As traducións nas escolas
César Lorenzo Gil.
É van explicar outra volta que non hai literatura que viva só da autarquía. A biblioteca galega enriquécese coas obras propias, pero sobre todo coa capacidade que as editoriais teñan de incorporar na nosa lingua títulos creados noutros idiomas. O galego literario por suposto que o sustentan os creadores que escolleron o noso idioma para escribir, pero é na tradución onde a lingua se retorce, se adapta, se estira para captar os matices e os significados que se forxaron fóra das nosas fronteiras (xeográficas e mentais) mais que teñen que lerse aquí por nós.
Nas traducións aprenden os lectores o galego e tamén o aprenden os escritores. Só teremos unha cultura plena se aumentan os libros traducidos, se a nosa industria editorial é quen de traer unha parte dese magma inabarcable da literatura universal un quiñón que impida un dos grandes preconceptos do noso sistema.
O mantra falso de que en galego non se pode ler nada de xeito. É evidente que hai moitos libros escritos en galego que han decepcionar os lectores. Pero tamén é evidente que o sistema literario galego se autoimpón o traballo de Atlas: soportar sobre a caluga todo o peso da expresión artística só con autores patrios. Non, iso é imposible: cómpre o concurso de todo o bo que se escribiu e se escribe alén de Galicia. E igual que cada vez hai máis editoriais que presentan no seu catálogo anual obras clásicas e actuais traducidas, os lectores teñen que rachar ideas preconcibidas e escoller ler libros internacionais en galego.
É iso o que ocorre na industria editorial castelá. A meirande parte do que se publica é froito da tradución e as editoras que pasan por ser as máis modernas e escollidas publican case por completo obras foráneas. Ese é o camiño, tamén para a edición galega.
Mais se a situación da visibilidade e atención do total do sistema sobre as traducións é aínda feble (só hai que ver cantas críticas ou reportaxes se dedican a traballos de tradución anualmente na prensa galega), no caso do ensino, é urxente un cambio cultural. Agás casos moi concretos, apenas entran traducions nos plans de estudos. É necesario que haxa unha reflexión xeral sobre este tema.
Coido que as editoriais aínda poden ofrecer máis e mellores libros infantís e xuvenís traducidos, pero en galego contamos cunha editorial especializada nesa área, Sushi Books, e outras moitas publican obra traducida apta para eses públicos. Coido que o corpo lector infantil e xuvenil, como ocorre en xeral, carece de preconceptos e dálle igual ler en galego que en castelán (isto seguramente cambia a partir de que os e as rapazas fan os dez anos, porque é nesa volta cando perden o gusto pola lectura e gañan desgusto por leren en galego).
Mais onde é necesario un xiro total é no corpo de prescritores. Quizais organismos coma a Asesoría de Bibliotecas Escolares poderían organizar algún debate xeral para entender que ocorre con este tema nos centros de ensino. Eu non teño as respostas, só sospeitas. Só preguntas:
—Danlle os prescritores a mesma importancia a un libro traducido ao galego ca ao castelán?
—Ten menos valor un libro traducido polo feito de que é máis difícil acceder ao autor e conseguir sumar á lectura unha actividade complementaria: visita, obradoiro específico…?
—Coñece o alumnado o labor dos tradutores e tradutoras, e incluso saben que pode ser unha posibilidade profesional interesante para ter en conta?
Reblogged this on DERRUBANDO ISOGLOSAS.
Benditas traducións. Hainas que son éxito asegurado entre o alumnado ano tras ano. Non hai curso que non escoite opinións entusiastas sobre algún dos libros que propoño como lecturas trimestrais.