‘As gratitudes’, unha boa novela sentimental

César Lorenzo Gil.
Hugin e Munin é unha das varias editoriais galegas especializadas en tradución, principalmente narrativa. Amais de incorporar clásicos á biblioteca galega tamén publica novelas actuais, algunhas de moito éxito na súa lingua orixinal, caso d’As gratitudes, de Delphine de Vigan, autora francesa que podemos etiquetar —con todas as prevencións— na categoría de novelista literaria-comercial. Varias das súas obras foron adaptadas ao cinema.
Esta novela, traducida ao galego por Xavier Senín —tamén é el o encargado das poucas notas que acompañan o texto—, conta a historia de Michka, unha correctora editorial retirada que empeza a sufrir afasia, é dicir, un trastorno polo que confunde as palabras que debe usar en cada caso. Como está soa, a súa amiga e veciña Marie, convéncea de que vaia vivir nunha residencia. Alí Michka coñecerá a Jérôme, un logopedista que lle vai axudar a sobrelevar o trastorno. A historia, que podemos definir como novela curta de corte realista, está narrada unhas veces por Marie, unhas veces por Jérôme, aínda que tamén hai fragmentos que se corresponden con soños da protagonista.
As gratitudes é unha obra ben escrita, que finca case todo o seu valor literario na construción da personaxe de Michka, non a través dun retrato psicolóxico, senón mediante a relación dela coa linguaxe. De Vigan constrúe practicamente toda a novela mediante diálogos. Diálogos que non renuncian ao seu valor fático, pero que conseguen a súa orixinalidade mediante esas palabras “incorrectas” que a protagonista vai introducindo. Neste sentido, o tradutor tivo que “inventar” esas palabras substitutas, para que garden semellanza coas “apropiadas” (descordo por de acordo; trazas por grazas…). Este recurso, moi ben administrado pola autora, consegue dous obxectivos: Por unha banda, nunca afasta do centro da narración o trastorno de Michka, obriga o lector a estar atento ao que di, porque entre as trivialidades e anécdotas, a protagonista ten unha historia traumática que viviu na infancia, unha especie de ferida aberta que os narradores van axudala a pechar. E por outra, eses xogos de palabras, como leva ocorrendo na literatura desde que existe, son puntiños de humor, mais tamén unha expresión pura de como a arte se basea no cruzamento de forma e fondo, de significado real e figurado das palabras.
Esa economía de medios de toda a novela non a fai lacónica ou fragmentaria. Ben ao contrario, a autora francesa demostra como se pode contar unha historia completa en poucas páxinas. Á parte do ben medido dos diálogos, De Vigan apenas gasta pólvora expresiva no envoltorio “do literario”. Apenas hai metáforas ou descricións. A beleza non procede dos recursos que emprega, senón dos que aforra. Quizais noutro tipo de novela cumpriría maior abrigo, pero nesta sinxela historia sobre os sentimentos, o eficaz é a liña clara e concisa.
Quizais o peor da novela sexa a inercia da historia no final: esas liñas paralelas entre os personaxes que parece que van deixar de selo unha vez rematado o tempo da novela. Paréceme unha ofrenda comercial (o final balsámico) que edulcora un tantiño o eixo da obra.
Tampouco acaba de encaixar ben o universo onírico que describe De Vigan para Michka. Usar soños na literatura sempre é un risco, pero cando eses soños se manipulan desde a voz narrativa para que sirvan de contraste coa realidade ou vehiculen dun xeito algo basto os medos da protagonista, case sempre frustran as expectativas do lector. No caso dunha novela tan dialogada, quizais sería mellor que a protagonista usase o estilo indirecto para contar esas escenas de pesadelo (de feito, faino ás veces, o que provoca a reiteración).
As gratitudes é, en definitiva, unha novela ideal para quen queira pasar un tempo breve cunha historia actual e recoñecible. Unha pequena bocada á nostalxia, á esperanza, ás contas pendentes co noso pasado e á necesidade de adaptarnos ao que nos toca na vida. Un abano temático ben construído onde, aínda así, o realmente importante é o xeito de narrar.
♦ As gratitudes, de Delphine de Vigan. Tradución de Xavier Senín. Hugin e Munin, 2023. 150 páxinas. ♠15€