BiosBardia

O país dos libros en galego

As claves de ‘Lleonard o el sexe dels àngels’

Terenci Moix.

UNHA DÉCADA CASE PRODIXIOSA DA LITERATURA CATALÁ (e III)

Xesús González Gómez.

Evidentemente, o libro de Marta Vallverdú é moito máis do que dixemos aquí. Pouco falamos de política, de arquitectura, de artes visuais, do escoltisme ou da proposta de Països Catalans que lanzou Joan Fuster. Proposta que, como afirma a propia Vallverdú, despois dos reveses electorais sufridos en Valencia e as Baleares, os discípulos de Fuster matizan, pero non abondo, como demostraron as últimas eleccións xerais, onde o PP coa extrema dereita copou case que todo: concellos, deputacións e gobernos autonómicos nas citadas comunidades. A idea de Països Catalans deben, os seus heraldos, matizala moito máis, sobre todo no aspecto político, e non serve botarlle a culpa aos «outros». Ou, talvez, no canto de matizala, «resituala», iso si, sen perder o norte. Non entraremos nesas lerias, mais penso que hoxe por hoxe, en Baleares, en Valencia, e en parte de Cataluña (e non falemos da Cataluña francesa: a extrema dereita lepenista é maioritaria), a idea duns Países Cataláns é unha potente arma… en favor da dereita anti-catalá e anti-lingua catalá, e a culpa, e iso está claro, é dos defensores desa idea  que non conseguiron que fose atractiva para a maioría da xente dos seus países. Idea, por outra banda, que a un lle gustaría se realizase algún día na práctica. Tampouco falamos da «Gauche divine», tan maltratada, nin do cinema. E, digamos que se ben o «realismo histórico» esmorece a partir de 1966, os grande éxitos do teatro catalán na década seguinte son debedores deste realismo, da influencia de Brecht, sobre todo: El retaule del flautista, de Jordi Teixidor. Obra gañadora en 1968 do premio de Teatro Josep Maria de Sagarra, foi estreada o 31 de xaneiro de 1970 na Aliança del Poble Nou –estrea a que asistiu quen isto asina, con Xavier Costa Clavell, moi amigo de Jordi Teixidor, que lle regalara diversas entradas–, en abril do ano seguinte, a obra púxose en escena no Teatre Capsa, e acadou máis de mil representacións. Outro tanto podemos dicir de Preguntes i respostes sobre la vida i mort de Francesc Layret, advocat dels obrers de Catalunya, de Maria Aurèlia Capmany e Xavier Romeu, de 1971, pero que foi publicada, por non pasar censura, nas Edicions Catalanes de París, e representada clandestinamente en diversas ocasións. En 1976 estreouse publicamente na Sala Villarroel: outra obra influída, polo «realismo histórico», que foi o grande impulsor do teatro catalán nos anos 1970. Á parte da «influencia» que puido ter o «realismo  histórico» na dramaturxia catalá posterior a 1960, quizais haberia que estudar se certas propostas narrativas de principio dos 70, se ben non se poden incluír nun balance directo do realismo histórico na literatura catalá, si nun indirecto: é dicir, sen o realismo histórico esas propostas de segura que serían diferentes: as primeiras obras narrativas de Miquel Àngel Riera (Fuita i martiri de Sant Andr Milà e Morir quan cal) –Riera é un dos grandes narradores cataláns do derradeiro terzo do pasado século–, Abans del Foc, de Jaume Fuster, as primeiras novelas dos mallorquinos Guillem Frontera e Antoni Serra, e mesmo os inicios de Montserrat Roig, etc. Pódese afirmar que o que mellor deu o «realismo histórico» na literatura catalá (deixando de lado algunhas das novelas de Maria Aurèlia Capmany: Feliçment, jo soc una dona e, sobre todo, Un lloc entre els morts) foi… as súas secuelas

Tampouco falamos nin da Nova Cançó nin do Grup de Folk. Diremos, soamente, dúas curiosidades sobre este último. Do Grup de Folk era membro Pau Riba (neto do poeta Carles Riba), en 1970 publicou o que, para min e moitos dos seus seguidores, foi o seu mellor LP Dioptria, que presentaba cun texto en que pon parir panteras a seu avó: no mesmo disco replicoulle a empresa editora: Concèntric –moralexa: os pais da patria sempre son pais da patria. Tamén formaba parte do Grup de Folk o trío Falsterbo 3 (un do seus compoñentes era o hoxe «famoso» médico Eduard Estivill). Este trío gravou a canción popular galega «Polo mar abaixo vai», e dous poemas de Celso Emilio Ferreiro: «María Soliña» e «Monólogo do vello traballador», este último en versión castelá. E para acabarmos coas curiosidade, aí vai outra: un dos membros de El setze Jutges (grupo fundador da Nova Cançó), Enric Barbat (1943-2001), gravou unha canción, «Edicte», que teoricamente, se se mira o disco en que aparece esta canción, compuxo e lle puxo a letra: a letra era, ou é, a tradución ao catalán do poema «Edicto» de Manuel María, poema incluído en Documentos personaes. En 1973, a Editorial Lumen, de Barcelona, publicou un libro que recollía a maioría das letras das cancións de Barbat: Cançons de la p… vida. aparecía «Edicte», sen avisar que era unha tradución.

Para acabarmos esta xa demasiado longa recensión de Seixantisme. L’esclat cultural català dels 60, recomendamos, encarecidamente, a lectura de Lleonard o el sexe dels àngels. Una història catalana, de Terenci Moix, que nos anos 1960 e a primeira metade dos 70 foi o enfant terrible das letras catalás. A obra gañou o Premio de Novela Ramon Llull e 1995 e foi publicada pola Editorial Planeta, que é quen outorga tal galardón, ese mesmo ano, cun intelixente prólogo de Pere Gimferrer. Digamos que Vallverdú tamén recomenda a súa lectura. Existe versión castelá da novela, publicada tamén por Planeta.

A novela de Moix é unha das grandes novelas catalás do derradeiro terzo do século pasado. De que vai? A «publicidade» da portada da edición catalá dio claramente: «Na apaixonada Barcelona dos anos 60, un mozo arribista e enigmático provoca o retrato máis irreverente do noso mundo cultural». Moix, nun «Aclariment», escribe: «Esta obra é unha ficción. A menos que se especifique expresamente, todos os personaxes, cos seus nomes, apelidos, situación social e relacións de amizade, de parentesco, sentimentais ou eróticas, son froito da imaxinación do autor. Esta afirmación tamén é válida para todos os nomes de publicacións e empresas comerciais a que se fai referencia no marco da fantasía e que están en relación directa ou indirecta cos personaxes. O autor non se fai responsábel de ningunha semellanza con personaxes, nomes, apelidos ou entidades da vida real. En todo caso, sería unha coincidencia non desexada e, polo tanto, rexeitada dende agora mesmo.» Pódese tomar a aclaración de Terenci Moix ao pé da letra. Cousa que, en realidade, non fixo ningún dos seus lectores. A novela é, afirme o que afirme o seu autor, en certo modo un roman à clef. Iníciase cunha «Guía de lectura»: «Para favorecer o paseo do lector polos labirintos da Barcelona dos anos sesenta, ofrecemos unha lista sucinta dos personaxes que teñen voz e voto nesta historia». E segue a lista. Deixando de lado os «protagonistas» e os «narradores» e aos «da liñaxe de Óscar Wilde», imos reproducir a maioría dos nomes que dá Terenci Moix e, ao seu carón, o nome do personaxe real en que se basean tales personaxes, para aquela/es que non saben moito da Barcelona «cultural» dos anos 1960. Moix divide os seus personaxes por «tipos».

As patums. A palabra poderíase traducir como fantoche. Segundo o Institut d’Estudis Cataláns, na súa segunda acepción –a primeira dun animal fabuloso que se saca nas procesións e festas populares– patum e unha «persoa que goza dunha gran consideración máis polo lugar que ocupa, pola fama, etc., que non polos seus méritos reais e presentes.» Na linguaxe coloquial é esta segunda acepción, mais tamén a ou o patum pode ser considerado tal polo poder real (normalmente simbólico, se seguimos a Bourdieu) sobre un grupo, unha institución, etc. Polo xeral, o termo aplícase sobre todo no terreo cultural, e a fama ou o lugar ocupado pola/o patum pode basearse en calidade de obra, tamén. Por exemplo, Méndez Ferrín podería ser considerado como patum. Así que ai van a/os patums que aparecen en El sexe dels àngels.

Elisenda Castells, chamada «A Castellona», novelista: Maria Aurèlia Capmany.

Iscle Marsó, chamado «o poeta nacional»: Salvador Espriu.

Joan Marset, escritor empordanés: Josep Pla.

Vicent Piquer, ensaísta valenciano: Joan Fuster.

Fantasio, cronista social en lingua castelá e director do semanario Lo Sputnik Català: Andreu-Avelí Artis, coñecido como Sempronio. O semanario sería Tele-Estel.

Joan Penat, pseudónimo do poeta comunista Pere Llopis: Joan Oliver, coñecido polo pseudónimo de Pere Quart.

Senyors Llompart, editores e celadores da moral: Joan Sales e Núria Folch, donos da editorial Club Editor; Joan Sales tamén é coñecido como novelista… católico.

Mossén Beltran, director da revista Mantell de Monserrat: Maur M. Boix, monxe de Monserrat e director de Serra d’Or.

Frederic de Robert, novelista prolífico e experimentalísimo: Manuel de Pedrolo.

Benvingut Buquetes, novelista exiliado e de retorno á casa: Vicenç Riera i Llorca.

Roderic de Vall d’Usona, chamado «O Excelso», poeta parnasiano que tamén retorna: Josep Carner.

Miquel Rodríguez Sanaló, director de Tarde/Expres, diario dos progres: Manuel Ibáñez Escofet, director de Tele/Expres[1], xornal da tarde de gran calidade.

Os Pais da Patria (vulgarmente chamados mecenas)

Señor Pinyol, director de la Banca Catalònia e creador da frase «Construímos a patria con ladrillos de fe»: Jordi Pujol.

Señor Curull, propietario da sopa Pavita Linda: Lluís Carulla, propietario de Gallina Blanca.

Señor Malfred, propietario de Jabon Temblor: Joan B. Cendròs, un dos propietarios de Haugrón Cientifical SA, produtora da masaxe facial Floyd.

Os escritores de domingo pola tarde:

Ladislau Petit, novelista e boy-scout: Estanislau Torres.

Quico Servia, boy-scout e novelista: Joaquim Carbó.

Os críticos:

Marcel Franquesa, crítico da dereita: Joan Triadú.

Xavier Roldà, crítico literario e director de Edicions Compromis: Josep María Castellet.

Ramon Barat, ensaísta e ordenador cultural: Joaquim Molas.

O teatro e o cine:

Oriol de Manllé, crítico teatral e fillo de poeta: Joan de Sagarra[2].

Olímpia Estruch, actriz catalá con proxección internacional: Núria Espert.

Albert Estén, empresario e marido da anterior: Armand Moreno.

Joan Lluís Xuclà, director basicamente brechtiano: Ricard Salvat.

Pito Llorens,pioneiro do cinema-verité catalán: Carlos Duran.

Xavier Màrfegas, crítico implacábel e autor dramático sen mérito: Xavier Fábregas.

Maria Rosa Llinà, futura diva da escena catalá: Rosa Maria Sardà.

Xeración dos 60:

Núria Valls, escritora nova, marxista e feminista: Montserrat Roig.

Blanca Alcover, cantautora da illa de Mallorca e esposa de Lleonard: Maria del Mar Bonet.

Bernaradeta Romeu, cantautora do Eixample barcelonés: Guillermina Motta.

Emili Llauradó, director da revista Barres i Foc: Josep Maria Huertas Clavería.

Biel Cohen, escritor mallorquino. Xueta: Baltasar Porcel (Porcel non era Xueta, é dicir, descendente de xudeus).

Lluís Nyap[3], cantautor redentorista: Lluís Llach.

Cisco Oliver, representante do anterior: Joan Molas.

Domènec, cantautor do País Valenciano: Raimon.

Salvador Riudoms, herdeiro dos produtos Lácteos Riudoms, cineasta experimental e politizado: Pere Portabella, cuxa familia era propietaria de Danone.

Ghislaine Riudoms, millonaria marxista e esposa do anterior: Elena Cordova.

Armando Reixach, filósofo de moda: Xavier Rubert de Ventós.

La Gauche Dorée:

Lola Roger, editora e amante de Lleonard: Ester Tusquets, propietaria da Editorial Lumen.

Melita, superfotógrafa oficial de la Gauche Dorée: Colita.

Sergi Rabassa, arquitecto de prestixio: Ricard Bofill.

Chema Vives, arquitecto extremista da modernidade: Oriol Bohigas.

Bernardo Sunyer, arquitecto con repercusión internacional: Óscar Tusquets.

Roser i Magda, propietarias de Coll-i-be, tenda in: Laly Gubern e a súa socia da libraría Leteradura, da que non lembro o nome.

Nabuca Daiano, chamada «La Incalculábel», secretaria do club Decamerone: Serena Vergano, actriz italiana radicada en Barcelona.

Lucrecia do Cangaceiro, editora guapísima e arriscada: Beatriz de Moura, creadora de Tusquets Editores.

Richard Mir, poeta socializante en lingua castelá: Jaime Gil de Biedma.

Adolfo Sarró, editor catalán en lingua castelá: Carlos Barral.


[1][1] Curiosamente, Marta Vallverdú, entre os xornais consultados non cita Tele/Expres. Foi un esquecemento ou lapso?, xa que este xornal, máis que calquera dos outros que se publicaban daquela en Barcelona, prestaba especial atención ao mundo da culturas catalá e tiña como colaboradores a xente como Vázquez Montalbán, Ana María Moix, o propio Terenci Moix, Joan Fuster, González Casanova, Josep Maria Carandell, Ricard Salvat, etc.?

[2] Columnista diario do vespertino Tele/Expres. As columnas de Joan de Sagarra, das que existe unha antoloxía, Las Rumbas de Joan de Sagarra, Barcelona, Editorial Kairós, 1971 (non hai moito reeditada por La Vanguardia), son unha divertida, irónica, ás veces sarcástica e sempre interesante crónica da vida cultural, e non só cultural, catalá dos anos 1960.

[3] Búsquese o significado de nyap (pronúnciese ñap).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *