‘As orellas das serpes’ vs ‘Retiro dourado’
Xornada 4 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre Carlos Vega e Lois Z.
Traba: O relato debe ser do xénero policial.
As orellas das serpes
Carlos Vega.
A primeira vez que viu unha serpe, Doyle non foi quen de lle atopar as orellas. Incluso levara a frauta, como lle vira a aquel home no mercado; que xogaba a encantar unha cobra coa melodía. Removendo a punta do instrumento intentaba envorcar o réptil, non fora ser que as tivese debaixo da cabeza. Nada. Toda unha recta de escamas negras que brillaban como un charco baixo o sol. O animal, baixo a incómoda presión, intentaba perderse entre a vexetación, esmagando o ventre contra a herba.
—Alto, bwana!
—Quieto, Pamel. No ves que a vas a asustar? —Sinalou cara á serpe, que xa se retorcía con forza—. Estouna intentando amestrar con música.
—Amestrar unha serpe? Pero se non teñen orellas! —Pamel levaba na man unha rocha tan grande que apenas lle cabía entre os dedos—. As serpes non se tocan, xefe. Nin para matalas. Están malditas e o seu sangue non marcha, por moito que se lave —dixo, case que cuspindo as palabras sobre a herba.
Doyle retrocedeu un paso, ante a carraxe que amosaba o seu amigo. Non se resistiu cando este, a falta dunha ferramenta mellor, lle quitou a frauta das mans. Con ela suxeitou o réptil polo punto onde a cabeza se estreitaba seguindo o resto do corpo. E logo, sen un intre de pausa, Pamel deixou caer a enorme pedra sobre o réptil que intentaba zafarse da presa.
Non recordaría o son que fixo o choque, pero Doyle gardaría a imaxe da desfeita ata aquel día. Os diminutos ósos sobresaíndo a través do sangue, como un branco mineral rachando coa pedra negra. Aínda que agora o mineral non saía dunha serpe rebentada, senón da cabeza dun home tirado, nunha fotografía que trouxera o equipo forense a noite anterior.
Había tempo que traballaba na capital, pero ao oír do caso e, mellor dito, dos detidos, presentárase na comisaría para levar a cabo os interrogatorios.
—Pamel, por deus, tesme que dicir quen de toda a banda o fixo.
Como única resposta, unha mirada á fotografía, da fotografía ao chan e de volta á fotografía.
—Sabemos que este tipo estaba a metérsevos no territorio enviado por outra banda e que isto é un aviso, pero no cuartel non van deixar pasar algo así. Queren dar exemplo cun castigo. Van colgar alguén.
—Tiñas razón, bwana —De pronto a mirada pasa do chan á fotografía e chega ata os ollos. Pamel sorrí, cuns dentes branquísimos—. As serpes teñen orellas, e moitas veces escoitan cousas que logo van contando a quen non deben.
—Por favor. Non tes que ser ti. Sempre fuches un bo amigo mentres estiven aquí. Dáme un nome. Alguén con que teñas asuntos pendentes ou alguén que…
—Ve, xefe? —O detido ergue as mans. As esposas entorpecen os movementos pero consegue poñer ambas palmas diante dos ollos do detective. Son case tan brancas como os dentes—. Limpas. Por iso as matamos así. Porque ningunha serpe merece ensuciar ningún de nós.
Retiro dourado
Lois Z.
O inspector de retropolicía de clase R Nintama Valjean certificou o posdelito cometido por aquela shur. Unha estafa por valor de oitenta e nove mil criptocréditos. Introduciu os datos no milibloc e o drone calculou catro anos de privación de liberdade. Valjean confirmou que a shur estivera en preprisión durante case cinco anos, o cal cubría de sobras o delito. O inspector completou os procedementos e deixouna marchar.
Oitenta e nove mil criptocréditos cubrirían a entrada nalgún dos satélites-cidade. “E só por catro anos de preprisión”, pensou. Era un balance tentador. A Valjean pouco lle custaría dar un golpe así. Pero cumpría medio millón de criptocréditos para optar a un retiro dourado nun paraíso lunar. “Iso son seis anos, seis meses e seis días de preprisión”. Valjean coñecía ben aquela equivalencia. O drone avisouno da remisión dunha mensaxe da Administración. Nivel de seguridade índigo. “Vaia, isto promete”.
O questor transmitiulle o informe. Basileus Méndez abandonaba a preprisión. Os capitáns estaban inquedos, ninguén esgotara nunca o tempo máximo permitido. Trinta anos. Aquilo convertíao no shur máis perigoso de todo o sector continental. E Nintama Valjean, un veterano experto de infodelitos que non destacaba en nada máis que na súa eficiencia, ía ser o retropolicía asignado ó precaso.
O segundo día de liberdade de Basileus Méndez o drone de Valjean alertouno da cita. Tratábase dun Foro bastante concorrido. Méndez presentouse e levou o inspector ata o seu autocoche, onde ía comezar a acreditación do delito. Abriu o maleteiro, dentro había dous nenos de seis ou sete anos, atados e amordazados. Un era roxo, o outro moreno.
“Están mortos?”, preguntou o inspector, moi alterado. Nunca vira un cadáver. “Non, aínda me teño que divertir un tanto con eles. Quero amortizar cada puto día que pasei alí pechado”, respondeu o predelincuente. Méndez e Valjean subiron ó autocoche, abandonaron o Foro e detivéronse nunha zona residencial. Había décadas que non se rexistraban delitos de sangue. Valjean tentou centrarse. “De momento, secuestro de dous menores. Oito anos”, contou. O drone reflectía esa información. O retropolicía probou a calcular de cabeza. “Tortura, sodomía, encarnizamento, asasinato, canibalismo”. Trinta anos podían pasar moi rápido ou endiañadamente lentos.
Méndez deitou os nenos nun colchón e ensinoulle ó inspector a arma do posdelito. “Pode sentar aquí, señor inspector, terá boa visión”, ofreceu o futuro asasino. Valjean non sentou. De súpeto entendeu por que lle asignaran o precaso a el e maldiciunos. Desenfundou o fásico regulamentario e apuntoulle ó peito en modo deletar. “Que fai, inspector. Non esqueza que son un home libre. Xa paguei por este delito que vou cometer. Así que non se me poña melodramático”. Os meniños estaban espertando. “Se mo impide vano resetear, esa é a lei. A non ser que…”, Méndez non puido rematar a frase, morreu amosando un pasmo absoluto no seu rostro. O drone calculou seis anos e seis meses polo homicidio e restounos do saldo de Valjean. Sobráranlle seis días.
Gustoume moito este duelo. Parabéns aos autores. Aínda que ambos teñen máis alento de fragmentos de novelas que de relatos independentes. Agora direi por que.
‘As orellas das serpes’
Neste relato todo funciona moi ben. É un relato policial poético, evocador, con dous momentos temporais moi ben construídos. O inicio é moi potente. O autor construíu con moi poucos elementos unha escena inesquecible que é moito máis ca un preámbulo para a outra escena, que funciona como contrapunto en moitos aspectos. Paréceme moi difícil reunir en tan pouco texto eses dous personaxes en dous momentos das súas vidas e definir con medios mínimos temas como a sociedade de clases e todas as súas consecuencias. Dicía antes que o relato ten unha dimensión de novela porque coido que entre a primeira e a segunda parte do relato entrarían ben cen ou duascentas páxinas. Como dicía Ricardo Piglia, unha novela escríbese para resolver só un asunto concreto. Neste relato vese diafanamente.
‘Retiro dourado’
Neste relato esa dimensión novelística coido que atinxe o universo da narración. Hai reminiscencias de Philip K. Dick, de Isaac Asimov, de Aldous Huxley, Anthony Burgess… Hai unha tradición da narrativa futurista que provoca un pastiche coa narrativa policial (léase ‘As covas de aceiro’, de Asimov, publicado en galego por Hugin e Munin, construído cos mesmos vimbios). O autor crea unha linguaxe propia e coido que nese esforzo, que para min é encomiable, porque dota o texto de autonomía e potencia expresiva, leva tamén a penitencia. Porque o relato tamén propón unha trama pechada, mecánica. E funciona, mais só logo de aprender as regras dese universo creativo. Se digo que o texto pide unha novela é porque durante a lectura dunha novela temos tempo para coñecer e recoñecer todos os elementos dese universo particular. Nesta narración ou ben precisamos moitas lecturas para capturar a armazón da trama (coas súas sumas e descontos de anos de cárcere) ou ben nos deixamos atrapar pola ambientación. Pero é complicado porque a pesar de que a música nos soa, o autor deseñou un mundo, un mundo que custa captalo en tan poucos caracteres.
Voto por ‘As orellas das serpes’
Boas.
Gustáronme os dous relatos.
En “As orellas das serpes” todo encaixa milimétricamente. O esquema narrativo, baseado na simple presentación de dúas imaxes que o amosan todo, é perfecto. Penso que o léxico dos diálogos é mellorable, no sentido de darlle máis viveza e asemellalos máis á fala real. Pero o marco colonial explícase simplemente coas personaxes, e a relación entre elas así como a xénese das súas actuacións está moi ben deseñada e executada.
En “Retiro Dourado” hai un universo. Isto é unha das súas fortalezas, e ao mesmo tempo, unha das súas debilidades. Da mesma maneira funciona o esquema de fantasía científica. O relato fainos conscientes de que visitamos terra estraña, pero tarda en atopar a perspectiva que sitúe ao lector con comodidade ante a historia, tal vez polo uso innecesario de nomes estraños para diversos aparellos. Coido que a idea base do relato non é nova, pero o que non acaba de encaixar son as razóns do protagonista nin, ao meu xeito de ver, as razóns da superioridade para situalo no relato. Sobre isto non hai explicación algunha, fóra da dispoñibilidade dos medios e a oportunidade para o facer.
Voto por “As orellas das serpes”
Menuda Liga nos esta a quedar, que fantástico duelo. Dúas aproximacións ao xénero policial ben distintas, pero moi personalísimas na súa narrativa, coas ideas claras en canto ao que queren contar e cunha execución de dez. Pode ser o duelo da semana.
“As orellas das serpes” é un fantástico relato onde a imaxe poética se fusiona dunha maneira moi orgánica co xénero negro. Coincido con César en que ambos relatos piden novela, eu nunca lin algo así en novela policial (tampouco é que teña lido moito dese xénero) e creo que este estilo pode ser unha aproximación ben potente. Gústame como está deseñado o travelling que nos leva desde esa escena inicial á final, sen esforzo, coma un soño. Como único punto negativo, creo que se podería definir un pouco máis sólidamente o delito, é algo inherente ao xénero o amor ao detalle burocrático, pero entendo que o espazo é o que é, e que a poética tamén consome moito fuel-oil.
“Retiro dourado” é case o relato contrario. Aquí si que hai xerga, detalle, un abrazo ao xénero pero misturándoo moi ben coa distopia ou case coa ciencia ficción. O detective ten un amago de retirador de replicantes, o universo construído arredor da premisa da pre-condena é sólido coma o mellor granito rosa porriño. E, como xa apuntaron, iso é o mellor do relato, a idea mesma do pre-delito. E daría para unha serie de novelas tamén porque a bote pronto as oportunidades son infinitas cunha idea tan potente. Ese home máis perigoso do mundo por ter acumulado media vida de cárcere é un descubrimento fantástico. É certo o que apuntan os compañeiros de que poida que a mecánica se coma un pouco ao sentimento. Vemos menos a este detective e a este ladrón que aos do seu contrincante, sentímolos menos. Unha posible solución a iso (sen recurrir á novela, claro), sería reducir a segunda metade do relato a un diálogo máis extremo. Eu xogaría tamén co post-delito máis grande da historia, intentaría que fose algo sutil, unha gran Mc-guffin, unha maleta dourada.
Teño moitas dúbidas co duelo porque penso que o relato perfecto, se iso existe, é a fusión destos dous relatos. Desde aquí animo aos autores (que sei que se coñecen e tal) a que fagan o experimento a ver que sae… Hostia, para cando o primero Torneo Mashup?
VOTO por “Retiro dourado” polo mundo construído en base a unha sola idea.
‘As orellas das serpes’: Para min, este é o mellor relato da xornada. Encantoume a construción da historia neses dous tempos tan ben logrados e ben relacionados, a continuidade das personaxes e a súa relación. De aquí non me sobra nada.
‘Retiro dourado’: Tamén desfrutei moito desta historia, moi diferenciada da do seu rival. Paréceme moi conseguido na ambientación, pode que non tanto na trama.
O meu voto é para ‘As orellas das serpes’.
Que axustado me semella este enfrontamento. Personaxes vs universo, universo vs personaxes. Escribo isto é aínda non teño decidido o meu voto. Penso mentres escribo literalmente rodeado de nubes.
En AS ORELLAS DAS SERPES, a personaxe de Pamel resulta evocadora, atractiva, misteriosa, a súa intervención nos diálogos é luminosa, dan ganas de saber máis. Porén Doyle semella todo o contrario. Quizais perde demasiado na comparación. A súa linguaxe paréceme inverosímil e demasiado explicativa, coma escrito por un guionista sobreexplotado de Servir y Proteger. Porén o final do relato, coas mans de Pamel en alto resulta irresistiblemente poético. Debo dicir tamén que me desconcerta o universo. Tendo a pensar que é África polo uso do termo bwana, pero iso choca co tópico do encantamento de serpes e o nome de Pamel, que de seguro é africano, pero tenme sonoridade india. Ademáis hai dúas grallas, úsase un fora cando debería ser fose e falta un acento en incomoda. Todo seguro que froito das présas ou a ferramenta usada para escribir, xa que os contendentes son do mellorciño que coñezo.
RETIRO DOURADO, puf, non sei que dicir. Unha volta de parafuso a Minority Report. Xénero policial (tirando a negro) de ciencia ficción. Universo moi ben construído a través dos neoloxismos. Personaxes máis grises, incluso máis tópicas, cunha boa trama que tampouco busca sorprender porque a estrela é a idea, a chispa da que saen todos o relatos… que pasaría se…? …o uso da linguaxe… o nome de Valjean..
O meu voto vai para RETIRO DOURADO
Non hai erro en fora, xa que forma parte dunha fórmula desiderativa e nese caso úsase o pretérito pluscuamperfecto.
gustoume o relato de Vega. o recurso das 2 escenas é aparentemente facil de usar pero é moi dificil que quede ben. recordo unha época na que diciamos (no vello foro onde naceu isto dos torneos) que un relato con asteriscos (usabamolos para separar as escenas) era un relato morto. Probamos a escribilos igual pero sen os asteriscos pero o resultado era similar hehe. Ollo, digo similar: con asteriscos era moito peor.
As escenas separadas precisan dunha sinerxia que non sempre se consegue. Neste caso si, e basta iso, basta ver ese mecanismo funcionando para que notemos un estraño pracer no cerebro. Da igual que o relato en si (como argumento) non sexa redondo, o cerebro acostuma a quedar cos picos e os vales e ignora o resto.
Este duelo tamen demostra que o sinxelo lle gana ó complicado. Demasiados conceptos novos xuntos e encima unha trama da que hai que sobreentender moito. Novela non sei (penseino mentres o escribia), pero para un relato mais longo si que podía dar.
Estou dacordo no que dis sobre o sinxelo/complicado. Pero o complicado, se é bo permite volver ao relato máis veces. A min pásame moitas veces que o relato que menos me gusta na primeira lectura do xoves vai gañando puntos coas relecturas segundo avanza a semana.