BiosBardia

O país dos libros en galego

As lembranzas do neno Fernández Casas

Rafael Fernández Casas.

Xesús González Gómez.

Procurando en Galiciana datos e textos dun poeta valdeorrés (da Rúa) chamado Ángel Regueiro González, dei con artigos de Rafael Fernández Casas. Procurei datos deste no Diccionario da Literatura galega, tomo autores, publicado por Galaxia e dirixido por Dolores Vilavedra. Logo busquei o seu nome en Google, e puiden saber case todo o que sobre el se sabe. Non vou repetilo, os textos están colgados na rede e calquera que queira coñecelos non ten máis que teclear o nome de Rafael Fernández Casas. Con todo, recomendamos os seguintes traballos: José Manuel Suárez Sandomingo: «Rafael Fernández Casas, un maestro laico e innovador», Andrés Santalla Lopez: «Rafael Fernández Casas, mestre republicano, escritor e xornalista comprometido» e Xabier Iglesias «Os libros de Ánxel Casal». Tamén se poden consultar os libros que se citan máis adiante. Digamos que era mestre, masón, membro do Partido Galeguista, directivo do Ateneo de Sada, etc., e que foi paseado en agosto de 1936.

Antes de entrarmos no tema que nos trae, queremos reproducir a entrada dedicada a Fernández Casas no citado Diccionario da literatura galega: «(Bos Aires, 1901; Cesures                 [sic, por Cesuras], 1936). Naceu no seo dunha familia de emigrantes que voltou a Galicia cando el contaba tres anos. Foi mestre ata que foi “paseado” ó pouco de comezar a Guerra Civil. En 1927 publicou no número 33 da Colección Lar Loita, novela que CC [Carballo Calero] define como “Melodrama paixoal sobre un fondo de costumismo aldeán!”[1]. Efectivamente, todos os personaxes apreixados no clásico triángulo amoroso (co agravante de seren nai e filla as dúas mulleres que pretenden o protagonista), morren de xeito tráxico. Por outra banda, se ben ao comezo a acción semella ir desenvolverse nun ámbito urbano, axiña se sitúa definitivamente nunha aldea galega, coutándose así calquera posibilidade argumental que puidese sobardar o simple conflicto sentimental» (o subliñado e meu, XGG). Deixando de lado a redacción da entrada, o ou a autor/a demostrou unha pequenez mental digna dun conferenciante de casino vilego. No canto, por exemplo, de dicirnos que a noveleta de Fernández Casas é unha obra fallida porque non é capaz de quebrar as estruturas do melodrama; ou, indo por outro camiño, que o autor non soubo ver o oculto moral do melodrama, que dicía Peter Brook, etc. o/a redactora da entrada semella pensar que hai temas que só se poden desenvolver en ámbitos urbanos, porque no ámbito rural ou aldeán non se dan «grandes conflitos», e no canto de coidar que a noveleta non era gran cousa debido aos talentos do autor, bótalle a culpa ao lugar xeográfico en que se desenvolve a acción. Recomendámoslle ao autor ou autora de tal entrada a lectura de escritores «rurais» como Juan Rulfo, José María Arguedas e mesmo José Eustasio Rivera, por non citar moitos outros, senón simplemente tres autores cuxos libros son doados de atopar en calquera libraría, e mesmo en «edición escolar». Mais deixémonos de consellos e vaiamos ao tema que nos trae.

Nos traballos que recomendamos afírmase que Fernández Casas escribiu, ademais da noveleta Loita e un certo número de artigos publicados en diversos xornais e revistas galegas e algunha de fóra de Galicia (nalgún escrito lin que colaborara en A Nosa Terra: non dei con ningún escrito do noso autor no órgano das Irmandades, logo do Partido Galeguista, como se sabe; e en Nós, onde tampouco atopei ningún escrito asinado co seu nome), outra novela titulada Lembranzas do neno, que se perdeu ou destruíron os seus asasinos. Andrés Santalla López escribe que o propio Fernández Casas «indica que ten publicada unha novela, Lembranzas dun neno (desaparecida; non atopamos ningún exemplar, aínda que a Enciclopedia Gallega tamén o indica na súa reseña sobre Rafael Fdz. Casas»). No seu Diccionario de escritores en lingua galega (Ediciós do Castro, 1990), Francisco Fernández del Riego acaba a entrada dedicada ao noso autor dicindo: «Deu a coñecer tamén un folleto adicado ao mundo infantil titulado Lembranzas de neno» (Xabier Iglesias e Suárez Sandomingo titúlana Lembranzas do neno).

Penso que o erro que «cometen» os diversos comentaristas e investigadores foi inducido, sen querer, polo propio Rafael Fernández Casas, na carta mencionada por Andrés Santalla. Fernández Casas escribiu unha serie narrativa, por así denominala, titulada Lembranzas de neno. Esta serie consta de seis capítulos, que foron publicados en seis datas diferentes no xornal El Pueblo Gallego, na sección «La Enseñanza y los Maestros» (sección na que aparecen tamén diversos escritos de Fernández Casas) e baixo a rúbrica «Maestros gallegos». Como se decatará o lector dos traballos recomendados un pouco máis atrás, e polo título, estas lembranzas de neno teñen moito de autobiográfico. O que non sabemos é se a «novela» só ten, ou tiña, os seis capítulos que se publicaron no xornal vigués, mais polo final do último capítulo teño a impresión de que aí acababan as lembranzas dese neno.

Antes de entregarmos o texto desas Lembranzas de neno, aí vai unha relación dos escritos de Fernández Casas que atopei en El Pueblo Gallego, nos números colgados en Galiciana. Como a colección non está completa, pode ser que falte algún escrito, ou, tamén, que pasara por alto algún que outro,

Temos que dar exempro, 11 de novembro de 1926.

Os indianos, 13 de novembro de 1926.

Tribúa aberta. A fala galega, 15 de novembro de 1926.

Tribúa aberta. A fala galega, 25 de novembro de 1926.

Tribúa aberta. A fala galega, 11 de decembro de 1926.

Tribúa aberta. A fala galega, 17 de decembro de 1926.

Tribúa aberta. A fala galega, 24 de decembro de 1926.

Tribúa aberta. A fala galega, 28 de decembro de 1926.

Sección «La Enseñanza y los Maestros». Tribuna libre: carta de R.F.C., 6 de novembro de 1927.

Resposta de R.F.C. á enquisa da sección «La Enseñanza y los Maestros» sobre «la enseñanza regional» (sic). 8 de febreiro de 1928.

As preguntas da enquisa eran as seguintes (traducimos do castelán): «Primeiro. Coida vostede necesaria unha educación particularmente galega, para axudar ao engrandecemento rexional e nacional?

Segundo. En tal caso, cales deben ser, ao seu xuízo, as modalidades desta educación, sobre os fins que deba proporse na nosa patria?

Terceiro. De que medio podemos valernos para alcanzarmos os fins educativos sinalados?».

Sección «La Enseñanza y los Maestros».Tribuna libre: ¿Pedagoxia ou Política?, 28 de febreiro de 1928.

Un poeta romántico (?), 16 de marzo de 1928 (O título do artigo non se ve na versión colgada en Galiciana, dedúzoo por poucas letras que poden albiscarse e o tema do artigo, sobre Aurelio Aguirre.)

Encol d’un artigo, 6 de xullo de 1928.

O intrusismo, 11 de xullo de 1928.

A Bibrioteca Universitaria, 17 de xullo de 1928.

O Pórtico d’a Groria, 19 de xullo de 1928.

Sección «Compostela al día»: «A opinión púbrica», 7 de outubro de 1931.

Lembranzas de neno

Iste númaro román é á xeito de cabo de gastadores que rompe a marcha. Non indica a pirmeira lembranza d’unha serie, coma o lector observador notará, senon un orde cronolóxico por se hai quen teña o gusto de reunil-o traballo compreto; pois é casemente imposibre pol-a sua extensión pubricalo enteiro.

Xiao Martiño Silva foi o úneco amigo íntimo que tiven

Era Escolante.

Fai poucos días tivo a ocurrenza de se suicidare.

Sin quizaves, infruíu na sua determiñanza a frase do gran escriturador americán Vargas Vila: «cando a vida é un sofrimento o suicidio é un debere», que algunha vegada tén agachado antr-as liñas d’algunha carta que me notou.

Fai tamén poucos días recibín unha carta enloitada. Pol-a letra coñecín decontado de quén viña.

Tremando, rachei o sobre e saquei o contido: unhas cantas follas cosidas con fío branco pol-o ángulo superior izquierdeiro.

Na primeira dicía: «Orixinais d’imprensa, inéditos».

Na seguinte: Lembranzas de neno.

Dempois d’uns días da sua decisión, non sei se branca ou moura; madura ou verde, enviei ao xornal galego de vangarda EL PUEBLO GALLEGO as follas do amigo entranable, cumprindo asina a derradeira vontade do finado.

O seu traballo escomenzaba, despois do tido (sic) avandito: «Eu fun neno e adolescente. ¡Tristeira, moura infanza e adolescenza as miñas, preñadas de lembranzas dórosas! Pasei, seguindo leis biolóxicas inmutabres, pol-as avanditas edades; mais, no fondal da realidade, pra min non houbo infanza nen adolescenza. Lar, Eirexa, Escola… Velahí as partículas, as arbitrarias colectividades sociais que co seu descoñecimento da natureza humán e do meio en que esta ha de desenrolare a sua espontaneidade pra que drento do tipo normal da época dé o maor rendimento posibre conquerindo o máximo de perfeizonamento, asina como descoñecedoras tamén dos métodos e procedimentos á empregaren pra que poida chegare libremente ao fin da educazón, fixeron fuxir a miña mol sorrisa cando apenas escomenzaba a diseñárese na miña facie, e denantes que enchera de resprandores aurorais o océano pacífico do espritu. O lar, non xa sen despensa, senon sen artesa siquera, e abondoso en esceas pouco en consonanza coa moral teórica. A Eirexa cos seus dogmas e frías prácticas, fanatizándose. A escola cos seus métodos de servilismo e tiranía, absurdos e antihumáns, degradándome na vegada de dignificarme. ¡Coidaron cumprir unha outa misión! Presentáronme encadeado na Sociedade por eles estruturada e á sua semellanza feita: pancista, indifrente, tirana, e mediatizaba (sic) moralmentes. N-este meio a miña natureza reaccionou con violenza: esbandallou as cadeas; ceibouse. Fuxín do lar; fixen o que puden por desenraizare a infruenza relixiosa que tantas vegadas atormentara o meu espritu; deixei, ledo, a escola. As [palabra ilexíbel] social e relixiosa, extendéronme os seus brazos ispidos e fortes; n-eles me debrucei. A tales infruenzas tales reaccións: é unha lei biolóxica e histórica que se repite unha vegada mais. Fun de polo a polo. Da aizón relixiosa exaxerada –fanatismo– ao ateismo; da discipriña ríxida e sumisión cega, á negazón de toda orde –anarquismo–; do egoismo individual, ao desprezo da vida –suicidio. D’unha natureza sentimental, humán, que foi violada, xurdiu, como secuenza paradóxica, a rebeldía. ¿Quizaves os anarquistas non son os seres mais sentimentales da, en certo senso, mal chamada Humanidade? Voltaire, ¿non nos pode servir d’exempro de todo o que levamos dito, e do que aínda diremos encol dos métodos empregados no ensiño d’unha relixión?

«Forxar para o neno unha vida externa, ficticia, torcendo a caule natural por onde esbara manseliña unha vida real, é un delito que debe sere estimado de lesa infanza. Pretender que cada neno e cada adolescente non vivan a sua infanza e a sua adolescenza degorando pedantescamentes facer homes prematuros é ir contra as leises biolóxicas que sabia e misteirosamentes rixen os destinos dos seres».

Xiao Martiño Silva. – Enviado ao prelo por R. F.C.

El Pueblo Gallego, 7 decembro 1927, (sección «La Enseñanza y los Maestros», p. 11).

Lembranzas de neno (II)

Xiao Martiño sigue escribindo: «As institucións, presionándome de fóra a drento loubáronse da sua obra; mais, ¡disculpémolas un algo por iñoranza!, non sabían que decontado se derrubaría por falla de cimentos naturaes: todo ven abaixo con estrépito de revoluzón. A natureza da miña Psiquis coido era boa. Coaizonada a miña libertade e moitas vegadas negada, e empechada a miña innata espontaneidade n-un circo, compríalle realizare unha revoluzón de drento a fora. O momento psíquico chegou e a revoluzón operouse, traspasando o seu anceio liberador e renovador, os límites que a san[2] prudenza recomenda. As revoluzóns psíquicas, o mesmo que as históricas, van coas suas extralimitacións, mais alá da xustiza, mais alá dos fins a onde se propuxeron chegar; despois do cume ven o descenso, paulatino, deic’as efervescenzas se poñen mornes e arrefrían ao iren camiñando pola canle da normalidade. Algo somellante foi o que a min me pasou».

«Asina que escomencei a terme sobor das miñas columnas xónicas “metéronme” n-unha escola de párvulos. D’elo me non lembro; pro díxome miña nai que fora asina. Tamén me dixo que d’aquela xa dicía “na, na”, e que sabía “pedil-a ca,ca e mail-a mexa”. Soupen tamén que me mandaran á escola porque “estorbaba na cas”. ¡A mín, que non me metía con ninguén a non sere co “michiño”, ao que lle tiraba pol-o rabo e lle intentaba metere os dediños nos ollos; porque a el non lle parecía mal!».

«Xa dixen que da miña estanza na escola de párvulos non gardaba lembranza algunha; mail-o meu íntimo R. F. C.[3], que vivía preto d’ela, pódevos falare do que era e do que comigo pasaba; pois víame pasar casemente todol-os días, e namentras estábamos néla él xogaba diante das verxas do xardín, como se nos quixera dare envexa. Supoño que iste prego encuberto que lle fago será tido en conta; pois, do contrario, dareille un berro dend’o barrio en que m’atopo para que o cumpra».

«Dista escola “sacoume” miña nai, dicindo que “nin ren deprendía” n-ela, porque a Escolana (sic) non me deprendía».

«Leváronme para outra escola, dirixida por unha Mestra xoven, fermosa no físico, d’abas longas e cabelo peiteado á Carolina, na primeira impresión cadroume».

«Levei da cas un banquiño que tiña na banda d’enriba un trazo somellante as que a ñ ten na parte superior, feito a marquiteiría».

«A primeira vegada que me presentei n-ista escola, levado da man de miña nai, fiquei como aparvado ollando para os moitos nenos que había, os que me facían acenos para que fora sentare a sua veira. Miña nai entretuvo un momento á Escolanta e logo despediuse. A Maesa púxome a sua mau na cabeza, e mostrándome o sitio que ocuparía na escola mandoume sentare».

«Nesta escola estiven deica o nove anos».

«Non m-acordo como empecei a lér, lembrándome, si, de que ao sortir xa lía en “Frases y Cuentos para niños”».

«Encol da escritura fago memoria d’emborranchare algúns cadernos de letra ingresa, e de notare na pizarra moitas regras d’ortografía».

«As leicións de mamoria reducíanse, afertunadamente, ao estudo, por meio do canto, das táboas d’Aritmética e regras d’Ortografía. Tamén deprendín de mamoria oracións, para min d’aquela incomprensibles, e o cadro d’asignaturas coa sua distribuzón nos días de laboura da semán. Lus, Aritmética; martes, Gramática; cortafeira (sic), Xeografia; quintafeira, Historia Sagrada; sextafeira, Ortografía; sábado, Catecismo. Como se observará, ista distribuzón non sigue a lei natural da evoluzón progresiva –deixo a unha banda, e non acurrunchados, aos autores que negan o progreso– se non que, estimando que dempois d’un día de folganza, o mingo, a intelixenza está máis desperta, preséntalle ao neno as asignaturas mais ficiles (sic), e que requiren, pol-o tanto, maor esforzo d’atenzón, os primeiros días da semán. A intensidade n-ista distribuzón, sigue unha escala descendente, cando a experencia de todol-os días nos demostra que a intensidade aumenta coa semán; é decir, que o neno comprende mellor o que estuda nos derradeiros d’ela que non o lúns; que fai con mais froito esforzos d’atenzón, por exemplo, o vernes que non o martes, ao menos nas sesións das mañáns.

Xiao Martiño Silva. – Enviado ao prelo por R. F.C.

El Pueblo Gallego, 21 decembro 1927, (sección «La Enseñanza y los Maestros», p. 19).

Lembranzas de neno (III)

«Soaron as doce no reló, e logo unha vareada na mesa. Todol-os picariños puxéronse de pe. Eu, chegado aquela mañán, cinguime á imital-os. Persignámonos e cruzamo-los brazos. Os rapaces cantaron e rezaron. Namentras, eu estiven calado como un peto. A un aceno da Escolanta dirixíronse á porta lixeiros como volvoretas. Tamén eu me dirixín a ela, só que paseniño, Fun o derradeiro en sortire, fixándome, entramentras, en que todol-os banco eran xeométrica e vexetalmente somellantes ao meu, e coma os pícaros, ledos, moi ledos, baixaban apiñoados as escadeiras: non houbera castigo pra ninguén.

Todol-os derradeiros de cada mes poñíame miña nai na man duas pesetas e meia, ben envoltiñas n-un papel. Zarrábame ben a manciña, recomendábame moito que non perdera o que n-ela levaba e repetíame que fixera d’elo entrega á Escolanta. Asino o facía. A mestra abría unha libreta, mollaba a pruma e escribía. O qué non-o sei; supóñoo».

«Na clas entrábase cos brazos cruzados, e xa drento, versificábase:

–Moi bos dias teña osté, ¿qué tal descansou vosté?».

–Ben, ¿e vosoutros?, decía ela se víñamos varios.

–Ben, gracias a Deus, para servila a vostede».

«Logo adiantábamonos e bicámoslle a man».

«Cando voltaba onda escola detíame a porta da cas, e despois do saúdo, dicía:

–Bendito e loubado sexa o Santísimo Sacramento do Altare.

–Sexa por sempre bendito e loubado, contestábanme de drento, dempois de poñérense de pe os que estiveran sentados e de descobrírense os que etcétera, etc.

–Ave, María Purísima.

–Sen pecado concebida.

Entraba e bicáballe a man aos familiares, e logo á canto can e gato houbera na casa. Despois dábanme mimos, dos que, ás vegadas, fuxía, ou mostraba contrariedade. ¡Cantas vegadas teño chorado de carraxe ó sentirse na meixela o roce aspro d’uns bigotes cotrosos; beixarme era facéreme sofrir! Decatábanse e seguían, ¡…!, violando a miña vontade e deliciándose no meu sofrimento. Cando, drado (sic) ou por forza, ficaba ceibe, frotábame ben a meixela c’un pano hasta que n-ela era nada unha rosa.

O úneco cadro relixoso que había na escola era o da francesa Virxe de Lourdes. Diante d’ela rezábamos ao entrarnos e sairnos, e tamén o Rosario na serán do sábado.

N-un curruncho d’unha fiestra había unha resta de varas de diferentes dimensións e materias.

Non había mais mesa que a da Maesa, nen mais cadeira que a sua, ancha, como compría a unha muller que á sua mais que regular estatura proporcionábanse directamente as outra dimensións: era acorazada, e coido que tamén acoraxada.

Na mesa escribíamos catro cada día: un picariño e unha picariña á cras e outra parella á serán. Como éramos cativiños a Escolanta poñía na cadeira un banquiño para que pudéamos ollar ben o papel, e os braciños descansaran mellor riba da mesa.  Co que fico de decire queda dito, indirectamente, que o corpo formaba ángulo agudo cos muslos, istos formaban dous coas pernas, e os pes, apoiados pol-os talóns na beira dianteira da cadeira, indicaban direicións incrinadas con respeito ao chán: posizón zigzag. Era a menos incómoda posibre; mais, sería millor non escribir. Non, non; mellor sería que cada un de nós tivera a sua mesiña co seu asento moi axeitadiño ao noso corpiño; pero iste material non-o levábamos da cas, nin outro nol-o ademitiría a Maesa, no piquer de que o quixéramos levar, pola si[n]xela razón de sel-o ban destinado á escola, inda que feituquiño, pequeneiro. Por parte, a Escolanta non ía empregar as duas pesetas e meia que mensualmente ll’entregábamos cada un dos trinta e tantos pícaros, para que fora termando da morte, en material. Tampouco era xusto que a unha Mestra particular, como era ésta, se lle exixira para deixarlle exercel-a profesión, bon material, cando nen o Estado nin os concellos tiñan, e teñen, pra as suas escolas mais que material-cachivache.

Xiao Martiño Silva. – Enviado ao prelo por R. F.C.

El Pueblo Gallego, 4 xaneiro 1928, (sección «La Enseñanza y los Maestros», p. 11).

Lembranzas de neno (IV)

«Cada neno, ou nena, viña á escribire unha vegada –meia hora– cada semán; pois inda que éramos mais de trinta decipros (sic) había cativiños de tres e mais anos que non notaban ren. Cando chegaba ista meia hora había que escribir, inexorablementes. Se era pol-o inverno algúns chorábamos e case que todos tremábamos, porque andaba o frío facéndonos cóchegas de pouco laimo: a mestra non sabía, ou finxía non saber, comprendere nin traducir as nosas bágoas e o noso tremar. Oxe atópolle á isto expricazón: a escolanta é unha mullerona de coarenta que sigue vestindo santos como en anos pasados. E, ¿ficaría solteira, precisamentes, por tel-o curazón de carne de touro? Non me intresa sabelo».

 

«De outono a m arzal era eu un ha cataprasma: sabañóns nas maus e nos pes –sin perdón; pois os pes son unha parte do corpo coma outra calquera, e tan dinos de falarmos d’eles sen engadirlles paréntesis coma do fuciño ou das orellas. Nestes meses casemente non había día que non perdera os tentos; pro, cando me chegaba a ves d’escribire as maus ficaban cuasi dormentes riba do frío papel. ¡E había que seguir escribindo! Eu, cando hai algún pequeno nestas condicións cóllolle as manciñas e póñollas entr-as miñas deica que lle quenzan, ou dígolle a miña nai que o deixe estare quentándose a beira do lar o tempo que queira. ¡E cómo me enche o cor ao ollare despois uns ollos que ateigados de ledicia me din: gracias!».

«¡Ouh, Estado, vello avaro!: deixa sair das huchas do teu Tesouro unhas cantas moedas para que durante seis meses do ano poidan ter os neniños calefaizón. Sen axionllarénse; ergueitos, moi ergueitos, exíxeno as bágoas de todol-os nenos dos varios reinos que están baixo da tua xiada zarpa. E isto dito, podédesme chamar neno, romántico, o que queirades. ¡Tanto-é! Son verbas que non me insensibilizarán».

«O cañón do levaprumas era de lata, gallo pol-o que os músculos dos dedos da mau coa que escribíamos sofriran con frecuenza calambres».

«Riba da mesa había unha vara moi longa destinada á caire na cabeza dos distraídos ¡miñas xoias!, que estiveran algo alonxados da cadeira presidencial, na que estaba moi á gustiño a escolanta».

«Non había o timbre que Rafael Dieste degoraba que o neno fixera soar. ¡Ouh, se o houbera, e nol-o deixaran facere soar! Somellaríamonos, por vegadas, á arbres de ledicia purísima. Había, en troques, unha palmeta de castaño, aburacada. Para vergoña da sociedade e sonroxo dos escolantes aituais, inda o Diccionario di: Palmeta. Instrumento que empregan os escolantes para castigaren aos nenos. E me non digades en nome da que moitos chamades dignidade da clase –disfraz da verba casta–, ou do patriotismo –léase patrioteirismo, neste piquer, por sere un patriotismo hipócrita–, que non está no certo o Diccionario; porque eu coido podervos demostrar que a  orazón avandita inda non se pode poñere en tempo pasado. Para exixir isto compre que fagamos primeiro unha cacharela con todal-as varas, palmetas e corbachos que ainda hai en moitísimas escolas. E mais vos diría: que nesa larada puxéramol-os pes e as maus nen ren mais que para purificármonos».

«¿Escolantes da Galiza! O que esté limpo foi humán. Sexamos humáns; porque ista humanidade dignifícanos e dignifica ano neno».

«É dóroso expoñel-a verdade, ispida, de moitas ideias; pero o patriotismo –non o patrioteirismo, volto á repetire–, exixe que non-as vistamos de máscaras. O patriotismo non debe disfrazárese; pois él, en sí, non é amigo do antroido. Por parte, inda non chegou o antroido, ainda que o mundo sexa unha antroidada permanente. A Lúa sorríeme ironicamentes».

«Riba da mesa había tamén unha caixa, á que ían á parare todol-os obxetos que a escolanta nos pillaba cando nos atopaba xogando con eles. Nela había monicrequiños de cera; cadeas de gomiñas das caixas d’estalo; cos carretes de facelas; morcegos; rabos de culleres; mistos; peletres; baraxas de duas motas; botóns; cintas; soldados; calcomanías, e cen e cen obxetos mais que non fai ao caso citar posto que tod[o]l-os coñecemos porque fumos nenos. Os santos eran os obxetos que non nos quitaban. N-aquela caixa estaba tamén o rosario. A maesa endexamais nos cacheaba. ¡Cántas vegadas teño agarimado cos ollos e co pensamento aquelas cousiñas que había na caixa, e que deberan estar nos nosos petos!»

Xiao Martiño Silva. – Enviado ao prelo por R. F.C.

El Pueblo Gallego, 27 xaneiro 1928, (sección «La Enseñanza y los Maestros», p. 11).

Lembranzas de neno (V)

«Unha serán houbo unha novedade. Despois de sentado ollei na parede d’enfrente un encerado, grande e novo, todo escrito. Relín e voltei á lere. Oxe, mémbrome sosmente de que no párrafo derradeiro aconsellábasenos que non lle botáramos cera, non-o picáramos nin estropeáramos de ningún xeito; pois quén tal fixera sería enzarzado n-un banciño oscuro e metido de cabeza n-un buraco. Dende ista serán soñei varias vegadas desperto; coidábame de cabeza no buraco do excusado –fallaría á verdade se dixera “Water-closet”–, esperneando no aer e suando, desesperado, no tormento que a Escolanta me impuxera. ¡Qué tormento e qué medo! Maores que os que levaba cando me falaban do “cocón” ou do “home do saco”, que pillaba os nenos malos (¡!) para chucharlles o sangue e quitares o unto».

«Unha cras díxome miña nai: Xiao, por unha tempadiña non te deixo ire á escola porque din que andan pol-as ruas dous homes outos e bodes que botan a rolaren cada un sua bola de ferro cór pez, que fan tan pouco ruido coma o que farían se foran de goma. Se á un neno lle chisca unha das bolas fica perdido; non pode voltare para a cas. Se a bola vên rolando e o medo che fai ollara para atrás, a bola atraite porque tên imán, e os homes da bola cóllente e lévante para endexamais voltares. E, ¿non quês voltare á ollar á tua naciciña? De resposta dinlle un bico e unha aperta; entramos, radiosa, me devolveu, engadindo: aperta curazón de manteiga».

Mentras fun á ista escola vivín eu en tres rúas e un lugar: Na de S. Agustiño antre unha eirexa[,] un asilo, unha imprensa, duas carpinteirías, unha hostieira-estanco-panadería-posto de barro, unha escola –que non era â que eu ía– moi soada, unha taberna –na que vivía –, e o niño de pombas mais intresante que d’aquela había na cibdade Xacóbea, segundo dicían. Na do BonVai, fronte e preto de tres cimeterios; eiquí vivín uns días. Na Rúa Nova que hai pretiño da estación de Cornes no camiño de ferro de Sant-Yago-Pontevedra: ambente: matóns, golfos, limpabotas, vendedores de xornaes, e tamén algunha cas para… vivir, ao redor da que voaban morcegos sociaes; no mesmo baixo da cas en que a Inocencia xogaba n-un leito adúltero, había un niño de pegas.

Derradeiramente, n-un lugar das aforas da cibdade, nomeado Casas Novas, convivindo coa Natureza, moraba na ladeira do Monte Pedroso mais visitada pol-os composteláns. Nas abas do monte estaba o cartel do reximento de infanteiría Zafragoza núm. 12, e dend’elas ao cume n-unha extensión aproximada de tres kilómetros, catorce grandes cruceiros de pedra berroqueña, o: Vía Crucis, Paralelo; Xeusalén, Xacóbea; Calvario, Pedroso. Pol-o avannotado dedúzanse as turbacións, sonroxos e angurias da Natureza ao chegar aos seus ouídos de inmensidade os estrridentes sóns das cornetas e as musitacións dos comunistas vermes franciscanos que ruben cara o cumio».

Cumpridol-os nove anos, a Sociedade hipócrita e inxusta, p[r]etextando caridade prívame, á forza, da Libertade perante dez anos: outono 1º do 1910-xullo 24 do 1920. ¿Cómo non hei sere un rebelde? Ainda ouzo a verba caridade firíndome os ouidos; ainda vexo a Psiquis da Caridade envolveita no sarcasmo, fuxire tremando avergonzada, dos labres farisaicos da Sociedade, e dos da sua partícula, a Familia; inda sinto o peso da sua inxustiza asoballándome brutalmentes. Mais, non vaiamos de présa. Quizaves algún día, no percorrer do Tempo, se oia a Hora. Estoncias será a semade de arremedarmos aquel berro subrime do Gonio: “J’accuse”, con verbas, e con feitos. Zola, riba da cativeza do Praneta, sinte baixare, ceibes, dos ceos de todol-os deuses, as furias; as tempestades humáns envólveno: mais El sigue os eu vieiro de lus car’á Justiza. Asina nós n-aquela hora de r[e]paracións e fecundidades.

A escoba estaba no Curro da Parra, detrás da eirexa adicada a San Bieito.

Unha vegada, estando na cas, senteime acarón; logo, estireime, e, sen facere ruído facendo como que xogaba, achegeime deica poñéreme debaixo d’unhas abas; unha indicanza e unha sorrisa aberta como unha “a”, foi a represnión que me impuxo quén era mais que muller. Endexamais repetín feito parello, inda que si moitos somellantes, dos que xa falaremos, que non eran senón xeitos de manife[t]árese a miña natureza. O vulgo chámalle a istes aitos diañuras.

Xiao Martiño Silva. – Enviado ao prelo por R. F.C.

El Pueblo Gallego, 14 marzo 1928, (sección «La Enseñanza y los Maestros», p. 9).

Lembranzas de neno (VI)

«Moitas vegadas viña pol-a cas un home que sempre se sentaba na mesma mesa. A sua cabeza sempre estaba dicindo: “siii”: era de temperamento nervoso».

«Adoitaba a merendare sardiñas en vinagre con rebandiñas de tomate e pan albeiro. ¡Cántas veces me membro de aquel home! A sua soila, presenza era gallo pra estare rindo moito tempo, moito, hastra dempois de chorare de ledicia.

«Un sentín  un cocho. Coma na cas non había ningún e vin á un home e á miña nai que rian, rían. Achegueime cursidoso, e nen ren vin. Despois, si. O home puxo a man riba da mesa e mandoume subire a un banco. ¡Qué ledo estaba riba do banco ollando para a mau do home! Este abriuna e saiu un porquiño moi feituco de cór roxo que escomenzou á andare pol-a mesa, sen deixar de cuiñare. Cando se lle acababan os folgos calaba e deixaba de andare. Deixáronme xogar con él. Apretáballe canto podía a barriga e o cochiño cuiñaba que mesmo daba xenio ouilo. Dempois o dono doumo. Poucos días me durou; pois non fiquei satisfeito d’él, inda que era moi boniteiro e cuiñaba moi ben. Eu quería sabere o que tiña drento para doerse tanto cada vegada que lle axuntaba as pelicas de goma do peito e das costas. Demandeille pol-a ves derradeira o por qué do seu berrar. Nen ren me dixo. ¿Estaríase bulrando de mín? Collín un coitelo e racheino de riba á baixo. Remexínlle drento, obteino todo e vin a ninguén. Despois: desilusión, tristura, desprezo e xenreira para o cocho morto riba da mesa. ¿Foi por Reises? ¿Foi pol-o Antroido? Non-o sei».

Outro día outro home amostroume muitas moedas; todas redondiñas, todas amarelas, todas brilando. Era moito o seu brilar. Tomei unha ás cortadelas e metina na boca. ¡Era tan bonita que tiña que sabere ben! Pedinlle se mas deixaba botar a rolar, ao que non se negou, mais coa condición de que había sere n-un sitio no que non houbera buracos. Collino pola mau izquierdeira e leveino á un banciño. N-el fumos ollando todol-os curros inferiores, e, convencéndoo de que non había buracos encheume de moedas as cuncas das maus; de súpito deixeinas caere. ¡Que ruído fixeron! Despois, unha á unha, fíxenas rolar hasta poñelas atoladas e poñéreme elas a mín. Logo funas botando de prano na mesa de noite, que tiña a tampa de mármol.¡Parecíame que rían con riso de neno ao tocaren n-ela!».

«¿Serían os estaliños dos bicos “estrelados” que lle daban á aquela mesiña na sua cabeza cadrada e masculina? Logo fíxenas xirar, xirar impulsadas pol-o vértigo, hasta que no seu movimento circular ficaban adormentadas sen deixaren de xirar; despois tambaleábanse e caían esvaídas. ¡E todas, unha á unha, xiraron, e todas coidaron entolecer, e todas dormiron! ¡Eu contempreinas no xiado leito! Dábame groria velas. Levábanme a vida. ¡Se se xantaran como as que eran de “verdade”, aquelas que por drento eran de chicolate! ¡Qué ricaces!».

«Na cas había un Cristo de metal brando d’unhos dous decímetros –a dimensión deduzse. Noutrora estivera cravado n-unha crus de carballo. Un día ceibouse, e dind’aquela non acougou en ningures; pois tan presto se lle ollaba agachado n-un curro do alzadeiro como dormindo no chán ou no zoco da miña nai, ou xa no altarciño que tiña no fallo. Un día, ben me lembro, pol-a mor de que non se tiña ben de pé, collino pol-as pernas e guindeino con xenreira. Súpeto reaccionei. Decateime do “pecado” que ficaba de cometere e recollino do chan. Abraiado e tremando contempreino: estaba toqueno. Rebusquei e voltei a buscare o brazo que ao Cristo lle faltaba, mais non foi posibel atopalo, nen d’aquela nin oxe. Co medo no corpo funme achegando a miña nai, non téndoas xa todas comigo. Onda ela conteille o que fixera e o que pasara. Reprendeume, mais non me chiscou no pelo da roupa. Mandoume bicare ao Pai do Ceo e rezarlle. Obedecín.  Miña nanai díxome, Xiao, escoita, o Pai do Ceo fixo un miragre contigo por tratalo d’aquel xeito; adeprende e non voltes á face-lo feito. Dempois d’aquel día collía o Cristo con moita reverenza, bicábao, palpábao e intentaba meter o dedo indicador no buraco que lle quedara na hombreira dereita, por coidare que o Pai do Ceo fora encollendo; encollendo a mau e o brazo deica metelos pol-a hombreira. O buraco foi perante tempo o indicador do miragre. ¡Ouh, inocenza, inocenza a miña, que inda adolescente era crénte n-aquel miragre!

¡Por qué bos camiños me guiaba Educazón! ¡Oxe… oxe son un santo!

Xiao Martiño Silva. – Enviado ao prelo por R. F.C.

El Pueblo Gallego, 11 abril 1928, (sección «La Enseñanza y los Maestros», p. 11).

 

[1] Carvallo Calero, no pouco máis de dúas liñas que lle dedica, escribe exactamente o que se reproduce: «Rafael Fernández Casas é autor de Loita, melodrama paixoal con morte de todos os persoaxes importantes, sobre un fondo de costumismo aldeán (Historia da literatura galega contemporánea, Vigo, Editorial Galaxia, 1975, p. 624.

[2] No orixinal, sau.

[3] No orixinal está o nome e os apelidos con todal-as letras; mail-o amigo Xiao Martiño me perdoará que, polo que fora deixara só as iniciais. (Nota de R.F.C.).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *