Andel de fantasía, outubro do 2025
Inés Mosquera.
Esta listaxe céntrase en recomendacións de literatura infantil e xuvenil. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase cada dous meses. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Que precisa un gato pequeno?, de Natalia Shaloshvili, tradución de Irina Stepanova. Kalandraka.
Non só se precisa de catro patas e rabo para ser gato. Neste álbum ilustrado, da man dun pequeno gato, explóranse, a través do cotián, a importancia da autonomía, o xogo, a socialización e, especialmente, os afectos. Para lectorado a partir dos tres anos.
Un mar de preguntas, de Javier García Galdo. Galaxia.
Libro didáctico no que en cada páxina se dá resposta a preguntas relacionadas co mundo mariño, desde o rigor científico adaptado a unha linguaxe máis próxima para os seus lectores. As ilustracións en formas vectoriais con paletas de cores suaves complementan a intencionalidade didáctica e dotan o volume dunha sólida peculiaridade. Para lectorado xuvenil autónomo.
Os nenos do ferrocarril, de Edith Nesbit, tradución de Moisés Barcia. Sushi Books.
Saída do prelo en 1906, podemos revisitar agora esta novela da prolífica autora británica que narra as vivencias dunha familia logo do encarceramento do pai. A trama desenvólvese ao carón das vías do tren, onde os nenos matan o tempo e principian unha particular amizade cun novo personaxe. Para lectorado a partir dos dez anos.
Miquits 2. Visita á casa da avoa, con texto de Alba de Evan e Xabier Domínguez e ilustracións de Paula Chesire. Antela Editorial.
Segunda entrega da banda deseñada sobre o bulideiro Miquits. Nesta ocasión, viaxa coa súa compañeira humana á casa da avoa Emenilda, onde, xunto co resto dos seus amigos, os están a agardar moreas de aventuras ben acaídas para ler no Samaín. Para lectorado a partir dos tres anos.
O nobelo de Nenuca, con texto de Irene Alonso Gasalla e ilustracións de Ángela Curro. Cuarto de Inverno.
Entrañable álbum ilustrado no que o neto de Nenuca intenta desenmarañar o nobelo de recordos da súa avoa. Distinguido co III Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, convida a reflexionar sobre os coidados e a comprensión. Para lectorado a partir dos sete anos.
De príncipes, princesas e outras andrómenas, de Miguel Alonso Diz coas ilustracións de Luz Beloso. Xerais.
Poemario de princesas pouco correntes, ou tamén príncipes, que tanto ten, que xogan e se rebelan contra os estereotipos de xénero. As ilustracións de Luz Beloso dotan o libro dunha sorte de aura máxica. Para lectorado a partir dos once anos.
Bonecas, de Raquel Castro, con ilustracións de Eva Agra (Komorevi). Galaxia.
Peza de teatro na que un robot de xoguete dotado con IA coñece a dúas bonecas que desexan saír do escaparate, cunha lectura que convida á reflexión sobre sentimentos e novas tecnoloxías. As ilustracións con influencia do manga adaptadas ao público infantil enxalzan a sensibilidade da obra. Para lectorado a partir dos oito anos.
A busca de Muncho, de Tiago Delgado. Antela Editorial.
Muncho perdeu o seu sombreiro, o que o leva a emprender unha aventura na que conformará unha heteroxénea cuadrilla de novas amizades. Esta banda deseñada goza dun deseño ilustrativo que crea un cómico universo propio. Para lectorado a partir dos cinco anos.
A abella Maia e as súas aventuras, de Waldemar Bonsels, tradución de Eva Almazán. Sushi Books.
Este clásico da literatura alemá para a infancia gañou sona mundial grazas á serie de debuxos animados do 1975. Conta a historia dunha abella inquieta que abandona a colmea para coñecer o mundo pola súa conta. Nas súas viaxes atopa outros insectos, afronta perigos e aprende o valor da amizade e da liberdade.















