BiosBardia

O país dos libros en galego

Apuntamentos para un estudo da literatura subalterna galega (I)

Xesús González Gómez.

Andel dunha biblioteca. JASON CLOR/FLICKR
Andel dunha biblioteca. JASON CLOR/FLICKR

A literatura galega só se diferencia das outras literaturas nun pequeno, ou grande, matiz: está escrita en galego. Todo o demais, son ganas de lle buscarmos cinco pés ao gato. Nin ten trazos diferentes das outras literaturas europeas (onde cabe inscribirnos), nin se define a nosa literatura por elementos determinados que a farían diferente ou distinta das outras literaturas europeas (ou occidentais): á parte da lingua, o único trazo diferenciador da nosa literatura é o cambio de escenario e a grandeza, ou pequeneza, dos actores. Diferente é, claro na súa historia, nos seus momentos socio-politico-económicos e, ás veces, culturais ou de civilización: nunha palabra, no seu desenvolvemento “integral”, que é o noso escenario. A pequeneza ou grandeza dos actores entra dentro duns, digamos, cálculos máis subxectivos. Mais este problema ten a ver máis co desenvolvemento histórico-político que coas características dos textos.

Clarificado (?) este primeiro punto, vaiamos polo segundo. A literatura galega foi “historizada” por diversos estudosos, foi “conxelada” en dicionarios de obras, autores, etc.: xa que logo, quen queira coñecer a súa “historia”, a grandes trazos, teno máis ou menos doado. Os nomes “canónicos” e menos “canónicos” están aí. E co paso dos días vanse incorporando novos nomes, mais é evidente que nunha historia da literatura dun país determinado, aínda que sexa de tamaño (físico) reducido –como acontece coa galega– non aparecen todos os nomes, todos os escritores/escritoras desa dada literatura. Sempre, en todas as literaturas, hai centos, ás veces miles, de nomes que nunca aparecerán nas historias “canónicas” da literatura, nin mesmo, infelizmente, nas máis ou menos sociolóxicas. Con sorte, en monográficos dedicados a unha póla ou outra desa literatura. Un exemplo, dunha literatura “normalizada”, da literatura francesa: en ningunha das grandes e pequenas historias da literatura francesa que eu coñezo aparecen os centos, os miles de nomes, que censou e comentou no seu día Michel Ragon na súa xa clásica, e que necesita urxentes revisións, Histoire de la litérature proletarienne en France (París, Albin Michel, 1974). E así podiamos ir país por país até chegarmos a Galicia.

Dito isto, tamén cabería dicir que a historización e estudo da literatura galega non é, tampouco, diferente do estudo e historización das diversas literaturas europeas. Sempre coas excepcións da regra, é dicir, o cambio de escenario, a grandeza ou pequeneza dos axentes, etc. Por tanto, que é que o historiador ten en consideración no momento de pórse a argallar a súa historia, global ou parcial, totalizante (cousa imposíbel) ou non; ou cando se dedica a estudar a literatura dun período determinado, 10, 15, 25 anos, ou outros tramos temporais?

Cando se inicia unha achega aos últimos anos da narrativa ou da poesía galegas (un período dun cuarto de século, por exemplo), cando se inicia a redacción dun dicionario de literatura ou dunha historia da literatura, cómpre afirmarmos que esa achega será, en última instancia ou último termo, inxusta. Inxusta porque esa achega, ese dicionario, esa historia, vai falar do que se fala ou falou nun certo territorio e nunha certa época; é dicir, non se vai reter máis que aquilo que fai (ou fixo) ruído no auditorio máis vasto. Esa achega é, como dixemos, inxusta porque deixa, adoita deixar, de lado aquilo que non escoitou (leu) o público, ou non o foi no mesmo grao e, non obstante, merecía selo. Por tanto, o primeiro que se debe subliñar cando se quere falar da narrativa ou poesía producidas (sic), mellor dito, publicadas, nunha certa época e un certo territorio é que, talvez, o autor non vai tratar necesariamente dos textos máis interesantes que se publicaron durante ese período. Tamén cumpriría afirmarmos, ou avisarmos, de que non é seguro de que os textos de que se vai falar sexan todos interesantes. Xa que logo, o volume de textos literarios que se publicaron durante un período determinado cómpre dividilo, bibliograficamente, en catro rangos:

I. Textos que todo o mundo cita e que todo o mundo considera dignos de seren citados.

II. Textos que todo o mundo cita e que algúns consideran insignificantes.

III. Textos citados por algúns, ou mesmo por un só, mais que son considerados por esas persoas superiores aos textos das dúas clases precedentes.

IV. Textos ignorados por todo o mundo, agás os seus autores respectivos.

Unha vez clasificados os textos nestes apartados cómpre dicirmos, ou sinalarmos, cal é a intención xeral ao tratar o período. Está claro que se só se vai falar de narrativa ou poesía galega de hoxe, pódese acudir aos escritos clasificados en I e II, descartando os clasificados en III e IV. Sendo, porén, conscientes de que se elimina non o mediocre e o insignificante, senón textos cuxa audiencia é real, aínda que sexa nun mínimo sector; ou que aínda non foron escoitados mais poden selo no futuro, etc. Nunha palabra, un texto de introdución a un estudo destas características, é dicir, unha introdución á literatura galega nun período dado, ou nun longo período de tempo, ou nunha historia ou nun dicionario de toda a nosa literatura, non pode ser un Who’s Who nin, talvez, tampouco debe ser o seu Gotha.

Outro problema co que se enfrontará o “estudoso” dese período, ou doutro calquera, da narrativa ou poesía galegas, é o método que usar. Xa sabemos que hoxe está de moda o chamado “campo literario”, o método inventado por Pierre Bourdieu, un sociólogo ao que cabe pórlle moitas, demasiadas, pegas. A teoría do campo literario, reduzamos moito, acaba, en última instancia, por primar o literario e o sociolóxico facendo desaparecer o político, aínda que semelle –oh Xesús!– todo o contrario. Por outra parte, a aplicación do método bourdieniano á literatura galega, ao “campo” literario galego, é de difícil asunción: aquí, infelizmente, aínda vivimos do e no máis puro voluntarismo. Voluntarismo que, por outra parte, se radicaliza nestes próximos anos/meses ou veremos o que acontece. Por outra parte, a teoría do campo literario non ten en conta, para nada, a existencia dunha literatura española feita, e mesmo publicada, en Galicia. E, ademais, adoita botar pola borda o problema do bilingüísmo.

Por outra parte, todos sabemos que a teoría do campo literario, a súa, digamos, plasmación a feitos concretos, o que demostra, unha vez máis, é o saber do sociólogo, que sabe máis que o literato (o literato porque falamos de literatura; se se fala de “campo” científico, “campo” artístico, “campo” musical, etc., falariamos de científicos, artistas, músicos, etc.): o sociólogo sabe por que se move, a onde quere chegar o literato (e o científico, o músico, etc.). Nunha palabra, o sociólogo bourdieniano posúe a verdade; a verdade está nas súas alforxas, e se o científico, o literato, o artista, o músico, etc., quere posuír a verdade, non debe procurala en si, nin nos seus textos nin na sociedade nin na imaxinación nin na creación nin na invención: hai que procurala no sociólogo. Ou, como afirmaría Jacques Rancière, na sociocracia bourdieniana. Ou para usarmos un vocabulario máis pedestre: o sociólogo bourdieniano non move peóns, nin raíñas, nin alfís, nin mesmo torres: move o taboleiro[1].

Até hoxe (2016), os historiadores da literatura galega só tiveron en contan os textos dos apartados I e II. Algunhas veces, a maioría por un proído de orixinalidade, de cando en vez algún/ha estudoso/a reivindica un autor determinado. Autor que, a final de contas, resulta ser dunha importancia, e calidade, literarias mínimas, mais quedou ben iso de irse pola tanxente. Estes son os autores que conformarían os textos do apartado III. Finalmente, dos que nunca se ocuparon os/as historiadores/as da literatura galega é do conxunto de textos e autores que conforma o apartado IV: “Textos ignorados por todo o mundo, agás os seus autores respectivos”. Dentro deste apartado entran case todos os textos publicados en edición de autor (e mesmo por Concellos e asociacións culturais) e que non adoitan saír dun círculo territorial, e de persoas/lectores, máis ben restrinxido: barrios de cidades, vilas, talvez bisbarras, etc. –é dicir, segundo a hipótese lanzada aí atrás, o seu contorno máis próximo. Son textos de xente que non intenta introducirse nin no “campo” literario nin no circuíto culto da literatura: adoitan dirixirse aos seus máis próximos veciños. Maioritariamente, este tipo de textos adoitan ser “poesías”, aínda que tamén existen textos narrativos –contos, mais ou menos ao “xeito popular”. Esta literatura, polo xeral escrita por homes e mulleres procedentes das clases medias vilegas e… por curas, conformarían unha literatura “dominada” dentro dunha literatura á súa vez dominada, polo que en adiante falaremos de “literatura subalterna”. Para explicármonos un pouco mellor, poremos un exemplo político: o arabista Maxime Rodinson falaba dos kurdos como os colonizados doutros colonizados (os árabes). Estes homes e mulleres que conforman cos seus textos o apartado IV serían os dominados doutros dominados[2], estes últimos, os escritores/as galegos/as que intentan chegar a seren ou xa son “canónicos/as” ou que loitan a prol da institucionalización, menosprezan os “afeccionados” que conforman o IV apartado. Por outra banda, habería que subliñar, ou salientar, que os homes e mulleres que conforman coas súas publicacións este apartado IV consenten e aceptan a dominación, aínda que de cando en vez algún que outra poida rebelarse, ou poida fuxir dese circulo case sempre fechado. Un exemplo, Manuel Rodríguez López, considerado –equivocadamente– pola crítica galega como “poeta obreiro”, o que é unha andrómena. Unha andrómena que serviu para a súa institucionalización (a de Manuel Rodríguez López) e dentro desta institucionalización, para colocalo nun apartado inexistente, ou case inexistente, na nosa literatura: a literatura obreira. E así andamos.

Como avisabamos, en todos os países sempre existe un numero indefinido e incontrolábel de autores que nunca son “censados” nas diversas historias da literatura e nos dicionarios dedicados a tal materia, canto máis, como se dixo, en traballos máis ou menos monográficos, de maior ou menor interese –e, infelizmente, estes traballos adoitan ser a maioría de tipo sociolóxico, sen entraren nunca a discutir a validez literaria dos autores censados (como moito, discútese a ideoloxía que deitan os textos destes escritores). Estes autores, que seguindo a terminoloxía gramsciana, poderiámolos denominar subalternos ou dominados, producirían, xa que logo, unha literatura subalterna ou dominada (calidades literarias á parte). (Tamén debemos aclarar, desde un inicio, que esta literatura moitas veces non ten nada a ver coa literatura das chamadas clases subalternas ou dominadas: ao longo desta exposición intentarase clarificar esta cuestión.)

Mais antes de entrarmos en materia, lancemos unha primeira hipótese: denominamos literatura subalterna a conformada por libros –de todo tipo, pero maiormente poesía e narración curta– non publicados por editoras “comerciais” ou institucións (Xunta, deputacións, Concellos, fundacións, etc.) e que non gozan dunha distribución comercial profesional. Formulada esta primeira hipótese, é necesario matizarmos.

A maioría dos libros que conforman esta literatura, que denominamos subalterna, son libros autoeditados, mais non todos os libros autoeditados pertencen á literatura subalterna. Exemplos, un portugués e outros galegos, sendo –no entanto– máis “paradigmático” o portugués por se tratar a lusa dunha literatura, en primeira instancia, “normalizada”. Durante toda a súa vida, Adolfo Rocha, coñecido como Miguel Torga (sempre vai ben algún que outro dato de “erudición” máis ou menos caseira), editou pola súa conta todo canto produciu. Editouno pola súa conta e foi distribuído polas canles comerciais normais: e vendeu máis que moi ben. Torga, a pesar de ser un autor autoeditado, non pode entrar dentro dun concepto, por amplo que se queira, de autor subalterno ou dominado; nin a súa literatura, claro. Os exemplos galegos serían, entre outros moitos, e despois de pasados máis de vinte anos do inicio da guerra civil, a publicación d’O sono sulagado, en 1956, de Celso Emilio Ferreiro. Logo da morte de Franco, Con pólvora e magnolias, de Méndez Ferrín, os libros de Rompente, tanto o colectivo, Silabario da Turbina, como os individuais: Galletas kokoschka non, de Manuel M. Romón, Facer pulgarcitos tres, de A. Avendaño e As ladillas do Travesti, de A. R. Reixa. Cando Celso Emilio publicou o seu libro, a situación política de Galicia era similar á portuguesa (ditaduras para-fascistas e nacional-católicas, etc.), mais ao ser a literatura galega unha literatura dominada e, por tanto, ao impedir o poder político a creación de editoriais, a normalización de publicacións (esquezamos por un momento a implacábel censura), a autoedición en Galicia “gozaba” dunhas peculiaridades determinadas. No que respecta aos outros títulos, e moitos máis que non é necesario relacionarmos, pode pensarse, precisamente, que foron publicados en autoedición para fuxir da institucionalización ou, talvez, para crear unha físgoa por onde entrar na institución. É dicir, a auto-edición é un problema ou unha cuestión que ten diferentes fasquías (que non imos tratar en profundidade nestas liñas, algo de pasada si), non significa directamente literatura subalterna, aínda que a literatura subalterna sexa unha literatura publicada maiormente en auto-edición. Acho que non é necesario espraiarse sobre os exemplos galegos, xa que os seus autores non pertencen á literatura subalterna ou dominada no interior da literatura galega, aclarando máis unha vez que, de por si, a literatura galega é unha literatura subalterna ou dominada… por circunstancias políticas, non literarias. Tamén hai que dicir que algúns títulos publicados por editoriais máis ou menos “institucionalizadas” pertencen, o poderían pertencer, ao que denominamos literatura subalterna –moitos libros de poesía e narrativa, sobre todo, publicados polas defuntas Ediciós do Castro poderían inscribirse dentro do que denominamos literatura subalterna. Un día haberá que estudar a cantidade de “nomes” que esta editorial “institucionalizou”.

Por tanto, segunda hipótese, literatura subalterna é aquela conformada –maiormente– por libros non publicados por editores comerciais e/ou institucións, que non goza dunha distribución comercial propia dos libros editados “comercialmente” e /ou por institucións, que non é, normalmente, comentada nin censada nin nas páxinas literarias dos xornais e nin nas revistas especializadas e, sobre todo, en primeira instancia, é unha literatura que se dirixe ao seu contorno máis próximo, ao público que mora nese contorno. É dicir, o autor que inscribimos dentro desta literatura diríxese, sobre todo, aos seus familiares, amigos e veciños, aínda que non cabe desbotarmos que intente superar sempre esta limitación física, xeográfica.

Esta segunda hipótese entraría en contradición cos últimos parágrafos que se escribiran cando se falaba da primeira hipótese, mais acho que a distribución e o comentario sobre estes libros na prensa é mínima, cando existen (distribución e comentarios).

Terceira hipótese: se un libro considerado como literatura subalterna ou dominada é comentado nun órgano de comunicación, maiormente escrito, pode pasar a formar parte da literatura “canónica”, da historia da literatura; é dicir, a ser mencionado e mesmo comentado en historias ou dicionarios da literatura. Exemplos: Rexistro de menores espantos, de Xoán-Manuel Casado, O intercepto, de X. Cid Cabido, Cando o gato mira de esguello, de Xe Freire. Os nomes dos tres constan xa en todos os dicionarios e historias da nosa literatura, os dous primeiros debido, sobre todo, ás súas obras posteriores, xa publicadas por editoriais institucionalizadas. Freire, até o momento, é autor desa única novela reeditada anos despois por unha editorial con voz e un pouco de mando. Poñemos estes exemplos por seren os libros citados os primeiros publicados polos seus autores, e publicados en autoedición, malia que, se mal non lembro, dous deles gozaron de subvencións da Xunta. No entanto, hai moitos máis exemplos: autores autoeditados que entraron no “canon” e mesmo gozan de verdadeira fortuna editorial na actualidade: Cesáreo Sánchez Iglesias, Ramón Caride, Chus Pato e un amplo etcétera. É dicir, autores que normalmente queren introducirse na “institución” literaria, mesmo a partir dun primeiro “rexeitamento”. Tamén se dá o caso de autores publicados por editoriais que nun momento ou outro publican algún dos seus libros en autoedición, mais estes exemplos non deben terse en conta nun estudo sobre a literatura subalterna, xa que moitas veces a autoedición pode ser unha resposta á dominación: Esplendor arcano, de Ramiro Torres, sen irmos máis lonxe, e, ademais, procura un máis vasto público do que configura o seu contorno máis próximo.

Ora, tamén pode acontecer á inversa. É dicir, un primeiro libro publicado por unha editorial con voz permítelle ao autor ingresar no “canon”, nas historias e dicionarios de literatura: Henrique Feixóo, Elexías da revolta illada (1978), mais as súas publicacións posteriores, de maior calidade literaria, non entraron no “canon” ao seren publicadas en auto-edición e comentadas soamente nos apartados “locais” dos xornais, ou nos xornais “locais”: Loa ao porco bravo & virá o monstro irado fendernos a cabeza & escrita maldita, alé.

[1] Calquera que lera, criticamente, a Pierre Bourdieu sabe que este sempre se coloca por enriba do obxecto da súa análise, non considera este como un “igual”. En palabras de Richard Sennett, non respecta o seu obxecto; cando moito, “tolérao”, xa sabemos, desde o Marqués de Sade, e sen necesidade de remitírmonos a S. Zizek, que a tolerancia é o “privilexio” do poder e dos poderosos. Como escribín noutro lugar, “A posición de Bourdieu, como ben demostrou Jacques Rancière n’O filósofo e os seus pobres, é a de quen dita leccións e solucións. Por outra banda, o famoso As regras do xogo son reveladoras do efecto despolitizador que supón a achega bourdieniana. Nas achegas de Bourdieu e os/as seus/súas discípulos/as, mesmo cando se aplican a ceibaren análises político-literarias, o literario gaña sempre, borrando o político. O literario no sentido de actos, de axente, non de texto producido; porque de literatura, os bourdienianos adoitan non saber moito. O carácter ideolóxico deste tipo de análise (bourdieniano) non é un interrogarse sobre as presuposicións e ferramentas, senón que intentan apreixar o obxecto de estudo mediante campos artísticos e políticos, campos que se supoñen instituídos e evidentes e, polo tanto, sempre fracaso daqueles movementos artísticos ou políticos que intentan empurrar, derrubar os límites, os vínculos e resortes da arte e da política. Polo que o método bourdieniano fica á luz do día: instrumento de policía (é dicir, de orde), distribución de lugares e de funcións, lexitimándoas, metafísica da vaidade, positivismo dos campos simbólicos, equivalencia do positivismo e do dogmatismo, etc.Velaí os “reproches” de Rancière á socioloxía bourdieniana. O que queremos afirmar con todo este “rollo”, é que a análise institucional [é dicir, a análise sociolóxica que tal se denomina: René Lourau, Georges Lapassade, etc.] é moito máis produtiva para o caso galego do que a análise bourdieniana, adaptada no noso país non por sociólogos senón por… literatos. E así vai o estudo, a socioloxía, da nosa literatura (ou debiamos dicir sistema literario?).

 

[2] O que nos conduce directamente á hipótese de James C. Scott, Domination and the Arts of Resistance, “a práctica da dominación crea o oculto nos grupos subordinados xerando unha subcultura e opondo a súa propia forma de dominación fronte á elite. Habería sempre, di Scott, unha conduta pública e outra oculta, unha observábel polo poder ou dita ante o poder, e outra dita por detrás ou para outra audiencia”, citado por Josefina Ludmer, El cuerpo del delito. Un manual, Buenos Aires, Libros Perfil, 1999, p. 131. Noutras palabras, os escritores “canónicos” galegos xeran unha forma propia de dominación, xa que o que denominados aquí “literatura subalterna” e literatura “canónica” galegas conforman para a elite un todo, sen divisións posíbeis. Para a elite é tan subalterna Rosalía como calquera dos nomes que citaremos máis adiante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *