As fichaxes do Planeta
César Lorenzo Gil.
Os premios Planeta 2019 recaeron este ano nos escritores Javier Cercas (Ibahernando (Extremadura), 1962), gañador, cun galardón valorado en 601.000 euros e Manuel Vilas (Barbastro (Aragón), 1962), finalista, cun recoñecemento de 150.250 euros. A pesar de que non hai suspense cando do Planeta se trata e de que ambos autores teñen unha traxectoria consolidada en vendas (e prestixio), o “ditame” do xurado deste ano ten substancia.
Nos últimos anos, o grupo Planeta estaba premiando algunha muller, ben como gañadora ben como finalista. Non o recibían dous homes desde o 2007 (Juan José Millás máis Boris Izaguirre). Que houbese presenza feminina no premio non era unha escolla ao azar. Os técnicos de marketing do grupo editorial saben que hoxe en día “vende” a ficción con enfoque feminino e así se resalta nas faixas e nas campañas de promoción dos libros.
A aposta por dous homes tiña que asentarse sobre outro discurso tan poderoso coma o da boa relación entre mulleres e mercado libresco. E aí hai que analizar este galardón por partes.
En primeiro lugar, o premio a Javier Cercas é político. O escritor, de orixe cacereña, é xerundense na práctica. Pouco e pouco, ao fragor do proceso independentista, alén das súas novelas, converteuse en suposto portavoz da Catalunya unionista, destacado como “intelectual de esquerdas” contrario ás teses do Procés. Esta posición, obrigada por outra parte para a maioría dos escritores e opinadores que queren publicar na prensa española a día de hoxe, no seu caso foi privilexiada porque Cercas pasou a ser algo así como a voz da “Catalunya silenciada” polo suposto “autoritarismo secesionista”.
Planeta, especialmente a través da súa división de medios de comunicación, leva anos tamén nesa idea. Era cousa de tempo que ambas, autor e editorial, converxesen.
Mais o que sorprende é que Javier Cercas e Manuel Vilas estaban publicando até agora no grupo Random House, o outro gran coloso que absorbe unha gran parte das vendas de libros en España e principal competidor, polo tanto, de Planeta. No caso de Cercas, a proximidade a Random era incluso persoal. O editor até a súa temperá morte da colección Literatura Random House, Claudio López Lamadrid, sempre foi considerado o editor de cabeceira de Cercas, o seu descubridor. O propio autor premiado agora recoñeceu logo de recibir o Planeta de que “Lamadrid sabía que me presentara a este premio”. Non se pode comprobar a veracidade desta afirmación (Cercas é famoso por inventar conversas e comentarios, e non só nas súas novelas de “autoficción”) mais si parece relevante que esta “fichaxe” literaria se dea meses despois do falecemento do editor.
Tamén Vilas era até agora autor de Random, a través do selo Alfaguara, no que publicou o máis relevante da súa obra e con quen obtivo o seu grande éxito até o momento, o libro Ordesa, moi vendido e traducido a varias linguas. Vilas, que até agora pasaba por ser un “autor literario”, entra, con discreción, no club de autores que logo dunha carreira afastada do couché best seller, optan por aceptaren o goloso salario do grupo Planeta. O caso máis famoso de todos quizais é o de Juan Benet, quen a pesar de todo, mantivo o seu perfil de autor “minoritario”.
Vilas non é Benet e, de feito, nos últimos tempos chamou a atención a súa escolla como beneficiario da Bolsa de Creación Valle-Inclán, que o Estado español financia para realizar un proxecto literario nunha residencia en Roma. O caso é que o escritor aragonés sustentara a súa solicitude en que estaba iniciando unha novela autobiográfica “con escenarios romanos”. “Era esta novela agora premiada?”, preguntouse o día do ditame do Planeta o editor Constantino Bértolo, quen dirixiu Caballo de Troya, editorial do grupo Random House.
Como dato curioso, Random House enviou ás librarías unha nova reimpresión de Ordesa e de Soldados de Salamina xusto horas antes da presentación oficial do premio. Até o momento non se coñece cando se producirá a remuda de toda a bibliografía dos dous autores (algo habitual en caso de escritores con potencia comercial) a editoras do grupo Planeta.