Andel de fantasía, xuño do 2026
Inés Mosquera.
Esta listaxe céntrase en recomendacións de literatura infantil e xuvenil. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publícase cada dous meses. Non se inclúen obras publicadas por Aira.
Ramón Otero Pedrayo. Historia dun neno. Ramón Otero Pedrayo e Mara Méndez (ilust.). Galaxia
Neste ‘Ano Oteriano’, cincuenta anos despois do pasamento do autor, nace esta obra que percorre os seus primeiros anos de vida: lembranzas con amigos, visitas a Trasalba, anécdotas na escola… As ilustracións da viguesa Mara Méndez dotan o libro dunha distintiva candidez. Para ler a partir dos 10 anos.
Pinga, de Andrea Freire e Aida Alonso (ilust,). Antela Editorial
Libro acartonado con fermosas ilustracións estilo collage que trata sobre a infinitude dunha pinguiña. Unha obra que destaca tanto pola súa coidada estética coma pola súa orixinalidade sensible ao explicar o ciclo da auga. Para ler desde o berce.
Álex ten vergoña, de Natalia Shaloshvili. Tradución de Iago Nicolás. Kalandraka
Álbum ilustrado de estilo naïf canto á ilustración e as texturas, coma á liña argumental. Presenta unha tenra historia con animais humanizados sobre a amizade e a importancia do xogo na consolidación da amizade e a xestións dos apegos. Para ler a partir dos tres anos.
Pantasmadas, de Andrea García Martínez. Xerais
Finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2025. A autora orosá narra nesta obra, acompañada das súas propias ilustracións, o desaguisado do avó Seronio, o último veciño da espantosa vila de Treboeiro, que terá que turrar de enxeño, fantasmas e lembranzas para poder demostrar que non está tan só como a súa familia pensa. Para ler a partir dos nove anos.
Pat Estrela e o xigante de plástico, de David Braña e Ángela Curro (ilust.), Antela Editorial
Banda deseñada de liña limpa e simpáticos personaxes. A protagonista, Pat Estrela, decide investigar algo que caeu do ceo na vila de Helios, onde acontecen outras cousas estrañas como a aparición dunha illa de lixo plástico. Unha historia de aventuras, viaxes espaciais e reflexión sobre o coidado do medio ambiente. Para ler a partir dos sete anos.
Patas arriba¸ de Anne Derenne. Tradución de Xosé Ballesteros. Kalandraka
Álbum ilustrado en formato libro-xogo. Nunha colorida paisaxe da sabana, convídasenos a sacudir o libro, para fomentar as capacidades de orientación espacial e as habilidades de atención visual. Como colofón, unha necesaria mensaxe de respecto polo medio natural. Para ler a partir dos catro anos.
O misterio dos gatos rosas, de Marta Villar e Lucía Barrios (ilust.). Xerais
Simpática aventura na que volven a aparecer os personaxes Sil e Sultán de Os peidos máxicos de Sultán. De lectura independente, ambos os dous personaxes, acompañados de Alba e Coco, comezarán a investigar por que todos os gatos da vila se volven rosas e comezan a desaparecer. Mergulla o lector nunha divertida andaina con notas de ciencia ficción. Para ler a partir dos nove anos.
Elas, de Xulio Gutiérrez e Lucía Cobo (ilust.). Kalandraka
Álbum ilustrado que combina unhas poderosas ilustracións de animais con narración didáctica. Presentan especies do mundo animal que viven en sociedades matriarcais, con pequenos contos que achegan información sobre estas especies do mundo animal: as elefantas africanas, as suricatas, as abellas e as leoas, entre moitas outras. Para ler a partir dos sete anos.
A zapateira mecánica, de Xelís de Toro e Jorge Lei (ilust). Xerais
Unha historia de determinación protagonizada por Lucía, que comeza a traballar como aprendiza de zapateira e gaña o cariño de todo o barrio cos actos extraordinarios que desencadean os seus zapatos mecánicos. Para ler a partir dos sete anos.















