‘As ondas’ vs ‘Be jot water, my friend’
Xornada 5 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Carlos Vega e Sofía Sicilia.
Traba: O relato non pode conter a letra h.
As ondas
Sabela González.
Auga polo vento. A xanela engaiolada no ar. Os teus ollos que me miran, me miran. Tes o corazón aberto no peito, o cabelo caendo como auga polo pescozo, as mans marróns, como a terra que pisaba de neno. Os bicos de cereixa e a testa cun milleiro de ideas, como a min me gusta que sexas. Cando camiñei contigo por Ourense, miña rula, endexamáis imaxinei que te ías converter no mundo que es agora, no universo enteiro que tes e que elixes compartir comigo. Eras un anxo, e voabas polo ceo da miña cabeza, pregúntome se existes de verdade. Certamente penso que sí, que aí no mundo alguén me acompañará coma ti, no meu mundo, nos mortais.
—En que pensas, Xan?
—Estou a escribir a carta, Matilde, déixame con ela.
—Ti sempre nos teus pensamentos, parviño, deixame ver.
—Que non, que non e que non, que é so miña.
Pola fonte pasabas os teus dedos mornos, que logo lambín. Toda a vida procurando algo teu, algo de ti. Toda a vida axexándote lonxe, como un barco no mar. Dime que tes agora, princesa miña, dime onde te atopas que aí ireite buscar.
—A ver mamalón, deixa ver aí o que tes.
—Que xa vos dixen que non e que non, non insistades máis.
—E logo estás namorado ou que? Por eso andas nas pavías. Anda que non sabía eu.
Teño en min todos os soños do mundo, algo que xa dixeron outros, pero que ti me fas lembrar. Quero estar ao teu carón por sempre, meu amor, meu biscoito de ceo, meu anaco de pan.
—Polo menos dirasnos a quen lle escribes, digo eu.
—Que me deixedes cos meus pensamentos, que pesados sodes, sempre amolando.
Escríbote aínda que non podo. O meu amar rompe o teito dos meus ollos, as mans desfánsenme en cristal.
Xan firmou a carta: “As ondas”.
Be jot water, my friend
Carlos Vega.
O Wing Yun é a practica marcial asiática cuxas raíces se estenden baixo o amplo campo das disciplinas de defensa persoal. O seu nome pódese traducir como “Canto de primavera” ou “Primavera eterna” e centra os seus golpes no combate a curta e a media distancia, sen contar cun regulamento estrito.
Esta arte non entende de movementos defensivos, baséase na máxima de que todo ataque é a mellor defensa. No seu repertorio conta con golpes de puño, patadas baixas, peinetas e trabadas. Dise que foi creado por monxas budistas do Nepal, que buscaban aquela arte marcial que mellor aproveitase a súa curta estatura. En realidade, esta escola marcial ten a súa orixe en Xinzo de Limia.
Foi alí que vivía Marcelo Manoaberta. Por culpa da atrofia muscular, non medía máis de metro vinte e a xente alcumábao Mini Man. Isto facía que lle fervese o sangue e non era quen de seguir a práctica nazarena do perdón cos impresentables que lle facían a graza, porque como el dicía: rompo todo e non pago un peso.
A pesar da carencia física, Mini Man tiña graza nos puños, e eran poucas as veces que conseguían tocalo sequera. Golpes nobres, area nos ollos, trincar peito…. Todas eran ferramentas nas mans de Marcelo, e con elas compoñía sinfonías. Non embargante, existía algo que lle faltaba. Tras cada liorta abría os puños, esperando atopar o paxariño da xenialidade, pero sempre tiña a sensación de que se lle escorría, decepcionado, entre os dedos recortados. A musa esquivábao.
Marcelo atopou a virtude un día que se lle atrasou o bus de Ourense. Contemplando como discorría a fonte monumental, foille botar a man, en transo, e queimouse. Como se o estivese a agardar alí, o paxariño descendeu naquel momento ata a palma irritada. Revelóuselle o segredo. As labazadas eran calor. Lume que lle meter no corpo ao inimigo.
Moitos estudantes acudiron cando a fama de Marcelo se estendeu máis alá dos idiomas. Os seus golpes vivían nos ollos dos seus inimigos, vestindo a negra capa do medo. Fundou escola e estableceuse en Xinzo, á que nomeou capital das artes marciais. Mestres rivais responderon ao desafío, pero sempre volvían á casa co estigma, coa labazada Manoaberta gravada nas carnes.
Incluso tivo tempo para o desamor, na sedución da monxa budista que lle roubou os pergamiños segredos das súas técnicas, que estaban anotados en libretas do Banco Pastor. Escoitou que aquela muller fuxira máis alá de Ponferrada, cos seus segredos e o seu corazón, pero pouco lle importou. Centrouse nas súas ensinanzas e aceptou por fin o seu alcume, como bandeira do terror.
O máis famoso dos seus discípulos, Bruce Lee, quixo recoñecer o mérito das súas ensinanzas repetindo o mantra que lle ensinara Mini Man. Os periodistas estadounidenses, entendendo só parte da frase, retiraran xa o micrófono cando o artista marcial non rematara de falar. Por sorte, un periodista de Monforte deu recollido a frase enteira, que transcrita queda:
—Be jot water, my friend, like As Burgas.
Non se me ocorren dous relatos máis diferentes para abordar esta foto.
As ondas
Por unha banda está o intimismo de “as ondas”. Creo que era unha boa opción optar pola lírica, como fixo o autor/a de “o camiño. O que sucede aquí é que os diálogos intercalados rachan un pouco coa maxia do texto da carta sen, na miña opinión, achegar gran cousa. Tamén creo que para ser verdadeiramente boa esa carta precisaría un léxico ou unhas imaxes unha chisca máis traballadas.
Be jot water, my friend
Por outra banda está o humor surreal de “Be jot water, my friend”. Fíxome graza, este tipo de humor sempre me gusta. Se non tivésemos a limitación de escribir un relato por semana sería máis crítico coa redacción. Paréceme un borrador avanzado dun relato humorístico que pode quedar ben cun pouco máis de traballo.
En calquera caso divertiume moito polo que o meu voto vai para Be jot water, my friend.
As ondas
un relato raro. estou dacordo con daniel en que os dialogos non aportan gran cousa. Recórdame ó que fixo Botana na xornada preliminar, pero alí tiñan unha función. Aqui non lla vexo. Ata é raro niso porque lle preguntan a Xan en que pensa e non que escribe. E incluso insiste co dos seus pensamentos, pero despois pidelle ler a carta. E Xan refirese a Matilde, pero despois pasa a falar en plural. Será que Matilde só é a do primeiro diálogo?
A carta en si tamen é rara. Parece que lle fala a unha rapaza, pero é tan abstracta que mesmo podería dicirse que fala das Burgas. Ó final, se firma como “as ondas” en vez de como Xan… que significa? Que as ondas queren volver pasar pola fonte das burgas? Igual estou buscando o que non hai.
Be jot water, my friend
Teño que admitir que na primeira parte do relato non estaba ben seguro de se era humor ou extravagancia. O detalle das monxas púxome no bo camiño. Ten razón Daniel en que a redaccion é agreste. E non só a redacción, a propia estrutura é incómoda, ó mellor era ben meter un brochazo de humor absurdo nos primeiros compases para asentar ó lector, en vez de ir tan a modo. Empezar directamente co das monxas, e despois durmir un pouco ó lector con datos para de repente volver soltar outro tiro surreal.
O ultimo terzo do relato non ten este problema, o lector xa está situado e aqui tamen diría que o/a autor/a tiña mais claro o que queria dicir. da esa sensacion, ó mellor porque tamen hai mais detalles como o do banco pastor e, como non, a referencia a Bruce Lee que xa estabamos esperando.
En resumo, o que quero dicir do relato é que unha vez que te a idea (concentrada no titulo e no final) era relativamente doado escribilo. tes a Marcelo, a monxa, a bruce lee e ás burgas e o a historia só hai que recheala coma quen segue unha liña de puntos. non tento quitarlle mérito ó/a autor/a, só que penso que debeu arriscar mais nese recheo, ser mais impactante con todo ese espacio de libre configuracion que estaba disponible.
Voto por Be jot water. ó seu rival faltoulle algo de pegada (de concretar que pasa aí realmente) para competir. Sempre o digo: a ambiguidade é boa. A desinformacion, non.
E por o libro das ondas de virxinia woolf….
“As ondas”: Comeza moi ben, cun lirismo que me gusta e chego ao “miña rula” e saio do texto dunha patada. E logo o diálogo, que non sei que pretende aportar e que non me acaba de soar natural… A historia non me ten moito sentido, síntoo.
“Be jot water, my friend”: Gústame o humor do relato, pero o certo é que esta estrutura (descrición, sorpresa humorística, apropiación e resolución inxeniosa), que funciona, xa se repite tanto que me bota un chisco p’atrás. Gustaríame que a explicación do don de Marcelo fose máis clara, e tamén outro final, que é gracioso pero búscao de xeito evidente de máis. Se cadra é o que din os compañeiros, unha boa historia á que lle falta unha voltiña de traballo. Con todo, para min, a historia en conxunto compénsao.
O meu voto é para “Be jot water…”.
Por certo, ollo ao *moxa do penúltimo parágrafo.
E acabo co duelo menos fácil, porque a imaxe non me parece nada inspiradora.
As ondas
A min, ao contrario dos meus compañeiros, gústame como empeza e como vai evoluciona este relato. Penso que é unha carta de amor, de Xan, que sofre varias interrupcións para rematala (de Matilde, dos seus amigos). E penso que ten frases preciosas que se deben valorar. O final paréceme raro, pero acéptoo.
Be jot water, my friend
Entendo que ese jot é hot mal escrito, pero non o teño moi claro… A min este tipo de relato non me convence nada porque non lle acabo de topar a graza nin o Wing jun nin a súa orixe en Xinzo, nin o Mini Man nin Bruce Lee. Cuestión de gustos literarios dispares. Comparado co seu contrincante, valoro máis o primeiro.
Voto por As ondas
Teño boa falta de ir ás augas…
“As ondas” empeza moi ben con ese ton lírico pero vaise desinflando algo. Esos diálogos non acaban de funcionar e a parte final vaise difuminando.
“Be jot water, my firend” ten puntos que son gloria bendita. Esta liga está baixa en relatos de humor e cando aparece un é coma auga fresca. Inda así creo que con algo de traballo pode brillar inda máis. (O das libretas do banco Pastor matoume, xenial).
O meu VOTO vai por “Be jot water…”
Do primeiro relato gústame o tono poético e isa intromisión da intimidade que é o diálogo como contraste.
Do segundo, a idea paréceme interesante, pero ao meu ver fáltalle sal gordo. Algo de humor salvaxe, penso.
Voto por “As ondas”