As herbas do San Xoán
Nati Rey.
Faltan poucas horas para a noite do San Xoán, data que está vencellada a numerosas crenzas e ritos, reminiscencia de antigos cultos que se celebraban coa chegada do solsticio de verán. A auga, o lume e as herbas son os tres símbolos nos que se basean os rituais desta noite e que, segundo a crenza popular, son os elementos que nos librarán do mala sorte e de todo canto queiramos deixar atrás.
En Galicia, ademais de ser costume apañar as sete ou nove herbas aromáticas para facer a denominada auga roseira ou de San Xoán, tamén se recollen outra gran variedade de flores e plantas con virtudes máxicas e profilácticas. Inda que xeralmente todas as herbas que se apañan por San Xoán teñen propiedades ocultas en calquera época do ano, na mañanciña do Bautista, exáltanse e aparécenlle outras novas. Por esta razón é frecuente recollelas entre a véspera e a madrugada do 24 de xuño especialmente as que se utilizarán para fins medicinais.
Velaquí unha breve listaxe das herbas do San Xoán coas súas virtudes:
Artemisa: recóllese na mañanciña do San Xoán e emprégase para provocar a menstruación. Tamén se aplican as follas sobre calquera tipo de picadura para calmala.
Bieiteiro ou sabugueiro: as flores do bieiteiro recóllense no mes de xuño e as recollidas na véspera do San Xoán teñen virtudes extraordinarias. Deben secarse á sombra en lugares ventilados e empréganse para afumar zonas inflamadas do corpo e calquera enfermidade da pel. As súas ramas pásanse polo gando afectado polo mal de ollo para curalo.
Cardo: emprégase contra feridas de animais pezoñentos e tamén é útil para facer oráculos na véspera do San Xoán.
Fento: as súas sementes recóllense na noite do San Xoán para facer apócemas máxicas durante todo o ano. O historiador Manuel Murguía fala dunha crenza relacionada co fento no culto druídico. Di que todo aquel que vexa caer a súa semente recibirá dúas virtudes exclusivas dos druídas: aprenderá todos os segredos e terá o don da profecía. O mesmo Murguía recolleu outra crenza na provincia de Ourense, onde se dicía que ao poñer un pano de mesa limpo sobre un fento na noite do San Xoán, ao día seguinte aparecería cuberto de demiños (gnomos).
Herba abelleira: esta herba aromática, ademais de ser un básico para facer a auga roseira, tamén se emprega como sedante e para facer infusións antigripais.
Trobisco: recóllese polo San Xoán e é un eficaz amuleto contra as meigas. O etnógrafo Xesús Taboada Chivite recolleu unha curiosa tradición que se facía na mañanciña de San Xoán en Verín e na Gudiña. Alí era costume cortar flores de malva e gardalas até a Noiteboa. Esa noite poñíanse sobre a mesa, murchas e secas, mais no día de Nadal aparecían frescas e florecidas. En Verín tamén se colocaba a noite do 23 de xuño un cardo seco baixo a cama e á mañá seguinte aparecía verde e florido.
A floración do cardo emprégase tamén para predicir o futuro. Na Costa da Morte, segundo a informante Carme Toba, na véspera do San Xoán recóllense os cardos silvestres, quéimaselles as estrías e en cada flor déixase un papel escrito con cousas/feitos que se anhelen. Ao día seguinte, en cada cardo revivido hase cumprir un desexo.
Outro destes prognósticos fitománticos fano as parellas novas. Na mañanciña do San Xoán recollen hortelá ou bieiteiro e cólgano na casa. Se reverdece é sinal de boa fortuna, se nón haberá adversidades. Esta predición do futuro tamén serve para saber a boaventura dos familiares que están ausentes.
Preparación e funcións da auga roseira
Tras a recolecta das herbas aromáticas na véspera do San Xoán (antes do solpor), hai que metelas nunha almofía con auga (dunha fonte, de sete ou de nove) e deixaranse toda a noite á intemperie para que se impregnen co prodixioso resío desta data.
Ao día seguinte, á primeira hora do amencer, escórrese a auga roseira preservando as flores que se atarán nun monllo e se gardarán na casa coma un poderoso amuleto profiláctico. O antropólogo Rafael Quintía dinos que nalgúns lugares de Galicia, como no concello de Mesía, estas herbas (unha vez secas) espállanse diante da porta da corte ou nos campos co mesmo fin protector.
Cos primeiros raios do sol, será o momento de lavarse coa auga de San Xoán para purificarse. E segundo nos di Taboada Chivite, en certas zonas de Galicia adoitábase lavar a cara con ela mirando cara ao oriente para recibir os primeiros raios da luz da aurora. Este costume remóntase a tempos ancestrais e forma parte das cerimonias pagás que se celebraban cada día, ao amencer, en honor do sol. A finais do século V, esta rutina foi testemuñada polo papa León Magno cando se lamentaba desta impietas que se desenvolvía ante os seus ollos en Roma: “moitos cristiáns, ao acudiren pola mañá á basílica do apóstolo San Pedro, detíñanse antes nas alturas da cidade e, xirándose cara ao Oriente, por onde naquel momento do día saía o sol, curvatis cervicibus in honorem se splendidi orbis inclinant“.
Nalgunhas comarcas galegas gárdase a auga de San Xoán en botellas para protexerse das tempestades. Pero tamén serven para empregar na etnomedicina e curan enfermidades como o mal de amores, mal de aire e mal de envexa.
Reblogged this on Tirar do fío.