BiosBardia

O país dos libros en galego

‘As cousas polo seu nome’, unha novela que crea lectores

Rebekka Salm.

Xesús González Gómez.

O xornal barcelonés La Vanguardia, na súa edición do 16 de febreiro do 2026, nas páxinas de Cultura, dedicáballes unha reportaxe a «Los nuevos superventas del catalán. Libros de Gil Pratsobrerroca y Carla Gracia sobresalen entre los más vendidos». Reportaxe en que se falaba con ambos. Antes de nada, reproduciremos a lista de títulos (narrativos) cataláns máis vendidos no 2025 que entrega o xornal barcelonés.

Títulos cataláns máis vendidos no 2025

Estes son segundo Libridata os dez libros de ficción de autores cataláns máis vendidos no 2025. A outra referencia do sector, a lista de GfK, coincide con oito destes dez títulos, engadindo A praza do Diamante, de Merce Rodoreda, e A montaña do tesouro, de Martí Gironell. A obra de Pratsobrerroca saíu en setembro e estaría entre as tres primeiras se se contase dende entón.

1.- Diagonal Manhattan. Xavier Bosch. (Columna)

2.- Cor fort. Sílvia Soler. (Univers)

3.- Aquest tros de vida. Estel Solé (Columna)

4.- Somiàvem una illa. Ros Cassagram (Univers)

5.- No dormiràs. Oriol Canals (Rosa dels Vents)

6.- Canto jo i la muntanya balla, Irene solà (Anagrama)

7.- Les calces al sol. Regina Rodríguez Sirvent (La Campana)

8.- A l’altra banda de la por. Marta Orriols (Proa)

9.- El joc del silenci. Gil (La Campana)

10.- Perfectamente imperfecta. Carla Gracia (Univers)

Infelizmente, non entregaba cifras de vendas, só as das dúas novelas de que fala o autor da reportaxe, Francesc Bombí-Vilaseca, que entrevista a ambas. A novela de Sobrerroca, El joc del silenci, é, segundo se di, «un thriller rural noir». A novela «arranca cando unha parella de Barcelona que hai pouco foi vivir a Arcavell, unha aldea xunta Andorra, ve como unha mañá a súa filla desaparece. A partir de aquí ponse en marcha unha conta atrás con flashbacks en que o lector vai descubrindo as vidas dos escasos protagonistas». Aparecida o pasado setembro, como se dixo, leva máis de vinte e dous mil (22.000) exemplares vendidos.

Perfectamente imperfecta é a quinta novela de Carla Gracia. Novela que «fala dun caso real e complexo como a vida do seu fillo maior, autista […] e faino cunha traxicomedia en que o seu protagonista navega polo mundo intentando comprender o seu fillo, tamén autista». Aparecida en xuño so 2025, xa supera os 10.000 exemplares vendidos.

Podiamos comentar esta lista de libros de ficción máis vendidos en catalán o 2025, e veriamos que o que se coñece como literatura pura e dura está escasamente representada, mais tamén é certo que as literaturas minorizadas, que intentan captar novos lectores, sobre todo lectores «noveis» saben que as grandes obras non producen novos lectores. Ou moi raramente. Quen capta novos lectores son obras ben feitas que teñen certa calidade, sen chegar a ser obras mestras. E é que obra mestras hai unha cada tantos anos. O que se trata é de manter unha calidade media e un interese máis ou menos constante. Captan máis lectores e lectoras certas obras que non son obras mestras, que non poñen dificultades a uns lectores e lectoras non afeitos ás «dificultades» literarias. É dicir, o que cómpre é unha serie de escritoras e escritores que atraian lectores e lectoras, que estas e estes xa irán, pouco a pouco, normalmente subindo o seu grao de esixencia. Por outra banda, ao non dar a cifra de exemplares vendidos por cada unha das obras que figuran na lista, sería curioso saber cantos exemplares vendeu Irene Solà, xa que o seu libro apareceu no 2019, e aos poucos meses levaba xa 18 edicións. E en castelán, hoxe, leva outras tantas. Ou sexa, unha novela que é best-seller de «longa durée», a non ser que o 2025 fose libro recomendado nos institutos de ensino.

Pasando a outro tema, digamos que nesta listaxe de máis vendidos en ficción en catalán, tres obras foron editadas polo Grupo Planeta: Columna, 2, e Proa, 1; tres por Random House: La Campana, 2, e Rosa dels Vents, 1; tres polo grupo Enciclopèdia Catalana: Univers; e 1 por unha editorial case que indenpendente, Anagrama, que pertence a Feltrinelli. Engadamos que o Grupo Enciclopèdia Catalana é accionista minoritario de Proa.

Outra consideración: De entre as novelas na lista, unha xa está traducida ao galego, Canto eu e a montaña baila (Kalandraka) e outra aparecerá este ano: Ao outro lado do medo, de Marta Orriols (Aira).

Reproducín esa lista e fixen eses comentarios porque, penso, lle acae moi ben á novela da que falo a continuación:

A verdade é que da literatura suíza en lingua alemá dos últimos cen anos non é que se saiba moito por estes eidos. Coñécense algúns nomes: Hermann Hesse, Robert Walser, Max Frisch, Friedrich Dürrenmatt, Friedrich Glauser… e algún contemporáneo como Peter Stamm e outros. Mais case sempre se consideran (ou os consideramos) máis escritores ou escritoras en lingua alemá que escritore/as suízo/as, e iso é, claro, un erro. Porque, por exemplo, autores como Dürrenmat ou Frisch non se entenden sen a sociedade suíza. Estes dous escritores, acho que á parte de Hesse e talvez de Walser, foron os mais famosos escritores helvéticos do século pasado; eses dous escritores, diciamos, procuran nas súas novelas saber ou esculcar, e tamén explicar, o que é Suíza: léase, sen irmos máis lonxe, o inicio da novela de Dürrenmatt Xustiza.

Curiosamente, en galego, contamos con algunha obra de Hesse, de Dürrenmatt e non sei sei de Frisch, mais dende hai un tempo, Laureano Araújo, da man de Laiovento, está a entregar traducións de escritores suízos en lingua alemá, e non só dos «clásicos» do século XX ou dos máis coñecidos. De momento entregou as traducións de O paseo, de Robert Walser, Schlumpf, Erwim: homicidio, de Glausser, de De porteiro xoguei eu, de Pedro Lenz (1965) e non hai moito apareceu As cousas polo seu nome, de Rebekka Salm (1979), Araújo engade unha serie de notas explicativas e mais un posfacio.

A novela parte dun feito concreto: «No anos oitenta, nunha vila da suíza alemá, unha rapaza é violada e, apremada polos pais, casa co violador. O delito queda tapado baixo un manto de silencio», lese na contraportada. Arredor deste delito, nolens volens, xira a novela… e as historias dos personaxes que aparecen na obra. Dende a da violada e a do violador até a do fillo que naceu desa violación, así como a doutros personaxes da vila. (Por certo, e acho que é un erro, no posfacio, supoño que sen se dar de conta, Araújo, desvela algo que lector e lectora tardará páxinas en descubrir). A novela divídese en 11 capítulos e en cada capítulo aparece un personaxe. Mediante eses capítulos sábese que houbo varias testemuñas desa violación e non a impediron. Capítulos que, segundo a contraportada, «poderían lerse como relatos independentes», non diría eu tanto. Os capítulos, como tamén se di, están entrelazados, e sen ese «enlace» non existiría nin novela nin libro de relatos. As cousas polo seu nome: é unha novela, unha novela que explica non unha, senón diversas historias. A autora, xa cara ao final da obra, por medio dos personaxes, ou da narradora, explica moi ben a novela e os personaxes da novela. Talvez todas as novelas e todos os personaxes desas novelas: «eu creo que os soños son historias. E todos nós estamos feitos de historias» (p. 145), «Certas ou non, eran sempre as historias que escoitabamos unha e outra vez as que determinaban o noso xeito de pensar e, en consecuencia, o noso xeito de actuar» (p. 157), «Ás veces unha historia era máis complexa do que permitían intuír as historias que contaban sobre ela» (p. 174), e penso que esta última cita explica, en certo xeito, toda a novela, a novela escrita por Rebekka Salm.

A obra está narrada en terceira persoa e presenta un retablo de personaxes nun contexto sociolóxico e xeográfico moi preciso («unha vila de apenas cincocentas almas»), transcendidos por unha experiencia que é a de todos. Ora ben, a narradora presenta cada un dos personaxes non só con relación aos outros que pululan pola novela, senón, sobre todo narrando o que lles sucede ou sucedeu, de tal maneira que artella as diversas experiencias dos personaxes arredor dun «núcleo temático» a través do cal se debe transmitir o significado ou sentido último da obra, a visión en conxunto da novelista. E a visión en conxunto, unha vez que case chegue ao final, descubriraa a lectora, o lector, na xa citada páxina 174 nas cinco liñas anteriores ás palabras citadas atrás desta páxina. Por outra banda, a voz narradora, en certo modo, mais non totalmente, omnisciente que conduce as historias gradúa sen fisuras o seu ton, de maneira que a dimensión moral da historia deita con naturalidade dos personaxes. Esa voz narradora, sempre fría e distante, a min, persoalmente (como só coñezo algúns nomes da literatura suíza en lingua alemá ao mellor me equivoco e o que vou dicir provén da tradición desa literatura) paréceme herdeira da tradición inglesa de novelar (léase Terry Eagleton, La novela inglesa. Una introducción, Tres Cantos, Editorial Akal, 2009): ese murmurio sutil que indaga na conciencia dos personaxes, como un tecido de voces desilusionadas ou resignadas. Murmurio sutil que, a fin de contas, impide que haxa drama, un drama.

As cousas polo nome non é unha novela fóra de serie, mais é unha obra ben realizada, ben resolta, que narra unha historia críbel, que está ben escrita, ben traducida e a todas as luces interesante. O texto contén a dosificación axeitada de emoción e de realismo que permite soster a curiosidade de lectora ou lector polos acontecementos, e o desenlace, da novela.

En suma, unha novela daquelas que crean lectores e lectoras. Iso que tanto ansiamos toda/os, dende o autor ou autora até a lectora ou lector, pasando por editoriais (sobre todo) e crítica/os, e non esquezamos as librarías.

As cousas polo seu nome, de Rebekka Salm. Tradución de Laureano Araújo Cardalda, Laiovento, 2025. 182 páxinas. ♠19,95

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *