‘Ante a lei da vida’ vs ‘Recordos de Albufeira’
Xornada 1. Grupo D. Elba García vs Carlos Vega.
Ante a lei da vida
Carlos Vega.
O vello Luís semellaba chantado na cadeira de plástico e, aínda que o sol non lle alcanzaba os ollos, sentía a cabeza quente e pecha, e pensou en cando el vía o seu pai así, naquelas comidas de familia. Un asubío baixiño tróuxoo de volta ao presente. A María quedara durmida xa, e os demais xa se levantaban a pagar.
Pouco a pouco o sangue remontoulle as pernas e foi capaz de remexerse na cadeira. Seguía sobre a mesa a última man do tute, que triste, triste, amosaba un oito que lle parecera un nove sen os lentes de cerca, que cambiara polos de sol. Fora alí onde o comezara a rumiar para si. Recordara o documental aquel no que o becho de África, que era vello xa, quedara quieto ante a manda duns cans salvaxes. Recordaba o círculo que estes fixeran ao seu redor, e como un deles lle pasara o fociño quente polo lombo, uliscándolle o medo. Aquela especie de cabalo con cornos non fixera ningún xesto de resistencia e el, espectador entre sonecas, preguntárase se a natureza era sabia.
Non chegara a unha conclusión daquela. Nin sequera vira como lle chantaban os dentes ao pobre animal, pero agora, vendo como os rodeara a familia na mesa, case sen querer, con eles no medio, pensaba en que a natureza era sabia, pero non amable. Parecía querer seguir a desgaxar aquel pensamento cando unha man se lle pousou con forza no ombreiro, como para espertalo.
—¿Estás ben?— preguntoulle—. Pagueiche un vermú, para a tardiña.
El agarroulla con confianza e asentiu.
—-Quedarei ata que esperte esta, tranquilo.
—Logo marchamos, que a calor do mediodía non é boa para os nenos— contestou de fondo outro dos fillos, que tamén saíra a despedilos.
—Está ben.
Tomou un trago do vermú mentres se deixaba sentir a temesiña respiración de María, que o ía afundindo nun medio adormecemento pegañento. Escoitou os coches afastarse, e as cores destes parecía que lle facían chiscadelas á luz do sol. Bebeu outro trago.
Pasou bastante máis tempo afundido entre durmidelas intermitentes que pouca claridade lle deixaban para pensar, pero nunha destas a cabeza da súa muller deu en apoiárselle no ombreiro, como fixera o fillo antes coa man, e volveu topar o animal.
Non entendía moi ben todos os fíos que lle ligaban os pensamentos, abría os ollos a intervalos e o mar fronte a eles arrolábao de forma que parecía imposíbel, á súa idade, ser capaz de erguerse en pensamento. Pero a cabeza dáballe en pensar, e non quitaba dela a imaxe das crías do cabalo, que fuxiran á primeira vista dos lobeiros famentos. Algo dentro del identificábao coa forma na que os fillos os deixaran alí, ao sol, quietos, e coa cabeza deitada sobre o peito. Aquilo dentro de si parecía entender algo que a el non lle dera chegado. Nun último intento, acomodando o lombo na cadeira que o aloumiñaba, creu na natureza e en que tal era a lei desta. E volveu durmir.
……………………………….
Recordos de Albufeira
Elba García.
A ausencia do balbordo que tanto asociara ós veráns en Albufeira encheume dunha tristura que non agardaba experimentar despois de tantos anos lonxe da vila. Fantasiara durante os últimos meses cun retorno cheo de lembranzas agarimosas e, pola contra, unha incómoda sensación de desacougo non lograba abandonarme mentres percorría unhas rúas que sentía alleas a min. Nun primeiro intre asocieino ás numerosas tendiñas de recordos e restaurantes temáticos que ocupaban a meirande parte dos baixos das casas, dándolle ao conxunto un estraño aspecto a tenda de museo que o despoxaba de toda a súa personalidade. Ou quizais era o aire fantasmal propio da temporada baixa: tantas contras das fiestras pechadas e carteis laranxas que anunciaban aluguer.
Pero non era nada diso.
Creo que en ningún momento fun consciente de ata que punto John fora unha peza imprescindible da miña vida alí, polo menos ata que cheguei á pequena casiña fronte á que adoitaba sentar cada tarde durante o solpor. Faltaba a cadeira torta a carón da porta sempre entreaberta, faltaba el coa mirada perdida no horizonte e faltaban os murmurios dos rapaces e rapazas que moitas tardes nos anicabamos ao seu carón sobre o mesmo camiño empedrado a escoitar, abraiados, aquelas historias cheas de aventura que, dicía, pertencían ao seu pasado como pirata.
Decidín sentar na terraciña da cafetería que puxeran alí: o día estaba fermoso e eu tiña a mañá libre antes de reunirme cos novos compradores. Estábase ben, as vistas sobre o Atlántico non cambiaran e a brisa devolvíame ás pequenas anécdotas daquel tempo. Case crin escoitar unha vez máis a súa voz áspera entre o chío das gaivotas, aquela que nos transportaba a outras épocas, e se o xoves era unha lura xigante a que trataba de atacar a vila, o martes presenciabamos como un temible pirata se arriscaba a fondear na praia para agochar os seus valiosos tesouros entre os cantís ocres que bordeaban o mar. Así, o resto da semana convertiamos os nosos xogos na procura incansable daquelas marabillas.
Os días solleiros transcorrían somerxidos en historias imposibles ata que á noitiña eran as voces das nosas familias as que nos rescataban ao chamarnos para cear. Non recordo outro momento no que fose tan feliz como naqueles veráns correndo entre as rúas estreitas perseguida por unha suposta invasión de cangrexos de tamaños desproporcionados. Rinme ao revivir a intensidade coa que participabamos dos contos de John, e decateime de que aínda que agora todo na vila fose diferente, todos aqueles momentos que compartira, as amizades que fixera, sempre formarían parte de min.
Sentinme mellor ante a perspectiva de ter que vender a casa familiar e decidín dar un derradeiro paseo pola praia antes de facelo todo oficial. Erguinme da cadeira e marchei da que fora a casa de John. Dous turistas quedaban alí sentados. Sorrín ao escoitar o seu acento inglés, o mesmo daquel home de lonxe que remataría sendo parte fundamental da propia vila mariñeira, igual que as gaivotas que unha vez máis sobrevoaban o ceo.
“Ante a lei da vida”
Aínda que a ambientación do relato paréceme moi conseguida (o sopor, o sol a dar na cabeza, a partida de tute recén rematada…) non acabei de gustar de toda a metáfora co documental sobre África que guía o relato.
“Recordos de Albufeira”
Gustei da sinxeleza e melancolía coa que amosa esa volta ós sitios onde un foi feliz na infancia así como esa aceptación de que non se pode seguir sempre aferrado ó pasado.
O meu voto vai para “Recordos de Albufeira”
“Ante a lei da vida”
Con este relato teño a sensación de que non estou a entender o que quere contar. Transmite moi ben o que é a ambientación, a tarde preguiceira baixo o sol, pero a mensaxe de fondo pérdese.
“Recordos de Albufeira”
Este relato podería ter sido lento por carecer de diálogos, mais vai enlazando as ideas con fluidez. Gústame que integre a descrición coa temática, esa sensación de regresar a un lugar cuxa forma e esencia mudaron, o enfrontamento dos recordos coa realidade.
Voto por “Recordos de Albufeira”
Parabéns a ambos autores. Fixeron relatos moi dignos cunha das, para min, fotos máis difíciles da xornada.
Ante a lei da vida
Gustoume este relato. Como se dixo xa, a atmósfera que crea e moi boa e críbel. O tratamento que fai da vellez no contexto da familia atraeume. O ritmo lento ao meu entender favorécelle. É certo que se o fío que leva a historia é a metáfora coa fauna salvaxe, deberíase ter insistido máis (por exemplo no vocabulario). Mais en xeral, pareceume un relato logrado.
Recordos de Albufeira
Tamén me parece unha historia cun ritmo e un ton adecuado ao que se quere contar. É moi emotiva. Porén, convenceume menos a introdución do personaxe británico.
Quizais por iso, o meu voto vai para Ante a lei da vida
“Ante a lei da vida”
Gústanme o tipo de relatos que gañan nunha segunda lectura, e a este pásalle. Se ben nunha primeira un pode ter a sensación de que se van contando pensamentos soltos, nunha segunda si nos traslada a esa vulnerabilidade que pode sentir o protagonista e a inercia da vida e do paso do tempo. Ao chegar á parte de “Non entendía moi ben todos os fíos que lle ligaban os pensamentos”, xórdeme a dúbida de esa catarata de reflexións foron plasmadas de xeito consciente ou é unha frase que simplemente consegue arreglalo. Con todo, resulta fácil empatizar con esa ambientación tan ben conseguida, e notar a quentura do sol e os sons do contexto.
“Recordos de Albufeira”
Segue un pouco a liña do seu rival, pero quizáis aparenta un pouquiño mellor fiado e máis doado de seguir. Sen embargo, non casa tan ben coa imaxe proposta. Esas historias do vello pirata e dos nenos vivíndoas intensamente consigueu arrincarme un sorriso. O ben narradas que están fixo que me lembrase ós clásicos de aventuras. Por último, non sei se o título está elixido con este fin, pero gústame moito que nomee os recordos dos que explícitamente nos fala no relato, aludindo a ese selo típico dos souvenirs turísticos (“recordo de albufeira”), aludindo ó presente da historia.
Voto por “Recordos de Albufeira”
Vaia, a decisión é complexa, os dous teñan un punto de nostalxia crepuscular, para o meu gusto van moi parellos, quizais a Albufeira asume menos risco, ten un estilo coidado e todo está perfectamente fiado, pero gáñame na foto finish o primeiro “Ante a lei da Vida”, sendo algo máis caótico, o autor/a ponse no pelexo dun señor cos seus aniños e o fondo do asunto, o paso dos anos: a lei da vida… os fillos a marchar, a muller xa maior a durmiñicar tamén… as imaxes crueis dos documentais de animais, todo forma un amoado na que apetece meterse unha segunda vez.
Voto por Ante a lei da vida.
Aquí ao igual que na meirande parte dos duelos non me resulta doado decidir.
“Ante a lei da vida” paréceme que se mergulla nunha temática interesante pero ás veces trata de abarcar demasiado e a relación co documental, posto que non pode ser desenvolta de todo, confunde máis do que aporta. Quizais se a extensión fose maior podería dar máis xogo. De todos os xeitos no celme do relato hai moito relato e eu engadiría quizais algo máis de crítica social.
“Recordos de Albufeira” tal e como eu o vexo é relato realista que a través das lembranzas incorpora o relato de aventuras máis tradicitonal. Nunha segunda lectura resúltame compacto e posiblemente moito mais editado que a primeira proposta e xoga con soltura coa sintaxe, aínda que algunhas frases sexan quizais longas de mais.
Voto pois por “Recordos de Albufeira”
“Ante a lei da vida” deixoume cun desacougo no corpo moi ligado a ese escenario tan cotidián e dramático ao mesmo tempo que transmite a autora.
De “Recordos de Albufeira” encántame o estilo da escrita. Noraboa á autora! Sen embargo, teño que quedar con “Ante a lei da vida” esa lembranza do “Memento Mori”.
“Ante a lei da vida” o ambiente no que está somerxido o relato é fantástico. O dos animais… supoño que con dous vermús enriba, a canseira, o sol e a idade, pois entendo que o pobre home non dera fiado ben. De feito ao principio o becho é un ñú e despois xa son cabalos. Se é pretendido pois, para min quedou ben, senón…vaia sorte. Os documentais sempre nos poñen os pés na terra con isto de vivir, sempre se morre cando un vai ao río beber. Poida que a mensaxe sexa só iso, ser consciente entre cabezadas mornas e cómodas do preto que está a morte. Unha visión que min me convenceu.
“Recordos da albufeira” semelloume menos arriscado, máis clásico na súa confección (ata hai un vello pirata que conta incribles contos aos nenos!), un relato moi ben armado cunhas descripcións atinadas e fermosas. Pero eu quédome coa modorra e o vermuth, o meu VOTO vai para “Ante a lei da vida”
Parécenme moi bos relatos os dous, moi ben fixados na imaxe da que extraen conclusións diferentes. Os dous dominan a linguaxe, comunican moi ben a idea e déixanse ler de marabilla.
O meu voto vai para “Ante a lei da vida” porque conseguiu emocionarme e entráronme ganas de botar unha soneca.
Vaia por diante que non me gusta nadiña a literatura “costumbrista” ou coma se chame.
O meu voto vai para “Recordos da Albufeira”. Ten un ritmo lento, melancólico e está ben escrito. Encántanme esas aventuras que se montaba o protagonista de neno.
“Ante a lei da vida” é unha historia sinxela e ben contada, pero non chego a collerlle o punto a esa metáfora da vellez.
Parabéns a ambos polos magníficos relatos. Para min, esta era a premisa máis complicada da xornada e, sen embargo, foi resolta con moita destreza polos dous contendentes. Sacáchedes ouro dunha mina profunda.
Resúltame tamén curiosa a similitude de estilo na escrita e a abundancia de reflexión e descripción en cada texto. Son coma case complementarios entre si.
De “Recordos…” gustoume o seu percorrido cara atrás no tempo a modo Cinema Paradiso, tróuxome reminiscencias do alemán de Camelle e a ambientación costeira recordoume ó máis cálido da miña infancia. Grazas 🙂 .
De “Ante a lei.. ” gocei moito coa escena familiar e o paralelismo entre a escena do que imaxino coma ñús e a soidade da vellez.
Creo que calquera cousa que decida será inxusta pero vou votar por “Ante a lei… ” porque, non sei por qué, espertou en min un pequeno calafrío, quizais porque me levou a pensar en aqueles que me faltan. Moi mal, case me fai chorar. 😢
Nostálxico ámbolos dous magníficos relatos.
Encantoume o acertado paralelismo entre a a inmobilidade do becho africano, esperando sen loita o ataque, e do vello, sentado nunca cadeira, mentras parte da sua familia abandona o lugar para continuares ca sua vida.
o progresivo e sempre sorprendente descobremento das propias limitacions (o 9 en lugar do oito no último tute da tarde)pareceme outro acerto clave do relato
Pola contra Recordos, ainda que texe un ambente envolvente, nostalxico e moi agradable de ler, deixoume menos conmovida.
o meu voto vai polo tanto para …Ante a lei da vida
Ante a lei da vida
Gustoume o relato. Sobra algunha palabra (adverbios) e tamen creo que a/o autor/a non debeu abusar da metafora do documental, sobre todo porque se acabou metendo nunha pataqueira. Explicome: a primera vez foi unha referencia xeral, cumple a sua funcion. A segunda vez concretou, pero o que di non cadra co comportamento normal dos animais que describe. Primeiro, ese tipo de “cabalos con cornos” (existan o non) soen ir en manda, non en familia. Segundo, se hai crias por medio os depredadores van perseguir ás crias, e terceiro, se non é así é porque os adultos fan algo para que non sexa así, como distraelos ou defendelas. O comportamento que describe parece un suicidio, e total, as crias soas non van sobrevivir, isto non é o rei leon. Pode que alguén pense que me estou pasando, pero para min é como se dixera que a Catedral de Ourense é de estilo neoclasico. A miña suxerencia é que o prota se limite a imaxinalo ou supoñelo en vez de narralo, en plan “as crias deberon escapar en canto..”. Así cumple a mesma funcion sen meterse en camisas de once varas.
Polo demais ben, inda que concordo con alguns comentaristas en que é doado quedarse coa sensacion de que falta algo, a mensaxe é tan sutil que case transparenta.
Recordos da Albufeira
Penso que o relato debia empezar no 3º parágrafo (“Creo que en ningún momento…”). E postos a facer cambios, quitaría o ultimo parágrafo. Incluso o que actualmente é o primeiro funcionaría mellor como peche que o que está agora. Igual me estou flipando, pero aí o deixo.
Coma no caso anterior, cambiaria algunha cousiña na redaccion, a típica poda de palabras e expresións sobrantes.
A mensaxe aqui está mais conseguida e definida que no relato anterior, iso dalle certa ventaxa porque xogan nunha liga tematica semellante.
A pesar destes apuntes ambos relatos me gustaron.
«Ante a lei da vida»
O relato gustoume moito, como xoga co sopor, coas reflexións sobre a vida, sobre a súa natureza cíclica, como vai e vén, como acorda e volve durmir… Así e todo, creo que funcionaría mellor sen os paralelismo co documental, coido que o relato non precisaba desa guía.
«Recordos de Albufeira»
Conxuga ben a mirada da nenez e da adultez, ten bo estilo e o certo desorde que se pode percibir na colocación das escenas na estrutura casa ben coas rememoracións, que nunca regresan ao caletre en orde. Porén, resúltame un pouco conservador.
Opto por «Ante a lei da vida».
Concordo con outrsos comentaristas en que os dous relatos son dunha familia semellante aínda que a execución de ‘Ante a lei da vida’ me resulte menos clásica ca a de ‘Recordos de Albufeira’.
Ante a lei da vida
Hai bastante dominio do que se quere contar. Hai unha estrutura que require certo dominio narrativo e atención ao ritmo. Penso que o autor/a sae bastante ben parado a pesar dalgúns erros ou abusos de cada plano narrativo.
Recordos de Albufeira
É un relato clásico, deses que parecen moi doados de escribir pero logo hai que sacalos adiante con oficio. E o autor/a conségueo. Estou de acordo con quen avoga por reducirlle algunhas frases e seguramente a propia persoa que o confeccionou xa é consciente a estas alturas de que unha sutil reescritura axudaría a deixar un óptimo sabor de boca no lector.
Aínda que Recordos de Albufeira é máis conservador, penso que está mellor culminado. Así que voto por Recordos de Albufeira.
VITORIA DE ‘ANTE A LEI DA VIDA’.