As ánimas na véspera de Todos os santos
Nati Rey.
Na véspera de Todos os Santos, e dende tempos ancestrais, existe a crenza de que a porta do Outro Mundo se abre e os espíritos dos defuntos regresan á terra para camiñaren entre os vivos.
Denomínanse “ánimas” as almas que volve do Alén (especialmente as dos mortos que están no Purgatorio), e na mitoloxía galega a súa manifestación é a máis coñecida. Ás veces preséntanse soas e poden aparecérselle a calquera persoa, xeralmente coa intención de que intercedan por elas.
As necesidades das ánimas
As ánimas solicitan favores dos vivos mentres a súa localización non é a definitiva no Ceo. Volven pedindo axuda por elas ou para axudar os seres queridos e tamén para reparar danos cometidos na vida ou emendar inxustizas. Ademais, piden misas para saíren do Purgatorio ou o contrario, quen non llas digan porque moran no Inferno. Estás últimas non adoitan vir a este mundo, excepto cando os vivos lles fan algo que lles impide acougar no averno, como vestilas con hábitos bendicidos na hora da morte ou ofrecéndolles misas.
Avisos de morte
Hai ánimas que agoiran un próximo defunto presentándose coa figura de quen vai morrer ou co espírito de quen xa faleceu. Neste caso, tamén poden vir de forma grupal como o Acompañamento. Outras simplemente se manifestan sen pedir nada a cambio, nin agoiran morte.
“A Adoración petáronlle na porta, creo que de noite. Saíu fóra e viu a Valentina ir pola horta abaixo cun abrigo. Valentina estaba na cama e morreu esa noite. Hai moitas cousas raras que non se poden falar con todo o mundo e non as entenden”[1].
“Antes de morrer, Cesárea estaba na cama cando sentiu unha campaíña. Mirou para a ventá e viu o Acompañamento. Despois de ver esas cousas ao día seguinte morreu”[2].
Cando se presente unha ánima, escóitanse os sons de cadeas, vense luces intermitentes e óense alaridos. Para esconxuralas existe a seguinte fórmula: “En nome de Deus e de San Pedro te requier; si eres cousa do outro mundo, dime que tras ou que queres”[3].
Os alimentos das ánimas
Na véspera de Todos os Santos crese que as ánimas visitan as súas familias entrando pola cheminea do fogar, por tanto, esta noite non se pode varrer a lareira e déixanse nela ofrendas de castañas, noces, mel, cuncas de viño… Tamén se reservan uns postos na mesa, poñendo anacos de pan por cada parente falecido.
As persoas tamén son convidadas polas ánimas a comer e non se pode renegar a invitación, mais comendo do pan dos mortos un é obrigado a ir canda eles. Polo tanto, é necesario un anaco de pan no peto para meter na boca, ou finxir que se come para evitar que estas almas nos ofrezan alimentos. Os escapularios e rescritos son amuletos que tamén protexen da morte nestas situacións; así o documentou o investigador Carlos Ares. O seu relato explica que en Viana do Bolo dous mozos foron convidados polo defunto do seu amigo a cear no cemiterio, libráronse de perecer por levaren con eles os ditos amuletos que lles entregou o cura[4]. O mesmo sucede coas meigas que aparecen nas encrucilladas, ao carón dunha cruz colocada por morrer alí unha persoa, e ofrecen comida a quen pasa. Quen acepte, queda sometido á súa vontade
A liberación das ánimas do Purgatorio
Os vivos, cumpridores dos desexos das mortos, fanlles ofrendas ás almas do Purgatorio nos petos de ánimas, dinlles oración, fanlles actos de ánimas, misas… para que se liberen do Purgatorio. E unha vez que chegan ao Ceo sitúanse nunha posición privilexiada a carón de Deus. Dende alí poden axudar a quen as axudou a conseguir a paz eterna, pois estando preto do Señor confíreselles poder e privilexio para intervir entre o ceo e a terra.
Para rematar, cómpre saber que as ánimas son ambivalentes por seren perigosas e ao mesmo tempo necesarias para mediar entre as persoas e Deus.
[1]Rey, N. Barbantia Anuario de Estudos do Barbanza, 2020, p. 100
[2] Rey, N. Barbantia Anuario de Estudos do Barbanza, 2020, p. 99
[3]Taboada Chivite, X. Etnografía galega Cultura Espiritual, p. 155
[4] Ares, C. en Achega sao Patrimonio Inmaterial Galego, 2018, p, 73.
Reblogged this on Luz de Tea.