Andel de fantasía, febreiro do 2026
Inés Mosquera.
Esta listaxe céntrase en recomendacións de literatura infantil e xuvenil. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase cada dous meses. Non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Lela a superavoa, de Xosé Tomas. Xerais
O último cómic do betanceiro Xosé Tomás. En formato de historietas autoconclusivas, preséntanos a Lela, unha avoa co superpoder da experiencia que quere afastarse dos clixés. Parte de situacións en escenarios sinxelos, con composicións de lectura fluída para amosar un humor amable e lixeiro, con acenos de retranca. Para ler a partir dos 6 anos.
O pequeno león, de Jacques Prévert e Ylla (fotog.). Tradución de Tamara Andrés. Kalandraka
Kalandraka recupera o clásico infantil publicado co texto íntegro censurado no 1947 do poeta Jacques Prévert e as fotografías da húngara Kamila Koffler, Ylla. Un álbum atemporal sobre o crecemento, a liberdade e a curiosidade, cunhas imaxes que, lonxe de acompañar, artellan este proxecto e crean unha experiencia de observación, interpretación e imaxinación. Para ler a partir de 5 anos.
O rei Cuu. A maldición do tesouro da momia, de Adam Stower. Tradución de Estela Villar. Sushi Books
Segunda entrega da serie do rei Cuu. Desta volta, Ben terá que facerlles fronte aos noxentos almorzos do seu pai, ao perigoso traballo da súa nai como garda de seguridade, á maldición que pesa sobre o tesouro que se custodia no museo da cidade e a unha alerta de roubos. Ante tantas leas, precisará da axuda da súa mellor amiga, Cuu, e o wombat Herb. Unha novela con divertidas ilustracións integradas na que se mesturan humor, enxeño e comedia. Para ler a partir dos 8 anos.
A adultez é un mito, de Sarah Andersen. Tradución de Clara Barcia. Rinoceronte
Tradución da primeira escolma de viñetas de Sarah’s Scribbles. Nun ton humorístico á par que íntimo, a ilustradora crea un anecdotario da transición de moza a nova adulta baseándose na cotiandade e as propias contradicións. Para lectorado mozo autónomo.
Pedra a pedra, de Giuliano Ferri. Kalandraka
Álbum acartonado en que o ilustrador emprega a simboloxía das pedras para trazar unha narrativa visual emotiva e cándida. Un grupo de animais de granxa e outro de animais salvaxes poderán chegar a coñecerse grazas á cooperación e á amizade, demostrando que as pedras erixen muros tamén serven para alicerzar pontes. Para desfrutar a partir dos 3 anos.
Onde está Otti?, de Silvia Penide e Estefanía Padullés (ilust.). Hércules
Tenra reflexión para afrontar a perda dunha mascota, para enfrontar o dó e facer que permaneza sempre connosco. Un álbum ilustrado en transicións suaves e harmoniosas, que reforzan un naíf sentimento de calma. Para ler a partir dos 3 anos.
O carteiro de Ximaraos, de Carlos Labraña e Luz Beloso (ilust.). Xerais
Peza distinguida co XIII Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, acompañada das inconfundibles ilustracións de Luz Beloso. As súas escenas entre postais describen sen edulcorar os altibaixos nunha relación neto-avó afectada polo deterioro motor e cognitivo do Alzhéimer. Para ler a partir dos 10 anos.
O mundo de Jane Austen, de Raquel C. Pico. Sushi Books
Aproximación á figura da novelista británica en formato divulgativo. Pico desenvolve o afianzamento da escritora a través de curiosidades da súa vida. De xeito informal presenta tamén unha reflexión sobre o seu legado e alenta a unha viaxe trala súa bio e bibliografía. Para lectorado mozo autónomo.
O libro de Borboligón, de Elena Gallego Abad e Chus Rojo (ilust.). Xerais
Primeira narración para público infantil da autora, acompañada polas ilustracións delicadas e atmosféricas de Chus Rojo. Elba pídelles aos Reis Magos o máxico libro do Borboligón, o que contén todos os contos do mundo, para que llos lea a súa querida avoa Merliña. Inicia así unha atenuada historia sobre a maxia e o poder de atracción da lectura. Para ler a partir dos 7 anos.






