‘As neuronas irmás’, dor, beleza, ciencia
César Lorenzo Gil.
Estíbaliz Espinosa gañou o Premio Afundación de poesía 2017 con As neuronas irmás, un poderoso libro que en moitos aspectos continúa, en canto a temas e motivacións, o traballo que a autora empezara en Curiosidade. Ler ambos textos pode ser unha magnífica forma de achegarse a unha das poéticas máis orixinais e modernas da literatura galega.
Porque Espinosa en As neuronas irmás consegue un equilibrio ben difícil entre dúas sensacións: a perplexidade e a dor, co resultado dun traballo literario asentado na beleza. A dor é a emoción subterránea que conduce o libro desde a dedicatoria. Este libro nace da experiencia da morte do irmán da autora e esa presenza/ausencia percorre practicamente todas as páxinas. Mais a escritora non repara na perda desde unha posición precientiífica, poderiamos dicir. Non hai unha nostalxia motivada nin pola ficción dun reencontro místico nin pola incomprensión que pode producir a morte entre os seres humanos. Espinosa contempla o feito doloroso coas ferramentas da observación do contorno para poñer a vida humana en relación co resto de procesos naturais, químicos e sobre todo físicos e astronómicos. Esta capacidade para inscribir a humanidade no seu conxunto é un achado literario moi interesante. Nunha época onde (tamén na literatura) se volve cultivar un egocentrismo un tanto naïf, onde todo parece dominado polas vicisitudes do eu fronte ao mundo a base de descrición de emocións seica puras e inexplicables, a poeta coruñesa opta pola vía contraria. O eu, vén dicirnos, non é máis ca unha pinga insignificante nun universo onde se producen acotío infindade de movementos, desde o das células ao dos planetas, que deixan as circunstancias humanas nunha posición relativamente insignificante.
Esa relatividade non lle resta nin unha chisca de valor á experiencia humana das emocións. E en As neuronas irmás sentimentos como o amor, a soidade, o medo ou a incomprensión están presentes. Pero case nunca como misterios senón como experiencias combinadas coas outras experiencias polas que estamos invisiblemente rodeados día a día. Para Espinosa é como se necesitásemos atopar o noso sitio como persoas, non para erixirnos en centro e fin da “creación” senón para dúas cousas: a primeira, sermos conscientes das nosas limitacións e empezar a entendernos como un elemento máis dunha cadea que nos supera. E segundo, para aproveitarmos a nosa intelixencia, a nosa capacidade de entender, para curiosear, para aprender de todo o novo, para desfrutar desa exploración e utilizar máis o adxectivo perplexo.
As neuronas irmás propón unha linguaxe poética que foxe das palabras desgastadas. Fronte a un vocabulario (o da poesía galega feita durante a Autonomía) construído en dúas liñas: elevar o coloquial a literario e encontrar unha lingua galega culta para o exercicio da poesía, Espinosa considera que é chegada a hora de incorporar o léxico científico como parte inherente á mensaxe literaria máis alá dos textos de non ficción. Mais o interesante é que a autora non emprega esta linguaxe especializada para crear unha coiraza expresiva ou reivindicar dun xeito solemne ou dogmático o traballo científico. Non, a expresividade poética segue a ser o máis importante, a loita pola beleza e o ritmo marcan cada poema desta obra. E isto ten moito mérito cando a autora se obriga a transitar por universos e palabras que talvez sexa ela a primeira en colocar no ámbito literario galego.
♦ As neuronas irmás, Estíbaliz Espinosa, Arte de Trobar-Pen Galicia, 2018. 98 páxinas. ♠18€
🙌🙌👌🏻👍🏻 Lo leeré 🙏🏻