As caveiras do Samaín
Nati Rey.
A tradición en Galicia de facer caveiras de melóns ou nabos con unha candea acendida no seu interior procede da ancestral celebración celta do Samaín, unha festividade ligada ao mundo dos heroes.
Na fin do verán regresaban ás casas os guerreiros que na primavera partiran a combater. Celebrábase a súa chegada cun gran banquete. Asábase carne, frecuentemente de porco, previamente consagrada ao deus Lug. Bebíase moito. Era o momento no que os guerreiros se xuntaban para contaren as súas fazañas e exhibiren as riquezas obtidas na pillaxe, tamén os seus máis prezados trofeos: as cabezas cortadas dos seus inimigos. Cantas máis cabezas conseguía un guerreiro, maior fama como heroe tiña.
A degolación era unha práctica cotiá debido ao carácter especial que tiñan as cabezas para o pobo celta. Estrabón di que tralas loitas os celtas traían os cranios dos inimigos derrotados pedurando do gañote dos cabalos. Cóntanos Diodoro de Sicilia neste texto do século I a. C.: “Cortan as cabezas dos inimigos mortos en combate e pendúranas dos pescozos dos seus cabalos. Embalsaman en aceite de cedro as cabezas dos seus inimigos máis distinguidos e gárdanas coidadosamente nunha caixa, amosándollelas con orgullo aos visitantes, dicindo que por esta cabeza un dos seus devanceiros, ou o seu pai ou o propio individuo, rexeitou o ofredemento dunha gran suma de diñeiro. Din algúns que eles se gaban de ter rexeitado o peso da cabeza en ouro”.
Na Península Ibérica só existe un texto que nos fala do costumes de cortar cabezas. Trata de cando as tropas recrutadas na Hispania que tomaron parte na conquista de Selinunte polos cartaxineses lles cortaron as cabezas aos inimigos e logo as chantaron en picas.
No universo cultural celta (e non só) é de gran simbolismo a decapitación. Críase que na cachola ficaba a morada do espírito e era o centro do ser da persoa. Arrebatarlles os cranios aos rivais era un impedimento para que estes se beneficiasen da inmortalidade da alma; mais estas cabezas tamén foron veneradas, xa que se cría que ao adoralas se convertían en amuletos apotropaicos.
As cabezas teñen significados máxicos caso da capacidade de mantérense con vida e falar unha vez morto o seu dono. Asemade, xogan un papel fundamental nas mitoloxías de Gales e Irlanda. No libro Mitos Celtas, de Miranda Jane Green (editado en castelán por Akal, 1995), cóntase que o heroe do Úlster Cuchulainn reunira os cranios dos inimigos e colocáraos sobre pedras. Fora profetizado que os homes do Úlster, afectados pola debilidade que lles producira a maldición de Macha, recobrarían as forzas se bebían leite do cranio decapitado de Conall Cernach. Nesta lenda o cranio posúe as propiedades dun caldeiro de rexeneración. É unha historia similar á de Bendigeidfran nos Mabinogion, cuxa cabeza decapitada podía falar e alentar os seus compañeiros, dándolles boa sorte na súa longa viaxe dende Harlech até Londres.
Nos oficios relixiosos tamén se empregaban auténticas cabezas humanas relacionadas con diversos ritos e sacrificios aos deuses. Cando deixaron de empregarse foron sustituidas por réplicas en pedra, madeira, etc. Así como tamén foron trocadas as cabezas dos inimigos que ficaban alumeadas e cravadas nas fortalezas polas caveiras de calacús. Unha caveira acesa simbolizaba o espírito vivo e o poder sobrenatural dos mortos. A caveira tiña que alumar para así conter a alma do defunto “viva”.
Na actualidade, na véspera de Santos, seguimos colocando candeas nas sepulturas para iluminar as almiñas, malia que a Igrexa, no Concilio de Elvira, rexeitou este costume por ser pagán e prohibiu que se puxesen cirios no camposanto.
Na cultura popular galega un dos enredos máis engaiolantes da nenez no rural era facer unha arrepiante caveira de melón ou cabaza ou coco ou calacú. Facíanse na tempada da véspera de Santos e durou a tradición até os anos sesenta/setenta do século pasado. Despois pasou a ser unha tradición esmorecida até renacer coa difusión da celebración do Samaín, principalmente nas escolas e en certas asociacións culturais de todo o país, e máis recentemente coa asunción pola comunidade escolar da festividade do Halloween, aparellada ás aulas escolares de inglés.
Para comezar a facer unha caveira, os rapaces tiñan que facerse co melón, collíano na casa ou (o máis tradicional), íase roubar ao horto dun veciño e de paso tamén se traía unha presada de mazás. O calacú ábrese facendo unha incisión circular ao redor do rabo para proceder a limpar o interior. Unha vez limpo e sen pepidas, fánselle na casca dous furados para os ollos, outro para o nariz e outro para a boca, tallando con expresividade tétrica. Colócanselle dentes con pauciños e no interior préndese unha candea.
Terminada a caveira, era momento de que cumprise a súa misión: asustar as vellas que viñan de rezar o rosario na igrexa; afastar o demo, as meigas e as ánimas do inferno e meterlles medo aos fillos das beatas aos que non deixaban saír da casa para faceren as falcatruadas propias da infancia.