As pegadas no papel de Rosa Enríquez
A poeta Rosa Enríquez está nestes días presentando o seu novo libro, Espectros, que edita O Figurante Edicións. Enríquez, que xa conta con varias obras, tanto líricas coma narrativas, escolle para este traballo a visión máis onírica da súa poética.
Versos cicelados máis ca tecidos, imaxes que nacen dunha vivencia cotiá do profundo, do íntimo. Enríquez aposta en moitos casos por unha escritura kalahsnikov, semiautomática, na que cada palabra pare a palabra posterior.
Noutros casos opta por soprar na atmosfera do papel en branco un leve bufido, que queda pairando na folla coma unha sentenza, un aforismo que tarda en desaperecer na mente do lector.
A linguaxe empregada por Enríquez procura a beleza no común. É por iso que en moitos casos aparecen frases feitas en castelán, vinculadas ao rexistro coloquial, a conversa distendida, lúdica.
Espectros vaise presentar o 28 de febreiro no Centro Social Bou Eva de Vigo e o 6 de marzo no Espazo A Galleira de Ourense.
Publicamos un extracto do libro de Rosa Enríquez por xentileza de O Figurante Edicións.