BiosBardia

O país dos libros en galego

‘As horas mortas’, cemiterios que falan

Emma Pedreira.

César Lorenzo Gil.

O subtítulo deste libro resume perfectamente o que o lector vai atopar nel: “Viaxes e conversas por cemiterios galegos”. E destaca a parte das conversas porque quizais este sexa o aspecto máis orixinal desta obra cuxa aparencia é máis complexa do que podería entenderse .

As horas mortas (Baía, 2024) é, por suposto, unha guía de viaxes para quen queira descubrir ducias de cemiterios que en Galicia testemuñan a importancia cultural da morte dunha maneira particular, cada un ao seu xeito. Están os máis famosos: Santo Amaro na Coruña, San Francisco na Coruña, Santa Mariña de Dozo en Cambados, Pereiró en Vigo… Mais tamén outros dignos de ver: Os Eidos, de Redondela, considerado o máis bonito de España pola famosa revista Adiós; o cemiterio modernista de Caamouco; os cemiterios indianos de Xerdiz, Miñotos e Bravos (todos no concello de Ourol); os cemiterios neogóticos de Vilalba…

Mais é difícil casar a Emma Pedreira cun formato convencional, e por iso esta obra é moito máis ca iso. A pegada da autora está moi marcada en cada páxina e en vez de seguir un modelo xornalístico para presentarnos esta viaxe polo outro barrio galego, ofrécenos un pauto, así, con u: deixarnos levar polas súas teimas, querenzas e obsesións a través das rúas e predios dos cemiterios que ela visitou. A súa atención non é obxectiva. Quere contaxiarnos o seu abraio, a súa fascinación polo que se pode atopar en cada un dos lugares aos que nos leva. A narración incumpre constantemente a regra da pirámide invertida e por entre un fío van aparecendo outros en ramificacións, meandros e digresións que van espertando novas facetas que ás veces acaban frutificando noutras partes do libro. Outras non.

E con todo, Pedreira opta por abrir o foco, por convocar outras voces, moi diversas e enriquecedoras, que lle axudan a ela e tamén aos lectores a comprender mellor os espazos e as historias de cada lugar. Coa fotógrafa Verónica Ramilo rememora as vítimas do masacre do cemiterio de Sofán (Carballo), no 1919. Rememora a historia dos protestantes galegos co divulgador Xabier Maceiras. Visita o cemiterio de Betanzos co investigador Ángel Arcay e o escritor Xesús Fraga. Outros escritores cos que comparte tempo e fascinación son Patricia Torrado Queiruga, Olga Novo, Nati Rey, Xurxo Souto, Miguel Anxo Fernández, Diego Giráldez, Isabel Blanco Franco e Míriam Ferradáns. Estes e outros nomes fan de cicerones para Pedreira, mais non coma simples testemuñas ou “expertos”. A autora é quen de atraelos cara ao non evidente, o marxinal, o extremo, o invisible…

Se a nosa industria audiovisual tivese algo de corpo, este libro debería desembocar nunha serie. A materia prima xa velaquí a esta. Que guionista e produtora se anima?

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *