BiosBardia

O país dos libros en galego

‘As tres vidas de María de Murias’, unha novela sen equilibrio

Xulio Pardo de Neyra. AELG.

Héitor Meira.

Esta obra é a cuarta entrega narrativa de Xulio Pardo de Neyra, autor tamén de poesía, de edicións críticas, artigos innúmeros. Destaca no noso ámbito literario e cultural polo seu labor como ensaísta.

No que atinxe a este As tres vidas de María de Murias, é unha novela na que pretende complementar varias cuestións que se presentan coa firmeza da tradición na nosa historia da Literatura. Cando les esta novela a cabalo entre a novela histórica e o realismo fantástico e lendario decátaste de que hai moito das influencias que Pardo de Neyra debeu gozar na súa vida como lector —o primeiro oficio de todos os que nos dedicamos ás letras—. Así, detectamos o tipo de literatura que lle gusta ao autor. Nesta historia fala de liñaxes, de licantropía e percíbese nela unha certa querenza pola literatura fantástica de Álvaro Cunqueiro no que se refire aos contidos, e a Ramón Otero Pedrayo no referente ao estilo e á forma. Un decátase de que o autor sabe moito de literatura. Mais, neste punto hai que facer unha reflexión: cando un le esta novela dá a sensación de que o autor sabe moito, en efecto, pero non o sabe transmitir dun xeito equilibrado. É coma o mestre que sabe un mundo, pero non é quen de facerllo chegar dun xeito didáctico o seu alumnado.

O estilo oteriano é pretensioso, innecesario e cunha eiva fundamental: Utiliza un léxico moi plano que non casa cun tipo de escrita que busca o lucimento estético. A ecuación non funciona. Aburre e non achega nada.

Coido que ás veces, saber moito —que é importante— non o é todo para que o resultado sexa satisfactorio. Este é un caso evidente. É máis, atrévome a dicir que, Pardo de Neyra é un autor moito mellor encamiñado no ámbito do ensaio, aínda que nese xénero a súa prosa, xa non digo as notas a rodapé, poidan ser tamén desbordantes. É nese ámbito onde o autor lucense é realmente imprescindible.

Non debe ser un problema saber que hai autoras e autores que se manexan moito mellor nuns xéneros que noutros. Este é un caso e todos coñecemos outros de persoas sabias que ao adentrarse no mundo da creación non estiveron á altura da súa traxectoria noutros ámbitos.

Remato dicindo que o que máis me gustou da novela é a ambientación histórica. Aí o autor vese que controla o que ten entre mans. Se cadra, no futuro, aínda non sendo eu ninguén para dicilo, debería instalarse neste tipo de novela. Máis acorde coas virtudes narrativas de Pardo de Neyra.

♦ As tres vidas de María de Murias, de Xesús Pardo de Neyra. Positivas, 2024. 210 páxinas. ♠19

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *