As ‘novelas dialogadas’ de Raúl Dans
Xesús González Gómez.
Despois de reler dúas das dez novelas (policiais) da parella sueca Sjöwall & Wahlöö (lembremos que segundo Sjöwall, falecida este 2020, esta serie de novelas querían ser a crónica da traizón perpetrada pola socialdemocracia sueca contra a clase obreira do seu país), entro en diversas novelas galegas (tres, para sermos exactos) como quen entra en territorio descoñecido disposto a exploralos e, se se dá o caso, cartografalos. Infelizmente, abandono unha tras outra a media tarde, como nos abandona un desodorizante de baixa calidade. Porque eu son dos que se unha novela non me engancha na paxina trinta, non continuo. Despois de mirar os diversos libros que teño no apartado «por ler», introdúzome en dúas obras teatrais, Unha corrente salvaxe e mais Historia dunha descoñecida, de Raúl Dans, publicadas ambas nun só volume por Edicións Laiovento.
Non é descubrir nada novo afirmar que o tema central do teatro de Raúl é o que poderiamos denominar «indagación da familia»; nestas dúas novas pezas, Dans continúa a «incidir» no tema que atravesa a súa obra. Nunha recensión de As cancións que lles cantaban aos cativos, escribía eu «[…]como ben di Xerardo Couto, a familia está presente, como en toda a obra de Dans. A familia que continúa a estar no centro da nosa sociedade (como se demostrou cando estalou a crise económica). A familia continúa a ser o núcleo primixenio tanto dos problemas políticos e sociais como psicolóxicos ou persoais da nosa sociedade. Indagar na familia –que quizais sexa o heroe do noso tempo– é indagar na sociedade, describir a familia, cos seus conflitos, continúa a ser describir a sociedade: velaí o que sabe ver e transmitir nas súas obras teatrais Raúl Dans». Ora ben, penso que nestas dúas pezas, diferentes entre si aínda que o tema sexa o mesmo e gocen incluso das mesmas características (diálogos naturais que foxen de todo artificio e de todo experimentalismo e que fan progresar a acción narrativa da obra e a psicolóxica dos personaxes; tensión dramática constante mais de lectura, en certo modo, apracíbel; placidez que de seguro se «perde», ou debería perderse, no escenario, que é o lugar natural destas obras; claridade expositiva, serenidade e mesmo, dentro do drama que roza a traxedia, sensatez), por así dicilo, se venta unha pequena viraxe na indagación: nestas dúas novas obras o tema central sería o intento de creación dunha familia por parte dalgúns dos personaxes da obras (ou, talvez, de todos).
En Unha corrente salvaxe, cinco personaxes, no que dous deles intentan a creación dunha familia (Carlos, Lois) cunha mesma muller, nai solteira: un dos dous homes é o pai da criatura. Loitan por esa creación, non entre si, senón, curiosamente, contra a persoa coa que deberían formar esa familia (Ana): Ana que ama a un, do que quere fuxir, e se compromete co outro, que non ama. A reunión de todos os personaxes «clarifica» o drama e o lector (non podo imaxinarme o espectador) fica, en certo modo, abraiado. A sabedoría narrativa (ou de movemento narrativo), a creación dun clima sutilmente enrarecido e levemente deformado, o ton, a arquitectura dramática, os «efectos» desembocan nun final inesperado e demostran, máis unha vez, que nos encontramos perante un autor dono dun estilo e dunha poética. Con todo, acho que nun momento determinado se dan demasiada explicacións e o descubrimento do segredo –o segredo que esconde o outro segredo– de Ana, se ben quizais fose necesario para o movemento dramático da peza, semella máis nunha concesión ao posíbel espectador –ou lector– afeito aos telefilmes americanos. Non obstante, evita caer no erro deses telefilmes (ou filmes televisivos) ao, como sempre nas súas pezas, cando menos as que eu lle coñezo e que, infelizmente, nunca vin nun escenario, usar do discurso verbal como principal forma de acción dramática. Raúl Dans consegue dramatizar mediante o dialogo a vida interior dos individuos, mais tamén utiliza a loita dos seus personaxes coa expresión verbal (isto verifícase máis, ou mellor, en Historia dunha descoñecida, aínda que, para min, dramaticamente é inferior a Unha corrente…) para nos ofrecer olladas profundas das súas verdades e misterios interiores.
Nestas dúas obras, Dans usa, en certo modo, argumentos típicos do melodrama: existe ou existiu un triángulo amoroso (en Historia dunha descoñecida está claro)? Este «tópico» serve de fondo de tensión dramática, mais tamén abre preguntas non resoltas; pero máis que desenvolver o argumento do triángulo arredor do que poderiamos denominar un conflito moral de salientábel emoción, característico do melodrama, o noso autor desenvolve o que Peter Brook denominou un día o «oculto moral», é dicir, «o ámbito oculto de valores espirituais claves, que a miúdo está incrustado no discurso melodramático». Noutras palabras, ou con outras palabras, mais na esteira de Brook, pódese afirmar que o dramaturgo galego parodia (no sentido clásico do termo), e mesmo hai momentos en que consigue desfacer as estruturas melodramáticas tradicionais, sobre todo en Unha corrente…, obra na que o autor botou, como se dicía antes, «o fígado», xa que en moitos momentos, e sobre todo no desenlace, non deixa de ser unha parodia (esta vez no sentido bakhtiniano do termo) da traxedia grega: parodia que, habería que indagalo, talvez só se poida realizar mediante a estrutura, ou a desestruturación, do melodrama.
Mais quixera chegar a outro lugar. Ese outro lugar seria ler estas dúas pezas non como teatro, senón como novelas dialogadas, na esteira, por exemplo, da inglesa Ivy Compton-Burnett, cuxas novelas están estruturadas só mediante diálogos, sen seren, porén, novelas, por así dicilo, «teatrais». Estas dúas obras de Dans, obras realistas (como todas as súas: mais non esquezamos que realista é Valle e realista é Joyce, sen irmos máis lonxe), baseadas no texto son un intento de procura e captación de momentos reveladores que queren, ou intentan, pór ao descuberto a auténtica realidade das cousas, dan, na lectura, non só excelentes pezas teatrais, senón, tamén excelentes exposicións narrativas, moito máis conseguidas como tales que demasiados escritos que atravesan a nosa literatura baixo o nome de novelas.
One thought on “As ‘novelas dialogadas’ de Raúl Dans”