BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Apocalipse Z: O comezo da fin’, o cine de acción non se pode facer sen diñeiro

Fotograma de ‘Apocalipse Z. O comezo da fin’.

César Lorenzo Gil.

Apocalipse Z: O comezo da fin é unha película dirixida por Carles Torrens e producida por Nostromo, empresa en cuxo haber hai producións internacionais como Red Lights (2012), de Rodrigo Cortés, protagonizada por Cilian Murphy, Sigourney Weaver e Robert de Niro ou a moi loable Contratiempo (2016). O fime pode verse na plataforma de Amazon Prime. Podemos encaixar o filme na categoría de acción distópica intimista, aínda que o director usou certos recursos do cinema de terror, sen éxito.

A película está baseada na novela do mesmo nome de Manel Loureiro (publicada en galego por Urco no 2013) e, en xeral, é bastante fiel no plano argumental. Máis incluso do que se espera nunha adaptación que non ten por que cinxirse obrigatoriamente ao texto no que se inspira. Pero isto non significa que a película poida satisfacer os lectores da novela principalmente por tres cuestións.

Primeiro, porque o forte da obra de Loureiro (quen por certo fai un cameo no filme) era a capacidade de traernos os zombis ás nosas casas e espazos moi recoñecibles nos territorios das rías de Pontevedra e de Vigo. O cartel da película púxonos os dentes longos, cunha ponte de Rande abandonada, pero en realidade, na película este efecto non se aproveitou para nada. Nin tan sequera o hospital que aparece é o do Meixoeiro, capital na novela e que na adaptación se substitúe por un tal hospital de San Lourenzo, supostamente nas aforas de Pontevedra. E, por suposto, o protagonista só pasa unha vez pola ponte de Rande, antes da epidemia. A pesar de que a metraxe comeza cunha panorámica de Vigo sometido ás luces de Nadal e o espectador morboso suspira emocionado coa posibilidade de que a apocalipse xurda xusto nese festín de mal gusto e contaminación lumínica, resulta que non, que todo é un prólogo que a nivel narrativo serve máis ben para pouco (a morte da parella do protagonista nun accidente de tránsito), alén de encher a película de escenas supostamente intimistas de nostalxia que casan coma auga con aceite coa atmosfera de desesperación que se instala tras o espertar dunha pandemia zombi.

En segundo lugar porque onde a novela de Loureiro crea tensión mediante o colapso da modernidade (especialmente no relativo ás telecomunicacións), a película confórmase con tomar esa cuestión como algo anecdótico. O protagonista grava vídeos e logo mándaos a través do móbil, sen que haxa cobertura, coma se no medio da fin do mundo, alguén puidese posteriormente reacender o sistema e… ala! Pois si, de repente, no medio da ría hai cobertura de datos e eses vídeos acumulados supoñemos que chegamos ao seu destino porque ao final da película tamén funciona a rede telefónica. E sen pagarlle un peso a Movistar!

E por último, esta película non capta o espirito colaborativo que si destacaba a obra escrita. Certo que os guionistas refán a trama para que o protagonista non estea só o tempo todo, pero case todo o tempo está rodeado por unha hostilidade algo psicopatolóxica, sen razón de ser (por exemplo, o malo da película, un ucraino que quere aproveitar o desastre para converterse nun tirano en Sálvora, salva o protagonista de morrer no mar, pero despois non fai o propio con outros dous náufragos. Esta diferenza é un claro ex machina cuxo único fin é acelerar a trama). Mais a principal razón de que se sinta esa soidade en todo o momento coido que é froito dun baixo orzamento. O esquelete dunha película de zombis non pode encararse cunha estrutura produtiva máis propia dun filme intimista. Cómpren figurantes, planos aéreos, o espectáculo da destrución e da masa. Mais Torrens ten que construír un mundo cunha presada de actores. Hai máis xente vendo un partido do Ourense CF que no universo de Apocalipse Z.

Con todo, hai máis problemas graves neste filme. A escolla dos actores foi pésima. O protagonista, Francisco Ortiz, fracasa no seu primeiro papel protagonista e palidece ante o bo facer de José María Yazpik. Tampouco están ben Iria del Río, Marta Poveda e Berta Vázquez. O mellor actor é o gato, que interpreta a Lúculo e, coido que involuntariamente, se converte na cerna da película. Porque velaquí o erro máis grave desta película. No seu afán de contarnos un final do mundo cozy, fai xirar as expectativas emocionais do espectador ao redor da saúde do gatiño do protagonista. A partir do minuto 15 xa pouco nos importa o protagonista, que ten os antebrazos tan duros que nin lle rozaron os dentes da mordedura dun zombi. Tampouco nos doe a falta de comida nin a crueldade dos mariños ex soviéticos. O que queremos é que non lle pase nada ao gato, ese micho algo fraco que cada vez que entra na escena obriga a poñerlle a Ortiz voceciña así como de falarlle a un bebé, e que vive mil aventuras ben quietiño no seu transportín.

Se fan segunda parte, que cambien a Ortiz polo gato.

 

2 thoughts on “‘Apocalipse Z: O comezo da fin’, o cine de acción non se pode facer sen diñeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *