BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Aníbal e a pintora’, a descuberta de Gentileschi

Xabier Paz.

Unha das tentacións contra as que debe loitar quen escribe novela histórica é a de deitar no relato os froitos todos do proceso de pescuda e documentación. Ben poucos resisten con dignidade, xa sexa por reticencias a deixar que nada do esforzo se perda, xa sexa por gana de ofrecerlles aos lectores un dous-por-un editorial que combine ficción con divulgación histórica. Amolume ben que Xabier Paz non tivese resistido máis en Aníbal e a pintora, porque o exceso de nomes, detalles históricos de importancia accesoria e transcricións textuais de fontes primarias fan que ás veces as calidades desta novela (que son moitas e indubidables, como intentarei ir contando) non cheguen a brillar como poderían.

O narrador de Aníbal e a pintora segue a peripecia do seu amigo Aníbal Maseda[1], un erudito local con certos problemas de relación social que pouco anos antes de morrer vén a saber en internet de Artemisia Gentileschi, pintora de orixe romana contemporánea de Caravaggio, e comeza unha investigación sobre ela (na novela: Ela, ou tamén “a barbantesa”) que se torna obsesiva. Ningunha das dúas tramas (a do presente ou a do pasado) está dominada pola acción trepidante nin pola intriga, e ningunha das dúas o precisa, porque está claro que non é esta novela histórica de consumo do estilo de A moza da pérola e similares. Na trama do presente, o principal atractivo é coñecer a evolución da obsesión de Aníbal (e tamén, do seu amigo), mentres que na trama do pasado a tensión narrativa vén dada pola propia biografía de Gentileschi, quen aprende a pintar co seu propio pai, é vítima dunha violación apenas pasada a adolescencia e obtén recoñecemento e fortuna, entrelazados cunha serie de decepcións persoais, en Florencia, Roma e Venecia.

Inevitablemente, hai aquí moita metaliteratura (unha moda de xa hai tempo nas nosas letras), pero usada e presentada con intelixencia. As reflexións de Maseda sobre internet lembran a biblioteca de Babel de Borges, pero Paz ten o siso de non plantarnos diante a sombra do arxentino. A implicación persoal de Maseda na súa pescuda tamén evoca a toma de conciencia progresiva, no mundo académico (polo menos o anglosaxón), de que a pretendida distancia crítica do investigador humanístico e social con respecto ás súas fontes non sempre é tal e non é malo que así sexa. Paz acerta ao suxerir en vez de impartir doutrina. Vénme aquí ao miolo a frase de E. M. Forster: “Only connect”.

Onde se mostra menos comedido Paz, como dixen, é no proporcionar datos históricos que, sen dúbida, como o seu protagonista na ficción, ten reunidos con grande esforzo. Non acuso estes excursus históricos de non facer avanzar a trama; repito que nesta novela a trama non é o máis importante. Pero si direi que ás veces están colados de xeito pouco orgánico, como a enumeración de contemporáneas de Gentileschi nun dos primeiros capítulos da novela. Se cadra, para salvárense, estes excursus precisaban outro tratamento lingüístico. A prosa resulta ás veces plana e funcionarial (“A actividade económica está dominada pola Curia Vaticana, o conxunto de órganos de goberno da Santa Sé e da Igrexa católica”), e Buonarroti o Novo, por exemplo, exprésase coma un guía un pouco pedantuelo cando lle describe a Gentileschi os xardíns Boboli de Florencia. Hai un eco de wikipedismo, e de feito nun momento determinado Maseda cita literalmente a Wikipedia. Aquí pregunteime se as longas digresións histórico-factuais son unha brincadeira de Paz para caracterizar o personaxe, do mesmo xeito que as que lemos en O nome da rosa actúan como espello da retórica e a escolástica medievais (pasadas polo crisol borgesiano) nas que viven inmersas os seus personaxes. Os intelectuais-tertulianos locais da xinea de Maseda caen adoito na erudición baseada no dato illado máis que na comprensión crítica e na achega de novas ideas. Porén, se era unha brincadeira o que Paz tiña in mente, coido que lle faltaría un pouco máis de ironía ou de descaro para ser efectiva.

Onde mellor brilla este material histórico é nas pasaxes en que o vemos peneirado a través dos ollos dos personaxes; cando non é mera curiosidade para lectores xa moi afastados no tempo, senón cando o sentimos vivido e experimentado. Destaco as pasaxes en que vemos a Gentileschi seleccionando cores para as súas obras: ralentizan a acción para enchela de contido, facernos real a Gentileschi e suxerirnos que a arte, o artista, a artista, non son o mesmo entón que agora. Porque Paz si que foxe, e moi habilmente, doutra gran tentación da novela histórica (se cadra maior se un escribe sobre personaxes históricas femininas): o anacronismo. Aquí vemos o escritor na súa plenitude: emprega confiadamente técnicas coma o duplo narrador ou a digresión ensaística non para presentar un perspectivismo estéril, senón para debater consigo mesmo, para chegar máis preto da verdade e convidarnos aos lectores a pescudar con el en lugar de atragantarnos coa súa verdade desde o comezo.

♦ Aníbal e a pintora, de Xabier Paz. Xerais, 2017. 376 páxinas. ♠20€

Eva Moreda.

[1] A entrada da novela no catálogo online de Xerais, así como outros materiais da editora, refírense ao protagonista, erroneamente, como Aníbal Moreda. Confeso que un dos atractivos que revestía para min a obra era coñecer ao primeiro personaxe literario co que (creo) comparto apelido: queda para outra vez. Curiosamente, algunhas críticas publicadas seguen referíndose ao protagonista como Moreda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *