Anxos Sumai estrea espazo web con vida literaria propia
A nova web da escritora Anxos Sumai (anxossumai.com) é de momento, un espazo no que localizar facilmente a súa obra e os seus datos biográficos, cun deseño áxil e limpo. Mais a intención da narradora é dotala de vida propia a través da creación literaria específica para a páxina electrónica.
De momento, na sección de Relatos, Sumai incluíu textos xa publicados noutros medios, caso da revista Grial, o xornal El País ou Xurdimento, boletín do Centro Galego de Lleida. Mais entre estes, destacan dous títulos que permanecían inéditos até agora: “Doce sensación de amor”, datado no 2011 e “Claustrofobia”, rematado no 2008.
“Claustrofobia” é un relato que se pode definir como de terror, co habitual estilo de intriga psicolóxica que tan ben domina a autora catoiresa. Consegue con mestría traspasar a lectura do plano cotián a un plano literario neste caso aterrador.
“Doce sensación de amor” tamén ten como centro a cotidianidade. Desde a ollada dun neno de cinco anos, con grande economía de medios, Sumai tece unha arañeira de emocións encontradas, cun final moi aberto.
Cada relato dos publicados até o momento vai acompañado dunha fotografía realizada por Sumai.
Anxos Sumai pretende ofrecer novos relatos especificamente creados para a web ou rescatados do seu material inédito. A actividade literaria dos autores galegos nos seus propios espazos web é cada vez meirande. Desde Biosbardia manterémosvos informados para que non perdades novas oportunidades de darlle unha bocada ao universo dos nosos mellores escritores.
One thought on “Anxos Sumai estrea espazo web con vida literaria propia”