, foron recoñecidas co Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado 2025. Amais, o álbum conta cun código QR no que descargar materiais didácticos para a súa lectura. Para lectorado infantil.

A señora A e o señor Z, de Teresa Durán e Gustavo Roldán (ilust.). Traducido por Xosé Ballesteros. Kalandraka.

Álbum ilustrado que narra o día a día señora A, quen sofre de cromofobia e vive en branco e negro. Co que non conta a señora é cun novo inquilino no seu edificio, o pallaso X. Coa súa mellor intención, este novo veciño, decide axudar a señora coa súa doenza. A autora deixa unha sutileza de final medio aberto para que o seu lectorado reflexione sobre a importancia da axuda mutua á vez que goza do enxeño do traballo de ilustración. Este título insírese na colección “Demadora” do selo para ler a partir dos 4 anos.

Contos ás oito, de Enid Blyton. Traducido por Eva Almazán. Sushi Books.

Blyton segue atraendo os lectores máis novos coa efectiva sinxeleza dos seus contos. Neste volume saltan polas súas páxinas o trasno Reviricho, os xoguetes que cobraron vida e o gnomo Fedellín a coidar do seu burro Coucegón. Para ler a partir dos 7 anos.

Piolliños, de Paula Merlán e Laura Miranda (ilust.). Antela Editorial

Aroa e Adri atopan uns inoportunos convidados na súa cabeza que os fan escachar da risa. Cando descobren que se tratan de piolliños, recorren a todo tipo de métodos inverosímiles para tomar cartas no asunto. Ademais, non son eles os únicos afectados, polo que teñen dobre problema. Desta pequena premisa, xéstase un álbum ilustrado a toda cor para esmendrellarse de risa coas ocorrencias dos seus protagonistas. Para lectorado a partir dos cinco anos.

Unha cidade en Marte, de Guillem Anglada-Escudé, Sheddad Kaid-Salah Ferrón, Miquel Sureda Anfres e Eduard Altarriba i Bigas (ilust.). Traducido por María Alonso Seisdedos. Embora

Álbum ilustrado instrutivo que nos conduce polas curiosidades do Planeta Vermello. Escrito por especialistas na materia, descubriremos desde a súa etimoloxía ao seu clima e até a posibilidade de chegar ou non a viaxar até alí. De ser así, analízanse as posibilidades de vivenda, alimentación ou mesmo economía. Para ler a partir dos 12 anos.

Pontealbar, de Adrián Noia. Galaxia.

Historia con ambientación na lenda do conde Albar que mestura antropoloxía e libre interpretación e creación. Obra destinada a lectores amantes do misterio con aparicións de seres máxicos. Para lectorado xuvenil autónomo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *