Augusto Assia, o mercado editorial e a primeira libraría ‘en galego’ de Allariz
DIARIO DE LECTURAS
Xesús González Gómez.
25 de abril: Non vou eu, agora e aquí, describir a crise case que permanente do libro galego. Non digo nada novo se afirmo que a maioría das librarías galegas non lle concede a mínima importancia ao libro galego, e que só teñen algúns libros no noso idioma para encher o, digamos, «cupo». Tampouco digo nada novo se afirmo que o libro galego non é promovido nin polas institucións nin, mesmo, polas propias editoriais: a promoción ten un custo que as baixas tiraxes e as máis aínda pequenas vendas non permiten. Mesmo tamén estou por afirmar que a maioría dos «defensores» do galego non compran un libro neste idioma ao cabo do ano, etc. Os males do libro galego son, sabémolo todos, crónicos. Veñen de lonxe. Veñen de que nunca houbo mercado para este libro, que a literatura galega naceu contra o mercado e contra o mercado se mantén (na corda frouxa e abondo rillada). Sobre estes males xa nos anos 1920 chamaban a atención os xornalistas e os escritores galegos daquel tempo.
Felipe Fernández Armesto, que logo sería coñecido como Augusto Assía, comezou a súa xeira xornalística en El Pueblo Gallego, o gran xornal galego dos anos 1920 e 1930: un xornal no que podías encontrar nunha mesma páxina as sinaturas de Ramón Otero Pedrayo, Castelao e Antón Vilar Ponte, con outros nomes: Vítor Casas, Johan Carballeira, Plácido R. Castro, Rafael Dieste, Xesús Bal y Gay, Otero Espasandín, Lesta Meis, Evaristo Correa Calderón, Euxenio Montes e un longo etcétera, que axunta case todos os nomes que foron algo na literatura e na política galega deses anos. O que significou El Pueblo Gallego, ao non contarmos con ningunha monografía sobre el, non o podemos imaxinar: tan inimaxinábel é que o nome de Manuel Portela Valladares, o seu propietario e director real, está desterrado mesmo do nomenclátor da súa cidade natal.
El Pueblo Gallego foi o primeiro xornal moderno de Galicia, a anos luz do tan cacarexado Galicia, de Paz Andrade, mais non queremos facer hoxe unha apoloxía deste xornal, nin, evidentemente, a súa historia, que é necesaria: mais, hoxe por hoxe, acho que todo o que soe a «memoria histórica» (ou simplemente a memoria), está desterrado dos intereses das editoriais galegas… e dos lectores.
Diciamos que Fernández Armesto iniciou a súa xeira xornalística en El Pueblo Gallego, primeiro cunha serie de artigos, case todos en castelán, asinados co pseudónimo de Pipo; logo co seu nome ou as súas iniciais, tanto en galego como en castelán. En galego, nunha sección que titulaba «Decrúa». Nesta sección, o 28 de abril de 1926, é dicir, hai uns 88 anos, publicaba o artigo titulado: «A verdadeira roita».
Neste artigo comeza afirmando que nunha sección do xornal («Temas galegos») se falou «mais d’unha vez, con agudeza certeira, do probrema que prá edizón d’as suas obras se lle prantea ós escritores galegos, po-la carenza d’editoriaes que na nosa terra se adican a editar libros galegos». Mais as dificultades non se deteñen aquí: «dimpois de conquerido editor, dimpois, xa, de sortir o libro do prelo, érguese o maor obstáculo da venda». Estes obstáculos existen porque «[…] a maoría d’as libreirías non lle intresa a adquisizón nin o reposto de libros galegos, en algunhas até nin os queren pra pol-os a venda por conta do autor, c’un crecido porcentaxe en benefizo do libreiro, i-os mais “transixentes” recádanos con xesto de indiferenza pra esquecelos na escuridade d’un canto. O libro galego non ten mercado, non porque non intrese senon po-la falta de coñecimento no púbrico, filla da deficenza, ou da carenza millor dito, de propaganda, de anunzo» como vai comprobando o posíbel lector ou a posíbel lectora, o artigo de Fernández Armesto continúa, polo que se leva dito e transcrito, a estar de actualidade.
O futuro Augusto Assía continúa a dicir que xa que a falta de recursos non permite o anuncio nin a propaganda directa, talvez o que deberan facer os escritores era comentar todo libro galego que se publicase… e sinala un mal que, talvez hoxe máis que nunca, se dá na prensa galega: «Calquera enxendro literario de calquera literatuelo madrileño enche de retratos, de rechamantes títulos, de pomposos tópicos ós xornaes da nos terra. I-os xornaes deberan de dar conta [diversas palabras ilexíbeis] non se chama probidade informativa, de que isa importanza desmedida dada a un asunto de intres moi relativo, é un recramo que sirve pra faguerlle o caldo gordo a autorzuelo en cuestión, e ainda non é o pior iso, senon a incitazón que producen n’os leitores a mercar un libro ruin, coa predisposizón a recebelo no esprito como manxar sabroso». En cambio, cando aparece un libro galego bo e se está a espera de badaladas e foguetazos: «[as] badaladas trócanse en roñoso repeniqueo de burda esquila, os coetes (sic) en castañoleo de gacetilla. Se o libro, ou a obra de arte –é vulgar,– acomodada, o autor ten bastante sorte porqué asistirá a indiferenza de seus colegas. Mais ¡ai d’il! se tivo suficente talento pra quebrar moldes i-o perciso temple de i-alma pra brincar sin preocupacións por sober os prexuicios i-os estatutos con ameazante xesto de rebeldía, outo e sereo. Entón o ataque aberto, rexo, como a obra c’o produce, non sortirá por falta de valor combativo, d’arroganza, mais a insidia ponzoñosa, a ollada reptilesca, a xenreira astuta serán coma un esterco de co rebelde non poderá erguer os pés». Estou seguro de que se no canto de reproducir o artigo na lingua en que foi escritor o puxese en normativa moderna e non dixese quen era o seu autor, tomaríase como un artigo sobre o presente do libro galego: va que si?
Para Fernández Armesto temos que universalizarnos moito, «meter o sol na alma moitas veces, desprendernos de todo-los prexuicios atávicos enantes de pretender a realizazón de nada grande».
E para realizar algo grande, é dicir, para «desentumecer a nosa produzón literaria sería unha grande e forte editorial luso-galega, radicada no Porto, dirixida por homens de solvenza moral, vitalidade espritoal e actividade, pertenecentes a ambas nazons. Unha editorial forte económicamente pra poder intensificar i-orgaizar a propaganda. Unha editorial con ampria orientación onde foran acollidos os traballos de mais distintas tendenzas e materias con tal que tiveran a calidade de ser portugueses ou galegos; onde se poideran construir revistas e toda cras de pubricacións.
»Escollemos o Porto pra radicazón da editorial por se-la nosa cibdade mais populosa e de mais inquedanza inteleitual, onde ademais millores medios de propaganda eisisten, e a que millor situazón ocupa xeográficamente.»
E acaba afirmando que entón, cando existise esa editorial, sería hora de ir pensando «na transformazón da ortografía cara as regras i-a orentazón que nos deu Correa Calderón»: é dicir cara ao que agora se denomina lusismo ou reintegracionismo. Existen máis artigos de Fernández Armesto nos que se fala da problemática do libro galego: comentarémolos outro día
Case dous anos xustos despois da publicación deste artigo, o 17 de abril de 1928, Rafael Fernández Casas, autor da noveleta Loita, que lin no seu día mais da que non teño ningunha lembranza, publicaba un artigo titulado «A libreiría galega». (Fernández Casas foi paseado en agosto de 1936: recoméndolle ao lector a sentida homenaxe que lle dedica Francisco Fernández Del Riego no seu Diccionario de escritores en lingua galega).
De que trataba o artigo de Fernández Casas? Da existencia en Galicia dunha libraría dedicada ao libro galego. En ningunha das cidades galegas, capital de provincia ou non, existía unha libraría galega. Mais un día leu a noticia de que nacera esa libraría, noticia que «chegou, vindo de onde non-a agardaba. Sempre coidei que se estabrecería, por primeira vegada na Galiza, a libreiría galega nas cibdades de Ourens ou da Cruña; mail-a noticia da sua creación véu de Allariz».
Nesta vila ourensá, «O entusiasta xoven don Modesto R. Outeiro acaba d’abrire unha libreiría na que figuran excrusivamente obras escritas de recén por ilustres escritores galegos. Ante elas ollamos Estebo, A rosa de cén follas, Tríptico teatral, A tola de Sobrán, Dibuxos en Linoleum, Historia sintética de Galicia, Margarida, a da sorrisa d’aurora e outras, da que sentimos non lembrármonos». Fernández Casas afirma que por motivos familiares e de cartos «sosmente coñezo da Galiza: a Vilagarcía, o Carril, Sant-Iago, a Cruña, O Ferrol, Ortigueira, Viveiro e Lugo; mais en ningunha d’istas vilas e cibdades topei, non xa coa libreiría excrusivamente galega, pro nen tan siquera coa que tivera, pol-o menos, abundancia de libros galegos. E outras había que ate fai pouco non tiñan un libro galego á venda. E a tristeira realidade d’iste feito, que se asenta nos pobos avanditos, supoñemos é irmá da que se asenta nas demais cibdades da Galiza-Bierzo-Entre d’Ouro e Minho». Acho que a situación cambiou con respecto a hai 90 anos, pero non moito e así hai que dicilo, como o dicía Fernández Casas: «Escribirmol-a verdade con franqueza é patriótico e honrado, inda que algunha vegada non sexa conveniente».
Mais Fernández Casas non era daqueles que botaban campás ao voo: «Se a libreiría Outeiro desenrola a sua actividade tendo como eixo o libro excrusivamente, dende logo que morre decontado xiada; mais tamén sabemos que hai moitas libreirías que á par do libro teñen obxetos d’escritorio, material escolar, etc., e istos materiaes son os que supoño adizonará Outeiro á libreiría, se quere vivir, e sen que aquéla perda o carácter galeguista que se lle dá», e, evidentemente, aínda máis nunha vila como Allariz (ou similar), na que o número de lectores sería, daquela, e non sei hoxe, abondo restrinxido. Moitas máis cousas di o autor de Loita, pero o parágrafo que reproducimos a continuación deixa as cousas ben claras: «Se a nacente libreiría desenrola a sua actividade sen mixtificacións de ningunha clás, terá asegurado un posto nas avanzadas das fileiras galeguistas, participando con estas dos trunfos e conquerimentos que obteña a causa galeguista, por decire que a nomeo d’algún xeito». Noutras palabras, se a acción e o pensamento galeguista non avanza, a libraría de Allariz, calquera libraría, dedicada ao libro galego, será un fracaso. Non se trataba, para Fernández Casas, de que a partir do libro, da literatura, se ampliaría o número de lectores e de xente adepta á causa galeguista: só ampliando o número de persoas adeptas á causa galeguista podería medrar o número de lectores e, dese xeito, se poderían manter abertas librarías dedicadas aso libro galego.
E xa, como curiosidade, reproducimos –sen comentar nada– esta noticia aparecida no xornal citado o 16 de febreiro de 1928, nas páxinas de literatura:
«UNA ESTADÍSTICA SIGNIFICATIVA. –He aquí relación de los libros gallegos publicados durante 1927, y el número de ejemplares que se vendieron en las librerías de Santiago.
»A Fiestra Valdeira, de Dieste 55, ejemplares; Historia sintética de Galicia, de R. Villar Ponte, 30 ejemplares; Síntesis xeográfica de Galicia, de R. Otero, 30 ejemplares; Proel, de Amado Carballo, 16 ejemplares; A tola de Sobrán (teatro) de Porto Rey, 10 ejemplares; Oracións Campesiñas, de Rodríguez y González, 10 ejemplares; Estebo, de Lesta Meis, 8 ejemplares; A rosa de cen follas, de Cabanillas, 7 ejemplares; Grabados en linóleum con glosas, de Xaime Prada, 4 ejemplares. Además se vendieron alrededor de veinte ejemplares de cada una de las novelas cortas «Lar», y alrededor de 100 ejemplares de libros gallegos publicados en años anteriores. Entre éstos el primer puesto le corresponde a Castelao cuyo libro Cousas se agotó y le siguen Rosalía de Castro, Cabanillas y Curros.
»No nos ha sido posible averiguar el número de ejemplares publicados y vendidos durante años anteriores, sin duda en cotejo resultaría muestra elocuente del progreso del libro gallego. Si en todas las poblaciones de Galicia se vendieron durante 1927 tantos libros gallegos como en Santiago, es cosa de que nos felicitemos.
«Por de pronto en esta estadística muestra el lector de libro gallego una orientación clara y sana».
27 de abril: A finais do ano pasado, na editorial mallorquina Documenta Balear, apareceu o libro de Antoni Nadal: Teatre. Circ.Titelles. Quinze estudis d’història de les arts escèniques. O autor, de quen o lector galego ten ao seu alcance O teatro mallorquino do século XX (A Coruña, Biblioteca-Arquivo Francisco Pillado Maior, Universidade da Coruña, 2005), é un dos máis teimudos e perspicaces investigadores das artes escénicas das Illas Baleares (e nas illas Baleares). Antoni Nadal, autor, ademais dos volumes citados até o de agora, de libros como El Teatre modern a Mallorca (1998), Estudis sobre el teatre català del segle XX (2005), El teatre Mallorquí del segle XIX (2004), Anecdotari del teatre mallorquí (1888-1936), por cinxírmonos aos volumes dedicados ás artes escénicas (tamén é autor teatral e historiador), recolle neste novo libros traballos de grande amplitude e interese: os dedicados ao circo en Mallorca, séculos XIX-XXI, e ao teatro de monicreques nos séculos XIX e XX, traballos case exhaustivos; estudos orixinais como o dedicado ao teatro dos prisioneiros franceses na illa de Cabrera (1809-1914): é dicir, ao teatro que representaron mentres eran prisioneiros nesta illa –que é considerada polos historiadores como o primeiro campo de concentración da era contemporánea: é dicir, o precursor (sic) do que se deu en denominar universo concentracionario: traballo orixinal e máis que interesante–; estudos sobre a recepción en Mallorca de autores como Arthur Miller, H. Ibsen ou W. Shakespeare; traballos curiosos como o dedicado a «Cigarros e sombreiros no teatro», estudos sobre a «Normalización do teatro catalán en Mallorca» ou sobre as edicións de autores (teatrais) baleáricos no século XXI, sobre actores mallorquinos na escena madrileña da Restauración, ou sobre actores, directores e empresarios mallorquinos como Enric Guasp e Pere Riurot, etc. E pechando o volume, un «Panorama do teatro galego contemporáneo», p. 185-202, que vira lume no nº 876 da revista mallorquina Lluc, abril-xuño 2011. O volume enriquécese con tres apéndices, o primeiro deles reproduce diversos textos, en francés, de prisioneiros na illa de Cabrera. Un volume máis que interesante do que só dou noticia, sobre todo polo traballo dedicado ao teatro galego, e do que noutra ocasión falaremos con máis vagar.